SuperManager x. 2: comezo? Aínda non

O 19 de setembro bota a andar unha nova edición da ACB e tamén do SuperManager para o SuperManager teremos que agardar de forma indefinida ao 23. Esta tempada parte con tres equipos por riba do resto: Madrid, Barcelona e Valencia (reforzouse moi ben). Haberá que ver que nivel ten o actual campión, o Baskonia, despois de perder a súa referencia dos últimos anos. Após estes hai un grupo grande de equipos que tanto poden aspirar a un praza nas semifinais como quedar fóra do Playoff. Nesa zona media-alta preséntase unha das edicións máis interesantes da competición. Na zona baixa, e só cunha praza de descenso nesta liga excepcional de 19, o GBC, configurado a última hora, non o terá doado.

A primeira xornada non computará para o SM porque o sistema aínda non estaba listo, o xogo arrancará coa segunda nalgún momento. Cando se decidiu, xa tiña o artigo da primeira xornada moi avanzado. A análise de cada partido foi, en boa parte, traballo tirado ao lixo (por completo no caso da tradución), mais as explicacións iniciais e os consellos xerais manteñen vixencia. Vouno publicar xa (é mércores 16), e o luns 21 ou martes 22 actualizarei este mesmo artigo coa análise de cada partido e a selección dos xogadores que me parezan máis interesantes.

Índice

Como se xoga?          Selección          Liga privada

Xog.          Sel.          Priv.

Se no SuperManager pola súa propia natureza sempre hai incertezas, neste ano multiplícanse pola pandemia. É bastante probábel que acabe habendo partidos suspendidos e cambios de datas, porque aínda que a xestión na burbulla da Fase Final foi impecábel por parte da ACB, nunha liga regular parece moi complicado que non xurdan positivos nalgún momento. Ademais, este ano introducíronse algúns cambios no xogo.

En que consiste o xogo?

Debemos montar un equipo (polo de agora só se poden crear nas aplicación do xogo para Android e iOS, a web aínda non está operativa) con 10 xogadores da liga ACB de baloncesto: 2 bases, 4 ás e 4 pivotes. Ademais, debemos respectar as seguintes normas: o noso orzamento estará limitado —de inicio— a 5 millóns de euros, no equipo debe de haber cando menos 4 xogadores que sexan cota e un máximo de 2 extracomunitarios. Cada xornada poderemos facer até 3 trocos (ademais, mentres teñamos liga impar, podemos substituír sen consumir trocos os xogadores do equipo que descanse esa xornada). O obxectivo do xogo é conseguir a maior puntuación posíbel sumando as valoracións que acaden os nosos xogadores no partido que disputen co seu equipo. Que é a valoración? A valoración é o resultado de aplicar unha fórmula matemática moi sinxela na que se suman os aspectos numéricos positivos —puntos, rebotes, asistencias…— e se restan os negativos —perdas, tiros errados, faltas cometidas…—. Se ademais o equipo dese xogador gañou o partido, á súa valoración no xogo súmaselle un 20%. Alén desta clasificación principal, existe tamén a do broker, na que os equipos están listados segundo os cartos que lles quedan en caixa máis o prezo actual dos xogadores do seu cadro.

A importancia do broker

Se todo isto é novo para ti, estarás a te preguntar que é iso do broker. Si, o nome procede do termo inglés para intermediario financeiro. Porén, adquiriu certa polisemia dentro do xogo. Cando falamos do broker que ten un equipo, estámonos a referir aos cartos totais cos que conta: a suma do que valen todos os seus xogadores e o que teña sen usar en caixa. Inda que o interese do broker vai alén da específica de igual nome. Os xogadores, dende o prezo inicial asignado por expertos —que se fixan na calidade da dentadura, o brillo do pelo e movidas inda máis técnicas—, van variar o seu valor en función da valoración. Cal é a relación? A cada punto de valoración correspóndenlle 50 mil euros (isto mudou este curso, antes eran 70 mil). Así, un xogador que custe 500 mil, espérase que consiga 10 de valoración media. Se fai por riba desa cifra, subirá o seu valor, «subirá o seu broker»; se non chega á decena, baixará. Entre xornadas consecutivas o broker dun xogador só pode variar un 15%. Se fai unha moi boa xornada no arranque —poñamos 20—, a súa valoración media —eses 20— estaría moi por riba do seu novo prezo —a alguén de 20 de media corresponderíalle un valor de 1 millón— e tería moi doado volver aumentar o seu prezo un 15% a seguinte xornada sen necesidade dun gran partido.

Os 5 millóns iniciais non abondan para fichar os xogadores que máis valoran.

