É o blog persoal de Miguel R. Fervenza. Moi primeiro lustro do presente século, seino; arcaico, sen perverter, enxebre coma a empanada de millo. Alén dos meus escritos, será unha escolma de toda a porcallada que teño no caletre heteroxénea de inquedanzas. Primarán os contidos culturais: a literatura, o cinema e os videoxogos.

A ficción, que é como a micción mais ouriñada dende o maxín, será habitual nos artigos. O título do blog é honesto abondo sobre o que un pode esperar do sitio. Se queredes rigor ou información, ídeos procurar nos perió… de acordo, non sei onde podedes recorrer, mais este segue sen ser ese lugar. Aquí teredes opinións parciais, tendenciosas, coléricas ás veces, sempre andromeneiras. Cando fale de libros haberá días nos que non vos diga nin de que van, marcharedes sen saber como é a interface dalgún dos videoxogos ou a escola que se segue na montaxe dos filmes. Cada artigo terá o enfoque e o ton que me saia, e se cadra conta exactamente o contrario do que estás a entender; teno en conta. Pasareino ben escribíndoos e iso debería repercutir na vosa lectura, incluso cando non vos interese o obxecto do artigo.

Falarei tamén do que vaia escribindo de meu, só faltaría! Traerei aquí algún dos relatos antigos, tereivos ao día de Denantes e spamearei como cómpre os novos traballos.

Ademais dos artigos sobre as obras de outros e a miña literatura, podedes esperar toparvos —ídesvos atopar— con calquera cousa. Ata incluso algún escrito serio.