SuperManager x. 1: perdidos

O comezo dun camiño incerto

En que consiste o xogo?

Debemos montar un equipo —aquí podes crealos— con 11 xogadores da liga ACB de baloncesto: 3 bases, 4 ás e 4 pivotes. Ademais, debemos respectar as seguintes normas: o noso orzamento estará limitado —de inicio— a 6.5 millóns de euros, no equipo debe de haber cando menos 4 xogadores que sexan cota e un máximo de 2 extracomunitarios. Cada xornada poderemos facer até 3 trocos. O obxectivo do xogo é conseguir a maior puntuación posíbel sumando as valoracións que acaden os nosos xogadores no partido que disputen co seu equipo. Que é a valoración? A valoración é o resultado de aplicar unha fórmula matemática moi sinxela na que se suman os aspectos numéricos positivos —puntos, rebotes, asistencias…— e se restan os negativos —perdas, tiros errados, faltas cometidas…—. Se ademais o equipo dese xogador gañou o partido, á súa valoración no xogo súmaselle un 20%. Alén desta clasificación principal, existen clasificacións secundarias que miden os puntos obtidos, asistencias, rebotes e o broker.

A importancia do broker

Se todo isto é novo para ti, estarás a te preguntar que é iso do broker. Si, o nome procede do termo inglés para intermediario financeiro. Porén, adquiriu certa polisemia dentro do xogo. Cando falamos do broker que ten un equipo, estámonos a referir aos cartos totais cos que conta: a suma do que valen todos os seus xogadores e o que teña sen usar en caixa. Inda que o interese do broker vai alén da específica de igual nome. Os xogadores, dende o prezo inicial asignado por expertos —que se fixan na calidade da dentadura, o brillo do pelo e movidas inda máis técnicas—, van variar o seu valor en función da valoración. Cal é a relación? A cada punto de valoración correspóndenlle 70 mil euros. Así, un xogador que custe 700 mil, espérase que consiga 10 de valoración media. Se fai por riba desa cifra, subirá o seu valor, “subirá o seu broker“; se non chega á decena, baixará. Entre xornadas consecutivas o broker dun xogador só pode variar un 15%. Co que se fai unha moi boa xornada no arranque —poñamos 20—, a súa valoración media —eses 20— estaría moi por riba do seu novo prezo —a alguén de 20 de media corresponderíalle un valor de 1.4 millóns— e tería moi doado volver aumentar o seu prezo un 15% a seguinte xornada sen necesidade dun gran partido.
Os 6.5 millóns iniciais non abondan para fichar os xogadores que máis valoran, co que precisamos aumentar o noso broker para poder ter aos mellores no noso equipo.

Estratexia a seguir

Como queremos os mellores connosco, na primeira fase do xogo temos que aumentar no posíbel o noso broker. Canto antes consigamos aumentar o broker, mellor, porque antes poderemos fichar os xogadores que máis valoran. Ademais, nas primeiras xornadas resulta máis doado gañar cartos. Co paso das semanas os prezos dos xogadores estabilizaranse —o seu valor, variando de 15% en 15%, estará á par coa media de valoración— e resulta moito máis complicado gañar broker. Canto dura esta fase de acumulación? Rematará cando poidamos permitirnos formar un equipo cos xogadores máis caros —ou un chisco antes se inda hai xogadores importantes con subas de broker garantidas—. Ata que chegue o momento non poderemos saber cantos cartos se precisarán este ano para dar por concluída a fase de acumulación, cada tempada é diferente. Aí vai de forma condensada unha relación de recomendacións que sigo na creación dos equipos.

Apura o orzamento —mais non a toda costa—: non nos interesa deixar cartos en caixa, porque a ese diñeiro sen usar non lle imos sacar rendemento, non imos gañar broker con el. Así que a idea é formar un equipo inicial que estea o máis próximo aos 6.5 millóns de euros. Emporiso, se temos que deixar un pouco en caixa —fixemos un límite máximo aproximado duns 200 mil— para formar un equipo máis do noso gusto, é preferíbel a fichar a algún xogador no que non confiemos. Na segunda xornada xa teremos opcións fiábeis abondo para investir todo.
Primeiro o broker, pero despois a valoración: en fase de acumulación o broker é prioritario, así que só nos debemos fixar en xogadores que teñan subas doadas. Agora ben, nese grupo de subas favorábeis, temos que optar polos que pensemos que van facer boa xornada. Non nos debemos deixar levar porque un xogador precise só un -25 para subir o 15% se ten unha xornada moi complicada por diante, haberá opcións moito mellores que nos garantan cartos e valoración.