Estratexia a seguir

Como queremos os mellores connosco, na primeira fase do xogo temos que aumentar no posíbel o noso broker. Canto antes consigamos aumentar o broker, mellor, porque antes poderemos fichar os xogadores que máis valoran. Ademais, nas primeiras xornadas resulta máis doado gañar cartos. Co paso das semanas os prezos dos xogadores estabilizaranse —o seu valor, variando de 15% en 15%, estará á par coa media de valoración— e resultará moito máis complicado gañar broker. Canto dura esta fase de acumulación? Rematará cando poidamos permitirnos formar un equipo cos xogadores máis caros —ou un chisco antes se inda hai xogadores importantes con subas de broker garantidas—. Ata que chegue o momento non poderemos saber cantos cartos se precisarán este ano para dar por concluída a fase de acumulación, cada tempada é diferente. Aí vai de forma condensada unha relación de recomendacións que sigo na creación dos equipos.

Apura o orzamento —mais non a toda costa—: non nos interesa deixar cartos en caixa, porque a ese diñeiro sen usar non lle imos sacar rendemento, non imos gañar broker con el. A idea é formar un equipo inicial que estea o máis próximo aos 5 millóns de euros. Emporiso, se temos que deixar un pouco en caixa —fixemos un límite máximo aproximado duns 120 mil— para formar un equipo máis do noso gusto, é preferíbel a fichar algún xogador no que non confiemos. Na segunda [terceira] xornada xa teremos opcións fiábeis abondo para investir todo.

Primeiro o broker, pero despois a valoración: en fase de acumulación o broker é prioritario, só nos debemos fixar en xogadores que teñan subas doadas. Agora ben, nese grupo de subas favorábeis temos que optar polos que pensemos que van facer boa xornada. Non nos debemos deixar levar porque un xogador precise só un -25 para subir o 15% se ten unha xornada moi complicada por diante, haberá opcións moito mellores que nos garantan cartos e valoración.

Mirar o calendario ten recompensa: a valoración dos xogadores non depende só das súas capacidades, senón tamén dos rivais que teñan en fronte. Hai rivais que conceden máis valoración ca outros e hai opoñentes contra os que non podemos contar co bono do 20% por vitoria. Como temos cambios limitados, se dubidamos entre un par de xogadores, ambos con boa xornada por diante, as boas ou malas perspectivas en próximas xornadas serán as que nos dean a chave para decantarnos por un ou outro.

A pretempada é mentirana: os adestradores fan probas, xógase a outra intensidade, algúns rivais non son de entidade… Porén, por máis que non sexa unha mostra fiel do que debemos esperar neste arranque da liga, é a mostra máis fiábel da que dispomos [e agora tamén contaremos coa información da xornada 1]. Temos que fixarnos máis en tendencias que nos números en si, que xogadores parecen máis en forma, en que posicións cargan o xogo ofensivo, en cales reciben máis valoración… A Supercopa, como competición oficial, ofrece unha visión máis fiábel dos implicados. O acontecido a tempada pasada tamén pode ser unha boa guía para os equipos que non cambiaran moito —por desgraza, a tónica da ACB é que os proxectos muden moitas pezas dunha tempada a outra— e o que coñezamos aos xogadores. Sempre vai haber algún xogador que en pretempada estea a rompela e despois na liga…

As cousas non sempre saen como esperas: inda que esteamos moi contentos co noso equipo, varios dos nosos xogadores poden ter un día malo, lesionarse ou ver unha divindade na torrada do almorzo e deixar o baloncesto para írense predicar a ira do creador. Debemos minimizar os riscos. Adoita ser boa idea saír con máis bandeiras que as catro obrigatorias, para non ter que cambiar necesariamente unha couta por outra se esta falla na primeira xornada. Pola mesma razón, non é mala idea deixar unha praza de extra sen cubrir.

Os trocos gratis teñen gran valor: debemos fixarnos nos xogadores que nos darán cambio gratis na vindeira e incluso nas seguintes. Eses son os xogadores do equipo que vai descansar. Na análise de cada xornada, xusto debaixo do nome dos equipos, podedes ver os próximos rivais. Isto ten un interese especial na fase de acumulación (ao principio do xogo), porque se levamos varios xogadores que serán troco gratis na seguinte, teremos maior marxe para arranxar as cousas que saian mal e garantir moitas subas do máximo.

Cantas máis papeletas…: até este ano non existía limitación de equipos, agora estableceuse en 10 por usuario. Polo xa dito, podes intuír que acertar no arranque non é doado. Trátase do momento de máis incerteza no xogo e comezar ben outórganos unha vantaxe considerábel. Por iso, se esgotamos os dez equipos teremos máis posibilidades de acertar con algún deles. Boa parte dos managers que estaban aí arriba ano tras ano creaban unha gran cantidade de equipos (en algúns casos centos e incluso habería quen chegou ao millar) para garantir bos inicios cuns cantos deles. Aí estaba parte do truco. Tamén había quen facía un só e inda así lograba competir. No meu caso, arredor da decena foi os que fixen o ano pasado, así que a limitación non muda nada.

