xoanpaulo3

Reparen na conivencia do fulano co crucifixo de ouro.

Corría a segunda década do terceiro milenio da cristiandade —moito antes dos tempos do papa espacial—  cando o trono papal de Francisco I foi usurpado baixo o lema “quen foi a Cedeira, quedou sen cadeira”, culminando unha gran conspiración. O autoproclamado papa Xoán Paulo III fixo a súa primeira comparecencia pública á mañá seguinte, asomouse ao balcón que dá á Praza de San Pedro e espetou ao axitado xentío: “Glorificade o fodido papa, bitches!”.

Non tardou en aliñarse con ditadores e presidentes de deputación, maldiciu a ateos e nais solteiras e converteu o Estado da Cidade do Vaticano nun parque temático; con casinos, e galdrapas. Deulle á pobreza a categoría de pecado mortal, redistribuíu a riqueza —”todo para min”— e cominou os conventos a deixar de rezar e pórse a traballar “que os cálices de platino non caen do ceo e a miña gorxa ten que estar lubricada abondo para ameazar ás abortistas co inferno”. Saciou as súas pulsións fetichistas bicando centos de pés, fixo turismo sexual a gastos pagos, restou importancia aos abusos a menores cun “son rapazadas” e foi aclamado polas masas ao canto de “Xoán Paulo, III, querete o mundo enteiro” —si, o quérete pronunciado como se fose paroxítono—. Idolatrado polos seus fieis durante o seu longo pontificado, tamén foi máis respectado que calquera outro papa polos non católicos, que lle agradeceron que levase un pouco de mesura ao Vaticano e abandonase o tradicional discurso camanduleiro da Igrexa.