
O pasado mes de abril cumpriuse unha decena de anos des que rematei o meu primeiro relato. A escusa para comezar a escribir, que non o motivo, foi o Premio Ourense de contos para a Mocidade de 2004, animado polo meu amigo Rul —o primeiro libro pola esquerda é un exemplar da edición de 2000 que contén un dos accésits que acadou xunto co seu irmán Lois na categoría de menores de 18 anos—. A Casa da Xuventude de Ourense celebrou o certame dende 1984 ata 2010, de Xosé Carlos Caneiro a Alba Cid —primeiro e derradeira gañadores—. Viente e sete edicións dun dos premios de referencia para a nova creación galega, que esmoreceu co pasamento do seu impulsor e director da Casa: Benito Losada.
O premio de contos era unha das iniciativas nacionais de fomento da creación cultural que promovía a Casa da Xuventude con Losada á cabeza, como había certames de banda deseñada ou fotografía. Esa Casa da Xuventude xa non existe, renomeárona como Espazo Xove e quitáronlla á súa lexítima dona —a xuventude ourensá—.
Para a creación en galego toda achega é pouca, canto máis para que a xente nova se aproxime á creación literaria nunha lingua minorizada. Lonxe de ser fomentada, estamos a ver como inda se lle resta desde as institucións parte do pouco espazo que tiña. O Premio Ourense é só unha mostra máis.
O da escritura é algo que tiven claro dende sempre, mais non daba chegado o momento de sentirme preparado para comezar —en realidade nunca o estás como che gustaría—. Unha vez que tiven escrito ese primeiro conto, Os non-domingos, todas as dúbidas regresaron e estiven preto de non o presentar. Vencido ese pudor, xa non había volta atrás.
Os non-domingos, para a miña sorpresa, foi merecedor segundo o xurado dun dos accésits da edición. Recolleuse xunto co resto de contos galardoados nun libriño, que era o interesante do choio. O Premio Ourense pasou a ser o pretexto anual para rematar cando menos algún dos relatos que andaba a escribir; a miña dispersión é proverbial —no disco duro descansan ducias de escritos sen rematar—.
A meirande parte deses contos presentados non son interesantes dende o punto de vista de Andrómenas, formaron parte dos primeirísimos estadios da miña aprendizaxe. Abofé que para min si foron —e son— valiosos como parte dese proceso. Compartirei algún deles —cando menos un par—, comezando polo mencionado relato de debut para fixar o punto de partida.
Aínda que continuei participando sen falla en cada edición ata a súa desaparición, non foi ata un lustro despois que outro dos meus escritos figurou no volume de contos premiados. Esas catro edicións foron de procura, de autocoñecemento como escritor. Nese período comezou a tomar forma Denantes —si, de tan atrás vén—. Sempre escribín o que me apetecía nese momento, a sabendas de que algún deles non tiña ningunha posibilidade de resultar premiado. Ese foi o caso do que rematei con motivo da edición de 2008 —aquí o podedes ler—; a miña mellor lembranza escribindo.
Era unha noite primaveral de abril, a piques de cumprirse o prazo de participación —debía estar en Correos á mañá seguinte—. Tanto o proceso de creación como a súa estrutura, amais dos diferentes niveis de lectura que ten —moito me temo que algúns deles inaccesíbeis para os lectores—, facían dese o texto máis complexo ao que me enfrontara; un reto ben bonito. Aínda que tiña todas as pezas do relato xa composto, restaba unha parte importante de literatura que tería que teclear esa noite —case a metade da súa extensión final—. A madrugada transcorreu entre o escritorio e o balcón, a intervalos dunha batería de computadora portátil. Unha brisa lizquente, un firmamento estrelecido, unha rúa durminte, a escritura desexada tomando forma na pantalla e a calma respiración do can soñando aos meus pés sobre as frescas teselas. Se existía algunha sensación máis próxima á felicidade, non me interesaba.