Trocos durante a xornada: podemos facer cambios durante a xornada até 15 minutos antes do derradeiro. Os xogadores dos equipos que xa xogasen o seu partido (con independencia de que o xogador puidese non disputar ningún minuto) non se poderán cambiar, mais si os dos que aínda estean por xogar (sempre que teñamos trocos sen gastar) e incluso poderemos desfacer substitucións mentres os equipos de ambos xogadores (o que estaba e o novo) aínda non disputasen os seus partidos. Cancelación de trocos coa xornada en xogo: debemos ser coidadosos con isto se non queremos sorpresas. Cando se desfai un troco, o xogador que estaba antes nesa posición debía ser dun equipo que aínda non xogou e ao desfacer o troco temos que seguir cumprindo o mínimo de catro bandeiras, o máximo de dous extracomunitarios e non sobrepasar o orzamento. En caso contrario, non poderemos desfacer o troco.

Selección

Os xogadores van [irán] ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses aparece a valoración que precisa ese xogador para subir o 15% esta xornada.

B

Xogador comunitario (val)

Xogador extra (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador cota (val)

Xogador cota (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador extra (val)

A

Xogador comunitario (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador cota (val)

Xogador extra (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador cota (val)

Xogador cota (val)

Xogador extra (val)

Xogador cota (val)

P

Xogador cota (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador cota (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador extra (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador extra (val)

Xogador comunitario (val)

Xogador extra (val)

Tomade isto como o que é: a análise que fago da xornada para realizar os meus propios trocos. Non son un experto nin moito menos, nos últimos anos adoito estar polo Top 500.

Valencia – Andorra

(23, 19:00)

@MAN, @BET | UNI, JOV

Aquí irá a análise deste encontro.

Bilbao – Canarias

(23, 21:45)

@FCB, OBR | @MUR, gratis

A marcha de Lammers réstalle potencial ao Bilbao Basket, pero engádelle atractivo a Balvin, que xa foi un pivote destacado o curso pasado. O checo terá máis minutos, participará máis no xogo ofensivo e o Canarias non destaca pola súa defensa interior. A viaxe ao Blaugrana é o que non lle permite estar máis arriba na listaxe. Rouselle, como xa vimos a tempada pasada trala marcha de Bouteille, está chamado a ser un dos líderes dos de Mumbrú.Vai xogar moitos minutos, fixo un gran debut e estivo a gran nivel a última vez que se enfrontou a Huertas; ademais está bastante barato. Con Hakanson, que tamén destacou na primeira xornada, o mellor é agardar a ver se agora por fin se volve un xogador máis consistente. Non foi o caso dos últimos anos, vímoslle algúns picos en encontros nos que se atopaba con confianza, pero a maioría foron actuacións discretas. Kulboka é un xogador en crecemento, xa deu bos partidos a tempada pasada e nesta debería facelo aínda con máis asiduidade. Sae a un prezo accesíbel, pero co Barça na vindeira tamén agardaría polo de agora.

Murcia – Estudiantes

(24, 19:00)

CAN, @BAS | BAS, @FUE

Por segundo ano consecutivo, Avramovic foi dos máis destacados na pretempada. O curso pasado non referendou esas boas sensacións e acabou saíndo do Unicaja rumbo Madrid. Neste debut tampouco colmou as expectativas; porén, teño poucas dúbidas de que vai ser un dos xogadores máis importantes no Estudiantes, seguro que será opción ao longo da tempada, e mellorou bastante na segunda metade despois dun comezo desastroso. O problema é que sae a un prezo moi alto, para manterse precisa facer case o dobre da súa valoración media do curso pasado. Non descarto que poida rematar na vintena xa esta semana (na pretempada foise á trintena contra o Murcia), se queremos arriscar podemos pensar nel, pero xa sabemos que o inicio non é o momento de asumir grandes riscos (un erro custaríanos moitos cartos). Jackson, que está moi barato para un xogador referente, tivo aínda peor debut (fallou incluso un par de bandexas) e ademais vén dunha pretempada irregular. Todos lembramos a súa etapa anterior no Estu, non podemos esperar que se asemelle a aquela versión (non parece estar en forma nin con confianza), cando menos polo de agora, pero vai xogar na trintena de minutos por partido e o equipo precisa que dea xa un paso á fronte para evitar comezar con dúas derrotas. É un risco que nos faría menos dano de saír mal (foise á vintena no único encontro que xogou a domicilio na pretempada). Pode ser unha forma de diferenciación. O que si tivo un bo debut foi Cvetkovic, rematou coa mellor valoración no Estu: anotou e asistiu. Con broker acumulado sería moi recomendábel, como comezamos de cero, é só unha opción máis a considerar. Non é o base máis fiábel, a súa valoración adoita flutuar, aínda que chegou a 7 de valoración na pretempada sen sequera anotar; a pouco que sume algúns puntos, debería lograr subilo todo porque está a un prezo accesíbel. D. Giedraitis comezou moi entoado a tempada e seguro que este ano medra, pero será moi difícil que repita o do Manresa; en principio semella que foi algo puntual. No xogo interior do Estu non vexo ningunha opción moi atractiva de saída, aínda que seguro que Brown, Delgado e Arteaga terán o seu momento.

