A academia dunha lingua ten que recoller o que se fala na rúa, que digo na rúa, o que se fala na calle. Non pode ser que decidan que é galego e que non uns tíos de traxe que se reúnen cada tanto e que non fan outra cousa que tomar palabras do portugués que aquí non se usaron na vida. Argimiro ten toda a razón, xa abonda deste galego de plástico de nova invención que non ten outro propósito que afastarse do castelán. Outro exemplo é alugar, algunha vez oístes a alguén dicir alugar fóra da Telegaita? Pois iso. Esta é unha situación real acontecida hai uns días nun bar de vellos:

—Si, aluguei un estudio aí ao lado —dixo o rapaz de trinta e poucos que estaba a departir cun par de seareiros na barra sobre a súa recente aparición na taberna. Ben se lle vía nas trazas que era de cidade, que medrara no seo dunha familia acomodada castelanfalante e que comezara a falar galego estando na facultade de arquitectura, seguramente para facerse o intelectual.

—Alugar… di o animal, que é iso de alugar!? Dise alquilar, homiño, de toda a vida. Inventades cada palabra…

Antes de responder con indignación, abre isto.
Ben, a historia é real, máis tomei algunha licenza. O arquitecto neofalante era en realidade unha nai de familia sen estudos, galegofalante de berce, o estudio era unha veiga para plantar patacas e os seareiros, as súas fillas escolarizadas. Ademais, non aconteceu hai uns días, senón nos sesenta do século pasado.