Mirar o calendario ten recompensa: a valoración dos xogadores non depende só das súas capacidades, senón tamén dos rivais que teñan en fronte. Hai rivais que conceden máis valoración ca outros e hai opoñentes contra os que non podemos contar co bono do 20% por vitoria. Así que, como temos cambios limitados, se dubidamos entre un par de xogadores, ambos con boa xornada por diante, as boas ou malas perspectivas en próximas xornadas serán as que nos dean a chave para decantarnos por un ou outro.

A pretempada é mentirana: os adestradores fan probas, xógase a outra intensidade, algúns rivais non son de entidade, houbo moitas baixas polos partidos de seleccións… Porén, por máis que non sexa unha mostra fiel do que debemos esperar neste arranque da liga, é a mostra máis fiábel da que dispomos para moitos equipos. O último Mundobasket tamén nos dá boa información sobre o estado dalgúns xogadores. Temos que fixarnos máis en tendencias que nos números en si, que xogadores parecen máis en forma, en que posicións cargan o xogo ofensivo, en cales reciben máis valoración… A Supercopa, como competición oficial, ofrece unha visión máis fiábel dos implicados. O acontecido a tempada pasada tamén pode ser unha boa guía para os equipos que non cambiaran moito —por desgraza, a tónica da ACB é que os proxectos muden moitas pezas dunha tempada a outra— e o que coñezamos aos xogadores. Sempre vai a haber algún xogador que en pretempada estea a rompela e despois na liga…

As cousas non sempre saen como esperas: inda que esteamos moi contentos co noso equipo, varios dos nosos xogadores poden ter un día malo, lesionarse ou ver unha divindade na torrada do almorzo e deixar o baloncesto para írense predicar a ira do creador. Debemos minimizar os riscos. Adoita ser boa idea saír con máis bandeiras que as catro obrigatorias, para non ter que cambiar necesariamente unha couta por outra se esta falla na primeira xornada, e non gastar as dúas prazas de extra pola mesma razón.

Cantas máis papeletas…: non existe limitación de equipos por usuario, así que podemos crear cantos queiramos. Polo xa dito, podes intuír que acertar no arranque non é doado. Trátase do momento de máis incerteza no xogo e comezar ben outórganos unha vantaxe considerábel. Por iso, boa parte dos managers que están aí arriba ano tras ano crean unha gran cantidade de equipos para garantir bos inicios cuns cantos deles. Aí está o truco. Hai quen fai ducias, quen fai centos e incluso quen ha de superar o millar. Tamén hai quen fai un só e inda así logra competir. No meu caso, coido que arredor da decena xa me vai abondar para tolear este ano.

A novidade desta edición: até o de agora os trocos fechábanse quince minutos antes do comezo do primeiro partido da xornada, agora farase 15 minutos antes do derradeiro. Isto ocorre porque antes había que dar as fichas de alta ou baixa para a xornada con bastante antelación (preto dun día) e agora poderase facer poucas horas antes da celebración do encontro (que un xogador estea dado de alta non quere dicir que vaia xogar, como xa vimos en múltiples ocasións). Os xogadores dos equipos que xa xogasen o seu partido (con independencia de que o xogador puidese non disputar ningún minuto) non se poderán cambiar comezada a xornada, mais si os dos que aínda estean por xogar (sempre que teñamos cambios sen gastar) e incluso poderemos desfacer trocos sempre que ambos xogadores (o que estaba e o novo) aínda non disputasen os seus partidos (e aquí hai que ter en conta que non poderemos desfacer un cambio se non temos cartos abondo, porque o que estaba é máis caro que o que puxemos e non temos a diferenza en caixa, ou se ao desfacer o troco non cadran as bandeiras). As aplicacións estratéxicas desta variación xa as iremos vendo co transcorrer das xornadas.

