SuperManager x. 1: sobrevivir

O importante na primeira xornada é conseguir saír con vida.
O ano pasado escribín un artigo sobre o SuperManager antes do comezo do xogo, que era un máis dos textos de todo tipo que publico neste o meu blog persoal. Ía ser algo puntual. Porén, as cousas fóronme ben —estiven nos postos de cabeza durante uns meses— e os artigos interesáronvos, así que acabei publicando un novo texto para cada xornada de Liga e incluso da Copa. Cada vez máis completos. Volverá ser así esta tempada? Esa é a miña intención. Non garanto que todas as xornadas vaia haber unha análise exhaustiva —dependerá de se hai interese abondo e do tempo de que dispoña—, mais si que cando menos publicarei no blog a listaxe de xogadores interesantes.

En que consiste o xogo?

Debemos montar un equipo —aquí podes crealos— con 11 xogadores da liga ACB de baloncesto: 3 bases, 4 ás e 4 pivotes. Ademais, debemos respectar as seguintes normas: o noso orzamento estará limitado —de inicio— a 6.5 millóns de euros, no equipo debe de haber cando menos 4 xogadores que sexan cota e un máximo de 2 extracomunitarios. Cada xornada poderemos facer até 3 cambios. O obxectivo do xogo é conseguir a maior puntuación posíbel sumando as valoracións que acaden os nosos xogadores no partido que disputen co seu equipo. Que é a valoración? A valoración é o resultado de aplicar unha fórmula matemática moi sinxela na que se suman os aspectos numéricos positivos —puntos, rebotes, asistencias…— e se restan os negativos —perdas, tiros errados, faltas cometidas…—. Se ademais o equipo dese xogador gañou o partido, á súa valoración no xogo súmaselle un 20%. Alén desta clasificación principal, existen clasificacións secundarias que miden os puntos obtidos, asistencias, rebotes e o broker.

A importancia do broker

Se todo isto é novo para ti, estarás a te preguntar que é iso do broker. Si, o nome procede do termo inglés para intermediario financeiro. Porén, adquiriu certa polisemia dentro do xogo. Cando falamos do broker que ten un equipo, estámonos a referir aos cartos totais cos que conta: a suma do que valen todos os seus xogadores e o que teña sen usar en caixa. Inda que o interese do broker vai alén da específica de igual nome. Os xogadores, dende o prezo inicial asignado por expertos —que se fixan na calidade da dentadura, o brillo do pelo e movidas inda máis técnicas—, van variar o seu valor en función da valoración. Cal é a relación? A cada punto de valoración correspóndenlle 70 mil euros. Así, un xogador que custe 700 mil, espérase que consiga 10 de valoración media. Se fai por riba desa cifra, subirá o seu valor, “subirá o seu broker“; se non chega á decena, baixará. Entre xornadas consecutivas o broker dun xogador só pode variar un 15%. Co que se fai unha moi boa xornada no arranque —poñamos 20—, a súa valoración media —eses 20— estaría moi por riba do seu novo prezo —a alguén de 20 de media corresponderíalle un valor de 1.4 millóns— e tería moi doado volver aumentar o seu prezo un 15% a seguinte xornada sen necesidade dun gran partido.
Os 6.5 millóns iniciais non abondan para fichar os xogadores que máis valoran, co que precisamos aumentar o noso broker para poder ter aos mellores no noso equipo.

