Os meus estantes dixitais (Steam, GOG, Humble e itch.io) están acugulados de títulos que non ía xogar na vida. Bundles, ofertas, a ilusión de que algún día sacarei tempo para adicarlles… contribúen a desenvolver o dioxenismo dixital. Para combater esta síndrome, amais de tentar desoír os cantos de serea do consumismo, de cando en vez empregarei un anaco en probar algúns deses títulos que acumulan po uns e ceros nas miñas bibliotecas.

dioxenismo dixital

Nestas primeiras semanas do ano xogarei unha hora (e só unha) a cada unha das catorce obras desta primeira selección. O vindeiro luns publicarei unha entrada cunhas breves impresións das sete que vou probar esta semana. O seguinte farei o propio coas restantes.

Optei por xogabilidades variadas, aínda que deixei un xénero á marxe: a aventura gráfica (adicarei nun futuro algún que outro dioxenismo dixital en exclusiva ao meu xénero predilecto).

Xogos desta primeira quenda de dioxenismo dixital

  1. Aquaria (Bit Blot, 2007)
  2. Lone Survivor (Jasper Byrne, 2012)
  3. FootLOL (Lion’s Shade, 2013)
  4. Edge (Two Tribes, 2011)
  5. Closure (Eyebrow Interactive, 2012)
  6. Hamlet (Denis Galanin, 2012)
  7. Snuggle Truck (Owlchemy Labs, 2012)
  8. Capsized (Alientrap, 2011)
  9. Gods Will Be Watching (Deconstructeam, 2014)
  10. Speedball 2 HD (Vivid Games, 2013)
  11. Life of Pixel (Super Icon Ltd, 2014)
  12. Knock-Knock (Ice-Pick Lodge, 2013)
  13. Lume (State of Play Games, 2011)
  14. Crayon Physics (Kloonigames, 2009)

Está é unha selección heteroxénea: variada en canto a xéneros, mais tamén con títulos de diferentes aspiracións e que espertan en min graos de interese dispar. Servirame para descubrir algunha obra que me guste abondo como para xogala en profundidade; tamén confirmarei que outros non van comigo; na meirande parte dos casos, os xogos quedarán aí repousando coa sensación de que os xogaría sen trauma se tivese a maldición da vida eterna, pero cunha existencia finita sempre haberá opcións de ocio que me resulten máis atractivas.

O meu dioxenismo dixital dá para bastante máis. Teño títulos pendentes abondo para facer varias seleccións equivalentes a esta. Incluso, ademais da das aventuras, farei algunha entrega temática ao longo do ano —inda que o elemento cohesivo non será sempre o xénero—.