nai

Unha nai é unha nai, tanto ten que sexa de Pudovkin, de Gorki ou dun animaliño da fraga.

Deambulaba polos corredores desesperada, cada pomo que viraba enviaba unha nova orde de produción ao lacrimal. Penetrou nunha habitación escura, os raios escasos que se coaban pola minúscula xanela abondaron para que a súa mirada húmida reparase nunha figura que tremelicaba no recanto máis afastado da porta. Achegouse á aterrada criatura, ergueu o cativo no colo —reconfortante e morna reminiscencia do seo materno—, dirixiulle un sorriso doce como a primeira galdrumada do recreo e fitou nel pensativa sen mudar o ceno.

O seu corpo activouse de novo, termou o petís polo van e botouno con todas as súas forzas contra o vidro. A cabeza do pequeno colidiu no mesmo centro esgazándoo en mil anacos, a nai recolleuno aínda no ar e dunha puxada meirande lanzouno pola fiestra. Deu volta de inmediato e descendeu os chanzos da escaleira de tres en tres.


 

naiagoniadaOffspring Fling! é un pequeno xogo de crebacabezas e plataformas deseñado por Kyle Pulver. Encarnamos unha nai coraxe que ten que recuperar os fillos que remataron espallados pola fraga despois de fuxir dun monstro.

Como xogo de crebacabezas non é demasiado desafiante, como plataformas se cadra lle falte complexidade, mais a intersección de ambos sumada á loita contra o cronómetro devólvenos un reto entretido.

O deseño xoga con dous parámetros: o peso e o tamaño. Cantos máis cativos a costas menor será a axilidade da obstinada nai. Con eles a cabaleirolas non poderemos meternos por lugares baixos, incluso haberá algúns grandes abondo para as criaturas mais inaccesíbeis para o noso avatar, non queda outra que chimpalas a través con devoción maternal. Engádeslle bloques que romper, mecanismos que accionar —estampando a prole— e algún que outro inimigo, e xa tes os ingredientes principais. Isto é suficiente para superar os niveis, mais sen o aludido tempo a diversión quédase curta.

Podemos resolver os crebacabezas con total parsimonia (se non hai ningún predador á espreita), deixando a salvo os cativos e obtendo a cambio unha flor azul. Para conseguirmos unha de cor dourada deberemos bulir a executar a resolución do crebacabezas, tomar o camiño axeitado dende o comezo, non titubear á hora de lanzar os fillos e saltar de obstáculo en obstáculo con presteza, sen cometer erros.

pantasma

Pantasmas cos mellores tempos para aprendermos dos nosos erros, igual ca no Super Mario Kart de SNES.

A xogabilidade funciona de maneira alternativa, primeiro acometemos o crebacabezas e logo esprememos as plataformas coas armas habituais: os reflexos e a memoria —a base de repetición—. Ás veces cómprenos resolver o crebacabezas por outro camiño para que sexa posíbel achegarnos ao intervalo fixado. Cando repitamos partida tentando reducir a demora por baixo do límite, incorpórase a figura da pantasma. A proxección translúcida da nosa partida anterior máis rápida enfróntanos a nós mesmos co fin de derrotar o reloxo. Toda vez que consigamos a ansiada flor dourada, podemos seguir mellorando a nosa marca, achegándonos ao récord do desenvolvedor, entón deixaremos de competir só contra a nosa propia pantasma para facelo tamén contra a súa por unha flor multicolor.

Offspring Fling! non é un xogo notábel, mais si sinxelo e bonito, entretido abondo para ser unha opción a considerar entre a ampla oferta de videoxogos de quebracabezas sen pretensións.

chimpandoechimpando