A estratexia a seguir

Como queremos aos mellores connosco, na primeira fase do xogo temos que aumentar no posíbel o noso broker. Canto antes consigamos aumentar o noso broker, mellor, porque antes poderemos fichar os xogadores que máis valoran. Ademais, nas primeiras xornadas resulta máis doado gañar cartos. Co paso das semanas os prezos dos xogadores estabilizaranse —o seu valor, variando de 15% en 15%, estará á par coa media de valoración— e resulta moito máis complicado gañar broker. Canto dura esta fase de acumulación? Rematará cando poidamos permitirnos formar un equipo cos xogadores máis caros —ou un chisco antes se inda hai xogadores importantes con subas de broker garantidas—. Para que teñas unha referencia, o ano pasado, os equipos que o fixeron ben, xa podían centrarse só na valoración dende a 8ª xornada cuns 14 millóns de broker. Mais ata que chegue o momento non poderemos saber cantos cartos se precisarán este ano para dar por concluída a fase de acumulación. Aí vai de forma condensada unha relación de recomendacións que eu sigo na creación dos meus equipos.
Apura o orzamento —mais non a toda costa—: non nos interesa deixar cartos en caixa, porque a ese diñeiro sen usar non lle imos sacar rendemento, non imos gañar broker con el. Así que a idea é formar un equipo inicial que estea o máis próximo aos 6.5 millóns de euros. Emporiso, se temos que deixar un pouco en caixa —fixemos un límite máximo aproximado duns 200 mil— para formar un equipo máis do noso gusto, é preferíbel a fichar a algún xogador no que non confiemos. Na segunda xornada xa teremos opcións fiábeis abondo para investir todo.
Primeiro o broker, pero despois a valoración: en fase de acumulación o broker é prioritario, así que só nos debemos fixar en xogadores que teñan subas doadas. Agora ben, nese grupo de subas favorábeis, temos que optar polos que pensemos que van facer boa xornada. Non nos debemos deixar levar porque un xogador precise só un -25 para subir o 15% se ten unha xornada moi complicada por diante, haberá opcións moito mellores que nos garantan cartos e valoración.
Mirar o calendario ten recompensa: a valoración dos xogadores non depende só das súas capacidades, senón tamén dos rivais que teñan en fronte. Hai rivais que conceden máis valoración que outros e hai opoñentes contra os que non podemos contar co bono do 20% por vitoria. Así que, como temos cambios limitados, se dubidamos entre un par de xogadores, ambos con boa xornada por diante, as boas ou malas perspectivas en próximas xornadas serán as que nos dean a chave para decantarnos por un ou outro.
A pretempada é mentirana: os adestradores fan probas, xógase a outra intensidade, algúns rivais non son de entidade, houbo moitas baixas polos partidos de seleccións… Porén, por máis que non sexa unha mostra fiel do que debemos esperar neste arranque da liga, é a mostra máis fiábel da que dispomos. A páxina de cabeceira no tocante aos datos do SuperManager, El Rincón del SuperManager, recompila as valoracións da pretempada nesta táboa grazas ás estatísticas fornecidas por Sergio Pareja (que se poden consultar nesta folla de cálculo) e dende a web da ACB podemos revisar os datos partido a partido —inda que en moitos non se fornecen as estatísticas completas—. Temos que fixarnos máis en tendencias que nos números en si, que xogadores parecen máis en forma, en que posicións cargan o xogo ofensivo, en cales reciben máis valoración… A Supercopa, como competición oficial, ofrece unha visión máis fiábel dos implicados. O acontecido a tempada pasada tamén pode ser unha boa guía para os equipos que non cambiaran moito —por desgraza, a tónica da ACB é que os proxectos muden moitas pezas dunha tempada a outra— e o que coñezamos aos xogadores. Sempre vai a haber algún xogador que en pretempada estea a rompela e despois na liga… O último exemplo diso foi Redivo, que o ano pasado foi a sensación do verán en Bilbao, mercámolo todos no SM e o negocio non saíu ben.
As cousas non sempre saen como esperas: inda que esteamos moi contentos co noso equipo, varios dos nosos xogadores poden ter un día malo, lesionarse ou ver unha divindade na torrada do almorzo e deixar o baloncesto para irse predicar a ira do creador. Debemos minimizar os riscos. Adoita ser boa idea saír con máis bandeiras que as catro obrigatorias, para non ter que cambiar necesariamente unha couta por outra se esta falla na primeira xornada, e non gastar as dúas prazas de extra pola mesma razón. Pero como se vai a aprazar o Murcia-Estudiantes da segunda xornada, poderemos substituír todos os xogadores que teñamos de ambos equipos sen que conten no límite de 3 cambios. Hai que tentar levar varios xogadores destes equipos para aproveitar os cambios gratis na segunda e así ter maior marxe para repoñernos aos imprevistos.
Cantas máis papeletas…: non existe limitación de equipos por usuario, así que podemos crear cantos queiramos. Polo xa dito, podes intuír que acertar no arranque non é doado. Trátase do momento de máis incerteza no xogo e comezar ben outórganos unha vantaxe considerábel. Por iso, boa parte dos managers que están aí arriba ano tras ano crean unha gran cantidade de equipos para garantir bos inicios cuns cantos deles. Aí está o truco. Hai quen fai ducias, quen fai centos e incluso quen ha de superar o millar. Tamén hai quen fai un só e inda así logra competir. No meu caso, estou nun punto intermedio, o ano pasado creei unha quincena, que non tiven problemas en xestionar sen abandonar ningún, así que este ano igual fago algún máis.
Atende aos que saben: ou o que é o mesmo, non me fagas moito caso a min. Eu son un xogador mediocre. Pero hai outras webs nas que escribe xente con criterio: Luis Hidalgo en KIA en zona, Aketza Villanueva en Piratas del Basket, Xan Ramos facíao en Solobasket (deixouno este ano, mais non sei se outra persoa seguirá co blog), en Tiempo Muerto tamén adoitan escribir sobre o SM e por suposto no Foro do xogo tamén hai información valiosa. Se sabes dalgún sitio máis no que publiquen artigos sobre o SuperManager, non dubides en avisar para engadilo á relación.

