SuperManager x. 12: coidados

Balance

Esta foi unha xornada na que había máis que perder. Non houbo tantos puntos coma as anteriores, así que eran máis complicadas as grandes subas, pero si que era doado dar cunha combinación desastrosa nas ás. Urtasun, Brizuela ou Barreiro estaban en moitos equipos e as segundas oportunidades para Higgins e Slaughter após o desastre da semana pasada tampouco tiveron recompensa. Ao mesmo tempo, das oito ás que acadaron a vintena, a metade estaban nun bo número de equipos (Prepelic, Beirán, Garcia e Toolson) e outras dúas levan algunhas semanas aparecendo por estes artigos (Abalde e López-Arostegui). Unha mala elección podía facernos perder bastantes postos. No meu caso, despois de xornadas moi malas, esta vez subín de forma xeneralizada (aínda que tamén moderada). No meu mellor apenas recuperei 60 postos cos 166 puntos da xornada (quedo aínda no 603º da xeral). A ver se polo menos marca un cambio de tendencia e podo ir recuperando pouco a pouco a desfeita de semanas anteriores.

B

Henry (24/+3)

Campazzo (13/0)

Bellas (14/-2)

Pérez (20.4/+13)

Zisis (12/+1)

Dimitrijevic (12/+13)

Laprovittola (11/+5)

A

Prepelic (24/+1)

Shields (10/+10)

Slaughter (1.2/-9)

Brizuela (3/-8)

Beirán (28.8/+11)

Urtasun (2/+15)

Toolson (21.6/+15)

Abalde (21.6/+15)

Garcia (26/+15)

Díez (11/-2)

López-Arostegui (30/+15)

P

Mirotic (16.8/-5)

Dubljevic (21.6/+3)

Shengelia (9/-5)

Diagne (19.2/0)

Davies (12/-4)

Shermadini (12/-5)

Balvin (18/0)

Tavares (7/-5)

Clark (3.6/-7)

Whittington (21.6/+7)

Omic (15.6/-1)

Harangody (16.8/+4)

Shurna (24/+12)

Eddie (18/+4)

Á listaxe foille en xeral moi ben, está acugulada de verde. Tiven moito ollo coas bandeiras baratas de Pérez, Abalde, Garcia e López-Arostegui. Que pincharan Slaughter, Brizuela e Clark era difícil de prognosticar. O de Urtasun entra máis no posíbel, cando menos deu uns bos cartos. Probabelmente os maiores erros da semana foron dúas ausencias: Hannah e Kravic. No caso de Hannah, polo escrito no artigo, debín metelo aínda que non fose nas posicións prioritarias (de feito, a varias das persoas que me preguntaron díxenlles que o deixaran). O de Kravic si que foi un erro de importancia (e aquí si que recomendei que se lle dese saída). Non vas esperar que roldase os corenta como pasou, mais si que había motivos para pensar que o podía facer ben, xa salvara con nota os encontros contra os outros equipos da Euroliga. Agora ben, naqueles casos fora na casa (onde non baixou da decena este curso), así que non as tiña todas comigo de que repetise fóra (pinchou en Zaragoza e Murcia). Non parecía razoábel poñelo nos primeiros postos da listaxe, mais si que debería estar dentro e non debín deixalo como unha opción prioritaria á que dar saída.

Selección

Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses aparece a valoración que precisan para subir o 15%.

B

Huertas (43)

Hannah (39)

Henry (50)*

Bellas (38)

Delaney (33)

Laprovittola (27)

Campazzo (33)

Díaz (-11)

Calloway (27)

Vives (23)

San Miguel (24)

A

Prepelic (61)

Bouteille (48)

Shields (28)

Scrubb (40)

Díez (40)

Beirán (41)

López-Arostegui (-33)

Ennis (-7)

Loyd (32)

Toolson (6)

Barreiro (38)

M. Garcia (-40)

Abalde (-16)

Brizuela (37)

P

Mirotic (77)

Shermadini (72)

Kravic (54)

Shengelia (56)

Tomic (44)

Balvin (51)

Tavares (44)

Whittington (38)

Dubljevic (48)

Shurna (35)

C. Suárez (32)

Cate (7)

Llovet (4)

Eddie (38)

Esta semana houbo uns cantos movementos na liga, aínda que xa veremos cantos debutan esta xornada.