Selección

Tendo en conta todo o anterior, elaborei unha listaxe dos que, segundo o meu criterio de manager mediocre, son os xogadores máis interesantes para este arranque. Van ordenados segundo o grao de preferencia e a diferenza entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses vai a valoración que precisan para subir o 15%.

B

Campazzo (17)

Laprovittola (13)

Sipahi (9)

Granger (9)

Delaney (12)

Bassas (8)

Díaz (7)

Senglin (6)

Vives (7)

Lecomte (8)

Vildoza (13)

Ferrari (7)

A

Beirán (15)

Higgins (12)

Rivers (9)

Prepelic (12)

Booker (14)

Seibutis (8)

Davis (11)

Rudy (10)

Shields (10)

Claver (8)

Salin (7)

Avramovic (10)

Tokoto (11)

Magee (8)

Todorovic (7)

Loyd (11)

Conger (8)

P

Shengelia (19)

Davies (15)

Costello (11)

Mickey (8)

Tavares (16)

Shermadini (15)

Mirotic (20)

Tobey (10)

Balvin (13)

Fall (11)

Burjanadze (9)

Kulboka (4)

Mockevicius (6)

Cruz (5)

Coma sempre, na listaxe procuro minimizar os riscos. O obxectivo da primeira xornada é saírmos indemnes, deixar un equipo que poidamos encarrilar na xornada dúas xa con subas máis claras de broker. Por suposto, os managers que fagan centos de equipos pódense permitir moitas combinacións arriscadas; mais a idea da listaxe é elaborar equipos sensatos que, inda que as cousas non saian de todo ben, poidan afrontar a segunda xornada con garantías. Na análise os partidos están ordenados de forma cronolóxica e indícase o día e a hora na que se disputa, coa novidade deste ano no feche de cambios é útil telo en conta. Xusto debaixo van os tres próximos rivais de cada equipo (a @ indica que o partido é fóra da casa).

Fuenlabrada – Burgos

(24, 20:30)

@AND, EST, @RMA | MAN, @JOV, MUR

O Fuenla deixou moi mala imaxen en pretempada, cun pleno de derrotas (case dobrado no marcador na Supercopa) que o sitúa como o rival predileto neste arranque. Pola súa banda, o Burgos, coa estabilidade que lle dá o grande aopio da súa afección, segue a medrar (3-1 na preparación). Bassas preséntase como unha das bandeiras máis interesantes nos bases. O xogador formado na Penya fixo unha pretempada moi sólida, roldando ou superando a decena en todos os partidos (en todos superou os 7.5 que precisa para subir o máximo) e ten por diante un calendario moi favorábel. Nas ás McFadden non acaba de funcionar con regularidade, semella que vai ser un todo ou nada con el até que se asente. A gran capacidade reboteadora e o seu potencial sitúan a Tokoto como a á máis interesante nos burgaleses, aínda que na pretempada alternou grandes valoración con tropezos; non está carente de risco. Por dentro, cos interiores do Burgos lonxe das súa mellores versións, é onde atopamos interese no Fuenla. Mockevicius demostrou na Supercopa o gran reboteador que é. Precisa pouco máis de 6 para subir todo.

Manresa – Unicaja

(25, 20:00)

