A xornada transcorrerá noutro mundo, un no que non existen Norel, Doncic, o GBC nin os equipos da Euroliga. Un mundo ignoto e arrepiante.

Balance da 12ª xornada

Entramos no segundo terzo de competición cunha xornada moi dura, onde erraron varios dos que nunca o fan e apareceron heroes inesperados. Nesas circunstancias, os 185.8 do meu mellor equipo permítenme continuar en posicións de cabeza: subo 3 postos para situarme . O equipo, coma sempre, saíu da selección que publico aquí cada semana.

Así lles foi a eses xogadores:

Bases
Doncic (24)
Heurtel (25)
Huertas (12)
Cook (7)
Hannah (22)
Jaime (23)
Fisher (7)
Wayns (16.8)
ÁS
Ponitka (2.4)*
Neal (5)
Popovic (21.6)
Green (4.8)
San Emeterio (13.2)
Mumbrú (7.2)
Richard (24)
Blazic (4)
Eriksson (15.6)
Pivotes
Norel (13)
Shengelia (25.2)
Jordan (13.2)
Pleiss (9.6)
Pustovyi (7)
Reyes (28.8)
Thompson (15)
Huskic (17)
A simple vista, apréciase a dureza da xornada. A análise non resultou tan errada como semella polas cores —de feito, os meus equipos subiron—, só que no SuperManager ás veces danse xornadas tan estrañas coma esta. Así, o base máis valorado —contando o bono— foi nada máis e nada menos que Granger, que viña dun 3.6 e un 4.8, pero sobre todo estaba a dar moi malas sensacións. O que tivo unha maior valoración sen contar o bono foi Albicy —27—. O base francés tiña unha media de 6.5 de valoración, só un par de veces superara a decena e nin unha soa a vintena. Os dous MVP son ás e bandeiras: Martínez —nin San Emeterio nin Green— e Todorovic —Mumbrú? Bah!— cun 31.2. Todas as xornadas hai convidados inesperados entre os mellores. Non tan común é que varios xogadores fiábeis, sobre todo ás, fallen ao tempo. O premio lévao Neal, que con 15 puntos e 7 rebotes conseguiu valorar só 5. Perdeu 8 pelotas e foi expulsado por faltas persoais, incluídas dúas técnicas consecutivas —que xa terían sido motivo de expulsión por si soas—. Ponitka ten un asterisco porque se lesionou despois de publicar o artigo e fun actualizándoo coas informacións sobre o seu estado. Non foi ata que restaba media hora para comezar a xornada que se soubo que ía xogar. Incluso dixen en Twitter que non me ía a arriscar con el nos equipos da xeral. Co que ao final na práctica non era un xogador de primeiro chanzo. En calquera caso, a mala xornada de outras ás destacadas minimiza a importancia do asunto.

Selección da 13ª xornada

Vendo como me van as cousas dende que publico unha análise detallada dos xogadores, calquera o deixa agora. Primerio vai a selección para os que non queiran ver alén e despois explico por que esta configuración.

Se os partidos europeos ou algunha novidade de última hora mudar as cousas, editarei o artigo e avisarei na miña conta de Twitter.

Bases
Jaime
Hannah
Wayns
Fisher
San Miguel
Cook
ÁS
Popovic
Eriksson
Blazic
Richard
Neal
Mumbrú
Vidal
Landesberg
Thomas
Pivotes
Jordan
Balvín
Pustovyi
Kelly
Varnado
Huskic
Thompson
Poderemos facer unha morea de cambios, moitos incluso poderemos mudar o equipo enteiro se queremos. A resolución que deu a dirección do SuperManager para a vindeira xornada resulta bastante estraña: teremos dous cambios extra —é dicir, cinco en total— para recuperar a chea de xogadores que van saír esta polo aprazamento dos partidos da Euroliga. A vontade destas medidas debería ser minimizar ou eliminar incluso o impacto dos aprazamentos, mais non se cumpre. Van saír moitos máis xogadores esta xornada dos que imos poder recuperar a próxima.

Se a medida non se sostén se atendemos ao espírito que debería ter, cando menos ofrece unha nova complexidade estratéxica. Vai ser moi importante a planificación. Teremos que repetir con 6 dos xogadores desta elección, varios dos cales non teriamos nos nosos equipos noutras circunstancias.

Bases

No primeiro banzo van dous valores seguros. Jaime Fernández, xogador formado na canteira do Estudiantes, atópase no mellor momento da tempada. Leva 7 xornadas por riba dos 10 de valoración —as 5 últimas superando os 15— e esta fin de semana valorou 23 na derrota do seu equipo contra o Baskonia. Enfróntase en Andorra a unha das defensas que máis puntos conceden aos bases fóra da casa: Bilbao Basket. A semana que vén viaxa a Santiago, unha defensa complicada, pero no seu momento actual é ben capaz de seguir valorando alí sobre os 15. A súa bandeira tamén é un valor estimábel. Acompáñao outro xogador que está de doce: Clevin Hannah. O neoiorquino superou os 20 de valoración en tres dos últimos 5 partidos. Viaxa a Zaragoza, que non é das defensas máis esixentes para os bases. No seu caso, xogar lonxe de Murcia non é un problema, senón ao contrario: ten unha media de case 4 puntos máis fóra e esta tempada só baixou en Barcelona da decena. A semana que vén xoga na casa contra unha das defensas que máis valoración recibe dos bases: o Baskonia. Non pinta nada mal a dous partidos.

