Un SuperManager diferente

A da Copa é unha edición independente do SuperManager con certas particularidades. Os prezos dos xogadores, que son os que tiñan no SuperManager da liga a semana pasada, non mudarán durante o evento, polo que o broker queda excluído (se nunca xogastes ao SuperManager e non entendedes nada do que estou a dicir, podedes ler o artigo no que explico de que vai o xogo). Temos un orzamento humilde de 9 millóns (a última xornada, o equipo do blog custaba máis de 14 millóns, para que se entenda a magnitude) e os 3 cambios cos que contaremos tras cada rolda obrígannos non só a tentar acertar que xogadores valorarán ben, senón tamén que equipos avanzarán no torneo. Cobra unha importancia capital a táctica e tamén, por que non dicilo, os managers que creen moreas e moreas de equipos —calquera pode facelo— terán incluso moita máis vantaxe da habitual na disputa da xeral. Por esas características peculiares, un orzamento demasiado axustado e a necesidade de basearnos en xogadores que creemos que van avanzar no campionato, non darei a habitual listaxe ordenada de xogadores interesantes que abranga o total da primeira rolda. Analizarei os cuartos partido a partido. Despois desa análise da xornada, falarei un pouco das estratexias a seguir e elaborarei o equpo do blog. Coma sempre, advirto que non son un experto no tema. Non paso de ser un xogador mediocre de SM, por máis que conxunturalmente este ano leve a maior parte da tempada dentro do Top 25 da xeral —21º nestes momentos— nun dos meus equipos. Aquí conto como vexo as cousas e como vou operar, por se a alguén lle serve de axuda. O cadro da Copa é o seguinte:

vALENCIA BASKET – Canarias

O favorito da eliminatoria é claramente o Valencia: segundo clasificado na ACB e finalista da última edición da Copa, gañou tamén na terceira xornada ao Canarias en La Laguna nun partido moi disputado (67-70). É de supoñer que, pola proximidade xeográfica, os tinerfeños teñan unha boa representación nas gradas.
Bases
O Valencia é a 9ª mellor defensa dos bases e o Canarias a 6ª, mais nas últimas xornadas os taronjas andan a conceder bastante menos valoración dos bases rivais. Non parece un partido intersante para pensar nos bases de ningún dos dous equipos, falarei dun xogador por equipo por comentar algo, pero non hai nada que rascar.

>800 mil €

Esta mesma fin de semana regresou no Valencia Sergi García, único base dispoñíbel no cadro taronja. Chega con pouco ritmo de competición —só xogou dous partidos na ACB des que fichara polo Valencia, ambos tras lesión— e con poucos motivos para pensar nel —0 e -2 nos seus partidos de laranxa—. Ten un bo precedente contra o Canarias, un 28.8 —o seu tope da tempada—, mais foi cando estaba no Zaragoza, onde era un xogador con máis importancia e estaba en mellor momento de forma. Ademais, polo seu bo papel no equipo aragonés, está moi caro para o que pode ofrecer. Non o contemplo nin como opción de risco.

300-800 mil €

Rodrigo San Miguel é máis relevante no seu equipo do que indican os números, mais neste xogo iso non importa. No partido de liga fixo un 1 de valoración. Inda que estea barato, tampouco parece unha opción a contemplar, o máis probábel é que nin se achegue aos 10 de valoración —promedia 8 este ano—. Na edición pasada da copa, en 27 minutos valorou un -2 contra o Baskonia. Nalgún equipo no se queira arriscar moito e cubrir opcións pouco populares, poderíase apostar por el pensando en que poida facer preto dun 15 —semella moi pouco probábel—, como fixo este ano contra o Unicaja ou o Baskonia na ACB.
Ás
Esta posición xa ofrece opcións moito máis interesantes. Neste partido participan varias das ás máis relevantes da tempada no SM. Ambos equipos son dos mellores defensores das ás.

