Balance da undécima xornada

Cando pensaba que a funesta dinámica ía deixarme alén do Top 50, chega á fin unha boa xornada que me devolve ao Top 10. Os 208.2 puntos sérvenme para gañar 22 postos e uparme ao 7º da xeral. Cos cambios só gañei 3.2 puntos —e máis de 300 mil de broker—, pero ten unha explicación: un dos que metín foi Heurtel, que causou baixa de última hora —anunciouse o domingo, minutos antes de disputarse o partido do Barça—. Cobrou grande importancia que mantivese a Ponitka nunha xornada na que saíu de varios dos equipos que estaban aí arriba —algo que, como dicía no artigo da semana pasada, non entendía— e que, en contra da opinión maioritaria, non vise esta como unha xornada propicia para Pustovyi. A maldición de San Emeterio non se consumou, cumpriu —sen pico— e aportou un broker ben interesante.

Así lle foi á selección:

Bases
Doncic (26.4)
Heurtel (-)
Huertas (20.4)
Oliver (-2)
Fisher (10)
J. Fernández (15.6)
ÁS
Neal (15)
San Emeterio (14)
Green (8)
Ponitka (45.6)
Thomas (19)
Popovic (27.6)
Blazic (19.2)
Eriksson (20.4)
Pivotes
Norel (20)
Shengelia (15.6)
Pleiss (26)
Séraphin (9)
Reyes (13.2)
Jordan (14)
Tavares (10.8)
Varnado (1)
Balvin (30)
Se a de hai dúas semanas foi a peor, a da pasada é das mellores. O nivel de acerto foi altísimo e pagou a pena o esforzo extra posto na análise da xornada e na elaboración do artigo coa explicación detallada da selección. Alí tamén apuntaba tres opcións de risco fóra das listaxes para cazaxornadas: Granger (saíu mal —4.8— e confirmou que polo de agora toca esquecerse del), Facu (en só 4 minutos fixo 8.4, entón lesionouse cando apuntaba xa a acerto rotundo) e Eyenga (co seu 27.6 non puido saír mellor, viña cunha media de 5 nas 6 xornadas anteriores e fixo a súa mellor valoración da tempada). Xa tocaba unha destas.

Selección da duodécima xornada

Xa que a semana pasada saíu tan ben, volverei explicar a selección esta vez. Non vos habituedes. Inda queda por diante a xornada da Euroliga e algún outro partido europeo, ademais, ata o venres non se dá o parte médico dos equipos coas baixas. Se iso cambiar algo na selección final, actualizaría o artigo o venres á noite ou o sábado pola mañá e avisaría na miña conta de Twitter.

Bases
Doncic
Heurtel
Huertas
Cook
Hannah
Jaime
Fisher
Wayns
ÁS
Ponitka (tocado)
Neal
Popovic
Green
San Emeterio
Mumbrú
Richard
Blazic
Eriksson
Pivotes
Norel
Shengelia
Jordan
Pleiss
Pustovyi
Reyes
Thompson
Huskic
Estamos a piques de chegar a un dos momentos máis excitantes da tempada, porque a semana próxima teremos que despedirnos de moitos dos xogadores fixos. Os partidos dos equipos de Euroliga da xornada 13 dispútanse en xaneiro e por tanto non computan no SuperManager. Catro xogan entre eles e o Barça vai a Donosti. Así, o GBC de Norel únese a Valencia, Baskonia, Unicaja, Madrid e FCB como equipos que nos darán cambios extra trala disputa desta 12ª. É dicir, ademais dos tres cambios habituais, a semana que vén poderemos substituír a todos os xogadores que teñamos desa listaxe de equipos sen consumir cambios. A igualdade de condicións, paga a pena levar xogadores deses equipos porque nos van aportar maior flexibilidade á hora de configurar os equipos a próxima semana. Unha das chaves da xornada será, unha vez máis, acertar coas bandeiras.
Bases

O primeiro banzo conta con dous xogadores, un máis que a semana pasada. Nada salientábel que dicir de Doncic, agás que será cambio gratis. A pesar da súa baixa de última hora que nos deixou a moitos colgados, se só foi por un golpe, como dixeron, Heurtel non debería ter problemas para disputar a xornada —a Euroliga pode darnos xa a resposta—. Se está, vai gozar de moitos minutos —o Barcelona non se pode permitir outro tropezo— contra unha das peores defensas dos bases: Gran Canaria. Ten un partido propicio para superar a vintena e logo será cambio gratis.

