
Chegou a xornada mala de verdade pola que agardaba. Ata tal punto lle foi mal ao meu mellor equipo que só sumou 167.80 puntos, o peor de todos os que teño de valoración e a niveis dos equipos de broker. Dicía que era inviábel manter o nivel de acerto que levaba nos cambios, sempre con saldo positivo. A xeira rematou. Os xogadores que entraron restaron 11 puntos respecto aos que estaban —e iso que Dubljevic foi baixa—. Por se non abondara, perdín 130 mil euros. Esta desfeita faime descender 10 postos, ata o 12º da xeral. Xoguei ao que parecían picos seguros de Campazzo, Thomas e Pustovyi e prescindín de Green ante un choque moi complicado. Todo mal.
Así lle foi á selección:
Bases
Doncic (28.8)
Campazzo (8.4)
Granger (18)
Heurtel (16.8)
S. García (20)
Cook (11)
J. Fernández (15.6)
ÁS
Thomas (7.6)
Ponitka (18)
Mumbrú (14)
Green (27)
Neal (23)
Richard (16.8)
Blazic (2.4)
Vidal (20.4)
Pivotes
Norel (17)
Shengelia (32.4)
Jordan (10.8)
Pustovyi (10.8)
Thompson (15)
Dubljevic (-)
Reyes (4.8)
Báez (14.4)
Shermadini (14)
As cousas non saíron, mais non lle foi tan mal á selección como ao meu equipo (tiven unha puntería…). Xuntáronse circunstancias estrañas: foi o partido no que Campazzo xogou menos minutos en toda a tempada —cando fóra da casa e contra as peores defensas estaba a valorar moitísimo—; Thomas era un reloxo, o rival parecía propicio, partido na casa e comezou valorando moi ben; Pustovyi tíñao todo para ser o MVP… mais foino o seu compañeiro na pintura, Radovic, que fixo o mellor partido da súa carreira. Esquezamos isto o antes posíbel.
Xornadas atrás había escaseza de bandeiras e como extra abondaba con Green. Agora a tendencia mudou. Nos bases as mellores opcións semellan ser cotas (a xornada pasada entre os bases máis valorados había máis bandeiras que que nun mitin de C’s: os 5 primeiros eran cota). Malia a baixa de última hora de Richard, hai múltiples opcións prioritarias de non comunitarios. Sobre todo nas ás, onde agradeceríamos poder levar cando menos tres. Só espero que a chegada de Katsikaris a Tenerife non varíe a importancia no equipo de Ponitka.Tamén parece atípica a xornada para os pivotes, onde hai menos opcións propicias que outras veces, sobre todo se gastamos as prazas de extra nas ás.
Bases
Doncic
Granger
S. García
Heurtel
Cook
Campazzo
ÁS
Green
Ponitka
Neal
Thomas
Sanders
Mumbrú
Beaubois
Vidal
Timma
Oleson
Richotti
Pivotes
Norel
Shengelia
Thompson
Pleiss
Tobey
Reyes
Seraphin
Huskic
Para Andrómenas tamén foi unha xornada desastrosa —inda que cos cambios gañei 11 puntos—. Só 176.8 puntos, unha baixada de máis de 400 postos —quedo o 1523º— e unha perda de broker de algo máis de 100 mil euros. O obxectivo do Top 1000 volve quedar lonxe.
Como dicía, Pustovyi era un cambio dunha soa xornada, e nin sequera saíu ben. Vai fóra. O seu sitio cólleo Pleiss. A baixa de Dubi, o partido na casa, certas urxencias —polo mal momento do equipo na Euroliga— e unha defensa rival non demasiado esixente apuntan a xornada favorábel para o xermano. Menos claro está o outro pivote. Ante a falta de prazas de extra e que Seraphin fóra da casa non rende igual, elixín a Felipe polas ausencias no xogo interior branco para substituír a un Jordan en descenso. A xornada pasada Reyes xogou moi pouco —porque o Madrid tivo un partido cómodo—, mais contra o Granca Laso non debería de rotar tanto. Nas ás, sigo a confiar no reloxo Thomas, coido que co cambio de pila destes 15 días de descanso vai recuperar a fiabilidade. Será Blazic o que saia. Cos cartos aforrados nos pivotes teño de sobra para recuperar a Green (perdoe, non volverei dubidar de vostede) e deixar máis de 300 mil na caixa. A ausencia de Richard, máis a euforia polo bo papel na clasificación para o Mundobasket, deixan unha xornada interesante para Vidal, a pesar de xogar fóra da casa contra un rival duro: o Unicaja —onde pasou as dúas tempadas previas ao regreso á Penya—.
Esperemos que desta volta non haxa sobresaltos de última hora.
Falemos un pouco da específica do broker. Chegou o momento de explicar que son os zombis e por que nos vai interesar recrutalos para o noso equipo —de broker, claro—. Agás nas ás, que hai inda de sobra, só quedan un base e dous pivotes que suban todo con negativo. Restan ademais outras boas opcións, mais axiña non poderemos ter un equipo no que todos os xogadores dean cartos e iso vai ir a peor en diante.
O primordial no broker é a planificación, fuxir do curtopracismo. Hai que configurar o equipo para que teñamos uns xogadores que nos dean cartos e que os outros, cando menos, non nolos quiten. O noso amigo é o simulador de broker e ir anotando cantas xornadas estimamos —sempre tirando polo baixo— que nos vai dar de suba de prezo cada xogador, para non vernos con máis xogadores con prezo estabilizado que cambios —co risco que iso supón—.
Como facemos isto cando xa non haxa opcións de broker abondo para completar un equipo, por moi ben que o planifiquemos? Tendo fichado zombis antes de chegar a ese punto. Un zombi é un xogador que non está vivo no SuperManager, que non vai xogar e por tanto non nos vai restar cartos, pero que ocupa unha praza no equipo e nun momento dado incluso pode revivir e darnos uns cartiños.
Eses zombis poden ser xogadores lesionados, xogadores que abandonaron a liga, xogadores vinculados que case nunca son convocados co primeiro equipo, xogadores que custen 45 mil euros —porque é o prezo mínimo que pode ter un xogador, así que só pode subir— e mesmo xogadores de fondo de banco cuxa achega ao equipo se restrinxa a accións deste tipo:
Entre todos eses, destacan os zombis con bandeira, que nos darán maior marxe de manobra. E os que menos nos interesan son os zombis extracomunitarios, polo motivo contrario: restaríannos opcións para poder fichar.
O zombi ideal, o xenro defunto perfecto, sería ese rapaz cota que subiu unha vez a xogar cos maiores porque medio equipo se intoxicou na cena de empresa e ademais fíxoo ben —acumulando broker—. Co que estaría aí zombificado, ocupando praza de cota e sen restar, e, se por un casual, hai algunha lesión que faga que volva ao equipo, inda nos daría uns euros.
Eu xa levo algunhas xornadas cun zombi de calidade no equipo que xusto esta xornada regresará á vida ávido de cerebros e con algunha gorenta suba adherida á carne putrefacta. Trátase de Ferran Bassas, que se lesionou cando subía todo cun -5.61. Era preferíbel retirar do equipo a xogadores que tivesen risco de restar moitos cartos nunha mala xornada e xogar con dez. E esta levarei outro que xa estaba no equipo antes de se converter nun zombi, inda que ocupe praza de extra: Richard. Non paga a pena sacalo do equipo, aforraremos o cambio cando volva e sempre teremos algún xogador de risco ao que urxa máis darlle a patada.
Deica.