>800 mil €

Haberá moitas miradas pendentes de Ponitka nesta Copa, varios dos pretendentes de Euroliga para a próxima tempada quererán ver como se desenvolve na máxima esixencia dunha competición coma esta e el devecerá por demostrar o bo que é tras un nefasto partido contra o Madrid na última xornada da ACB. É a á máis valorada do ano —e por tanto a máis cara— e na liga xa fixo un 22 contra o Valencia. Pode facelo moi ben, mais só parece interesante para un partido —inda que o Canarias consiga gañar—. Se pasa de rolda, contra o Madrid non semella boa opción —13 e -1 contra os brancos en liga, o negativo de esta última xornada— e contra o Unicaja, que é unha defensa media, tivo outro dos seus peores partidos do ano: 2.4.
Erick Green chega en bo momento á Copa: en 3 das últimas 4 xornadas de liga superou a vintena —27.6 a pasada fin de semana— e na Euroliga superou a decena en 7 dos últimos 8 —23 a semana pasada—. No partido de liga contra o Canarias fixo un 22.8. Contra o Real Madrid fixo un 12 en liga e un 15 na Euroliga e contra o Unicaja un 18 en Euroliga —en ACB, no partido aprazado que non computou para o SM, fixo un 3 en Málaga no seu momento máis baixo da tempada—. Non pinta mal nin a un nin a dous partidos.
San Emeterio xa xogou bastante a fin de semana nun partido no que gañaron de forma cómoda, o seu xeonllo non debería supor un problema en Gran Canaria. Está a ser a bandeira máis fiábel do ano nas ás: 21 de media esta tempada no SM e superou a decena en todos os partidos. Non xogou en liga, por lesión, contra ningún dos seus posíbeis rivais de cuartos e semis, en Euroliga fixo un 15 contra o Madrid —mesma valoración que na final de Copa do ano pasado—. Un seguro. Podemos esperar que cando menos cumpra e inda resulta máis valioso pola súa condición de cota, o gran problema é o seu prezo, demasiado alto para os poucos cartos que temos para armar equipos.
Se queremos arriscar moito e diferenciármonos buscando xogadores pouco habituais que poidan achegarse á veintena nun bo día, Joan Sastre é mellor opción do que poida parecer. Dúas xornadas atrás, fixo un 20.4 —contra o Betis, iso si— e no partido de liga contra os canarios sumou un 13.2. A súa bandeira tamén é un valor a ter en conta. Fixo 13 contra o Madrid en liga.

300-800 mil €

Ata a lesión, a tempada pasada Javi Beirán estaba a ser un dos xogadores máis importantes do SM. Este ano non está a acadar ese nivel, mais nas últimas xornadas semella atoparse no mellor momento do ano: catro xornadas sen baixar da decena e un 23 contra o Madrid a fin de semana. É cota e está a prezo asequíbel. Contra o Valencia en liga fixo un 7 e un 0 contra o Unicaja.
Abalde contra o Canarias xogou o seu partido de debut na ACB co Valencia, só 3 minutos e -1 de valoración, dato nada significativo. Nos últimos 7 partidos superou a decena en 4 deles. Se pasa, contra o Madrid fixo un 7 en só 11 minutos no seu segundo partido da tempada e un -4 nos mesmos minutos en Euroliga, mentres que contra o Unicaja fixo un 15 en Euroliga e un 4 en ACB. É un dos xogadores que está a axudar no posto de base e ten puntos nas mans. Polo seu prezo e bandeira podemos consideralo como unha opción de certo risco para completar os nosos equipos.
Rafa Martínez lonxe de Valencia está a render moito peor que na casa e o Canarias é unha boa defensa tanto dos dous coma dos uns. Fixo un -3 en liga, mais entón o Valencia si que tiña dous bases dispoñíbeis, e el está a rendir moito mellor cando só teñen un. Para cuartos non parece interesante, se pasa, ten un 20 —ao que habería que sumar o bono— en Euroliga en Málaga e un 10 na ACB. Incluso coa intención de diferenciármonos, non semella unha gran opción.

<300 mil €

O veterano estadounidense Davin White non está a tan bo nivel como o ano pasado. Porén, é unha opción moi barata, nun día inspirado pode chegar a superar a decena —dos últimos catro, en dous fixo máis de 10 e nos outros negativo— e non é dos xogadores que se escondan cando a bóla queima. Contra o Valencia Basket fixo un negativo este ano, tamén contra o Madrid e contra o Unicaja un 3.6. Opción de risco para completar equipos nos que gastáramos case todo o orzamento noutros xogadores.
Pivotes
Para variar, por dentro os dous tamén defenden ben. O partido ofrécenos algunha que outra opción interesante en distintos niveis de prezo.

>800 mil €

Bojan Dubljevic postúlase como un dos xogadores da Copa. Regresou con forza da lesión: 23 no partido da Euroliga e 22.8 no da ACB —co bono por vitoria, claro—. Trátase dun dos mellores interiores da ACB e é o momento de demostralo: na edición anterior valorou 32, 13 e 31 nos tres partidos que levaron o seu equipo ao subcampionato. Como non tivo moita continuidade este ano polos problemas físicos, está bastante barato para o que é.
O ex-taronja Mike Tobey comezou moi ben a tempada, mais ao final non resultou ser un pivote tan relevante para o SM como apuntaba. Ademais non chega no seu mellor momento: nas seis últimas xornadas só superou nunha a decena —e cun 12—. No partido de liga fixo un 13 contra o Valencia, 9.6 con Unicaja e 14 e 9 contra o Madrid. Semella moita mellor opción o seu compatriota do que falo a seguir.

