Regresa o SM co panorama máis incerto da súa historia. Esta Fase Final de 12 equipos nun formato condensado ten unha compoñente aleatoria moi grande: xornadas cada dous días, equipos que levan meses sen competir (non sabemos o estado de forma dos xogadores nin se vai haber cambios nas rotacións), desaxustes no broker… A Fase Final súmase ás 23 xornadas disputadas, mais, se as cousas non nos foron ben, podemos crear un equipo novo con 10 millóns de orzamento para a liga privada oficial da fase final (Nome: OFICIAL – Fase Final Liga Endesa 2020; contrasinal: Excepcional).
Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios.
B
1º
Huertas
Campazzo
2º
Henry
Hannah
3º
Bassas
Llull
Rousselle
Dimitrijevic
A
1º
Prepelic
Shields
Deck
Díez
Hanga
Bouteille
2º
Higgins
Ennis
Barreiro
Brizuela
Brussino
3º
Abalde
McFadden
P
1º
Mirotic
Shermadini
Shengelia
Tavares
2º
Dubljevic
Balvin
Lima
Radovic
3º
Hlinason
Labeyrie
Morgan
O formato non da pé á relaxación, así que as referencias dos equipos deberían dar o mellor de si (outra cousa é que algún encontro rache de inicio). Polo formato comprimido, non sei se escribirei algún artigo máis, en calquera caso procurarei publicar a listaxe. Iso si, polas aperturas de tempo, non responderei dúbidas durante esta Fase Final.
Barça – Joventut
(17, 15:30)
UNI, BAS | BLB, UNI
A Penya é o equipo peor clasificado que está en Valencia, non ten presión ningunha e perdeu dous xogadores importantes. Se a distancia entre equipos xa é grande normalmente, debería ser agora meirande. Prepelic non seguirá en Badalona e a renovación de Carroll semella que tamén fecha para el as portas do Madrid, quererá lucirse no torneo para atopar o mellor destino posíbel. Tivo un encontro desastroso contra os culés este curso (o único negativo da tempada), vai ser un encontro difícil, mais o xogo do Joventut debería pasar por el e coido que debería facelo ben. Contra o Bilbao parece fixo. Apunto outro par de nomes como opcións de risco e para equipos da Fase Final. Un dos homes da actualidade verdinegra, polos insistentes rumores da súa marcha a Valencia, é Dimitrijevic. O base macedonio estaba a ir a máis e agora aumentará os seus minutos de xogo e importancia polas baixas. Deixou boa impresión contra o Barça con 11 puntos. É bandeira e nos bases non sobran opcións. Fixo 12 en outros tantos minutos contra o Bilbao. Morgan queda como referencia no catro coa marcha de Harangody. Se ten un bo día no lanzamento exterior (4 de 7 no encontro da primeira volta) pode facelo ben (roldou a vintena naquel partido). No Barça Mirotic ten que estar. Aí rematan as opcións claras. Gústame para este torneo final Higgins. Tivo unha tempada irregular, mais fichárono para ser importante nos momentos decisivos. Foise ao confinamento nun bo momento (tres seguidos en 15 ou máis) e a Penya dá moitas facilidades na posición. Se Hanga xogase de base, sería un fixo (25.2 na primeira volta), mais cos dous bases xa dispoñíbeis (Delaney deixou o equipo), descoñezo se volverá actuar aí. En calquera caso, non semella mala opción. Edito: Heurtel non está inscrito para este partido, en consecuencia Hanga ascende na listaxe. A Penya é o rival ideal para os uns, aínda que non sabemos en que estado están Heurtel e Pangos como para pensar neles. Entre Tomic e Davies, un dos dous debería facer bo partido (na primeira volta foi o croata). Non acabo de ver fiábel a ningún dos dous para metelos na listaxe, aínda que teño curiosidade por ver que Davies atopamos, se regresa esa versión que marabillou no inicio da tempada ou se o seguimos vendo coa intermitencia posterior. Incluso Oriola podería ser unha opción para cazaxornadas.