Selección da xornada

Selección de la jornada

Tendo en conta todo o anterior, elaborei unha listaxe dos que, segundo o meu criterio de manager mediocre, son os xogadores máis interesantes para este arranque. Van ordenados segundo o grao de preferencia e a diferencia entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. O asterisco indica que eses xogadores serán cambio gratis trala xornada.

Bases

Primeiro banzo

Primer escalón

Llull

Segundo banzo

Segundo escalón

Pangos
*Hakanson
Van Rossom

Terceiro banzo

Tercer escalón

Albicy
Jaramaz

Ás

Aleros

Primeiro banzo

Primer escalón

Dawson
Claver

Segundo banzo

Segundo escalón

Shields
Vasileiadis
*Brizuela

Terceiro banzo

Tercer escalón

Toolson
Mathias
Evans
*Clavell
Okoye
Milosavljevic
*Oleson

Pivotes

Pívots

Primeiro banzo

Primer escalón

Shengelia
*Jankovic
*Cate

Segundo banzo

Segundo escalón

*Soko
Salvó

Terceiro banzo

Tercer escalón

Morgan
Randolph
Smits
Oriola
Herun
Coma sempre, na listaxe procuro minimizar os riscos. O obxectivo da primeira xornada é saírmos indemnes, deixar un equipo que poidamos encarrilar na xornada dúas xa con subas máis claras de broker. Por suposto, os managers que fagan centos de equipos pódense permitir moitas combinacións arriscadas; mais a idea da listaxe é elaborar equipos sensatos que, inda que as cousas non saian de todo ben, poidan afrontar a segunda xornada con garantías. Para iso tentarei evitar xogadores con calendarios complicados e equipos con rotacións incertas, tamén darlle prioridade aos xogadores do Murcia e o Estu, que ofrecen cambios gratis.

Bases

É a posición máis complicada para este debut. Non nos depara moitas opcións, é probábel que para completar os equipos teñamos que botar man máis dunha vez dalgunha das opcións de risco apuntadas fóra da listaxe.

primeiro banzo

primer escalón

Esquecida xa a lesión que o tivo fóra a maior parte da tempada pasada, Llull volverá a exercer de líder do Real Madrid. Ten un debut esixente, comeza con Canarias de local e despois mídese a Valencia e Unicaja. No seu caso iso debería xogar a favor, porque así verase obrigado a asumir responsabilidades e xa vimos na Supercopa que chega en bo momento. Precisa moita valoración para subir todo —18—, mais se o Madrid gaña, chegaríalle cun 15 —cifra que conseguiu ou superou en ambos encontros da Supercopa—. Se queremos apostar por algún xogador caro, semella dos máis fiábeis. Ademais, a de base é a posición do Madrid con menos alternativas, así que estamos a salvo das rotacións de Laso.

