
Corría a segunda década do terceiro milenio da cristiandade, moito antes dos tempos do papa espacial, cando o trono papal de Francisco I foi usurpado baixo o lema «quen foi a Cedeira, quedou sen cadeira», culminando unha gran conspiración. O autoproclamado papa Xoán Paulo III fixo a súa primeira comparecencia pública á mañá seguinte, asomouse ao balcón que dá á Praza de San Pedro e espetou ao axitado xentío: «Glorificade o fodido papa, bitches!».
Non tardou en aliñarse con ditadores e presidentes de deputación, maldiciu a ateos e nais solteiras e converteu o Estado da Cidade do Vaticano nun parque temático; con casinos, e galdrapas. Deulle á pobreza a categoría de pecado mortal, redistribuíu a riqueza —«todo para min»— e cominou os conventos a deixar de rezar e pórse a traballar «que os cálices de platino non caen do ceo e a miña gorxa ten que estar lubricada abondo para ameazar ás abortistas co inferno». Saciou as súas pulsións fetichistas bicando centos de pés, fixo turismo sexual a gastos pagos, restou importancia aos abusos a menores cun «son rapazadas» e foi aclamado polas masas ao canto de «Xoán Paulo, III, querete o mundo enteiro» —si, o quérete pronunciado como se fose paroxítono—. Idolatrado polos seus fieis durante o seu longo pontificado, tamén foi máis respectado que calquera outro papa polos non católicos, que lle agradeceron que levase un pouco de mesura ao Vaticano e abandonase o tradicional discurso camanduleiro da Igrexa.