300-800 mil €

Tim Abromaitis é unha opción moi interesante. Vén tras dúas boas xornadas, en liga contra o Valencia fixo un 17 e contra o Madrid, na última xornada, un 34 —un 12 na ida—. Se o que pasa é o Unicaja, ten un precedente máis modesto: 8.4. Oferce moi boas perspectivas para un xogador de prezo medio.
Se queremos xogar á ruleta, Fran Vázquez pode ser unha opción. Tanto pode valorar moito en poucos minutos e darnos un pico —34.8 no seu último partido hai dúas semanas— e unha bandeira por moi poucos cartos, como, máis probabelmente, quedar en menos de 5 de valoración —algo que fixo en 12 ocasión neste ano—. O día que lle saen as cousas pode rebotear e taponar como a elite, e se lle une algúns puntos xa ten unha boa valoración, mais o certo é que os poucos partidos nos que valorou ben este ano foi contra as defensas máis febles. Nin o Valencia nin ningún dos posíbeis rivais, se avanza de rolda, están entre esas peores defensas da ACB. Perdeuse a última xornada da ACB por unha gripe, haberá que ver se chega e en que condicións.
Aaron Doornekamp está a ter un comportamento moi irregular: nos últimos dez partidos tivo 3 boas valoracións e 7 por debaixo da decena. Está a funcionar moito mellor cotra as peores defensas —coas que non se vai atopar na Copa—. Opción pouco fiábel.

<300 mil €

Mamadou Niang é bandeira e está moi barato. Case nunca chega á decena de minutos xogados e só superou os 10 de valoración en dúas ocasións este ano. No partido de liga contra o Valencia nin sequera xogou. Só para managers que precisen un xogador moi barato e que sexa cota para completar algún equipo. Se Fran non chega, será un chisco máis interesante —tampouco moito—.

Real madrid – unicaja

O favorito, para gañar a eliminatoria e a Copa, é o Real Madrid. O Unicaja está no mellor momento da tempada e xa lle gañou unha vez aos brancos este ano —en Málaga na Euroliga—, co que non debería ser un camiño doado para os de Laso. Porén, segundo as casas de apostas, é a eliminatoria máis descompensada, a vitoria dos malagueños págase máis que a de calquera outro dos equipos de cuartos. Consultei nas casas de apostas quen son os favoritos de cada eliminatoria porque as súas estimacións adoitan ser fiábeis —niso se basea o seu negocio—. O Unicaja, como dicía, gañou un dos enfrontamentos e o Madrid dous, un na ACB e outro na Euroliga. Todo vitorias locais. Os triunfos do Madrid foron claros e o do Unicaja venceu por só 5 puntos. O Madrid gañou as últimas 4 edicións da Copa e 5 das últimas 6.
Bases
En liga, o Real Madrid é a 2ª mellor defensa dos bases e do Unicaja é a 5ª. Os bases do Madrid valoraron, en conxunto, 33 por partido e os do Unicaja só 13.

>800 mil €

Luka Doncic afronta a súa última edición da Copa antes de dar o salto á NBA. Moitas franquías terán enviados en Gran Canaria para seguir o desempeño do crack esloveno, que loita polos primeiros postos do próximo draft. Os seus minutos en boa lóxica van subir e tamén debe asumir a responsabilidade. Ten que ser a súa Copa, como a de 2001 foi a de Pau ou a de 2008 a de Rudy antes de partiren ambos tamén á NBA. Ten un prezo prohibitivo para o noso exiguo orzamento, inda así, debería pagar a pena a inversión.

O Facu chega no mellor momento do ano: 24, 32 e 28.8 nas tres xornadas previas á Copa. Porén, os precedentes  de Campazzo co Unicaja non manteñen o nivel de euforia, só nun dos tres partidos superou a decena, e foi un 13. Podemos consideralo polo seu momento actual, mais no seu rango de prezo hai outras opcións con mellores perspectivas.