@BUR, GCA, EST | CAN, @BAS, JOV

A pesar da boa tempada pasada e de que saia cun prezo bastante baixo, Pérez non me convence. Paréceme máis interesante o seu compañeiro Ferrari. Gustoume no que lle vin en pretempada, coido que nos pode dar algunha alegría no xogo este ano, mais hai que ter en conta que debuta como profesional e Díaz non é un bo compañeiro de baile; aínda así pode ser unha opción para os que busquen a diferenciación, non ten mal calendario por diante. O outro de interese nos de Pedro Martínez é J. Davis. Mentres non regrese Toolson vai asumir moito protagonismo ofensivo e xa amosou boas maneiras na pretempada. No Unicaja aínda é cedo para pensar en Jaime, non destacou na pretempada e sae como a á máis cara do xogo. Díaz empezou moi ben o curso pasado (despois da lesión non deu o mesmo nivel), xa veremos se tralo descanso deste verán continúa con aquela evolución que se intuía (mellorara moito no lanzamento de 3). Adoita dar a súa mellor versión no Carpena (volveu ser así na preparación), mais precisamos bandeiras, está barato (pouco máis de 7 para subilo todo) e podemos darlle entrada pensando en mantelo a vindeira de local contra o Canarias. A sensación da pretempada malagueña foi Avramovic, que as enchufou de todas as cores. Será el o xogador de todos os anos que se sae na pretempada e despois non dá ese nivel na liga? Polo visto até o de agora, poucos peros se lle poden poñer. Por dentro semella que precisaremos aínda un tempo para ver a mellor versión de Gerun e xa veremos que rol ten Thompson.

Canarias – Bilbao Basket

(25, 22:00)

@UNI, RMA, OBR | VBC, @OBR, BAS

O Canarias, aínda que perdeu os seus dos mellores xogadores da última campaña, semella que este ano dará un paso adiante (montou un equipo moi potente). Singler (que debería ir a máis após non render como se esperaba en Compostela) e Shermadini semella que collerán o relevo de Beirán e Iverson, pero ademais teñen outros xogadores importantes (aínda que para o SM o mellor é agardar). Teñen un calendario complicado por diante, así que da dupla só pensaría no xeorxiano. O xogo de Vidaurreta debería favorecerlle moito (vai ser un dos pivotes importantes do ano) e o Bilbao é un bo rival. Na vindeira regresa a Málaga, que é un adversario esixente, pero seguro que terá ganas de facer un bo papel contra o seu ex. O outro de interese para este arranque nos de La Laguna é o outro ex do Unicaja: Salin. Está a moi bo prezo (válelle un 7.5) e está a ter minutos e lanzamentos (cos tiradores sempre existe certo risco, pero neste caso polo barato que está non nos vai facer dano aínda que non teña o día). O interesante nos homes de negro parece estar por dentro. Tanto Kulboka como Cruz fixeron unha boa pretempada e están moi baratos (soben todo cun 5), poden valernos para completar algún equipo no que andemos xustos de cartos (despois teñen un partido complicado contra o Valencia). O que creo que será o xogador máis importante deste ano BB é Balvin. Vén de facer un Mundobasket fabuloso e debería ter todo o protagonismo no equipo de Mumbrú. Pode ser ao Bilbao Basket algo similar ao que Norel foi para o GBC hai dúas tempadas (acadar ese nivel non será doado). O único pero é que chega sen xogar ningún partido cos seus compañeiros.

Valencia – Andorra

(26, 20:00)

@BLB, BET, @FCB | FUE, FCB, @GCA

Quino, que sae a un prezo moi apetecíbel, vai chegar sen xogar ningún partido cos seus novos compañeiros. Así que eu agardaría un chisco para darlle entrada. Ao que vin moi ben foi a Vives (pouco máis de 7 para subilo todo). Víaselle moi ben fisicamente, con ritmo, e o calendario de saída non é nada malo. Nas ás o foco está posto nos novos: MarinkovicLoyd. O serbio deixou unha boa carta de presentación como tirador na Copa (5 de 8 en triplas), mais esa gran serie de tiro “só” lle valeu para asinar un 12. Non está a sumar noutras facetas do xogo, ao depender tantísimo do lanzamento queda como unha opción de risco. Pola súa banda, o norteamericano amosou o seu potencial, a pesar de rematar cun negativo (aínda vai precisar un tempo de adaptación). Pode ser un dos animadores do ano, mais eu daríalle unhas semaniñas para que entre en dinámica. Polo de agora queda para os que queiran arriscar. O mal partido de Dubi na Supercopa non debería pasar de anécdota, o normal é que o faga ben contra os do Principado; agora ben, saíndo por riba do millón e en fase de acumulación aínda non é o seu momento. Máis interesante semella Tobey. Fixo unha pretempada moi boa na que non baixou da decena que precisa para subilo todo. Un dos destacados da preparación do Andorra foi Senglin. Está moi barato (só precisa 6) e despois ten un partido moi favorábel de local contra un Fuenla que está a conceder moita valoración. Mágoa que sexa extra. Con Hannah, polo seu prezo, deixaría pasar este partido. Todorovic, o que fora un dos mellores na pretempada pasada —e que se perdeu o curso case ao completo por unha grave lesión—, aínda que non estivo tan brillante nesta, rendeu a bo nivel e a súa bandeira e o partido da segunda xornada contra o Fuenla fan del unha opción atractiva a dúas xornadas (despois recibe o Barça). Musli está a un prezo moi razoábel, mais eu agardaría, ten un rival moi duro e non fixo unha gran pretempada. Diagne debería volver ser unha bandeira destacada nos pivotes este ano, mais fóra da casa non rende tan ben e en Valencia nunca chegou aos 13 que precisa para subir todo.

