A ver que nos conta o telexornal [On]: “A filla do rei foi prendida esta tarde” [Off]. Merdeiros!, isto non pode quedar así. Mais que podo facer eu?, son só un hom… Mira que quedou aí de onte!, e xa está estendida, preparadiña para tomala. Aaaaah!, ademais despexa o nariz que dá gusto. Agora os problemas son moito máis pequenos. Vou aló.

Xa está a típica vella a foder. Non ten nada que facer no día e xusto anda a ocupar toda a beirarrúa con ese andar escarranchado a paso de sapoconcho cando teño que ir salvar unha dama en apuros. Zas!, dunha patada quítolle o bastón e doutra bótoa embaixo dun coche aparcado nada máis bicar o chan. Non estou para perder o tempo en parvadas. Que honorábel este, tentando me reprender por lle ter pegado a unha velliña. Toma bastonada no pescozo. He, he! Semella a fonte da alameda, só que bota de cor vermello. Non hai tempo que perder, acurtarei polo parque a fume de carozo.

—Mamá, vén xogar comigo no bambán! —berra unha rapaciña sentada nun dos extremos.

Ao chegar á súa altura, salto na punta oposta sen reducir a velocidade da carreira, e continúo a marcha coa nena aínda a voar. Seica tenta amortecer a caída coa voz… Cativos!

Que riquiño ese bebé xogando na area. Mágoa que se vaia facer maior e paspán. Haberá que aforrarlle traballo ao meu futuro eu. Aterro sobre o seu corpiño cos pés xuntos, plop!, e prosigo cunha zancada inda máis grácil.

Pero que demo! Que fai toda a esa xente a atrancar o paso?! Unha manifestación a favor da república, eh? Vou botar a vida para cruzar iso. Que sorte, unha furgoneta dos antidisturbios sen ninguén dentro! Eu prendo a sirena, o que non se aparte xa sabe o que lle toca. Ni-no-ni-no! Os primeiros que levo por diante son os propios policías, “compañeiros” din. Ni-no-ni-no!, manifestantes voando en todas direccións, ni-no-PLOF-niiiiuuu!… Vaia sitio para poñer un muro! A nai que os pariu! Vexamos que hai aquí detrás, chalecos, cascos… mariconadas! Unha escopeta de bólas de goma… isto si que pode valer se a melloramos un pouco. Vou ter que ir polos sumidoiros, non me vaia atopar co perturbado ese do que falan na radio.

Esparexo a pelota co whisky da miña petaca, préndoa co cigarro e dispárolla ao garda no medio e medio da face.

—Xa está ceibe, alteza.

Pica para desvelar o spoiler