Fuenlabrada – Valencia

(7, 18:00)

@ZAR, @OBR | EST, @MAN

Ao principio da tempada parecía impensábel, mais só unha vitoria separa a ambos equipos. O Fuenla na casa é bastante máis competitivo, o Valencia terá que empregarse a fondo se quere levar a vitoria (non semella un partido axeitado para rotar). Bellas de local aínda non baixou da quincena, gañouse de sobra a nosa confianza (o Valencia é unha defensa media). A vindeira, que regresa a Zaragoza, pode ser o momento de darlle descanso. Os de Cuspinera son moi hospitalarios cos bases. O que mellor o pode aproveitar é Vives. Estivo na quincena a semana pasada e tamén a roldou esta contra o Madrid no partido da Euroliga. Non é das opcións máis sólidas, pero con Fuenla e Estu por diante ten un calendario moi favorábel e semella ser o base máis en forma dos valencianos. Abalde está en boa forma (tres xornadas sen baixar da decena con dúas delas na vintena). Fóra da casa baixa moito os seus números (7 de media menos e tamén pinchou na visita a Madrid da Euroliga), así que esta semana igual non é a mellor para fichalo, pero tampouco é unha venda preferente: garante suba do máximo, a semana que vén de local contra o Estu pode facelo moi ben e incluso nesta creo que podemos esperar que rolde a decena. As perspectivas de valoración semellan mellores para Loyd, que ao contrario que o galego, ofrece a súa mellor versión de visitante (case 18 de media e vén de valorar na vintena na Euroliga). Para cubrir a lesión de Karvel Anderson, os da comunidade de Madrid asinaron un contrato temporal co tirador Scott Wood (ao que xa coñeceramos hai unhas tempadas no Murcia). A baixa de Anderson a quen máis favorecía era a Marc Garcia. Aínda que no momento no que se atopa (tres encontros na vintena dos últimos cinco), dubido que teña un grande impacto para el de primeiras a chegada de Wood. Creo que aínda podemos aguantalo unha semana máis (a saída a Zaragoza da vindeira xa é para darlle máis voltas), porque o normal é que estea en equipos que precisan unha opción barata e nese rango de prezos segue a ser unha grande opción. Subirá o máximo durante varias semanas e o Valencia fóra da casa non é das defensas máis esixentes das ás. A Urtasun só o mantería por broker, aínda dará uns bos cartos esta semana. Nese rango de prezo podemos atopar opcións máis sólidas. Con todo, este Urtasun é impredicíbel e igual nos regala outro gran partido. O probábel regreso de Eyenga tampouco beneficia as opcións exteriores do Fuenla. Por dentro, Dubljevic volve presentarse sólido nos pivotes. Emporiso, esta non é unha das canchas que mellor se lle dan: o seu tope é un 18 hai sete tempadas. O normal é que estea no rango 15-20 (que é no que se vén movendo, aínda non acadou a trintena este curso). Para fichalo agardaría á vindeira, na que ten encontro para pico.

