A desenvolvedora de serious games multipremiados como Patrañas del feminismo uniuse a Galicia Bilingüe —asociación cidadá que loita contra a marxinación dos castelanfalantes en Galicia— para crear Trolas de la normalización lingüística, un videoxogo para navegadores web que se postula como un dos máis firmes candidatos ao GOTY.

Este título que penetra na denuncia social está programado en HTML5, sendo en consecuencia multiplataforma. Ao accedermos ao vencello do xogo atopámonos co menú principal:

 menu

Aquí poderemos escoller entre varios idiomas, eu optei polo castrapo —ese dialecto harmónico e natural que se fala sen maldade mentres se muxe as vacas—, que se contrapón ao galego de plástico promovido por organizacións lusistas radicais como a RAG. Antes de comezar podemos elixir xogar o titorial, pero nada de titoriais artificiais fóra do contexto do xogo, explícase a mecánica de Trolas de la normalización lingüística utilizando a propia xogabilidade do título: a lectura en pantallas estáticas. O deseño de Trolas de la normalización lingüística é tan complexo que nin sequera son quen de encadralo nun dos xéneros do videoxogo —hai moito material de estudo para as persoas interesadas na narrativa interactiva, é probábel que nos próximos anos atopemos múltiples referencias a el nas publicacións académicas do eido dos videoxogos—.

Ten un exordio trepidante, pensado especialmente para a xente nova, permite aos cativos aprender sen deixaren de se divertir. No canto de vídeos ou cinemáticas que rachan co ritmo do xogo, ao comezo de cada un dos tres bloques teremos que ir lendo varias páxinas entre as que nos poderemos desprazar lixeiros mediante unha interface point and click —o detallado fondo é un taboleiro como os que hai nas clases, mesmo semella que estamos nun avanzado simulador escolar—, nelas expóñense de maneira amplamente documentada os continuos atropelos da normalización da lingua galega —ou imposición da lingua galega, renunciando ao eufemismo—, dende ter relegado o castelán a idioma estranxeiro na ensinanza ata as cuantiosísimas subvencións á lingua galega —mil euros que lle levanto ao Feijóo por escribir este artigo en xunteiro—, pasando, como non, pola ditadura do galego nas institucións. Coa adrenalina xa disparada, teremos que pór a proba o noso enxeño e os coñecementos adquiridos para superar unha serie de preguntas tipo test —mais das complicadas, desas que van a pillar—. Non precisaremos da lóxica externa, abondará cos coñecementos fornecidos polo propio xogo.

lavacocos

Aquí podemos comprobar a veracidade dos datos subministrados polo xogo, un encino —aciñeira en galego de plástico— usado polo profesorado nacionalista para facer o seu lavacocos.

360

Gabi fai dous espectaculares 360 consecutivos, invertendo mesmo o logo de GB no seu ardoroso movemento.

Co corazón asomando xa pola gorxa, con absoluta naturalidade o xogo lévanos a través de escenas de acción. Entraremos na pel do carismático Gabi, unha sorte de ourizo cacheiro sen apenas púas —probabelmente arrincadas por algún galegofalante opresor— e mascota da asociación Galicia Bilingüe —sucesor da simpática Tanga, imaxe da agrupación cando inda recibía o nome de Tan gallego como el gallego—. Moverémonos pola pantalla cun frenesí e unha milimétrica composición do escenario propios dos xogos do seu curmá xaponés Sonic. Como se iso non abondase, Gabi desprazarase sobre un monopatín cuns movementos tan fluídos e realistas que é moi posíbel que Robomodo copie as físicas para a súa próxima entrega do Tony Hawk’s. Ademais —si, inda nos ofrece e nos esixe máis— mentres saltamos entre os obstáculos teremos que ir limpando as típicas pintadas coas que os galegofalantes acosan o pequeno comercio ou luxan as cidades en contra das asociacións que loitan polas liberdades. Plataformas, simulador de skating e shooter —ou mellor dito, soapter, o que disparamos contra pintadas e carteis son pastillas de xabón— nunha mistura tan sofisticada como intuitiva —nunca foi máis cómodo virar a mira co touchpad mentres controlas o salto co teclado e disparar antes de caer—.

frutasmanoli

Gabi consegue que as ofertas de Manoli volvan ser lexíbeis. Reparen na calidade da animación, como toma Gabi os xabóns da cesta e os lanza cun movemento de brazo, tal que a dun filme de debuxos, e todo sen subvencións.

norma

Enhorabuena Enhora buena, if you are here tonight, it is because you are a winner.

O xogo tamén loita contra o feminizismo tan de moda entre a progresía, inclúe unha personaxe feminina para que as nenas tamén se sintan identificadas, mais no rol axeitado. Norma, moi coqueta ela ataviada no seu traxe de animadora, non anda por aí enredando cun brinquedo mentres salta sobre os coches coma Gabi, ela felicitaranos e entregaranos o trofeo se conseguimos pasar o xogo ou consolaranos se as cousas non nos saíron ben, dándonos pulos para volver tentalo. Por suposto, como toda señorita merecedora de tal distinción, non falará en linguas bárbaras inda que elixamos castrapo ao principio.

Se queredes divertirvos e aprender non volo podedes perder, porque Trolas de la normalización lingüística só expón uns feitos e non tenta adoutrinar nin comprar aos cativos como outros, ínstaos a sacar as súas propias conclusións en liberdade. Ah!, e entre os que consigan superar o xogo sortearanse dous produtos da terra —as multinacionais son tan gallegas como el gallego, a mesma palabra o di—, un iPhone 6 e un iPad Air. G-O-T-Y!

manoli

Manoli maniféstase respectuosamente pola súa liberdade ante os opresores.