300-800 mil €

Ray McCallum non está a dar o nivel que se esperaba del. Na ACB moveuse a maioría do ano por debaixo da decena e só acadou a vintena en dous partidos, un deles contra o Madrid —nos de Euroliga fixo un 0 e un 13—. Non nos ofrece ningunha garantía, mais o bo que ten é que se trata dun dos poucos xogadores de prezo similar que nun día inspirado pode achegarse á vintena, aínda que o normal é que se quede en bastante menos. Veremos se tenta reivindicarse nunha competición con tantos focos como a Copa. Contra o Valencia ten un 15.6 en liga e en euroliga un 15 e un 5. Opción de risco que se pode contemplar polas apreturas económicas e en equipos que procuren a sorpresa.
A importancia de Alberto Díaz no xogo do Unicaja non ten tradución nas súas estatísticas. Será un xogador fundamental para que o Unicaja teña opcións de derrotar o Madrid e xogará un bo número de minutos, mais non podemos esperar nada da súa valoración: dous negativos e un 8 nos partidos contra o Madrid deste ano. Se pasa a eliminatoria, ten no seu historial un 14 en liga contra o Canarias e un 2.4 contra o Valencia. Nin sequera a súa bandeira o volve interesante.
Ás
O Madrid é a segunda mellor defensa das ás e o Unicaja é unha defensa media, iso fai que as opcións máis interesantes estean no equipo branco.

>800 mil €

Semellaba que esta tempada Nemanja Nedovic ía ser dos xogadores que máis ían dar que falar na ACB, pero non. Está a se amosar moi irregular e en ACB non cumpriu contra ningún dos aspirantes. Curiosamente, en Euroliga si que está a dar o nivel e valorar moi ben, superou a decena na maior parte dos partidos, incluídos os últimos 6, un deles un 16 contra o Madrid. Que versión veremos, a da ACB ou a da Euroliga? Se é esta última, está tirado de prezo; para o que estamos vendo na ACB, suporía inverter unha parte substancial do orzamento nun xogador pouco fiábel. Moitas incógnitas con el. Interesante para equipos que busquen a sorpresa.

Jaycee Carroll chega nun momento doce á competición. O mellor tirador da ACB leva unha media de valoración por minuto moi boa nos últimos partidos. Porén, nestes encontros tan complicados que veñen, creo que serán outros perfís, como o de Rudy, os que gañen en protagonismo, Laso precisará ter en cancha os seus mellores defensores máis tempo e serán outros xogadores como Doncic, o propio Rudy ou Randolph os que asuman maior protagonismo ofensivo. Así que a min paréceme bastante menos interesante para a Copa do que poida parecer. Na edición do ano pasado sumou un -1, un 4 e un 10. Ten a capacidade de dinamitar os partidos en calquera momento, así que pode facer algunha gran valoración na Copa e ser interesante para os que busquen a sorpresa. De feito, o seu tope do ano foi contra o Unicaja —32.4—, nun partido no que Rudy non chegou a 10 minutos de xogo. Eu creo que hai outros exteriores que ofrecen mellores perspectivas.

300-800 mil €

O ano pasado, por momentos, a carreira de Rudy Fernández semellaba rematada. Víaselle moi mal de físico e apenas podía aportar pola súa boa colocación defensiva. Este ano está a ser diferente, véselle moito mellor e Laso dosificouno durante a tempada para que chegue en plenitude a momentos coma este. Nos últimos 7 partidos de liga superou a decena en 5 con só 17 minutos de promedio en pista. A última xornada non a xogou por un leve problema no nocello que non terá repercusión na Copa. Chegou o seu momento. É a súa competición —gañou 3 veces o MVP da mesma, máis ca ningún outro—. Terá un rol importante no equipo, pode aportar en varias facetas, está a un prezo moi interesante e ademais é bandeira. Do máis recomendábel.
O ex-madridista Dani Díez, que hai uns anos apuntaba máis alto do que lle estamos a ver —xogar 15 minutos de media no Unicaja non é pouca cousa—, non chega en mal momento á Copa. Mais a todo canto pode aspirar é a facer a valoración que dita o seu prezo nun gran día: uns 8 ou 9. Se precisamos moito a bandeira, apostamos polo Unicaja e nos conformamos con esa valoración como tope, á que se cadra chegue pola motivación extra, podemos pensar na súa inclusión. Nin o Madrid nin os posíbeis rivais de semis son favorábeis para el.
Jeff Taylor desenvolve un papel de especialista defensivo no Madrid, na Copa vanse enfrontar a grandes equipos e a bo seguro que terá os seus minutos en cancha, algo que non será habitual noutros xogadores dun prezo similar. Contra o Unicaja fixo dous setes en Euroliga, de repetilo, estaría un chisco por riba do que corresponde ao seu prezo. Porén, semella que podemos conseguir combinacións mellores con outros xogadores para os cuartos. Máis adiante, sempre que o Madrid siga en competición, cando haxa menos opcións entre as que elixir, si que pode adquirir interese. Terá os seus minutos e outros compañeiros centrarán a atención das defensas rivais, polo que se aproveita os tiros librados, terá certas opcións de valorar nalgún partido sobre a decena, algo que non será habitual en xogadores do seu rango de prezo.