Canarias – Murcia

(7, 18:00)

@AND, GCA | BAS, @EST

O Mucia chega a La Laguna após unha nova derrota nos últimos instantes. Huertas está a facer unha tempada fantástica, enténdese moi ben con Shermadini, e o Murcia é o equipo que máis recibe dos uns (Marcelinho leva case 27 de media contra as peores defensas). Hai que facer o posíbel por levalo esta semana. A que vén cambia a historia, viaxa a Andorra, que é unha cancha moi complicada e ademais o equipo de Navarro é a segunda mellor defensa tralo Madrid. Booker estaba moi ben antes da lesión, pero non regresou o mesmo nivel, así que cun encontro fóra da casa e despois coa visita do Baskonia, cómpre agardar a ver como se desenvolve. Non é mal momento para recuperar a Díez. Tanto o Murcia como o Andorra na vindeira dan moitas facilidades na posición (segundo e terceiro que máis reciben). Shermadini é un seguro e na casa dispara as súas valoracións: case 31 de media. Ten que estar. Cate desatouse na última xornada, roldou os corenta e tivo a pelota para gañar o partido. Curiosamente, funciona moito mellor fóra (leva tres boas valoracións seguidas a domicilio) e o Canarias dá facilidades na posición. Non ten a regularidade doutras opcións, mais pode valer para os que procuren a sorpresa ou teñan un orzamento modesto (debería subir todo esta xornada). Tamén é un partido interesante para Eddie. Atópase nun gran momento e ao Canarias xa lle fixeron dano varios catros. O encontro fronte o Baskonia da vindeira non lle vén mal a ningún dos dous, os de Perasovic están a conceder moita valoración interior.

Bilbao – Andorra

(7, 20:30)

@BUR, BET | CAN, @RMA

O Bilbao, após un grande arranque, leva catro derrotas nos últimos cinco partidos. Precisa esta vitoria para reengancharse á loita pola Copa, e igualar así a un Andorra que si se atopa entre os 7 primeiros, que son os que teñen acceso polo de agora. É un encontro ideal para Hannah a pesar de xogar a domicilio (a súa media baixa en 6): o Bilbao é o equipo que máis valoración concede aos bases. O base palindrómico despois enfróntase a unha das mellores defensas na posición, Canarias, aínda que de local debería salvar a xornada. Nas ás destaca Bouteille unha vez máis. A semana pasada custoulle contra Xabi López-Arostegui, pero no tramo final cun par de triplas e varios dous máis un roldou a vintena. Está a demostrar que é un xogador moi fiábel e que antes ou despois acaba aparecendo nos encontros. Esta semana ten un escenario ideal contra un Andorra que dá facilidades na posición. A vindeira ten unha saída moi complicada a Burgos e despois volverá ter encontro para pico contra o Betis de local. Jelínek vén de pico, mais non está a valorar con regularidade como para telo en conta. Por dentro son defensas medias ambos. Balvin está a ser un reloxo: leva sete xornadas consecutivas valorando entre 15 e 20. Debería seguir neses números. As baixas de Sy, Pérez e Daigne (chega Daniel Clark cun contrato temporal) déixanlle moito espazo a Llovet, que xa vén dunha gran xornada. Porén, implica certo risco, porque fóra da casa está a lle custar máis.

Unicaja – Gran Canaria

(7, 20:30)