Gran Canaria – Zaragoza

(26, 22:00)

@EST, @MAN, AND | OBR, @MUR, @BET 

O Granca é un equipo que mellora moito de local e este ano reforzouse moi ben para deixar atrás a mala tempada pasada. O Zaragoza non vai ter doado replicar o gran papel do último curso, mais completou unha pretempada perfecta (con vitoria contra o Madrid incluída) e aos mandos segue o gran Fisac. No Granca, Radicevic semellaba unha opción gorentosa porque valorou moi ben na pretempada para un xogador que só precisa 7, mais no derradeiro test, co equipo (case) ao completo, apenas xogou. Alocén está a ser un dos xogadores máis comprados e debería ser dos que máis medren este ano (a bo seguro que contará con máis minutos), porén, o ano pasado vimos que valoraba bastante mellor de local (volveu pasar na preparación) e xoga lonxe de Zaragoza 3 dos primeiros 4 partidos. Aínda que estea moi barato e aporte unha bandeira, non o acabo de ver polo de agora (seguro que terá o seu momento máis cedo que tarde). Nas ás, Beirán nun só partido deixou claro que vai ser un dos xefes dos canarios, está moi caro (precisa 15), mais a súa capacidade reboteadora fai que sexa un xogador bastante fiábel e o calendario é favorábel. A Okoye debemos darlle un tempo de adaptación. Nos de Porfi, a falta de que Brussino (moi reforzado do Mundial) lle colla o pulso ao seu novo equipo, a opción é Seibutis (baixa confirmada). O lituano fixo un moi bo curso pasado, é un xogador da total confianza do adestrador e sae a un prezo moi razoábel (só precisa 9); ademais, non ten un calendario moi complicado no arranque. Hai que ter en conta que anda con problemas nas costas, mais coa novidade deste ano temos certa marxe para ver se chega ou non. Nos pivotes hai que darlle un tempo de adaptación a Bourousis, e Beqa polo de agora non acaba de moverse nos números que podemos esperar del (está a xogar un pouco de máis por fóra e non está a rebotear como nos gustaría), podemos contemplalo porque está barato, vén dunha gran tempada, aporta bandeira e ten bo calendario; mais non é un fixo. O máis interesante nos de Katsikaris é un debutante na ACB: Costello. Fixo unha pretempada moi sólida, anotando e reboteando con regularidade. Non debería de ter problemas en acadar os 11 que precisa e as perspectivas en próximas xornadas tamén son boas. Ao xogo interior do Zaragoza daríalle un pouco de marxe, Justiz está a saír dunha lesión e Radovic e o retornado Benzing levan pouco co grupo.

Baskonia – Estudiantes

(27, 19:15)

