
A análise dos cuartos non saíu nada mal, faltou algún xogador que o acabou facendo ben —como Claver e Pleiss— e fallei con algúns dos que sinalaba como interesantes —como Dubi e Randolph—, mais houbo acertos abondo —Beaubois, Tomic, Rudy, Radicevic…— e sobre todo a planificación apuntada será chave para poder escalar posicións nas semis e final.
Como estiven a traballar no artigo ata última hora, apenas tiven tempo para facer equipos. Completei os que puiden á carreira nese tempo escaso que restaba para o feche de cambios. Ao final foron 12 equipos que cubrían varias combinacións posíbeis. Deses 12, aínda 8 poderían disputar as semis e a final con 11 xogadores, sempre que a final sexa Madrid-Barça. Se un dos dous non chegar, e non digamos se pasa cos dous, baixaría un lote de posicións na final. Deses 8 que aínda poden progresar, teño 5 equipos no Top 1000, separados por menos de 10 puntos —204 o mellor—, que oscilan entre o 479º da xeral e o 948º. De vitoria final xa non teño opcións, a Copa non da marxe para grandes remontadas, mais si podería optar ao Top 100 ou incluso ao Top 50 se as cousas saísen moi ben. Como dicía, todos estes equipos poden xogar con 11 e están ben planificados, cousa que non vai pasar con todos os que están arriba na xeral, onde haberá bastantes equipos que tralos cuartos queden incompletos. E non só iso, senón que en varios deses non lles quedará máis remedio que manter algún xogador caro xa eliminado, polo que parten con moita desvantaxe e perderán moitos postos nas dúas roldas finais.
Xa me estendín cos xogadores no artigo anterior, no que falaba de como lles viñan os posíbeis rivais, así que se queredes algo máis extenso podedes volver mirar alí. Este artigo será moito máis lixeiro e falarei dos xogadores interesantes relacionándoos coa estratexia. Agora temos moita menos marxe, claro, os equipos están condicionados polo que planificamos nos cuartos. Se os nosos equipos non tivesen arranxo xa, o SM da Copa non ten por que estar rematado para nós, como o broker non varía, podemos crear equipos novos tanto para a semi como para a final na procura dunha vitoria parcial, de feito, teríamos vantaxe para ese propósito respecto aos equipos que xa competiron nos cuartos (aínda que en caso de empate cos mesmos xogadores na cabeza, o desempate favorece aos equipos que teñen máis puntos na xeral).
A final máis probábel e Madrid-Barça, seguida non moi lonxe pola Madrid-Granca, menos probábeis son as Canarias-Barça ou Canarias-Granca. Pero todo pode suceder, así que se tedes a sorte de cubrir máis dunha opción, eu non podo, paga a pena que o fagades. Nas semis debemos levar 9 xogadores dos equipos que creamos que se van enfrontar na final.

Se apostamos por esa máis probábel Madrid-Barça, a posición de base só parece deixarnos unha única opción —e moi cara— se queremos xogar con 11 a final: Doncic, Facu e Heurtel. As perspectivas para os tres son moi boas para semis e final, o Facu foi o mellor do Madrid con moita diferencia sobre o seguinte, está nun momento pletórico. Doncic non estivo á altura, de feito Laso prescindiu nel do desenlace, mais aínda así valora moi fácil, é un seguro. E Heurtel é o xogador máis importante do Barcelona e o Granca non defende ben a posición, así que tamén ten partido para volverse saír.
Que Randle non ía xogar parecía evidente, mais os cuartos deixaron claro que é bastante probábel que Pressey tampouco o faga, agás lesión ou problemas de faltas de Heurtel ou Ribas —que no xogo está como á, mais anda a xogar de base—. Iso non quere dicir que teñamos que ir xa cos tres na semi, mais si deberíamos planificar o equipo de maneira que teñamos cambios e cartos para poder levalos na final. A alternativa é renunciar a un deles e xogar con 10, e nese caso a mellor opción parece quedarnos con Radicevic, que pode volver facelo moi ben e está moi barato, Mekel ou San Miguel, o que xa teñamos no equipo. Aínda que están a bo prezo, perder ese medio millón para a final non nos deixaría as mellores perspectivas. Nun dos meus equipos vou xogar semis e final con 10, aínda podendo meter 11, porque teño mellor combinación de xogadores quedándome con Garino nas ás, porque comprometo moi poucos cartos e así podo levar os tres bases de Madrid e Barça (de feito, vouno cambiar por Bonde, que aínda custa menos que Garino) e equilibrar outras posicións. Se decidimos quedarnos con alguén que non vai xogar, polo menos que sexa algún moi barato.