@FCB, ZAR | OBR, @CAN

 O Unicaja atópase lonxe dos postos esperados na ACB e moveron ficha para tentar reconducir a situación: chega Darío Brizuela do Estudiantes. A pesar da ausencia de Cook, non pensaría en Radicevic alén de cazaxornadas. Fíxoo ben a semana pasada, pero lonxe da casa funciona peor e non ofrece a seguridade doutras opcións (con Cook no equipo estaba a xogar moi poucos minutos, así que temos unha mostra moi pequena). A mellor opción nos bases semella Alberto Díaz. Nas últimas xornadas (24 e 12) á fin está empezando a funcionar e na casa mellora moito as súas prestacións (como xa sabemos de anos anteriores). Este ano debería confirmar o paso adiante que xa comezara a dar o curso pasado antes de lesionarse. Coido que podemos esperar un encontro na quincena. Iso si, non vexo alén dunha xornada (despois vai ao Blaugrana). Brizuela parece que solapa bastante con Jaime. Polo de agora semella que non (esta semana xogará), mais non me estrañaría que o madrileño parase un pouco para tratar a lesión que leva todo curso minguando o seu rendemento. A pesar da incerteza propia do cambio de equipo, non vería tan tolo quedar con Brizuela nos equipos nos que xa estaba se temos outros trocos urxentes. O encontro é propicio para un bo debut, diante da súa nova afección (á que quererá agradar) e contra un equipo que dá moitas facilidades (é a segunda defensa que máis recibe a domicilio das ás), xa lles fixo un 30 esta mesma tempada (na xornada dúas). Ademais, a baixa de Ejim deixa máis espazo. Beirán segue a ser unha boa opción. Amosa moita solidez (un mes sen baixar dos 14) e o Unicaja non está a ser das defensas máis esixentes. A vindeira a súa presenza é case obrigada de local contra un Obra que concede moito na posición. Por dentro, Carlos Suárez está nun bo momento: leva un mes sen baixar da decena. O Gran Canaria non ten unha defensa esixente por dentro e xa concederon unhas cantas boas valoracións no 4. O malo é que despois vai a Barcelona. Aínda que o Unicaja sexa unha gran defensa interior (a mellor de local) e el até o de agora non se caracterizase pola súa regularidade, é imposíbel deixar fóra da listaxe a Shurna: nos últimos catro partidos acadou a vintena en tres e no outro fixo un 14.4. Despois ten un encontro moi favorábel de local contra o Obra.

Estudiantes – Zaragoza

(8, 12:30)

@VBC, MUR | FUE, @UNI

O Estu, instalado na derradeira posición e tras perder o seu referente, enfróntase contra unha das sensacións da tempada (a semana pasada o Zaragoza esmagou o Madrid na segunda parte). Agora haberá que ver quen absorbe parte das pelotas que tiña Brizuela. Douglas debería ter bastante importancia ofensiva, mais após un mal debut non podemos pensar nel. Pressey na casa non está a dar a súa mellor versión, así que tampouco semella a opción. Scrubb debería ser agora o referente. Leva tres boas valoracións seguidas, xogará unha trintena de minutos e na casa estaba a valorar case 17 de media. Despois ten unha saída complicada a Valencia. No xogo exterior do Zaragoza, se queremos procurar unha bandeira diferente nos bases, temos a San Miguel. Fixo dous bos encontros tras regresar da lesión (15.6 e 18) e o Estu é dos equipos que máis conceden aos bases. Non é o xogador que valore de forma máis regular, pero despois volve ter outro encontro moi favorábel contra o Fuenlabrada. Ennis chegou con ganas de facerse importante no equipo dende o principio. Estivo moi ben nas dúas últimas vitorias (24 e 19.2) e os colexiais tamén dan grandes facilidades nas ás. Ten bo encontro na vindeira. Está a bo prezo e garante unha suba do máximo. En contra temos que o ano pasado xa vimos que fóra baixa moito o seu rendemento (aínda que rematou con 16 na súa visita ao Estudiantes da pasada campaña). Barreiro é dos poucos xogadores do Zaragoza que valora mellor fóra (este ano só pinchou en Murcia, no resto de encontros a domicilio ten unha media de case 18). Creo que podemos darlle outra oportunidade tralo cero da pasada. Por dentro ambos os dous están a recibir moi pouca valoración.

Obradoiro – Betis

(8, 12:30)