segundo banzo

segundo escalón

Kevin Pangos, unha das sensacións da última Euroliga ás ordes de Jasikevicius, comezou con bo pé o seu regreso á ACB. Nesta pretempada foi o base máis fiábel do Barça. Fai do pase a súa mellor arma e aproveita boas posicións de tiro para sumar tamén anotación. Debutará de local contra o seu ex, Gran Canaria, e despois ten unha saída favorábel a Manresa. Os once e medio de valoración que precisa nesta primeira xornada superounos na maior parte dos partidos de preparación, incluída a Supercopa —20—, na que foi o máis valorado dos blaugrana.
Esta debería ser a tempada de consolidación de Ludde Hakanson. Na súa primeira tempada no Estudiantes estivo por debaixo do esperado, pero é un xogador que vai gañando en confianza e que xa demostrou na previa da Champions —13 e 12 de valoración— que está disposto a asumir máis responsabilidade. Está barato —só precisa un 7 para subir todo—, é cota, será cambio gratis e debuta de local contra o Manresa.
A pesar do duro comezo de tempada coa viaxe a Málaga e a visita do Madrid, Sam Van Rossom é un dos bases a ter en conta. Fixo unha gran pretempada, o curso pasado cando estivo san tamén rendeu moi ben e non sae a mal prezo para o seu nivel. O Valencia está a notar para ben a súa presencia na cancha. Na derrota contra a Penya no último partido levou un golpe que o deixou fóra por precaución, pero non semella que vaia ter problemas para estar na primeira xornada. Superou a vintena nos dous partidos da ACB contra o Unicaja a tempada pasada, así que eses 9 que precisa no debut non deberían ser problema. Non é mala idea reservar un cambio para a segunda xornada por se queremos substituílo por algunha opción con suba de broker doada.

terceiro banzo

tercer escalón

Coa marcha de Jaime, Albicy recupera todo o protagonismo na dirección dos do Principado. Estivo a gran nivel na pretempada e debuta como local —Murcia—, onde as súas prestacións medran de maneira apreciábel. Sobre todo se gañan o partido —o Andorra é un equipo complicado como local— eses máis de 12 que precisa para subir todo son bastante probábeis. Na segunda xornada visita Badalona, contra a Penya sumou 11 —aos que habería que sumar o bono— na vitoria do seu equipo na Lliga, trofeo que acabou indo para as vitrinas dos andorranos.
Unha opción económica pode ser Jaramaz. O xogador balcánico rematou a pretempada como base máis valorado e con máis minutos no Burgos, con dúas grandes valoracións superando a quincena no tramo final da preparación contra o Fuenla e o GBC. O comezo en Compostela pódelle vir ben e só precisa facer 7 para subir todo. Despois ten unha segunda xornada complicada coa visita do Baskonia.

fóra da listaxe

fuera de la lista

Nico Laprovittola queda fóra por precaución. En ningún dos partidos de pretempada conseguiu os 15 que precisa para subir o 15%. Porén, creo que o conto vai cambiar bastante coa chegada da liga. Inda que na pretempada non estivo atinado de cara ao aro, é o líder indiscutíbel do Joventut e co comezo da competición vai asumir máis responsabilidades. Os que queiran arriscar nalgún dos seus equipos teñen nel unha gran opción —para o resto o mellor é esperar—. O prezo de Booker, a pesar do cambio gratis, déixao fóra. O seu rol en Murcia é diferente, será un xogador importante mais non asumirá tantos lanzamentos como no Betis e por tanto terá máis difícil valorar. Tamén queda fóra o Facu, que ten os minutos garantidos no Madrid e que na liga regular superou a vintena contra o Canarias nos dous partidos do ano pasado; porén, nesta pretempada só acadou os máis de 11 de valoración que precisa nun dos 5 partidos que xogou. Tamén é unha grande opción para equipos de riscos. Véxome incapaz de decantarme polo de agora por ningún dos bases do Baskonia, a distribución de minutos está a variar moito entre partidos e calquera deles pode aparecer como pasar desapercibido. Interésanos algo máis estábel. Malia ser cambio gratis, Cook non estivo ao seu mellor nivel na pretempada nin na eliminatoria de Champions. Tampouco entra Hannah, un dos bases máis importantes do ano pasado no xogo. En toda a pretempada só conseguiu superar os 12 que precisa neste arranque na exhibición triplista contra o Valencia. Para equipos de risco si é unha opción a ter en conta. Outra posibilidade de risco é Brian Roberts. Fixo unha pretempada de nivel e apunta a ser unha das referencias ofensivas do Unicaja, mais o difícil debut contra o Valencia e as dúas saídas posteriores fan que quede para os managers máis ousados. O momento de McCalebb seguro que chegará, mais polo de agora inda lle falta coller ritmo e o debut contra o Baskonia tampouco axuda a pensar nel. Non entra na listaxe porque a rotación do GBC en liga non se debe parecer moito á da pretempada, xa con Gutiérrez no equipo, pero se só temos uns cans para completar o equipo, Gaizka Maiza é bandeira e respondeu ben na preparación e pode conseguir ese 3 que precisa. Renfroe é un base de moito nivel, pero incorporouse demasiado tarde á pretempada do Manresa como para telo en conta xa para a xornada inicial.

