SuperManager Fase Final: xornada 4

Balance

A ausencia de Campazzo resultou eliminatoria, así que non foi unha boa xornada.

B

Huertas (5)

Bassas (10)

Hannah (26.4)

Senglin (16.8)

Cook (21.6)

Mekel (9.6)

Rousselle (19.2)

A

Prepelic (23)

Abalde (21)

Hanga (16.8)

McFadden (4)

Waczynski (-1)

Fernández (-1)

Díez (5)

Shields (22)

Martínez (22.8)

Claver (6)

López-Arostegui (16)

Zeisloft (17)

P

Mirotic (26.4)

Tavares (16.8)

Shermadini (12)

Tobey (6)

Shengelia (5)

Borousis (38.4)

Costello (25.2)

Davies (9.6)

Benzing (14)

Aguilar (11)

Selección

Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios.

B

Campazzo

Cook

Bassas

Heurtel

Dimitrijevic

A

Prepelic

Abalde

Ennis

Higgins

Shields

López-Arostegui

Bouteille

Deck

Brussino

Zeisloft

Martínez

P

Costello

Bourousis

Tavares

Tobey

Oriola

Shengelia

Benzing

Hlinason

Morgan

Rivero

Reitero que polas aperturas de tempo non responderei dúbidas durante esta Fase Final.

Baskonia – Unicaja

(23, 15:30)

JOV | BLB

O que gañe deixará encamiñado o segundo posto. Por estas tres primeiras xornadas semella que o Baskonia está un chisco por diante, mais como a certo francés se lle dea por volver activar o modo Jordan… Está a ser complicado acertar co base de Dusko que o fará ben, tanto Vildoza como Henry serven como opción de risco, pero para equipos da xeral cómpre buscar outras opcións. Tampouco ofrece certezas o Unicaja na dirección. Contra a Penya destacou Díaz, que estivera moi discreto nas dúas primeiras xornadas, e xa sabemos que non é o xogador máis consistente na valoración como para apostar porque repita. Nas ás Shields aínda non baixou da ducia e é o exterior con máis peso no Baskonia. Que Bouteille veremos? Se repite o do derradeiro cuarto contra a Penya, non hai ninguén que o poida deter no Baskonia, pero tamén hai que ter en conta as súas dúas malas primeiras xornadas e que na liga quedou en 10 contra eles (cando aínda estaba no Bilbao). A aposta por el ten certo risco. Toko pinchou contra o Barça; non era un escenario estraño. En teoría este encontro debería virlle mellor (foise a 25 no enfrontamento máis recente en Málaga), boa parte das opcións dos vitorianos pasan por unha grande actuación da súa estrela.

Bilbao – Barça

(23, 18:30)

UNI | CAN

O Bilbao logrou estrearse cunha vitoria ben traballada. Rousselle está a facer un bo torneo, pero contra o Barça os uns sofren demasiado e xa trae cansazo acumulado. Só pensaría en Martínez, sobre todo para equipos da Fase Final. Está a xogar moi ben, anda acertado no tiro e axuda na dirección do equipo. Está habituado a partidos desta esixencia. O Barça xa está dentro e precisa dunha vitoria nos dous que quedan para asegurar o primeiro posto. O feito de que non teña unha necesidade imperiosa de gañar e que varios xogadores tivesen problemas físicos contra o Baskonia engaden moita incerteza ao encontro. Non sería de estrañar un descanso de Mirotic ou incluso tamén de Hanga. Se se dá ese escenario, Higgins gañaría enteiros e tamén Heurtel. Se o hispanomontenegrino ou o húngaro saen de titulares, poderían seguir nos equipos. Polo de agora, só entra Heurtel do Barça na listaxe (con baixas ou sen elas, a Pesic interésalle que vaia collendo ritmo de competición); haberá que prestar atención á última hora do encontro e reservar trocos polo que poida pasar. Edito: coa confirmación da baixa de Mirotic, entra na listaxe Oriola como alternativa interior de bandeira. Cando Mirotic é baixa, Oriola aumenta a súa puntuación no xogo en case 14 até preto de 21 de media. Da mesma forma, Higgins adoita aumentar o su protagonismo e os seus números medran até acadar máis de 17 de media. Tamén entra.

Canarias – Joventut

(23, 21:30)

FCB | BAS

O equipo de La Laguna é a gran decepción do torneo. Fixo unha tempada fantástica e chegaba sen baixas, pero non vimos por ningures a brillantez previa ao confinamento. Co cansazo acumulado e a eliminación, non parece oportuno apostar nin sequera polo trío que tantas alegrías nos deu este curso: Huertas, Díez e Shermadini. En equipos de Fase Final segue a ser atractivo Zeisloft. Volveu estar atinado dende a distancia e semella dos poucos que conservan frescura. Na Penya mantense como fixo Prepelic. Por fin tivo un encontro destacado Dimitrijevic, séguenos a valer para equipos de Fase Final e incluso pode ser interesante para equipos da xeral que precisen unha bandeira nos bases e queiran diferenciárense (contra o Baskonia xa o terá máis complicado). López-Arostegui é o xogador da Penya que máis minutos está a ter na Fase Final: axuda moito no rebote e anda en case 17 de valoración media. En cazaxornadas e equipos de Fase Final podemos apostar por Morgan, coa esperanza de que lle entren os tiros de tres.