<300 mil €

Falo de do serbio Milosavljevic porque custa moi pouco e nos partidos da Euroliga contra o Madrid xogou bastantes minutos, incluso nun fixo un 13 de valoración. A pouco que xogue, se apostamos polo Unicaja, paga a pena a este prezo. Non podemos esperar grandes cousas del, pero permitiríanos inverter noutros nomes.
Pivotes
Ao longo da tempada, o Madrid non estaba a ser mal cliente para os pivotes rivais e o Unicaja era un defensa bastante dura. A cousa inverteuse, o Madrid mellorou ata mudar no segundo que menos valoración interior recibe tralo Valencia nas últimas xornadas e o Unicaja, nese período, empeorou ata situarse como terceiro que máis valoración concedeu. Non ofrece opcións de interese alén do rango de prezos máis altos, agora que Thompkins coa volta de Randolph perdeu protagonismo.

>800 mil €

Coa Copa chega o momento de Randolph. O xogador con pasaporte esloveno comezou a tempada de maneira inmellorábel e despois tivo que estar paradao moitas semanas a causa das lesións. Na última xornada xa comezou a coller ritmo con 25 minutos xogados e 12 de valoración SM para chegar con un pouco máis de ritmo á súa competición: o ano pasado superou os 25 de valoración nos tres partidos, foi un dos máis destacados no título do Madrid. Gústanlle este tipo de eventos e está a un prezo asequíbel para un xogador da súa calidade. É unha das opcións máis atractivas xa dende cuartos. Contra o Valencia, fixo un 24 en liga.
Gio Shermadini está a ser outra vez un dos pivotes de referencia do xogo. Nas últimas xornadas fixo puntuacións moi altas en todas —agás na única na que o fichei—. Non vaia ser un partido doado para el —15, 1 e 12 son os precedentes contra o Madrid este ano—, pode cumprir en torno á quincena, que se axusta ao seu prezo se apostamos polo Unicaja. Contra o Canarias fixo un 10 en 13 minutos e contra o Valencia un 13.2 en 16. Neste tipo de partidos sempre hai que contar coa posibilidade de que Plaza decida darlle máis relevancia a Augustine polo aspecto defensivo.
As expectativas con Edy Tavares diminuiron nas últimas xornadas —8 e 12, esta última contra o Canarias, posíbel rival se vencen ao Unicaja—. O único antecedente cos malagueños foi un 6 na Euroliga. Contra o Valencia Basket fixo un 17 en 15 minutos en Europa. Haberá que ver como lle afecta o aumento de minutos e responsabilidade de Randolph. A súa bandeira é un valor estimábel. Para a xornada inaugural creo que hai pivotes abondo que ofrecen mellores perspectivas, despois, se o Madrid avanza, e xa coa referencia do partido co Unicaja, será o memento de sopesar a súa entrada.
Con Felipe Reyes a dúbida está máis en se contará con minutos abondo que en si o fará ben neses minutos —ten unha media moi boa de valoración por minuto—. Este ano contra o Unicaja ten dous setes e un dez de valoración, que está por debaixo do que dicta o seu prezo. Como no caso de Tavares, non me parece mala idea deixar pasar o primeiro partido e ver que papel lle outorga Laso. Se se atopan co Canarias, os precedentes están do seu lado: 18 na última xornada e 31.2 —tope do ano—.
Carlos Suárez está a valorar ben este ano e a súa bandeira outórgalle atractivo se imos co Unicaja. Contra o Madrid ten un 15 en 16 minutos en liga e dous partidos en Euroliga con escasa participación e valoración. Se se enfronta ao Valencia, ten un bo precedente en liga, 21.6, e dous partidos máis discretos en Euroliga. Para o prezo que ten, non ofrece demasiadas garantías para este primeiro partido.