Ás

Aleros

Nas ás será chave acertar cos exteriores que teñan puntería no arranque, porque varias das opcións dependen moito do seu acerto no tiro.

primeiro banzo

primer escalón

Dende o debut de pretempada Shawn Dawson apuntaba a xogador importante do SM, o paso dos partidos non fixo máis que confirmalo —dos catro encontros nos que tivo minutos, superou a quincena en tres—. Os 10 que precisa para subir todo semellan accesíbeis. É un xogador con grandes cualidades tanto técnicas como físicas, ten capacidade para fabricarse os seus propios tiros e é unha ameaza tanto exterior como en penetracións a canastra —o que lle vai servir para forzar bastantes faltas—. Ten un debut moi favorábel en Lugo e despois recibe como local o Andorra, o equipo que mellor o contivo esta pretempada —7—; inda que na liga a historia debería ser diferente. A única dúbida con el chega polo seu estado físico. Mancouse na xogada na que Dejan Todorovic se lesionou de gravidade, inda que non tivo problemas para seguir até o final do partido e ser o mellor do choque —31 de valoración—. No resto de pretempada descansou por precaución —só 3 minutos nun partido—, mais semella estar en perfectas condicións para o debut —se o parte non di o contrario—.
A baixa de Hanga está a garantir un mínimo de 25 minutos por partido para Víctor Claver no 3, aos que lle está a sacar moito rendemento. Superou a decena en todos os encontros de preparación —incluída a Supercopa—. Asegura rebotes e é un xogador que non forza as xogadas de ataque, polo que a súa fiabilidade polo de agora debería de ser alta. O seu prezo está tirado e a súa bandeira é un grande aliciente.

segundo banzo

segundo escalón

Shavon Shields está a ser o exterior máis consistente do Baskonia. Anota con regularidade e incluso ten capacidade para axudar no rebote. Precisa 12 de valoración, cifra que superou na maior parte dos partidos estivais. Ademais conta cun bo calendario de inicio, comezando polo debut en Vitoria contra o Zaragoza.
Kostas Vasileiadis regresou a Compostela disposto a liderar o Obradoiro este ano. Fixo unha preparación a bo nivel e anotoulle 15 puntos ao Real Madrid na Supercopa. Arranca de local contra un rival favorábel —Burgos— e xa sabemos que é un xogador cunha conexión especial coa grada do Fontes do Sar. Debería lograr sen moito problema os 12 que precisa. Como tirador, implica certo risco. Despois ten dúas saídas complicadas ás Canarias que non nos fan pensar nel alén desta primeira xornada.
Dario Brizuela tivo moi bos partidos no tramo final do curso pasado e esta apunta á tempada do seu paso á fronte. A pretempada reforzaba a idea, onde deu mostras do seu talento ofensivo, pero os últimos compromisos —3 de valoración en ambos partidos da Champions— rebaixan un pouco o optimismo. Está barato, só precisa un 6, é bandeira e debuta de local contra un rival favorábel —Manresa—. Creo que cumprirá e non supón un risco polo seu baixo prezo e polo cambio gratis.