Zaragoza – Gran Canaria

(24, 15:30)

RMA | VBC

Coa vitoria na prórroga contra o Burgos, o Gran Canaria únese á loita pola clasificación para semifinais. De novo, Cook foi un dos destacados (aínda que as maiores diferenzas marcáronas por dentro). Xoga máis dunha trintena de minutos e está a asumir bastante protagonismo anotador, ademais, o Zaragoza dá facilidades na posición. Curiosamente, estamos a ver o mellor Bourousis do curso neste formato comprimido, cando a priori non favorecía a un xogador da súa idade. Abusou dun Burgos diminuído no xogo interior polas baixas e repite escenario contra un Zaragoza na mesma situación. Con todo en xogo para o seu equipo e na boa dinámica que trae, parece unha das opcións interiores prioritarias nesta xornada. Na derradeira, contra o Valencia, debería ter máis atrancos. O seu compañeiro na pintura, Costello, unha vez que vimos que fisicamente se atopa ben, tamén o acompaña no primeiro banzo: aínda non baixou da quincena (e se baixou da vintena nun encontro, foi porque se mancou). Os maños leváronse os dous partidos da regular, agora semella que o favoritismo muda de lugar (aínda que debería ser un encontro moi disputado). Os canarios dan bastantes facilidades por fóra, tanto Brussino (12 e 18 nos precedentes) como sobre todo Ennis (20.4), polas súas características, teñen un bo encontro por diante. Para equipos da Fase Final segue a resultar interesante Benzing, atravesa un bo momento de forma. No apartado de apostas arriscadas, en especial para os que teñan orzamentos axustados, entra Hlinason. O islandés mellorou contra o Andorra após dous encontros iniciais bastante pobres e o Granca foi o seu rival predilecto este curso: 18 e 26.4 (tope da tempada).

Andorra – Madrid

(24, 18:30)

BUR | ZAR

Agardou á terceira xornada, pero Facu xa está (e de que maneira!) en Valencia. Contra os anfitrións deu o nivel que se esperaba dun dos mellores bases xogando en Europa. A situación dos brancos é moito mellor que ao remate da xornada anterior (ademais, é ao que lle resta un mellor calendario), pero seguen sen ter marxe de erro, o Madrid precisa outra de vez do mellor Campazzo. No exterior pode haber varios que cumpran, mais coa rotación tan longa do Madrid non resulta doado saber quen vai ter protagonismo. O que parece máis complicado que falle é Deck. Por dentro, Tavares segue a ser unha bandeira moi fiábel. Co Madrid xogándose a vida, esta vez nin sequera os bases do Andorra semellan opcións (xa os secaron no encontro da regular).

Valencia – Burgos

(24, 21:30)

GCA | AND

Os dous puideron chegar a este encontro con 3-0, porque tiveron partidos moi igualados, pero agora o que perda vai ter moi complicado o acceso ás semifinais. Bassas segue a ser unha opción de bandeira moi sólida para as dúas xornadas que restan (aínda non baixou da decena). Nas ás destaca unha das estrelas deste torneo, Abalde, que está a un nivel superlativo en ambas canastras. Todo o que sea saír sen el significa asumir riscos. Para cazaxornadas podemos pensar en Loyd. No Burgos funcionou McFadden nas dúas primeiras e Benite na terceira, calquera dos dous poden saír ben como apostas de risco, pero se queremos algunha opción máis sólida, o mellor é procurar noutros equipos. Por dentro, Tobey atopou máis impedimentos contra o Madrid que en xornadas anteriores, contra un Burgos coas baixas interiores que ten (e das que se aproveitaron Bou e Costello) debería volver aos números do arranque da Fase Final. A Dubi non acabamos de velo ao seu mellor nivel. Como opción económica, sobre todo para equipos da Fase Final, emerxe a figura de Rivero. O interior cubano está a aproveitar o espazo que deixaron as baixas na pintura burgalesa: medrou moito ao longo do torneo, ademais de axudar no rebote, está a tirar con acerto.

O equipo do blog

Xa editarei para pór o equipo, á publicación deste artigo aínda non se producira o cómputo da xornada 3. Dei saída a Mirotic, polo que poida pasar e para xuntar un pouco de cartos. Con iso podo dar entrada a Campazzo, Bourousis e Prepelic.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence á publicidade do SuperManager.