Canarias – Unicaja
(17, 18:30)
BAS, BLB | FCB, JOV
Seguramente sexa o encontro máis relevante da xornada. A segunda posición do grupo (que dá acceso á semifinal) debería estar entre eles dous e o Baskonia. O que perda quedará tocado. Marcelinho estaba a facer unha tempada espectacular. Foi claramente o mellor base deste curso e merece que sigamos a confiar nel. Mekel tivo un debut sumando dende o pase, mais cunha rotación de tres non parece que o Unicaja ofreza opcións de interese. Díez foi unha das cotas máis relevantes e deu moitas alegrías cando axudaba no catro. Agora xogará a tempo completo no 3, iso non o beneficia tanto para a valoración, mais debería ter moitos minutos e conta coa motivación do ex (34.8 na liga regular). O Baskonia deu facilidades este ano na posición. O Unicaja ten dúas pezas moi interesantes nas ás, Brizuela e Bouteille. Gústame máis o francés para este par de xornadas iniciais complicadas, deu moi bo nivel contra a ambos (superou os 25). Os dous deberían ter bastantes minutos. Por dentro manda Shermadini, fixo.
Bilbao – Baskonia
(17, 21:30)
JOV, CAN | CAN, FCB
O derbi vasco enfronta a dous equipos que deberían inverter as sensacións que deron ao longo do curso nesta Fase Final. Sen Bouteille nin Brown aos de Mumbrú vailles custar moito xogar ao nivel da estupenda tempada que estaban a facer. O Bilbao foi a defensa máis amábel no un este curso, aínda que no último tramo mellorou de forma substancial (foi a 5ª mellor nas últimas 5 xornadas). Henry non foi o xogador máis regular este ano, viviu momentos estelares mais tamén o vimos desaparecido unhas cantas veces. En calquera caso, semella a mellor opción entre os bases de Ivanovic: na regular foise aos 25. Se está enchufado, poucos bases hai na liga coa súa capacidade para valorar. Sobre todo para equipos de Fase Final semella interesante Rouselle. Coa marcha do seu compatriota, o francés asumiu maior liderado e está a bo prezo. Cun Dragic que non acaba de entrar en dinámica, destaca nas ás Shields. Foi do mellor do Baskonia este ano e debería ser un dos líderes da postempada. O mal encontro da regular non debería ser significativo. Rematou a regular cun 20 contra o seu rival da vindeira xornada. Toko parece que vai xogar os derradeiros encontros no seu periplo no Baskonia. É fixo a pesar de que por dentro está o mellor do Bilbao. Balvin reencontrouse en Bilbao (e seguirá alí a vindeira tempada), é moi fiábel e valora con facilidade (25.2 no encontro da regular). Lammers ten un gran futuro por diante, deixou as mellores sensacións no seu debut na elite. Non o consideraría para esta primeira xornada, porque non valora tan fácil como o seu compañeiro de pintura e lonxe de Bilbao baixou bastante os seus números. Aínda que non descartaría que sexa unha das sensacións desta Fase Final. Apunta alto.
Andorra – Valencia
(18, 15:30)
GCA, ZAR | ZAR, RMA
O anfitrión desta Fase Final quedou sen Vives por unha lesión. Quino non funcionou como se esperaba e Van Rossom tivo bastantes problemas físicos; poderíamos pensar no belga para cazaxornadas, aínda que non entra na listaxe. Hannah fixo unha gran tempada (aínda que baixou un chisco no tramo final). Debe ser a referencia do Andorra, máis agora sen Diagne, e o Valencia non é unha das defensas máis duras ao un. Semella unha opción atractiva (sobre todo para as dúas próximas xornadas), aínda que este ano non acabou de funcionar fóra da casa (-1 na liga regular en Valencia). Nas ás o máis destacado é Abalde. Esta foi a tempada da confirmación do galego, un dos máis destacados no Valencia. O gran problema con el é que o seu equipo ten moita xente na posición, xa estará Loyd e a ver a que nivel. Para cazaxornadas Todorovic sempre é unha opción, con el é todo ou nada. Con Diagne e Musli fóra da Fase Final, o Andorra vai ter poucos argumentos interiores. Dubi debería dominar a zona. A estrela montenegrina tivo un modo Euroliga de gran nivel e un modo ACB máis discreto. Coa competición europea cancelada, poderá concentrarse neste torneo final. Con el a dúbida pode ser como aguanta o de xogar cada dous días, pero cando menos para a xornada inicial pinta moi ben. É moi probábel que haxa un segundo interior destacado nos taronja, polo precedente da liga (25.2) e polo ben que fechou a liga regular, o que ten máis papeletas é Labeyrie. Pérez e Llovet terán que xogar moitos minutos, igual serven para equipos sorpresa.