O momento de Huertas invita a que o incluíse no primeiro nivel, mais é o duro rival o que o trae ao segundo. Vai a máis, xa é o primeiro base do Baskonia, leva catro boas valoracións de forma consecutiva e será cambio gratis. A pega é que viaxa a Andorra, unha das mellores defensas dos bases e que polo de agora non concedeu un só pico dos uns contrarios —ningún superou a vintena, nin sequera Doncic—. Completan este nivel dous xogadores que non tiven en consideración a semana pasada. Cook quedara fóra da selección porque tiña un partido moi complicado contra o Valencia Basket. Non só estivo ben —18—, senón que contribuíu á vitoria do seu equipo. Esta semana xoga fóra, inda que é un partido moi propicio contra a peor defensa dos bases: Bilbao Basket. Os tres partidos que leva contra as peores defensas foron nas tres únicas xornadas nas que superou os 20 de valoración. Pinta moi ben para el. Non así a semana próxima, onde se enfrontará á segunda mellor defensa dos bases: o Obradoiro do sorprendente Pepe Pozas. Caso parecido foi o do base palíndromo do Murcia: Hannah. Salvou o partido contra o Madrid cun 17 —tiveron a vitoria moi preto— e agora conta cun calendario propicio para aproveitar o seu gran momento de forma: esta semana xoga na casa contra o Betis e a seguinte vai a Zaragoza.

Terceiro chanzo. O Andorra está nun bo momento, gañou tres dos catro últimos partidos, e Jaimer Fernández está a ser un reloxo: 15.6 en cada unha das vitorias e 16 na derrota. A semana pasada non acusou a saída complicada a Donosti e esta tamén ten un partido difícil coa visita do Baskonia. Calquera contradí que poida repetir en torno aos 15. Non vai ser un dos picos nos bases, mais a súa bandeira —en tempos de escaseza— outórgalle interese. A seguinte si ten un partido moi favorábel: Andorra recibe a visita do Bilbao Basket. Co seu 10, Corey Fisher cumpriu sen máis. Esperaba que o fixese algo mellor. Agora xoga na casa contra o Fuenlabrada, unha das defensas máis benévolas cos bases rivais. A súa media no Coliseum é moi baixa —bastante peor ca fóra—, mais non creo que sexa representativo do seu momento actual. Chegou a Burgos fóra de forma e agora anda moito mellor. Igual non se pode esperar un pico, porén, creo que vai cumprir en torno ao 15. A semana que vén non ten mal partido: viaxa a Badalona para xogar contra o seu ex-equipo. Precisamente despido os bases cun xogador do Joventut: Wayns. A súa condición de extra dificulta a súa entrada, mais pode ser boa opción para equipos con problemas de broker —só custa 300 mil e subirá o 15%— ou cazaxornadas. O xogador norteamericano, que chegou á Penya hai 6 partidos en substitución de Mavra, conta cada vez con máis confianza por parte de Ocampo. Vén de 14 e 15 nas dúas últimas xornadas, con moitos minutos, e enfróntase a unha das defensas dos bases que máis valoración concede: Zaragoza —que ademais agora xa non conta con Sergi García—. Ese partido contra o San Pablo Burgos da semana que vén, tamén en Badalona, é algo a sumar ao interese que presenta Maalik.