@GCA, FUE | RMA, @BLB

Encontro na zona complicada da clasificación. O Obra ten unha gran oportunidade de tomar un pouco de distancia sobre o descenso contra un Betis que non coñece a vitoria a domicilio. Nos bases a opción é Calloway. Leva varios bos encontros seguidos (tres semanas sen baixar dos 13) e na casa mellora as súas prestacións (22.8 no último no Sar). Está en 17 de media contra as peores defensas (o Betis atópase entre elas). Non é unha das opcións prioritarias, mais pode ser o noso home se procuramos a sorpresa. Nas ás non hai opcións sólidas. O SM non coñece de terceiras oportunidades, despois de 2 malos encontros xa non podemos pensar en Slaughter, que terá que volver convencernos con varias boas xornadas antes de confiar nel de novo. Conger vén dun gran encontro, mais anda lonxe da grande imaxe que deu dúas tempadas atrás na salvación milagreira da Penya. No Obra, coma sempre, podemos pensar en Magee para cazaxornadas, para equipos da xeral está lonxe de ofrecernos solidez. A Font hai que seguirlle a pista, deixou boa imaxe na Fonteta; aínda é cedo para pensar nel. O máis interesante do encontro está por dentro. Ambos equipos atópanse entre as defensas máis amábeis, sobre todo o Obra, que é líder destacado en hospitalidade. Kravic fai e deixa facer, o tipo de pivotes que queremos no SuperManager. Vén da súa maior exhibición da tempada en Valencia e o Betis non lle porá moito impedimento para que siga cos seus grandes números. Ademais, as súas características son ideais para facerlle dano a Costello a próxima semana en Gran Canaria. No Betis, Whittington confirmou o seu gran momento con outro encontro na vintena. O seu rendemento mellora moito contra as defensas que dan facilidades (25 de media). Ten todo de cara para completar unha gran xornada. Despois enfróntase ao Madrid, mais hai que lembrar que a defensa interior dos brancos lonxe da casa non está a funcionar este ano (só hai tres equipos que reciban máis ca eles no interior a domicilio).

Baskonia – Joventut

(8, 17:00)

@MUR, BUR | MAN, FCB

O encontro preséntase dramático para os vitorianos. Atópanse fóra dos postos da Copa e veñen de apañar unha tunda na Euroliga, Perasovic empeza a estar cuestionado. Na Penya a dinámica é moi diferente, van xa por sete vitorias consecutivas e o triunfo en Vitoria sería un éxito, non unha obriga, como sucede no caso dos locais. No posto de base o Baskonia acaba de incorporar a Sergi Garcia, aínda que descoñezo se vai debutar. Vildoza regresou na Euroliga, porén, volveuse mancar. Semella o encontro ideal para Henry (polas facilidades que dá a Penya no posición), mais tamén tivo molestias na Euroliga. Haberá que estar pendentes das novas ao respecto. Xa leva tempo xogando con problemas físicos e este encontro é crucial para o Baskonia (o Joventut agora mesmo é un rival directo para a Copa, unha derrota local deixaría aos verdinegros 3 vitorias por riba). Ségueme a parecer unha grande opción, mais debemos cubrirnos as costas: deixar un troco sen usar ou, en caso de que lle queiramos dar entrada, vender pero non mercar ata que saibamos seguro da súa participación. Non pensaría nos bases da Penya, non descarto que algún o faga ben, pero é un encontro complicado e Neno xa non ten suba doada. Nas ás hai varias opcións interesantes. Prepelic é fixo (o Baskonia é o equipo que máis valoración concede na posición de local). Tamén semella boa opción o último MVP da xornada: López-Arostegui. Xa entrou varias veces nas últimas semanas na listaxe. Como dicía, atópase a un nivel altísimo, sobre todo en defensa, pero soltándose cada vez máis en ataque. Sabe facer moitas cousas ben e está a vivir a súa explosión. É unha opción moi económica, achega bandeira, garante moitas subas e as facilidades que dá o Baskonia na posición tamén xogan ao seu favor. Nos de Peras, aínda que valorou algo menos do esperado na última xornada, Shields semella unha grande opción. Ten moitos minutos polas baixas, foi un dos mellores na Euroliga, de local aumenta moito os seus números (valora máis do dobre até os 16 de media) e a defensa da Penya a domicilio é bastante máis amábel. Por dentro só pensaría en Toko. É a referencia do Baskonia, achega bandeira e leva máis de 20 de media de local. Non hai motivo para dubidar del.

