O SuperManager comezará á fin coa xornada 10. Levaba varias tempadas (dende a 17-18) escribindo artigos cada semana sobre o xogo, mais até aquí chegou. Non teño a motivación para retornar con este reinicio precipitado. Houbo un silencio absoluto durante estas seis semanas des que o pospuxesen indefinidamente; agora anuncian que regresa con tres días de antelación, cunha web do xogo que segue sen estar operativa e con toda a incerteza da pandemia. No inicio da tempada xa perdín unha morea de horas en preparalo todo e en analizar para nada boa parte das dúas xornadas inaugurais. Se avisasen dunha semana para a outra (e funcionase a web do xogo), aínda faría o esforzo por me organizar (sabendo que a ACB pode cancelarse en calquera momento), mais con esta marxe é inviábel todo o que supón se lle sumamos a desconfianza que me producen os responsábeis do xogo: non me estrañaría que volva acontecer como nos dous intentos anteriores e o xogo acabe fallando. Abráiame que unha competición como a ACB teña unha comunicación tan nefasta e que desprezasen un xogo que fomentou de maneira notábel o seguimento da competición. Síntoo por todas as persoas que liades estes artigos cada semana, mais desta volta non pode ser. Deica outra ocasión máis propicia.