Fóra da lista, unha xogada arriscada sería dar entrada a Sergi García. Vives ten problemas físicos, así que, se Sergi xa superou os seus, debería de contar con minutos en Euroliga e despois na ACB. Con minutos, inda tendo en conta que precisará tempo de adaptación e que o seu rol non vai ser o mesmo que en Zaragoza, pode ser interesante. Enfróntase a un GBC que fóra da casa é o equipo que máis concede na posición de base e será cambio gratis. O partido co Estrela Vermella debería dar pistas (non xogou, mais si o fixo —22 minutos— Vives).

Ás

primeiro nivel ábreo a estrela da semana: Ponitka (lesionouse nun xeonllo e a súa participación está descartada segundo algúns medios e outros apuntan a seria dúbida. Última hora: está a quecer e parece que xogará). Leva tres dos últimos catro partidos superando os 30 de valoración. É a á máis cara do xogo con case 1.7 millóns —achegándose ao prezo de Norel—. Os que dubidasen del a semana pasada terán que gastar 150 mil euros extra se queren recuperalo. Neal salvou un partido duro contra o Unicaja cun 15. En diante todo debería ser máis sinxelo, con rivais cada vez máis propicios: viaxa a Badalona, recibe ao Murcia, despois vai a Sevilla e enfróntase ao Estu en Zaragoza. Semella que non vai saír deste primeiro nivel cando menos no próximo mes. Popovic segue coa súa xeira imperial: 25.2, 24 e 27.6. O rival é propicio, un San Pablo que, se ben cada vez é máis competitivo, segue a ser dos que máis reciben das ás —57 esta última xornada—. A semana que vén terá un rival bastante menos favorábel: o Canarias de Ponitka, pero entón tamén haberá moitas menos opcións nas ás polos partidos aprazados.

Segundo chanzo. Erick Green. Ai, Green. Xa lle teño un alcume preparado por se toma o relevo de San Emeterio. Leva dous partidos en oito —dende que o recuperei—, o que é insuficiente para o seu prezo e praza de extra. Porén, xa demostrou que en calquera partido, sen importar o rival, pode superar a vintena sen se despeitear. Será cambio gratis, así que igual non paga a pena desafiar á sorte e volver sufrir un pico seu téndoo fóra do equipo. Debido ás circunstancias, completo o banzo con bandeiras, máis valiosas que a semana pasada pero menos que a próxima. San Emeterio volve asomar entre os xogadores de interese. Contra o que cabería esperar, non fixo pico nin negativo. Segue a ter unha subida doada e moi gorentosa —con 10 de valoración e vitoria do Valencia Basket sumará 172 mil—. Abalde volverá xa para a Euroliga, en consecuencia os seus minutos baixarán un pouco e a opción de pico será menor. Dará cambio gratis, iso sempre nos dá máis seguridade se optamos por el. Inda que mude a San Cemiterio, a desfeita non será grande. Tamén interesante se presenta a bandeira de Mumbrú, que nin apareceu na selección da semana pasada. Había moi boas opcións nas ás e el tiña un partido muy duro en Vitoria. Salvouno con nota —18— e agora ten, na casa, un de cara contra o Estudiantes —que permite moitos puntos de ás e pivotes—. A semana que vén irá a Andorra, que non é un rival nin moi complicado nin moi favorábel para as súas características.