Manresa – Obradoiro

(24, 19:00)

VBC, @UNI | BET, @BLB

Ambos equipos montaron unha tempada máis equipos sólidos con ben pouco. Aínda que por sorte Pérez non ten que arrastrar o broker da primeira e será complicado que repita un encontro desastroso, non fixo grandes partidos o ano pasado contra o Obra e non ten unha suba doada (está só un punto por debaixo da súa media do curso pasado). O mellor é agardar (se nalgún equipo queremos arriscar, pode ser unha forma de diferenciación porque tralo negativo poucos managers confiarán nel). Mason é un tirador fabuloso, pero precisamente pola súa dependencia do acerto de tres non resulta o xogador máis atractivo neste momento da tempada. Os máis interesantes no Manresa son bandeiras. Rafa Martínez regresou para liderar, achega un pulso fiábel que vai resultar fundamental nos encontros disputados (como así demostrou na xornada inaugural); aínda así, é complicado que valore ben nun mal día no lanzamento. Jou semella que vai dar un paso adiante. Fixo unha gran preparación e foi o mellor no debut. É un xogador de equipo, achega intensidade, rebote e agora medrou o seu peso ofensivo. Pedro Martínez ten confianza nel, contará con moitos minutos e está regalado. Vai ser dos máis mercados no inicio, por iso non vai marcar diferenzas, mais si que resulta de gran axuda para equilibrar os equipos. Por último temos a Hinrichs. Completou unha boa preparación, non adoita cometer erros e ten unha suba accesíbel. O malo nos do Bages é que despois venlles un calendario moi duro.

Fuenlabrada – Baskonia

(24, 21:45)

gratis, EST | @EST, MUR

Aquí irá a análise deste encontro.

Unicaja – Barça

(24, 21:45)

@AND, MAN | BLB, GBC

Aquí irá a análise deste encontro.

Betis – Joventut

(25, 19:00)

@OBR, VBC | RMA, @AND

Aquí irá a análise deste encontro.

Burgos – Gran Canaria

(25, 19:00)

@GBC, @ZAR | @ZAR, RMA

Aquí irá a análise deste encontro.

Madrid – Zaragoza

(25, 21:45)

@JOV, @GCA | GCA, BUR

Eu pensaba que como o Facu semella que vai saír esta mesma tempada para a NBA, rotaría menos que en anos anteriores… pero xa descansou no debut. Na Supercopa vimos que tanto Campazzo como Deck e Abalde teñen unha marcha máis neste inicio, pero a rotación de Laso é tan grande que para o SM o Madrid apenas ofrece opcións fiábeis (teremos que estar moi pendentes da última hora cada semana co seu partido). O único que semella un pouco máis interesante, porque aí o equipo non ten tantas alternativas, é Tavares. Aínda así, creo que está lonxe do seu mellor momento de forma e sae a un prezo considerábel. Se temos as bandeiras cubertas, creo que hai opcións abondo nos pivotes como para ter que pensar nel. Se Laprovittola quedase fóra neste partido (foi o mellor valorado no debut), Campazzo tería moi boas opcións, mais non podemos pensar nel a máis dunha xornada e iso no inicio da tempada é problemático.

Liga privada

Neste cuarto ano publicando análises semanais sobre o SM (quen contaba), decidín crear unha liga privada para competirmos a xente que ledes estes artigos decote e quen os escribe. É de valoración sen máis e cun equipo por persoa, tedes até o 23 para vos inscribir.

Liga Andrómenas

Código: C8AUMWPFG

Para vos unir tedes que ir ao apartado Clasificación (que está no menú inferior da aplicación), picar en Crear o unirme a liga, desplazades á esquerda para que apareza Unirse a otra liga e dádeslle a Seleccionar. Aí tedes que poñer o código de arriba, Continuar e despois elixides cal dos vosos equipos queredes que participe na liga.