terceiro banzo

tercer escalón

Moito se espera de Ryan Toolson este ano e ten un calendario inmellorábel: debut en Madrid contra o Estu, despois recibe o Barcelona —que sufre moito con xogadores do seu perfil e ao que xa lle fixo 20 de valoración nesta pretempada— e Penya. Porén, o que debe ser un dos grandes anotadores da campaña concluíu unha pretempada un tanto fría nun Manresa con bastantes contratempos. Cabe esperar que co comezo da competición apareza a súa mellor versión. Precisa un 12, así que implica certo risco.
Dakota Mathias foi outra das sorpresas agradábeis da Penya. Estivo a gran nivel na pretempada. É un tirador, para o bo e para o malo. Se ten o día pode darnos un pico —pechou a pretempada en Valencia cunha exhibición: 25 de valoración e 27 puntos— ou deixarnos un negativo. Entra na listaxe porque o máis probábel é que cumpra, superou os 8 que precisa para subir todo en 5 dos 7 partidos de preparación —incluíndo o partido contra o Andorra, segundo rival da tempada—. Cos cambios gratis dos xogadores de Murcia e Estudiantes é un risco asumíbel; non deberiamos ter problemas para deixar un cambio libre co que poder substituílo se non sae ben.
Chris Evans está a ser o mellor anotador dun Granca que se estreará esta tempada na máxima competición europea. Co paso da pretempada o xogador estadounidense foise asentando e subindo o nivel partido a partido. Os 8 de valoración que precisa deberían estar na súa man inda que ten unha saída complexa a Barcelona. Os blaugrana son vulnerábeis na posición; pode sacar especial vantaxe cando comparta pista con outro tres —algo que vai suceder porque coas baixas de Nelson e Eriksson só teñen un escolta dispoñíbel—. Se salva o debut, ten un partido moi favorábel na segunda xornada de local contra o Obra.
Apuntaba máis arriba, pero Clavell cae ao terceiro nivel da selección. O Estu está a ter moi bo ollo cos seus anotadores nos últimos anos, o rival é propicio —Manresa no Palacio— e será cambio gratis trala xornada. Porén, precisa algo máis de 13 para subir todo e, despois dun bo comezo, baixou o seu nivel ao final da preparación —non acadou a decena en ningún dos dous partidos da previa da Champions—.
Esa forza da natureza chamada Stan Okoye apunta a ser un dos nomes a seguir deste Supermanager e o líder do Zaragoza. A gran pega que ten é que debuta en Vitoria. Valorou moi ben en pretempada e non sería estraño que conseguira ese pouco máis de 12 que precisa no debut. Se queredes arriscar, é dos xogadores polos que paga a pena facelo. Inda que para min a mellor opción sería agardar; se salva a xornada tería todo de cara na segunda na casa contra o GBC e a terceira en Burgos tamén pinta ben.
Entre os xogadores máis económicos da posición destaca Milosavljevic, que coa marcha de Nedovic está a gañar peso no equipo e fixo unha boa pretempada, sumando en diferentes facetas do xogo. Só precisa un 4 para subir todo, algo que parece bastante factíbel na visita do Valencia, ao que xa lle fixo un 9 o ano pasado.
Esperabamos moito máis de Oleson cando fichou polo Murcia. Nesta pretempada volveu dar un rendemento desigual. O seu baixo prezo —precisa un 5 e medio—, a súa bandeira, a necesidade de que asuma máis protagonismo coa lesión de Todorovic e sobre todo o seu cambio gratis fan del unha opción se dispoñemos de poucos cartos para completar o equipo.

fóra da listaxe

fuera de la lista

Para equipos de risco Prepelic ou Deck poden ser opcións de interese; para o resto, a rotación exterior do Madrid é demasiado ampla e imprevisíbel como para apostar polos seus xogadores. Tanto Abalde como Matt Thomas estiveron a gran nivel na pretempada e apuntan a que vai ser o seu ano, mais o complicado do calendario do Valencia —Unicaja e Madrid— invita a que os deixemos para equipos de risco polo de agora. Pronto entrarán na listaxe porque están bastante baratos. O alto prezo de saída —o máis caro na posición— fai que Popovic quede fóra no debut en Donostia —non sei que nos deparará o novo GBC de Valdeolmillos—. Ademais, na segunda xornada enfróntase ao Unicaja. O seu compañeiro Marc Garcia pode ser unha opción de risco interesante, precisa un 7 e na preparación tivo grandes anotacións. Os problemas físicos de Vidal déixano fóra. Se chega á xornada sen problemas, pode ser unha opción de risco interesante porque terá moitas ganas de reivindicarse contra o seu ex no debut. David Navarro non entra na listaxe, mais fixo unha boa pretempada, está barato e é bandeira, así que pode ser interesante para completar algún equipo de certo risco. O seu calendario non fai pensar nel a medio prazo. Entre as opcións menos comúns, chámame a atención a de Lucio Redivo para equipos que busquen a sorpresa. A sensación da pretempada anterior —que despois decepcionou— xa acadou de local a vintena o ano pasado contra a Penya e fechou a preparación con 23 puntos contra o Fuenla.