@FCB, UNI, @BLB | GCA, @FUE, MAN

Semella un bo partido para os bases dos vitorianos. Cun Henry que leva unhas semanas lesionado (aínda que non tardará en volver, incluso podería estar para esta), tanto Granger como Vildoza poden ser opcións atractivas. O uruguaio parece que deixou atrás as molestias que lastraron a súa última campaña, está a bo prezo (abondaríalle cun 8 se gaña o Baskonia) e ademais é cota. Vildoza está ante a tempada da súa consagración, vén dun gran Mundobasket como toda a selección da Arxentina e xa o vimos valorar ben (por riba do que precisa para subir todo) no debut no derradeiro partido da pretempada. O gran pero dos xogadores do Baskonia é o calendario, despois véñenlle dous partidos moi duros. Nos exteriores, con Stauskas lesionado e cun Garino desacertado (-3) no debut (aínda que vén dun magnífico Mundial e o ano pasado fixo unha gran primeira xornada), a opción máis atractiva a unha xornada semella Shields (que fixo unha gran tempada pasada). O xogador con pasaporte danés está a moi bo prezo (con 10 abóndalle para subir todo). Por dentro o Baskonia perdeu a dúas pezas chave (Poirier e Voigtmann), mais conserva a súa estrela: Shengelia. Esta primeira xornada pinta moi ben para el, xogará moitos minutos e xa sabemos do que é capaz, o problema é que está moi caro (precisa 19) e despois xoga contra o Barça e Unicaja, non terá nada doado facer a valoración necesaria para darnos tres subas do máximo. Cómpre ser prudentes. Semella que polo de agora Fall será o pivote con máis minutos (Eric só leva un partido, bastante discreto, e Diop non acaba de gustarlle a Peras), o xigante con pasaporte francés deixou moi boas impresións na pretempada e debería facerlle moito dano ao xogo interior estudiantil. Nos colexiais o máis prudente semella agardar (Brizuela perdeuse os últimos partidos por unha escordadura), este é un partido difícil e despois venlles un calendario bastante amábel.

Obradoiro – Barça

(27, 19:15)

@ZAR, BLB, @CAN | BAS, @AND, VBC

No Obra só contemplaría a Magee. Semella que, como con Matt Thomas, pescaron un gran tirador na NCAA. O norteamericano xa deixou unha gran impresión enchufándolle 22 puntos aos de Pesic na pretempada. Outro tirador (Marinkovic) vén de lle facer dano ao Barça tamén na Supercopa. No Barça hai moitos de interese, o malo é que só hai un balón e 200 minutos a repartir entre todos. Delaney é do gusto de Pesic e na Supercopa foi o base culé que deixou mellores sensacións (acadou en ambos partidos os 12 que precisa). A súa condición de extra e que leve tan pouco no equipo réstalle algo de atractivo. Higgins sae por debaixo do seu prezo (precisa pouco máis de 12), fai de todo e todo ben. Coa derrota da Supercopa, coido que Pesic tentará dar un golpe de autoridade en Santiago (Cory xa anotou 22 na preparación), e despois contra o Baskonia seguro que se volverá achegar á trintena de minutos de xogo. As condicións de Claver non son as que dan o mellor resultado no SM; porén, fixo un Mundial incríbel, apórtanos unha bandeira, está en moi boa forma e se acerta con algunha das triplas abertas que terá chegará sen problemas aos oito que precisa. Davies estivo por diante de Tomic na pretempada, fixo bos números e culminou a preparación papando a Tavares na Supercopa. Paga a pena gastar unha praza de extra con el. Mirotic será con moita probabilidade un fixo a non moito tardar e ten calidade para facerlle ao Obra os case 20 que precisa (na pretempada meteulle 16 puntos); porén, o Barça aínda está sen acoplar e despois chégalle un partido complicado contra o Baskonia (na Supercopa contra o Valencia e o Madrid quedou lonxe da valoración que precisa para subir todo). Eu esperaría algunha que outra xornada, mais cun xogador desta calidade…

Joventut – Real Madrid

(27, 21:30)

