Descubrín Grand Vampir de rebote. Si, é evidente que a imaxe do seu protagonista, Fernand, aseméllase moito ao aspecto de Max Schreck en certo filme recorrente neste Andrómenas; mais non ten nada que ver con Nosferatu. Tamén aparece o Golem, porén, non ten que ver coa obra de Meyrink. Así podería seguir un anaco. E cando digo que non teñen nada que ver, refírome a que só son fonte de inspiración.

O universo de Grand Vampir toma de aquí e de acolá: hai referencias ao folclore xudeu, ao cinema da República de Weimar, a Ewers, a Carroll, a Kafka, a Gainsbourg, á Hammer… Todas son identificábeis e irrelevantes asemade. Non están postas aí para que reparemos nelas e así poder establecer con nós unha relación de complicidade a través de obras célebres doutros, forman parte do mundo interior do propio autor: Joann Sfar. Son as cousas que o fascinaban na súa xuventude, aquelas que conformaban o seu propio universo no tempo no que do seu caletre agromaron Fernand e tantos outros personaxes que se concentran aquí.

Fernand está na casca —dulcificada— do Schreck caracterizado de Orlok, mais dentro non hai nada que saíse dos maxíns de Galeen ou Murnau. É unha creación xenuína de Sfar. Como toda creación xenuína, apóiase na bagaxe cultural do autor. Porque si, para crear hai que explorar o que fixeron outros; porque para escribir hai que ler; porque para debuxar hai que ter visto antes. Porque xenuíno non significa que é diferente a toda invención allea, quere dicir que procura os propios camiños, que remexe nas entrañas da persoa que anda a crear.

A lectura de Grand Vampir non me retrotraeu a ningunha desas obras identificábeis; porén, si que me lembrou outra á que non fai referencia: O doutor Slump de Akira Toriyama. Revivín durante a súa lectura as sensacións que tiña cando cativo vía a serie de televisión O doutor Slump e Arale na TVG. O doutor Slump tamén é un pastiche de referencias irrelevantes, tamén é unha creación xenuína, tamén é unha porta ao refuxio persoal do propio autor.

Sfar comparte connosco ese abeiradoiro. Ese sitio onde o tempo toma unha dimensión diferente, como o do propio vampiro protagonista, eterno e inmutábel. Un lugar onde hai conflito, onde hai inseguridades, onde hai diatribas existenciais… mais onde non chove que non escampe. Sobor todo trátese dun universo confortábel, onde sermos felices un anaco.

Grand Vampir fala do amor, do amor como procura constante, do amor como ideal inalcanzábel. Sempre quixen vivir en Penguin Village; agora, se iso non pode ser —non perdo a esperanza—, non me importaría vivir na Lituania de Grand Vampir.

O obxecto

Lin a edición en español baixo o título de Vampir editada por Fulgencio Pimentel. Recolle os sete álbums da banda deseñada Grand Vampir. A edición da editorial logroñesa paréceme unha marabilla: formato grande, por suposto a cor, con capa dura mais lixeira ao tempo, papel de gran gramatura e coidado minucioso polo detalle. Nos engadidos podemos ler unha entrevista de Jérôme Briot ao propio personaxe de Fernand, algunhas notas de Sfar sobre a súa creación e bosquexos dos personaxes. A serie complétase con outros dous volumes, dos que, se callar, falo noutro momento coa mesma falta de rigor.