—Oes, Xusto, a ti amólache que falen de ti ás túas costas?

—O que non me ghusta é que me falen á cara.

cabezallodenantes

Cómpre comezar Andrómenas facendo unha visita a Denantes, vila mariñeira situada alén de xalundes, acolá de ningures; lugar no que se ambienta unha serie literaria que teño como proxecto vital. Vital porque leva comigo xa uns cantos anos e inda traballarei nel indefinidamente.

—O que!?, indefinidamente? Comigho non contes! Xa non aturo aghora os cadrís, canto máis…

Chegará o momento de darlle remate, e espero me decatar a tempo, mais agora mesmo ese punto atópase tan distante que nin debemos de repararmos nel.

Denantes supón un contexto construído a medida para poder desenvolver centos de historias diferentes. Non sería capaz de dicir cal é o argumento da serie. Non hai protagonistas, nin unha trama xeral —os capítulos son autoconclusivos— ou unha temática única  —haberá humorismo, traxedia, misterio, terror, romanticismo… e incluso ás veces ao tempo—. Os únicos elementos cohesivos son a propia vila e as súas xentes. O presente de Denantes sitúase contra o primeiro cuarto de século do XX, porén, non esperedes a recreación dunha vila galega desa época. Interésame máis tomar o contorno tecnolóxico que reflectir a forma de vida. En Denantes procuro evitar os lugares comúns das historias que transcorren no rural; podo garantir que permanecerá ceibe de conflitos de lindes.

A medida que a idea de Denantes foi tomando forma, a Internet perfilouse como un escenario ideal para albergala. Tanto polas posibilidades de publicación e interacción, como pola súa estrutura en pequenos relatos —a lectura dende unha pantalla retroiluminada de textos extensos sempre se fai máis complicada—. Desa maneira, ademais da forma natural, permite ler por etiquetas —personaxes e localizacións espacial e temporal— e aleatoriamente —picando na canción infantil do panel da dereita—. Todo isto cobrará máis sentido cando xa haxa moitos capítulos publicados. En calquera caso, esta configuración favorece a lectura aínda que teñamos só o traxecto entre paradas consecutivas de autobús para facelo.

Ao ser unha serie de moito recorrido, o máis axeitado pareceume suspender o presente da vila no tempo. As historias desenvólvense en diferentes épocas do ano, pero os personaxes non envellecen. Os capítulos son consistentes entre si: en teoría podes ler o trixésimo terceiro —cando se publique— e a continuación o primeiro, como o presente non muda, non debería de haber incoherencias. As cousas que acontezan resolveranse no propio capítulo, esa trama non terá continuidade no presente de vindeiras entregas. A morte é un elemento recorrente en Denantes e abofé que tamén hai personaxes que perden a vida no presente, mais, para poder manter esa coherencia, serán personaxes episódicos no hoxe —no caso de apareceren noutros capítulos, anteriores ou posteriores, só o farán no pasado—.

capitulo2

Estamos habituados a ver como as series que maduran unha trama co discorrer dos episodios, ou ben se resolven nun número relativamente baixo deles, ou ben acaban por se degradar. Só as que contan unha historia completa por episodio, que permanecen estáticas —de existir unha trama que se conta ao longo da serie, esta transcorre moi moi amodo nun segundo termo—, son as que poden manter a calidade durante longos períodos.

En Denantes, se ben non existe esa trama que se vai desenvolvendo amodo en segundo termo, xogo coa omisión de información, que é unha maneira de implicar máis o lector co transcurso da serie. Ao non saber de certas circunstancias, terá unha impresión dalgúns personaxes que mudará radicalmente co paso dos episodios. Verá como toma un cariz diferente o que cría dunha maneira. Esas revelacións tamén farán que algunhas situacións de capítulos anteriores cobren unha relevancia da que parecían carecer, ou viceversa. Non pensedes que Denantes está cheo de trampas, son pequenas cousiñas que lle dan un pouco máis de vida.

Antes a serie estaba aloxada en WordPress.com, a miña marxe de manobra era escasa. Agora que está nun hosting de meu, pouco a pouco poderei ir introducindo melloras no acceso aos contidos —dentro das miñas inmensas fallas en cuestións técnicas—. Todas as críticas e suxestións serán máis ca benvidas.

Outra das posibilidades explotadas é o douspuntocerismo, se xa os personaxes toman as rendas na serie —non existe a figura do narrador, todo está contado por eles mesmos—, tamén interactúan cos lectores nos comentarios e nas redes sociais. Sobre todo no Twitter, coido que é a única á que lle tomei o pulso. Denantes ten conta nunha morea delas, algunhas xa incluso extintas (o proxecto vén de moi lonxe), todas as galegas e tamén no Facebook, que algún día cómpre que aprenda a usar, e no Google+.

O maior problema de Denantes seguramente sexa a enorme cantidade de personaxes. Cando unha narración utiliza un número reducido deles, é máis doado afacerse ás súas personalidades. Só nos dous capítulos publicados xa desfilaron medio centenar. Ao longo da serie serán centos. É imprescindíbel que os lectores poidan consultar, se o precisaren, e de maneira rápida, quen é quen. No sitio cumpre ese obxectivo a páxina veciños. Na versión para e-readers, aproveitando a inexistencia do galego no eido do libro electrónico, creei unha guía que se integra na lectura como un dicionario. Permite o acceso ás descricións dos personaxes, definicións de certos termos pouco comúns ou propios de Denantes e algunha cousiña máis. Todo iso sen necesidade de abandonar o capítulo. Tiña previsto que esta guía integrada nos lectores electrónicos fose unha novidade que acompañase o lanzamento do terceiro capítulo, mais está dispoñíbel xa unha versión rudimentaria. A versión final estará lista para ese lanzamento. Puiden testala no Kindle. Podo garantir que vai traballar ben no lector electrónico de Amazon, pero se o voso lector habitual admite dicionarios, é posíbel que tamén vos funcione. Na propia paxina de descarga explícase a súa instalación.

guia

A maneira de garantir que Denantes sexa como sempre quixen que fose, ademais da autopublicación na rede, é manténdoa de acceso libre e de balde. Vai convivir ao longo dos anos con moitos proxectos —como agora—. Iremos construíndo devagar a vila entre todos. Por certo, aínda que Denantes estea pensada para a Internet e o primeiro capítulo date de 2011, en 2009 xa se recolleu outro en papel —en vindeiras semanas falareivos desta circunstancia—. Esa historia é diferente das xa publicadas na rede e verei de regalar algúns dos exemplares que conservo.

Unha vez establecidos aquí, a cobertura do lanzamento do terceiro capítulo poderá ser mellor que a dos anteriores —de todas maneiras, voulles facer un en cospediferido tamén aos xa publicados—.

A publicación dixital permite a continua mellora das obras. Anímovos a todos a que me fagades chegar as impresións sobre os dous capítulos xa dispoñíbeis, así como calquera suxestión. A evolución de Denantes depende en boa medida dos vosos comentarios.

Máis nada, benvidos e comezamos.

capitulos1e2

e-Readers con candanseu capítulo publicado repousando sobre a lámina que me mandou Palmira