Non foi a primeira noite en vela escribindo nin moito menos a última, mais si peculiar. Arrastraba xa moito sono acumulado de xornadas anteriores e por un momento Morfeo púxose a enredar. Nada encaixaba alí, a sonoridade do texto era abominábel. Durante dez minutos, ou quen sabe cantos, seguín a escribir partes que aínda restaban e reescribín algunhas nada harmoniosas. Rematado ese lapso, cando recobrei un total estado de vixilia, tocoume arranxar eses minutos de semiconsciencia nos que me dedicara a rimar canto toquei. O resto da noite transcorreu sen incidentes. Co lusquefusque, após varias horas des que os paxaros anunciaran a mañá, o relato, Alén da Fraga, estaba rematado. Un paseo pola rúa inda inactiva coa mesma compaña que na madrugada. Un almorzo ordinario. Un par de horas de revisións. Unha impresión. Un envío. Nin me molestei en consultar a prensa contra o Día das Letras galegas —cando se daban a coñecer os premiados—.
A de 2009 sería unha edición diferente a todas as demais. Non houbo carreiras de última hora para rematar algún dos meus escritos. Era o momento de ensinar un anaco de certo proxecto. No canto de enviar un capítulo de Denantes sen máis —entón o formato da serie xa estaba definido, e resulta incompatíbel con este tipo de certames—, entrelacei algunhas historias, utilicei a meirande parte do tempo o mesmo narrador e minimicei o número de personaxes que aparecían. Se o ano anterior estaba certo de que as posibilidades do enviado eran nulas —a pesar de rematar satisfeito co resultado—, ese non tiña ningunha dúbida —a través da experiencia de participacións anteriores e a calidade que daba o longo desenvolvemento— de que Denantes, un proxecto dixital, ía ter unha publicación en papel antes ca na Internet. Non gañou o Premio Ourense, pero si mereceu un dos accésits e a correspondente publicación.
O relato garda coherencia coa narración de Vila de Denantes, porén, non será incluído na serie tal como foi editado en papel nin tampouco o publicarei aquí. Como xa escribín no parágrafo anterior, ese relato está composto por historias de varios capítulos que si se publicarán. O que se contou aí terá sitio en Denantes doutra maneira e en distintas entregas. Mais si haberá algunha opción de conseguilo, da tirada de mil exemplares que se facía do libro de cada edición, unha parte ía aos premiados. Aínda teño algúns exemplares da vintena que me mandaron e ireinos regalando aos lectores.
Con Denantes daba por concluído o meu periplo no Premio Ourense, que me servira sobre todo para practicar e acadar unha base sobre a que comezar a evolucionar. Polo camiño, vin publicados algúns deses exercicios de aprendizaxe. Mais con Losada xa de baixa, a edición de 2010 convocouse moi tarde. Recorreuse aos participantes dos últimos anos para tentar acadar suficientes traballos como para poder celebrar o certame. Era de lei achegar algún relato para contribuír a que se puidese levar a cabo.
Nesta ocasión era inevitábel apurar o prazo. Tentei rematar un relato ata última hora, pero a iso das tres da mañá da derradeira noite aceptei que era imposíbel contar todo o que pedía a historia no máximo de vinte e cinco páxinas que permitía o certame —de feito será unha novela—. Tiña apenas unhas horas para escribir algo diferente. Rebusquei entre os traballos abandonados e decidinme por un do que só tiña a introdución. Nalgúns casos podo ter só escritas algunhas liñas, mais boa parte da historia xa está desenvolvida no meu maxín. Este non era un deses. Partía dun parágrafo sen saber por onde tirar nin cara onde ir. O relato foi tomando forma mentres o escribía: ata rematar a frase anterior, non sabía cal viría despois. Concluíno a ultimísima hora, tituleino de calquera maneira e mandeino para facer vulto. Nin estaba satisfeito co escrito, nin lle vía opción ningunha. Porén, tamén resultou premiado. Foi a edición con menor participación: só concorreron dezasete contos de outros tantos autores, e seguramente non foi das máis brillantes —como testemuña o meu accésit—. Nin sequera repartín os exemplares que me enviaron entre os meus achegados. Por reparo, non volvera ler o relato ata hoxe. Debo dicir que non é tan terríbel como esperaba. Todo rematou como comezara: cunha publicación inesperada envolta no pudor.