Co que as opcións nos bases serían por esta orde e en función da nosa estratexia: Heurtel, Campazzo, Doncic, Radicevic, Mekel, San Miguel e por último Oliver, porque está bastante máis caro que as outras opcións por baixo do millón.
Se apostamos por esa final Madrid-Barça, Ribas, Rudy e Claver son as opcións preferentes, fixérono ben en cuartos, poden volver a render en semis e final e están a bo prezo. Dos outros dous equipos, teñen especial interese os do Granca. O Barça concede moita valoración nas ás —Timma e Beaubois nos cuartos, sen ir máis lonxe—. A miña opción preferente para ese pico contra o Barça, aínda que quedou en só 7.2 nos cuartos, é Seeley: está en gran momento e é fundamental no Granca —é dos poucos que superarán seguro a vintena de minutos na longa rotación insular—. O segundo en preferencia é Rabaseda, está a xogar moitos nos últimos partidos e o seu prezo é accesíbel. Eriksson está demasiado caro para o seu momento físico —só xogou 5 minutos nos que valorou outros tantos— e Brussino só semella opción para cazaxornadas. No Canarias, Ponitka fixo moi bos cuartos, mais a súa valoración, 14.4 foi insuficiente para o seu prezo. Incluso se xa o temos no equipo, optaría por vendelo para poder equilibrar o equipo noutras posicións. Máis interesantes por prezo parecen Vasileiadis, todo carácter, e sobre todo Beirán, en gran momento —12 nos cuartos— e con bo precedente contra o Madrid. Como opción barateira, Davin White, que xa vimos nos cuartos que lle van este tipo de partidos.
Por orde: Ribas, Seeley, Rudy, Claver, Rabaseda, Beirán e Vasileiadis.
Para esa final Madrid-Barça os máis interesantes están nos culés: Oriola foi chave no cambio do Barça dun equipo indolente a un carácter e Tomic cando ten minutos e bólas sempre cumpre. Opcións boas e baratas. No Madrid a mellor opción é Tavares, máis dun millón, seguido por Thompkins. En cuartos a Randolph véuselle que aínda lle falta para coller a forma —inda así non descartaría un bo partido seu en semis ou na final, se xa o temos podemos quedar con el, mais non é unha opción fiábel—, así que Trey está a ter moitos minutos e importancia a un prezo moi interesante. No Granca hai dúas moi boas opcións, Balvin, inmenso en semis, xa cun precedente de 24 contra o Barça na liga e un prezo moi interesante; e Aguilar, no seu mellor momento do ano —25.2 nos cuartos— e tirado de prezo. Pasecniks tamén ten unha interesante relación calidade prezo e moitas ganas de deixar ver a súa calidade. Báez está demasiado claro para pensar nel. No Canarias vimos o Fran Vázquez que só aparece de vez en cando, está moi barato e o seu equipo precisa que siga igual para ter opcións. Tobey e Abromaitis son opcións só se apostamos por Canarias para a final.
Por orde: Tomic, Oriola, Balvin, Tavares, Aguilar, Thompkins, Vázquez, Pasecniks, Abromaitis e Tobey.
Ao equipo do blog non lle foi moi ben: 169.4 puntos para quedar o 4208º da xeral. A parte boa é que, inda que quedou eliminado o Valencia de Dubi, o pase do Barça permíteme competir con 11 nas semis. Ese feito, con case total probabilidade, vaime abondar para subir moitos postos. No anterior artigo poñía unha aproximación do equipo que podería quedar en caso dunha final Madrid-Barça, que é pola que aposto, mais o feito de que só haxa tres opcións para o base, tócame pensar noutra opción.
Non teño cambio para meter a Facu para as semis e ademais o equipo quédame máis compensado sen el. Así que vou facer os cambios de maneira que poida darlle entrada ao base arxentino para a final. Polos baskonistas Garino e Timma entran Claver e Seeley e no pivote Thompkins por Dubi. Para a final sairía Radicevic para que entrase o Facu e iso obrigaríame a meter a Navarro e Taylor, que non son grandes opcións, mais cando menos van ter minutos, por Seeley e Rabaseda. Desa maneira sairía con 11 en semis e final, con equipos bastante competitivos cos que podería aspirar a meterme entre os mil mellores.