Ergueuse coa luz do mediodía sen outro pensamento que se estomballar no sofá a ver a etapa ciclista no seu flamante televisor. Despois de evacuar a noite, colleu un tupper no frigorífico coas sobras da cea e dirixiuse xa á sala. Termou do mando a distancia, acomodouse no frescor do coiro e apuntou á enorme masa de aire que repousaba no seu móbel de madeira nobre. O PLASMA!! Onde fora o seu plasma!?

Percorreu lixeiro os andadeiros da casa mentres berraba os nomes dos seus familiares, na procura do responsábel. Era inútil seguir voceando, atopábase só. Que se supón que ía facer agora todo o día? As súa glándulas salivares deixaron de traballar. Todo o líquido que mantiña a súa boca era un depósito de babuxa na comisura. Encamiñouse ao cuarto de baño movido pola desesperación. Asiu tremente unha coitela de afeitar e, inda que tentou con todas as súas forzas inhibir a arroutada, o metal non tardou en bicar a súa pel.

E agora que? Os ciclistas xa deberían de andar polo primeiro porto de categoría especial. Pensativo, tentou alisar a barba coas xemas dos dedos pero só conseguiu agarimar o contorno nu da mandíbula. Foi ao armario bulindo con pasos moi curtos, escolleu a primeira roupa informal que atopou, refregou o pelo coa palma da man e abandonou a vivenda.

Xa se tería formado a escapada boa? Levaría preparada unha escaramuza algún dos favoritos? Entrou no bar atravesando os finos fíos de fume que escapaban dos cigarros dos que andaban a fumar na porta e foi directo a tomar asento na barra. Pediu un viño e dirixiu de inmediato a mirada ao televisor. Non había de se poder comparar co seu plasma, mais aquilo era unha emerxencia. Decatouse entón de que saíra da casa sen as lentes. Fixo presión coas pálpebras tentando enfocar. Pois non, non tiñan posta a etapa.  Un momento, aquel era O SEU PLASMA! Non, non o que descansaba nunha balda de madeira preto do teito, senón o que estaban a enfocar na televisión. Que demo facía alí!? O plasma atopábase nunha sala ateigada de periodistas. Tentou afinar o oído, pero o balbordo que había no bar convertía o discurso en inintelixíbel. Só atinaba en escoitar as gargalladas dos periodistas de tanto en tanto, mais desta volta non se rían del; rían con el! Aquel plasma non era só un traidor, tamén semellaba ter enxeño. Víaselle resolto; áxil na palabra; seguro de si mesmo. Miserábel! Os periodistas comezaron a pasarse unha sorte de obxecto escuro e alongado a intervalos dunha alocución do seu plasma. Tiña ese canalla a desvergoña de aceptar preguntas!?