Madrid – Gran Canaria
(18, 18:30)
BUR, VBC | AND, BUR
Contra o Madrid é complicado apostar por alguén do Granca, na ida só destacou Shurna, e non será doado que repita. Gústame moito Costello para as vindeiras dúas. Chegada a hora da verdade, non teño dúbidas con Campazzo. Igual se o Madrid escapa cedo no marcador descanse máis da conta, pero con varios meses sen competir é importante que os xogadores collan ritmo e igual reservar a alguén pode resultar contraproducente. A escaseza de bandeiras pode abrirlle a porta a Llull, aínda así, eu agardaría cando menos esta xornada para ver o que pode dar de si (non foi unha tempada doada para el). Deck con minutos non adoita defraudar, se os ten (e debería), preséntase como unha opción moi atractiva. En xogadores sorpresa, podemos pensar en Carroll, confirmouse que vai continuar após unha tempada na que semellaba a súa despedida do Madrid, e contra o Gran Canaria nunca é un partido máis. O Madrid por dentro ten de todo, non estrañaría un gran encontro de case ningún. O que parece menos substituíbel é outro xogador con pasado na illa: Tavares. Bandeira e amo da zona. Pinta a fixo. Thompkins? Randolph? O mellor será dar cando menos esta xornada de marxe.
Zaragoza – Burgos
(18, 21:30)
VBC, AND | RMA, GCA
A gran sensación da tempada chega á Fase Final bastante debilitado (Seeley marchou, Vázquez decidiu retirarse, Justiz non chega e o seu substituto, Thompson, tampouco continúa no equipo). O máis beneficiado disto debería ser Ennis, que queda só no 2 e como gran referencia ofensiva. O seu gran problema é que fóra da casa baixou os seus números en 12 de valoración media. Só acadou a decena en Málaga e Badalona. O Burgos é unha defensa amábel na posición. Non é o xogador máis fiábel, pero semella unhas das opcións polas que paga a pena correr riscos. Non de forma tan acusada, pero Brussino tamén baixou case 7 puntos a súa media lonxe da casa. Foi outro dos destacados do ano e tamén pode resultar interesante. Barreiro tivo altos e baixos na súa mellor tempada como profesional, rematou na regular nun destes últimos. Ao contrario que os seus compañeiros, mellora os seus números fóra; veremos se este descanso lle veu ben para recuperarse dalgúns problemas físicos que arrastrou durante o curso. Debería xogar máis ao 3, que como no caso de Díez adoitase traducir en menos produción de valoración. Pode ser un dos xogadores interesantes se queremos saírnos dos máis habituais. Por dentro tanto Radovic como Hlinason terán que xogar minutadas. Isto pode ter impacto sobre todo no caso do islandés. As dúas veces que superou os 20 minutos de xogo este curso foise á vintena. Semella moi interesante para equipos de Fase Final e cazaxornadas. O montenegrino, do que se fala que podería retornar a Murcia o próximo curso, fixo una ano destacado e debería ser a referencia interior (con minutos de catro e de cinco), aínda que en canto a valoración resulta impredicíbel. Tanto pode chegar á trintena como non acadar os 5. Alocén deixou mellores sensacións ca valoracións. Igual dá un paso á fronte no torneo, mais o Burgos é unha defensa competente ao un. Os burgaleses tamén acusan baixas importantes no interior, Clark marchou e Huskic está lesionado. Chega Aguilar para botar unha man. Iso déixalle todo o protagonismo a Lima (que semella que podería compartir vestiario con Radovic o vindeiro curso). Non rematou mal a regular e debería aproveitar as baixas nos de Fisac. A súa bandeira dálle atractivo. Outra bandeira de interese é Bassas. O xogador da canteira da Penya (semella que regresará a Badalona) fixo unha gran tempada. Nas últimas xornadas semellaba que o curso se lle estaba a facer longo, así que este descanso puido facerlle moito ben. É un base sobrio e o Zaragoza é na posición na que resulta máis vulnerábel. A última opción nos Burgaleses é McFadden. Capaz do mellor e do peor, mellora o seus números de forma considerábel fóra da casa. Se imos arriscar, pode ser o noso home.
No canto do equipo que estaba a levar durante o ano, vou poñer nestas cinco xornadas o equipo que creei para a liga privada da Fase Final. Non lle dei excesivas voltas. Os 10 millóns chegan para pouco; decidín meter a Mirotic, así que hai que aforrar por outros lados.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence á publicidade do SuperManager.