Gran canaria – Fuenlabrada

Aínda que o cabeza de serie sexa o Fuenlabrada, o favoritismo cae no Gran Canaria, anfitrión da edición, que xa fixo moi bo papel —eliminando ao Real Madrid— na Supercopa deste ano, disputada tamén na súa cancha. Temos un precedente fresquiño na última xornada, na que o Gran Canaria se impuso de maneira moi clara a domicilio e xa gañara tamén de forma clara na casa na primeira volta. Non só os antecedentes desta tempada están en contra dos de Néstor García, senón que neste Gran Canaria Arena sempre perdeu, e por máis de dez puntos.
Bases
Ningún dos dous equipos destaca polas defensas dos uns, así que é un partido idóneo para pescar algo nesta posición, mais os bases do Fuenla non ofrecen nada interesante: Rupnik, que apuntaba a un ano de confirmación diluíse e conta con moi poucos minutos, e Vargas si que está a xogar bastante inda que sen relevancia para o xogo.

>800 mil €

Albert Oliver comezou moi ben o ano, mais, é lóxico pola súa idade, non puido manter ese nivel e ademais vén de saír dun tempo lonxe das canchas por lesión. Non é unha opción descartábel ao cen por cen pola súa bandeira, mais hai outras opcións de maior atractivo. Ten un
De Gal Mekel esperábase moito máis do que está a dar. Só deixou algún partido interesante en Europa e pouco máis. Como está barato, pode contar para algunha aposta de risco para os cuartos se cremos que a Copa é un bo escenario para que se reivindique ante a súa afección.

300-800 mil €

Os tres partidos de Radicevic des que chegou para reforzar o xogo exterior dos insulares abondaron para deixar claro que Casimiro ten confianza nel. Vén xogando cando menos 15 minutos por partido. Está a moi bo prezo e no recente partido contra os de Néstor García rematou cun 16.8 en 20 minutos que lle outorga moito atractivo para o partido de cuartos. Se pasa de rolda, a cousa xa estará máis complicada.

Ás
Os dous equipos son dúas defensas medias das ás e o Fuenlabrada concentra nela a súa valoración: os catro xogadores máis valorados do equipo este ano xogan aquí.

>800 mil €

A Copa chega nun gran momento para Seeley. O xogador norteamericano está a liderar aos canarios e vén con 20.4, 25.2 e 18 —este contra o Fuenla— nas tres xornadas previas. Está a un precio ben interesante para o seu momento actual. Se a súa condición de extracomunitario non nos supón un problema, semella das mellores opcións para os cuartos. Os antecedentes contra o Barcelona e o Baskonia están afastados abondo no tempo para que non sexan relevantes —agora é un xogador moito máis importante que entón—.

As opcións do Fuenlabrada pasan polas mans do seu líder, o veterano croata Popovic. Precisan da súa mellor versión para disputarlle o pase ao Granca. Os precedentes non están con el, nin a semana pasada nin a ida valorou ben contra os de Casimiro.

Algo mellores, mais non abondo para o seu prezo, son os precedentes de Eyenga: fixo 11 en ambos encontros contra os insulares. Se non podemos ser moi optimistas cos dous referentes do Fuenla, canto mais co resto.

300-800 mil €

A bandeira de Rabaseda e o seu bo prezo fan del unha opción moi atractiva agora que pasa por un bo momento: 3 partidos dos últimos 4 por encima dos 10 de valoración e 2 deles na vintena. Cando menos para cuartos, pinta moi ben —24 de valoración nesta última xornada contra o Fuenla—.
Como opción de moito risco podemos pensar no arxentino Brussino. O ex-NBA, que inda non lle colleu o pulso á competición, terá ganas de demostrar do que é capaz nesta Copa ante os enviados dos equipos da liga estadounidense.
Pivotes
Ningún dos dous equipos son bos defensores interiores, mais o Fuenla ten aínda máis problemas para conter os pivotes. Os de Néstor García non teñen ningún interior relevante a estas alturas (O’Leary, que comenzara moi ben a tempada, baixou as súas prestacións) e no Granca algo hai que rascar.

>800 mil €

O xogador que ofrece maior fiabilidade, en especial nun evento no que exercen como locais, é Balvin. O xogador checo chega tras un último mes no que non baixou dos 15 de valoración e o Fuenlabrada ten poucos argumentos para detelo. Non ten malos precedentes tampouco contra os posíbeis rivais de semis: 14.4 contra o Baskonia e 24 contra o Barça. Opción ben interesante.

300-800 mil €

Pablo Aguilar é unha opción de risco pola súa irregularidade: nas últimas catro xornadas tivo dous partidos nos que fixo mala valoración e outros dous por riba da vintena. Porén, a súa bandeira e prezo económico outórganlle interese para os cuartos —a pesar do 0 contra eles a pasada fin de semana—. Para semis ofrece inda máis dúbidas, porque os precedentes contra Baskonia e Barcelona non son bos.