Manresa – Barça

(8, 18:30)

@JOV, VBC | UNI @JOV

O derbi catalán non é o mellor escenario para os xogadores do Manresa. Pérez deunos unha alegría a pasada, pero é momento de darlle descanso (ten un negativo de media de local contra o equipo no que se formou). O único que consideraría é Toolson. Estivo na vintena nos dous últimos partidos de local e tamén acadou a decena nas últimas visitas do Barça ao Nou Congost. Está a bo prezo e ten unha suba do máximo doada. A vindeira, no outro derbi e fóra da casa, xa lle daría saída. No Barça tampouco é que haxa un monte de opcións. Non vería con malos ollos pensar en Delaney nunha xornada con poucas opcións nos bases. Ten o seu concurso garantido, só baixou nun encontro da decena este curso e vén dun gran encontro a domicilio na Euroliga (na ACB aínda non acadou a vintena). Nas ás non paga a pena pensar en ningunha, Pesic acurtou moito a rotación na Euroliga, así que é moi difícil adiviñar que xogadores van ter peso neste encontro. Por dentro, Mirotic é fixo. Tamén semella unha gran xornada para Tomic. O croata está moito mellor nas últimas semanas (vén dun gran encontro na Euroliga e leva seis xornadas sen baixar da ducia na ACB) e ten no Nou Congost unha das súas canchas fetiche: superou a vintena nas súas últimas seis visitas e ten unha media de 23.5 na súa carreira alí.

Madrid – Burgos

(8, 20:00)

@BET, AND | BLB, @BAS

Co Madrid xogando de local e fechando a xornada, cómpre coidado cos seus. Teriamos menos marxe de manobra ante algún descanso, porque os trocos neste caso féchanse 15 minutos antes e porque xa quedaría pouco onde elixir aínda que gardásemos algún cambio. O Madrid na casa é unha apisoadora, non consideraría a ningún xogador do Burgos. Nos brancos a opción Campazzo segue a ser atractiva a ese prezo (e coa baixa de Llull non parece probábel que descanse), porén, na ACB non está a facer grandes valoracións (só superou a vintena na xornada 2, mentres que na Euroliga leva catro xornadas seguidas na vintena e só baixou da decena en dúas das dez xornadas disputadas). Depende de como vaia o encontro xogará máis ou menos. Gústame máis para este encontro Laprovittola. Na casa só pinchou contra o Unicaja, leva case 15 de media e incluso a saída a Sevilla da semana que vén lle debería vir ben. Nas ás, coma sempre, hai demasiadas flutuacións como para pensar nelas. Por dentro volvemos ter a opción Tavares. Na casa é bastante máis sólido (case dobra os seus números), a probabilidade de que se borre cunha saída de ton como en Zaragoza resulta improbábel e tampouco debería descansar polas baixas interiores que ten o Madrid (aínda que o risco 0 con Laso non existe). De local está en case 21 de media. Para cazaxornadas pensaría en Thompkins, está empezando a entrar no equipo e vén dun gran encontro fronte o Valencia na Euroliga.

O equipo do blog

Andrómenas tamén subiu algúns postos esta semana. Só fixen dous trocos. Entrou Prepelic por Higgins (20 gañados) e vendín ao lesionado Ferrari. Non fichei a ninguén antes de comezar a xornada. Si o fixen máis tarde, e decidinme polo compañeiro do estadounidense no Manresa: Dani Pérez. Saíu moi ben (acadou a vintena). Cos que quedaron non tiven tan bo ollo: Slaughter e Brizuela pincharon. Eles dous máis Toko conseguiron que esta semana sexa incluso máis pobre (perdín douscentos mil, que me deixan por debaixo dos trece millóns de novo). Sumei 162 puntos e gaño 350 postos até o 3403 da xeral. Queda moito por remontar.

Polo de agora só fago dous cambios, para ver como se atopa Henry ou se hai novidades de última hora. Sae Pérez nos bases e Slaughter nas ás. Entran Huertas e López-Arostegui.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence ao filme Persona (Ingmar Bergman, 1966).