Terceiro banzo. O partido ausente a causa dos problemas de visado cortou un pouco o ritmo de Richard. Porén, na súa volta, logrou superar a decena. Agora regresa ao Olímpic, onde ten una media de 19 de valoración, para enfrontarse a un Neal máis pendente de atacar que de defender. Despois recibe, tamén en Badalona, a outro rival propicio: San Pablo Burgos. Se alguén se atreve a prescindir de Green, Patrick é unha boa alternativa. Blazic enfróntase ao seu ex: Baskonia. Dende a chegada de Pedro Martínez os vitorianos non só gañan máis partidos, senón que xa non conceden tantos puntos nas ás como antes. O partido chégalle un pouco tarde. Inda así, a motivación extra —e non é dos xogadores que vaian curtos diso— e o liderado que ten no seu equipo deberían abondar para valorar por riba da decena. Se non está a sumar máis é porque segue sen meter os libres. Como xa dixen hai unhas semanas, precisamente cando chegou ao Baskonia era un lanzador fiábel dende os 4.60 e pouco a pouco está a acadar porcentaxes de pivote zoupón. Este ano está xa nun 57%, cando dende os 6.75 asina un fantástico 42%. Está a compensar ese déficit con números de pivote noutra faceta: os rebotes —te unha media case 5 por partido—. Se a semana pasada non tiña dúbidas con Ponitka no Palau, son reticente a levar a Eriksson esta, por iso cae ao último chanzo. Contra o Barcelona 10 xogadores superaron a vintena no que vai de tempada, a maior parte deles —7— foron ás. Se o polaco suma estatísticas en todos os apartados, e por tanto non depende da puntería, un bo partido do sueco só pode chegar se lle entran os tiros. A incerteza con el é maior, pode facer unha gran xornada ou unha nefasta. Fóra de casa o seu pulso non é tan firme: só superou os 15 de valoración —co bonus— en Zaragoza, e leva unha media de 8.4 —case 12 menos ca na casa—. Dende a saída de McKissic gañou en minutos en cancha e a bandeira sempre é un prol. Ao seu favor ten o rival: o Barcelona, ademais da súa mala defensa das ás rivais, é o seu ex-equipo —terá ganas de reivindicarse—. A semana que vén si que debería ser a súa xornada: volve á illa para enfrontarse ao Betis, segunda peor defensa das ás.

Fóra da listaxe deixei a Thomas. Ten un partido moi complicado contra o Madrid, que é a segunda mellor defensa das ás. Aínda que lle sobra calidade para cumprir, creo que é mellor prescindir del esta semana e non correr riscos. Xa haberá tempo e cambios para recuperalo a seguinte contra o Estudiantes. Tampouco entra Jenkins. Ten unha subida fácil —e grande—, mais polo de agora non podemos saber se o 28 desta semana foi unha anécdota ou é a medida do que pode acabar dando. Alén de cazaxornadas, paréceme aventurado apostar por el. Landesberg, que non participou por lesión, xoga fóra, onde falla demasiado como para telo en conta. A semana que vén, contra o Obra en Madrid, xa se verá. Navarro leva dúas boas valoracións seguidas, xoga na casa, véselle mellor de físico, está moi barato, subirá o 15% —case 50 mil—, regalará cambio e o Granca non é dos máis esixentes no perímetro. Se alguén quere arriscar con el…

Pivotes

Primeiro chanzo: Norel e Shengelia seguen a ser igual de fixos e ambos dan cambio gratis. O resto xa non están tan claros.

Segundo nivel. Á Penya tocoulle xogar tres partidos fóra da casa nas últimas catro xornadas. Jordan, que baixa de rendemento lonxe do Olímpic, tivo unha media de só 12 e, en consecuencia, o seu valor caeu en case 200 mil euros. Agora, á fin, ten por diante dous partidos na casa —onde leva unha media de 19.5 de valoración—: esta semana contra o Zaragoza e a próxima co Burgos —unha das defensas que máis valoración concede dos pivotes—. Chegou o seu momento. A este segundo chanzo descende Pleiss na xornada que regresa Dubi. A volta do montenegrino vaille restar minutos, porén, inda que se mova nos 15-20 deberíalle abondar para valorar ben contra un Norel co que comparte que ambos son mellores no aro rival ca no propio —iso vén moi ben para o SM—. Se a semana pasada non contemplaba a Pustovyi contra o último clasificado, non o vexo con malos ollos contra o líder. O Madrid, con múltiples contratempos no xogo interior, está a conceder moita valoración dos pivotes, en especial fóra da casa, e o perfil de Artem é dos que máis dano lles pode facer. Tavares non semella ter a solidez suficiente para deter ao ucraíno, que no Sar aumenta moito as súas prestacións; moito menos Felipe ou Thompkins. Véxoo superando os 15 esta semana. A seguinte viaxa —lonxe do Sar é un xogador a evitar— a Madrid para xogar co Estudiantes. Completa este chanzo Felipe Reyes. Se a torre Tavares debería telo complicado contra o seu homólogo ucraíno, un perfil máis móbil como o de Felipe debería poder sumar en ataque. O problema son os minutos que vai disputar, dicía a semana pasada que fóra adoita xogar menos e en función de como vaia o partido incluso se poderían reducir inda máis. A bandeira e o cambio gratuíto fan que o teña en conta.