@BET, BUR, @UNI | MUR, @CAN, FUE

O Madrid chega a Badalona como se levase xa varios meses de rodaxe, coas novas pezas integradas na súa maquinaria case perfecta. A Penya este ano, cando menos até que regrese Dawson dentro duns meses, falará esloveno no Supermanager. Prepelic e Omic están chamados a liderar as valoracións dos verdinegros. Contra Tavares e compaña, non pensaría nun Alen que aínda non lle acabou de coller o pulso ao equipo. O exterior cedido polo Madrid semella a un única opción a ter en conta no debut. Fixou un gran pretempada, ten licencia para tirar e está a forzar moitas faltas. Abofé que o Madrid non llo vai poñer doado, mais de local coido que pode acadar eses algo máis de 12 que precisa para subir todo e despois ten dous partidos moi favorábeis para comezar a acumular broker. Postúlase como un dos candidatos a máximo anotador da tempada. O Facu veu do Mundial cunha marcha máis có resto da liga. Dominou na Supercopa e agora enfróntase contra un equipo que recibiu moitísimo dos bases na pretempada. Tería que pasar algo moi extraño para que non se vaia á vintena. Hai bastante risco de se dispare de prezo. Lapro será recibido como merece após converterse nun mito da Penya en só tempada e media. Con Llull instalado xa no 2 a tempo completo, terá cando menos 15 minutos de xogo, que lle deberían abondar para subir todo contra a feble defensa verdinegra no un. Outro mito da Penya, Rudy (será baixa), tamén é unha opción atractiva (está a xogar a gran nivel e só precisa un 10). Noutra tempada, coas molestias que tivo na final da Supercopa, o mellor sería non arriscar con el. Desta volta, se ao final non está para xogar, saberémolo con tempo para trocalo por outra opción. A media de Tavares en Badalona durante a súa carreira é maior do que precisa para subir todo. Estaba a xogar a gran nivel (Davies só hai un) e ten un calendario moi favorábel por diante. Se temos unha praza de extra sen usar, Mickey é unha gran opción a moi baixo prezo (8.5 para subilo todo, algo que superou amplamente en case todos os partidos da preparación). Co calendario que ten por diante, debería poder quedar nos equipos bastantes xornadas.

Murcia – Betis

(27, 21:45)

@RMA, ZAR, @BUR |  JOV, @VBC, ZAR

Arranca a primeira tempada dende o principio en Murcia de Sito, que lle mudou a faciana ao equipo trala saída de Juárez o curso pasado. Parece que seguirá xogando rápido, e iso interesa para o SM (e para o espectáculo). O Betis armou un cadro moi interesante, a ver como se van acoplando. Lecomte deixou boas impresións o ano pasado e pode ser unha aposta económica interesante contra un Betis que é probábel que reciba bastante na posición. Aínda que a visita Madrid da vindeira xornada réstalle atractivo. Nos béticos destaca Sipahi, o turco fixo unha boa pretempada, está barato e ten dúas boas xornadas por diante (a Penya está a recibir moito dos bases). Nas ás temos dous dos xogadores que serán importantes no xogo. Booker vai ser un dos grandes anotadores da tempada e cando teña o día vai dar grandes picos (e cando non, desgustos). Se nalgún equipo queremos arriscar pode saír moi ben, como na primeira xornada non é o mellor momento de arriscar (e despois xogan contra o Madrid), o mellor é procurar outras opcións. Rivers está chamado a ser a estrela do Betis. Se non está desastroso no tiro, acadará sen problemas os dez que precisa para subir todo e ten un bo partido na segunda xornada. Conger, que deixou unha magnífica impresión no milagreiro desenlace da 17-18 coa Penya, será menos propenso ao pico que Rivers, aínda que tamén debería ser máis fiábel; precisa pouco máis de 8 para subir o 15% e despois recibirá a visita do seu ex. Incluso Slaughter, que chega en forma despois de facer un gran papel con Polonia no Mundobasket, será un xogador interesante, mais eu agardaría cando menos esta semana antes de darlle entrada porque leva moi pouco tempo co grupo. Por dentro, Whittington pode facer un gran papel este ano, mais precisa 13 e se non lle entran os triples… O mellor é ter prudencia.

O equipo do blog

No equipo do blog (que é o mesmo ao longo do ano) optei por moito xogador medio e dous máis caros nos pivotes (a fórmula da valoración favorece os interiores). Puiden apurar moito o orzamento, iso está ben. Metín cinco bandeiras para deixar un chisco de marxe. Teño en mente vender a Shengelia na segunda (espero que sexa ademais cunha suba do 15% no peto) para mellorar as pezas máis frouxas con eses cartos. Ante a baixa de Seibutis, meto no seu sitio a Marinkovic. Non me satisface igual, mais é a maneira de tocar o menos posíbel a idea inicial.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence á serie Over The Garden Wall.