Pivotes

Pívots

Os interiores para esta primeira xornada ofrécennos máis opcións de supervivencia que de excelencia.

primeiro banzo

primer escalón

Unha Supercopa por baixo do esperado non logra sacar a Toko Shengelia do alto da listaxe. Vén dunha tempada incríbel e nos partidos de preparación comezou arrasando. O bo calendario fai que debamos pensar nel de inicio antes de que o seu prezo se sitúe en niveis prohibitivos. Se hai que inverter unha boa suma en alguén, ese é Toko.
A sorpresa positiva da preparación do Estu foi Nikola Jankovic. O interior colexial valorou decote por riba da decena e confirmou as boas sensacións na previa da Champions: 11 e 14. Precisa pouco máis de 8 para subir todo, debuta como local contra un Manresa que ten a baixa de Doellman e con Lalanne acabado de chegar e fóra de forma. Ademais, será cambio gratis ao remate da xornada.
Sensación da última LEB, o romanés Cate —que é cota— destacou na pretempada dos murcianos. Os minutos que está en cancha —podemos esperar que sexan cando menos uns 15— é todo ímpeto e pode facerlle bastante dano ao xogo interior do Andorra. Só precisa un 7 para subir todo e deixaranos un cambio gratis.

segundo banzo

segundo escalón

Ovie Soko, no seu debut cos pivotes, non ten o comezo máis apracíbel na saída a Andorra —dous malos partidos contra eles o ano pasado— para enfrontarse ao seu ex-adestrador. Inda así, apunta a unha das referencias do Murcia este ano e o Andorra non destaca na súa defensa interior. Canto máis preto do aro actúe moito mellor. Fixo unha boa preparación e agora precisa dar un paso á fronte porque o equipo xa non conta cos puntos de Todorovic. Precisa un 10 e será cambio gratis ao remate da xornada.
Con Burjanadze e Faverani inda inéditos e a pesar da fichaxe de Sekulic, Miquel Salvó preséntase como unha bandeira interesante no debut do GBC. Xa o ano pasado arrancara moi ben na liga e foi a referencia do equipo esta pretempada. O Fuenla é un rival favorábel e non debería ter problemas en lograr os 7 que precisa. A próxima xornada vai a Zaragoza.

terceiro banzo

tercer escalón

Como Miller inda tardará semanas —meses o máis probábel— en debutar, Conor Morgan ten asegurado o posto de titular no 4 e uns 25 minutos por noite. Ademais, como chegou á Penya directo de competir na liga de Nova Zelandia, arranca en moi bo estado de forma. Ten forza para cargar o rebote e boa man dende a distancia. Só precisa 9 para subilo todo, algo que conseguiu en 5 dos 7 partidos da preparación. Despediu a pretempada cun gran partido contra o Valencia Basket.
Nesta prepafración vimos unha boa versión de Randolph, que xa o ano pasado comezou a tempada lanzado. Na rotación interior do Madrid vai ser complicado atinar, mais Randolph debería ter os seus minutos garantidos se Thompkins é o descarte para a primeira xornada. Se Trey for dado de alta, Randolph deixaría de ser unha opción de interese.
Se buscamos unha opción entre os xogadores baratos, o máis relevante semella Rolands Smits, que ademais é bandeira. Está a deixar moi boas impresións nos seus primeiros partidos como blaugrana. Apenas precisa 4 de valoración, algo que logrou superar con claridade en todos os partidos de preparación —12 na Supercopa—. Vén xogando un mínimo de 15 minutos, unha cifra apreciábel para un xogador do seu prezo.
Pesic parece seguir a confiar na enerxía dun Pierre Oriola que o ano pasado amosou a súa mellor cara nos partidos como local. O comezo no Palau fai que pensemos nel como opción atractiva. O maior pero á súa inclusión é que os precedentes contra o Granca non invitan ao optimismo: só superou unha vez a decena contra os canarios nos 11 enfrontamentos que leva contra eles en ACB. A viaxe a Manresa da segunda xornada non aconsella que pensemos nel a máis dun partido.
Se non chega un substituto para Norel antes da primeira xornada, o ucraíno Volodimir Herun pode ser unha opción na procura da sorpresa. Está a xogar case 30 minutos por partido, valorou bastante ben, debuta na casa e o rival é a Penya, que está a ter moitos problemas co xogo interior —Birgander inda non debutou por lesión, Todorovic está a coller a forma e anda con problemas nas costas e Bieshaar está moi verde—.