No derradeiro banzo entran os dous pivotes do San Pablo Burgos que se enfrontan ao Fuenlabrada —sexto equipo que máis recibe por dentro—. Deon Thompson ten un comportamento similar a Jordan, inda que cunha caída máis acusada nas súas medias lonxe do Coliseum. O pivote norteamericano, após acadar o seu tope contra o Murcia —27.6—, leva tres xornadas en caída: 15, 9.6 e 2 —estes dous últimos fóra da casa—. Na súa cancha ten unha media de case 20 de valoración e nunca baixou dos 13 da cuarta xornada. Se temos praza de extra libre e un cambio dispoñíbel a semana próxima para sacalo —xoga en Badalona—, parece unha opción ben interesante. A Huskic, pola súa banda, custoulle máis collerlle o pulso á tempada, mais leva seis semanas aumentando o seu prezo, sinal da súa melloría. Nos tres últimos partidos xogados na casa fixo 16, 31.2 e 18. Non pinta mal a xornada para el, mais, ao igual que Thompson, deberíase pensar nel como xogador dun único partido.

Entre os que quedaron fóra, Seraphin a semana pasada parecía unha fichaxe moi interesante porque tiña dous partidos na casa, onde levaba unha boa media, mais no primeiro partido xa se quedou nun insuficiente 9 que non inspira moita confianza para esta semana. Despois da inactividade, semella arriscado de máis pensar xa en Dubljevic, mais a Euroliga será unha proba de a que ritmo volve.  Shermadini vén en dinámica ascendente e é cambio gratis. Porén, a saída á Laguna resulta bastante complicada: o Canarias é unha das mellores defensas dos pivotes.

O equipo do blog

A xornada foi boa en xeral para os meus equipos, coa excepción de, como non, Andrómenas. Perdín case 70 postos cos 185.8 puntos que fixen. Quedo o 1813º. O Top 1000 complícase semana a semana. A explicación desta oportunidade desaproveitada é ben triste: a semana pasada estaba a escribir o artigo ás tantas e cando fixen os cambios en Andrómenas substituín a Granger de forma automática pola mellor bandeira da miña listaxe para a xornada: Oliver. Non tiña necesidade de meter un xogador que fose cota, porque xa tiña catro. Podería ter metido á opción preferente da selección: Huertas. Ao día seguinte, decateime, claro. Mais aí foi a preguiza —por non volver capturar o equipo e editar o artigo co cambio— xunto coa idea de manter a Oliver para non levar os mesmos bases en todos os meus equipos as que me seduciron para deixalo como estaba. 22.4 puntos e unha chea de cartos que perdín coa broma. A diferenza entre subir ou baixar.

As aperturas económicas non me permiten introducir tamén a Jordan, así que deixo un cambio sen usar. Entra Huertas por Oliver —pena de cambio— e Neal por Thomas. A semana próxima poderei meter os once xogadores que queira —se o orzamento o permite—, pois só Neal e Ponitka non van ser cambio gratis.

A lesión de Ponitka obrígame a mudar o equipo. Dándolle entrada a Popovic no seu sitio inda teño cartos abondo para meter a Cook. Iso non cambia a circunstancia de que a semana próxima podo cambiar o equipo ao completo.