O letón Pasecniks está a levar unha tempada bastante por baixo das expectativas. A súa proxección e a visibilidade que outorga a Copa fan que poidamos pensar nel como opción de moito risco para diferenciármonos, esperando que dea o mellor de si ante os enviados da NBA. Hai un par de xornadas deu un pico contra o GBC.

Barça – Baskonia

Nos últimos tempos o fado desta eliminatoria non semella estar tan claro como hai unhas semanas, cando os vitorianos aplastaron o Barça no último partido de Sito Alonso como adestrador culé. O Baskonia segue a ser o favorito, porén, os cambios no Barça e as ganas de reivindicarse de moitos dos seus xogadores fan desta a eliminatoria de prognóstico máis incerto.

Bases

Nas últimas xornadas ningún dos dous equipos están a defender ben a posición de un, así que o partido ofrece opcións de interese.

>800 mil €

A última xornada vimos a mellor versión do francés Heurtel xa sen Sito no banco. Ten un moi bo precedente na primeira xornada da ACB contra os Baskonistas, no que é o seu tope da tempada —34.8—.  Con Pesic seguirá a ser un xogador fundamental para Pesic e este ano foi do máis consistente nun Barcelona moi por baixo do esperábel. Debería ser un dos bases máis relevantes da competición.

Unha bandeira e irregularidade ofrece Jay Granger. O xogador uruguaio este ano foi capaz do mellor e do peor e ten que ser un dos xogadores que tiren do carro do Baskonia. Os precedentes contra o Barça están por baixo do seu custe. Se avanzan, o 32 de valoración contra o Granca en liga e a amabiliade da defensa insular fan del unha opción moi interesante para as semis no caso de que se atopen.

300-800 mil €

En mal momento chega Marcelinho. Porén, a súa calidade é incuestionábel e fixo un gran partido de debut esta tempada contra o Barça, o seu ex. Ademais, non é dos xogadores que queren pasar desapercibidos nun evento coma este. Pode ser unha opción interesante para os que queiran variar cunha opción arriscada e non demasiado cara.
Ás

O Baskonia é bastante mellor defensor das ás qe un Barcelona que esta tempada recibiu pico tras pico na posición, así que os exteriores baskonistas teñen moi boas perspectivas.

>800 mil €

O francés Beaubois chega nun momento doce á Copa. Está a ser un anotador consistente e a valorar moi ben nas últimas semanas. No último partido contra os culés, dúas xornadas atrás, rematou co seu tope da tempada 34.8. Ten moi boas perspectivas.

300-800 mil €

A única á de interese para estes cuartos nos culés é Pau Ribas, que está a exercer de base. O Baskonia é máis vulnerábel na posición de un, así que o partido pinta ben para o canteirán da Penya. Perdeuse o último partido contra os vitorianos, mais na xornada inaugural da tempada sumara un 18 contra eles e chega con boas valoracións nas xornas previas á Copa. En liga contra o Granca fixo un 12 e un 7.2 contra o Fuenla, que non son malos rivais se chega a semis. A súa bandeira é valiosa.
Esperábase moito máis do letón Timma. O seu ano decepcionante ten como vantaxe que se presenta en Gran Canaria a moi bo prezo e das últimas catro xornadas, en dúas estivo roldando a vintena. Non foi o caso do partido contra o Barça, no que se quedou en tan só dous. Está a xogar máis de 20 minutos por encontro e en Euroliga si que ten un partido contra os culés que xustificaría a súa inclusión nos nosos equipos a este prezo, un 13 ao que habería que sumar o bono. Inda que non o fixera ben dúas xornadas atrás contra eles, tendo en conta o ben que valoran os exteriores contra os blaugranas, parece unha opción moi interesante e el terá ganas de lucirse na Copa.

<300 mil €

Unha opción moi interesante polas apreturas económicas, que teremos seguro na confección dos nosos equipos, é Patricio Garino. Un xogador de pouco máis de cen mil o normal é que nin saia ou que o faga a final de cuarto para facer algunha falta ou para resgardar delas a algún dos titulares. No seu caso non é así, nas últimas xornadas está a ter os seus minutos —18 e 12— e incluso valorou ambos partidos por riba da decena, incluído o 10.8 cos culés. Nestas circunstancias hai que telo en conta.
Pivotes
Nas últimas xornadas os dous equipos concederon bastante valoración aos interiores rivais, porén, no acumulado da tempada o Barça é o mellor defensor dos pivotes e na última xornada, no primeiro partido de Pesic, volveron deixar en valoracións moi baixas aos interiores do Bilbao.

