
Ao contrario que a de cuartos, a de Semis foi unha xornada de moi poucos puntos. O maior erro do artigo anterior foi asumir que os poucos minutos de Eriksson en cuartos foran porque aínda non tiña a forma trala lesión, cando pola semifinal semella que Casimiro o reservou. O pico que sempre dá algunha das ás contra o Barça foi para o sueco e non para Seeley, como esperaba —polo estado de Eriksson—. O resto foi segundo o previsto, agás o negativo de Tomic, mais estaba en case todos os equipos que seguían en competición.
Ese descenso nas valoracións entre roldas minimizou o impacto nos equipos que quedaron con menos de 11 xogadores. Aínda así, entre os meus —de sorte dispar—, un deles meteuse no Top 100, pasou do 948º ao 83º da xeral cos 153 puntos da xornada. O top 50 queda a 6 puntos. É factíbel que os recupere na última xornada, porén, como se ve, hai moitos equipos en poucos puntos. Na final podo saír con 11, e vouno facer, mais un é Atoumane Diagné, que non vai xogar, así que para o caso vou con 10. O orzamento, chegados a este punto, non dá para moito —inda menos ca antes—.
Non hai moito que rascar. Neste caso, o equipo que gañe só importa para o 20% do bono, mais non imos elixir en función diso, porque, de feito, pouco podemos elixir. Teremos que decidir se ir con 11 —se podemos— incluíndo xogadores como Navarro, Taylor ou Koponen, ou renunciar a algúns xogadores —deixando a eliminados ou fichando os baratos de Madrid e Barça que non van xogar— para poder levar os que teñen máis opción de pico.

Bases
Doncic, Facu e Heurtel. Imos cos tres ou saímos con algún de menos, non hai máis. Na miña opinión é mellor ir cos tres, Doncic e Heurtel garanten valoración e inda que o Facu pinchou en semis, nun partido con fases de ritmo moi baixo, pode aproveitar que o Barça non é unha gran defensa desta posición. En caso de prescindir dun, o arxentino é o candidato máis lóxico.
Ás
Ribas, Rudy e Claver son as opcións fiábeis e todos están a bo prezo. O seguinte na listaxe sería Carroll, que apareceu nas semis e rematou cun 18, despois de ter fallado nos cuartos. É unha opción menos fiábel e máis cara… que pode decidir o xogo. É moi do perfil das ás que adoitan dar un pico contra o Barça, mais non foi así nos dous partidos deste ano: un 8 en só 7 minutos na liga e un 12 en 15 na Euroliga. Hanga fixo un 16.8, ese é o teito que podemos prever para a final, mais o usual é que estea por baixo: 8.4 en liga e 6 na Euroliga. Só hai outro xogador no Madrid que podería ter opcións remotas de superar a decena: Causeur —9 e 8 de precedentes contra o Barça—. Nos blaugranas, nos poucos minutos que estean en cancha Navarro ou Koponen, se lles entran os tiros poderían roldar a decena, se non, negativón. Jeff Taylor vai superar a decena de minutos xogados, pero o máis probable é que quede por debaixo dos 5 de valoración (-4 en semis).
O normal é que non teñamos cartos para completar a posición con opcións preferentes, así que podemos pensar en deixar a algún eliminado barato sen cambiar ou en dar entrada a Kurucs.
Pivotes
Os pivotes principais do Barça, Oriola e Tomic, valoraron por baixo do esperado: 8.4 e -2, porén, seguen a parecer as mellores opcións dos culés. O seguinte en discordia é Moerman, o único que superou a decena en semis: 14.4 (-1 nos cuartos). E listo, Vezenkov non vai xogar. No Madrid o máis fiábel é Tavares 15.6 en semis e 20.4 en cuartos. O outro que se salva é Thompkins: 10.8 en semis e 13.2 en cuartos. Nin Felipe nin Randolph chegan a 5 de valoración media na Copa, o esloveno cando menos xoga máis minutos.
Se Tavares, Oriola e Tomic son as boas opcións, as que poden achegarse á vintena, Thompkins é a elección conservadora —debería andar sobre os 10— e Moerman, a arriscada —do negativo á quincena—. Randolph quedaría para quen procure a milagre, esperando que rexurda xusto na final.
Ao equipo do blog foille todo o mal que lle podía ir. A pesar de saír con 11, só sumei 118.2 puntos. Subín, claro, iso era seguro: do 4208º ao 2573º da xeral. Aínda que podería volver saír con 11 na final, non creo que me dea para meterme entre os mil mellores. Subirei bastante aínda que non acerte cos cambios.
Como dicía onte, fixen o equipo pensando en dar entrada a Facu no equipo para a final, na que me parecía máis interesante que en semis. Iso si que o vou levar a cabo: entra Campazzo por Radicevic. Os outros dous eliminados foron Seeley e Rabaseda. Coa entrada de Facu non me queda gran cousa en caixa, e apuntaba a un Navarro-Taylor, ao que agora se lle podería sumar a opción Koponen, que non xogara en cuartos. Mais mudei de opinión. Nun escenario optimista esa parella podería sumarme un 10 en conxunto —algo que combinados non fixeron en ningunha das roldas anteriores—. Vou renunciar a esa improbábel decena conxunta. Venderei só o máis caro dos do Granca, Seeley, para fichar a Kurucs no seu sitio, e con eses cartos que xunto vou mudar a Randolph por Tavares. Neste caso o mellor escenario posíbel estaría por riba da vintena, o probábel estaría sobre os 15. se lle restamos o 5 de Randolph, temos que o escenario probábel sería cando menos igual que o escenario optimista coa parella de ás. Agora rexurdirá Randolph e perderei puntos, mais parece unha decisión sensata.
Lémonos en semana e media co regreso do SuperManager da liga. Podedes seguirme no Twitter para saber da publicación de novos artigos.