fóra da listaxe

fuera de la lista

Hai demasiadas incertezas na rotación interior do Madrid como para asumir riscos con Tavares ou Ayón. O mellor é agardar polo de agora a ver como se desenvolven as cousas. A tempada pasada xa vimos que Tomic deu a súa mellor versión fóra da casa, así que é mellor darlle esta primeira de marxe. Na segunda, en Manresa —ao que xa lle fixo 22 na pretempada—, ten un encontro bastante máis propicio. Tobey estivo a gran nivel na preparación, mais co comezo da competición Dubi vai ir gañando protagonismo no equipo e os taronja teñen un inicio de tempada moi duro. Shermadini non fixo unha pretempada consistente abondo para telo en conta neste arranque. Ese duro debut tamén trae aquí a Lessort, inda que o xogador francés está bastante máis económico e vén dunha boa pretempada. Para equipos que queiran arriscar un pouco máis é unha boa opción. Con Whittington cómpre agardar, apenas xogou en pretempada e sae de lesión. Máis adiante apunta a xogador importante. De Diagné espero un paso adiante esta tempada, se o fai ben no debut xa veremos de facerlle un oco para a segunda á súa bandeira. Tamén queda fóra un dos pivotes máis comprados da xornada: Sebas Saiz. Foi unha das revelacións do ano pasado e completou unha preparación fantástica no Canarias. Ademais, está a moi bo prezo. A gran pega é que debuta de visitante —o ano pasado baixou bastante o seu nivel fóra— e sobre todo porque o rival é o Real Madrid. Igual logra ese 10 que precisa, mais para min é mellor non asumir o risco nesta e darlle entrada xa a semana que vén. Despois ten un calendario moi favorábel para asentarse nos nosos equipos durante varias semanas, comezando con dous partidos de local contra o Breo e o Obra. Se queremos xogar á ruleta rusa, Brodziansky é o noso home. O mesmo aplica para Clark. O alto prezo de Thompson fai que quede fóra da listaxe. Como dicía, nesta primeira xornada hai que asumir poucos riscos, unha xornada discreta de Thompson, un 11 —que non é mala valoración—, faríanos perder case 150 mil euros que nos complicarían moito as cousas para a segunda xornada, na que ademais reciben ao Baskonia. Para os que fagan un gritón de equipos é unha grande opción, superou a vintena nos dous partidos contra o Obra da tempada pasada. Huskic fixo boa preparación e non está caro, mais o feito de debutar fóra e despois recibir o Baskonia non me inspiran confianza. O cubano Justiz deixou moi boas sensacións na pretempada, mais o debut contra o Baskonia dita que é mellor agardar un pouco. Cady Lalanne, sobre todo a ese prezo, parecía unha opción moi interesante debido ao seu poderío físico. Porén, incorporouse moi tarde por cuestións burocráticas e só puido disputar un partido de preparación, onde se viu que inda precisa unhas cantas semanas para se pór en forma.

O equipo do blog

El equipo del blog

O ano pasado fixeime a meta de rematar no Top 1000 cun equipo elixido antes da primeira xornada. Partir cun equipo dado que ten o mesmo nome que o blog dá unha mostra máis fiel sobre o meu nivel real e o complicado que resulta o xogo. O ano pasado non logrei ese Top 1000 co equipo do blog (si con outros). Este repito co mesmo obxectivo. A ver se hai máis sorte.
Non hai sorpresas co equipo, que, coma sempre, está realizado cos xogadores da listaxe.
Se che interesan estes artigos e queres que os siga a publicar cada xornada, compárteos. Ségueme en Twitter para estares ao tanto de novos artigos e de calquera cambio na análise.

Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence á serie de Netflix Disenchantment.