>800 mil €

O interior xeorxiano Shengelia está a facer unha tempada de escándalo e valorou por riba da vintena nos dous partidos que xogou co Barça. Se nos alcanza para levalo, debemos facelo. É un seguro e un dos máis firmes candidatos ao MVP.
Non será dodado que dous interiores do Baskonia valoren ben nun partido coma este contra o Barça, mais se un deles ten opcións é o alemán Voigtmann. Chega á Copa nun momento pletórico tras tres xornadas por riba dos 20 de valoración. Tendo en conta o seu estado actual, non está caro. Non é mala opción se optamos polos vitorianos.

Un dos choios da copa semella ser Ante Tomic. Non tivo a confianza de Sito durante o ano e atópase moi lonxe do prezo que adoitaba ter no SM. Coa chegada do novo técnico semella que vai regresar ás vellas valoracións —24 na xornada previa á Copa—. Se apostamos polo Barça é un si ou si; se non, segue a ser un dos mellores candidatos para estes cuartos. Pode facelo ben nos tres partidos, se o Barça chega á final.

Non menos intresante se presenta Oriola coa súa bandeira. O ex do Valencia é o que aporta o carácter nun equipo falto del. Chega en gran dinámica ao Copa tras 5 partidos por riba da decena, incluído un 22 contra o Baskonia. Prezo axustado, boas perspectivas e bandeira. Pinta moi ben.

300-800 mil €

Inda que irregular, ten grandes valoracións seguidas de partidos nos que non acadou nin os 5, a opción Poirier non hai que perdela de vista. Ten un prezo razoábel e se queremos asumir riscos pode darnos a nosa recompensa. Non o fixo ben contra o Barça nos partidos da ACB —0 e 2.4—, mais si ten no seu haber un gran partido contra eles na Euroliga —19—. Non é unha opción prioritaria, mais si pode ser interesante para algúns dos nosos equipos nos que queiramos diferenciarnos.

Estratexia

A falta de orzamento obríaganos a ter que asumir riscos. Non poderemos confeccionar un equipo de xogadores fiábeis. Os tres cambios por xornada fan que teñamos que apostar por algúns equipos de saída. Se queremos xogar a final con 11 xogadores, 5 deles terán que estar xa no equipo inicial. É dicir, temos que levar 5 xogadores que creamos que van xogar a final, e non só iso, 5 xogadores que creamos que nos poden dar un bo número de puntos e só poderemos levar un máixmo de 3 que vaian quedar fóra.

Outra opción é renunciar a algún xogador para ter a posibilidade de fichar a valores máis seguros —e caros—. Nese caso habería que fichar a xogadores baratos, non deixar as prazas sen cubrir, porque nese caso seríamos penalizados coa metade da valoración que fixera o noso equipo. Que cada un pondere se lle sae máis a conta ir con Doncic, Shengelia e compañía e completar con xogadores de recheo ou se lle sae máis a conta un equipo compensado. A min cústame crer que haxa xente disputando a xeral con varios xogadores menos cos que sumar.

O equipo do blog

Como no SM da liga, fixen un equipo do blog co mesmo nome: Andrómenas. Vou apostar polo Madrid como finalista, así que sairei con tres xogadores brancos: Doncic, Rudy e Randolph. Como non teño claro o outro finalista, voume cubrir as costas e vou facer un equipo viábel tanto se chega o Baskonia á final como se o fai o Barça. Dos vitorianos meto dúas opcións económicas, Timma e Garino, e dos culés os seus xogadores que creo que van a valorar máis: Heurtel, Tomic e Oriola. Moi ao meu pesar, non me da para Shengelia, pero creo que os pivotes ofrecen mellores alternativas económicas que os bases —por iso si levo a Doncic—. Nos bases completo cunha opción barata que pode cumprir e que creo que vai pasar a semis, Radicevic. Tamén do Granca, entra a bandeira barata e con posibilidades de Rabaseda. Cos cartos restantes, a mellor opción paréceme Dubi.
Aquí a planificación é esencial, así que comprobei que, pase o Barça ou pase o Baskonia, non vou ter problemas para cadrar os cambios para semis e final —bandeiras, orzamento…—. De feito, xa teño ambos equipos perfilados. No caso de que chegue o Baskonia iría á final con algo así:
E se chegan Barça e Madrid, podería ser algo así:
Como vedes, polo orzamento é inevitábel que teñan que acabar entrando xogadores con perspectivas non moi boas. Se os equipos polos que apostei quedan eliminados, non hai solución, o equipo non irá a ningures. O SM da Copa é así.

Se queredes estar ao tanto dos novos artigos ou das posíbeis novidades que ocorran, podédesme seguir no Twitter.