No segundo nivel van dous bases norteamericanos. Wayns confirmou a súa tendencia positiva —volverá a subir o 15%— e aportou 16.8 á vitoria da Penya. Está a ser un dos baluartes ofensivos dun mellorado Joventut: leva anotados 15, 15 e 18 puntos nos tres partidos máis recentes. Ademais, xogou nestas últimas xornadas máis de 25 minutos por partido. Mídese ao Burgos, que está a progresar moito tamén na súa defensa dos bases nos últimos tempos. A semana que vén vai a Valencia, que é unha defensa bastante permisiva cos bases contrarios. O seu rival, Corey Fisher, que non ocupa praza de extra polo seu pasaporte xeorxiano, volveu estar por baixo do que esperaba —aínda que todo tería sido diferente se anotase a última tripla que intentou e que lle tería dado a vitoria ao seu equipo contra o Fuenlabrada—. A viaxe a Badalona debería serlle propicia: fóra da casa aumenta a súa valoración en case 9.5 puntos e só baixou da decena en Santiago. Ademais, xogou hai anos no equipo badalonés, factor sempre a ter en conta. A semana que vén volve a Burgos para enfrontarse ao GBC, entón debería saír dos equipos.

O terceiro chanzo non loce moito. San Miguel está nun gran momento anímico. Superou a vintena contra o Betis hai tres semanas, hai dúas meteu a canastra gañadora contra o Barcelona nun partido no que estivera moi desacertado e esta fin de semana foi un dos líderes do seu equipo e valorou 16.8 no partido crucial na loita pola Copa contra o Unicaja. Viaxa a Fuenlabrada, segunda peor defensa dos bases. Hai que apuntar que fóra da casa ten unha media inferior aos 6 de valoración e só superou a decena —tralo bono— na primeira xornada contra o Burgos. Por outra banda, contra as peores defensas leva unha media de 16 de valoración. A semana próxima ten un partido máis de cara no derbi en La Laguna contra o Granca. O equipo de Luis Casimiro é o segundo que máis recibe dos bases fóra da casa. Esperábase moito de Omar Cook no último partido e decepcionou. O montenegrino de Brooklyn tivo un día desastroso no tiro —1 de 9 en lanzamentos de campo— e se conseguiu valorar 7 foi grazas aos 11 pases de canastra que deu —lidera a clasificación de asistencias da ACB—. Xoga na casa —onde baixa 3.5 a súa media— contra o Obradoiro —lonxe de Santiago é unha defensa máis benévola— e a vindeira ten derbi contra o Madrid de visitante. Ao seu favor hai que dicir que aínda non encadeou dous partidos por baixo de 10 esta tempada. Nunha xornada normal non terían entrado na lista, pero aquí as opcións son moi restrinxidas.

Como aposta arriscada fóra da listaxe poderíase nomear a Albicy (mancouse en Europa despois da publicación do artigo e é dúbida). Non está a levar unha boa tempada, mais o ano pasado si que era un dos bases a ter en conta cando xogaba en Andorra. Esta semana ten partido na casa e vén do seu único pico do ano —27— contra o Baskonia. Nunca podería ser unha aposta a máis dunha xornada. Tamén quedou fóra Bellas, que vén dun 24 en Badalona. Tivo un acerto moi grande no tiro de tres —5 de 6— para poder acadar eses 24, algo que non é habitual nel —levaba menos dunha tripla anotada por partido cunha porcentaxe inferior ao 30%—. Ademais, o base madrileño baixa moito na casa —case 6 puntos—, onde só superou dúas veces a decena este ano —12 e 13.2—.

Ás

A posición de á volve ser a que ofrece mellores opcións. O primeiro chanzo ábreo un xogador que está a ver o aro como se fose un anel de Saturno. Popovic vén de anotar 7 triplas —de 15 intentos— na traballada vitoria do seu equipo en Burgos. Sumou así o seu 4º partido por riba dos 20 de valoración. O Canarias ten unha boa defensa, mais agora mesmo ninguén semella poder paralo. A semana que vén visita o Palau Blaugrana. Xa sabedes que o Barça é dos equipos que máis reciben das ás. Así que para que dicir máis: válenos para esta, para a próxima e mentres lle dure esta xeira de acerto. Outro que apunta por riba da vintena é Eriksson. O escolta sueco xoga na casa —ten unha media superior aos 20—, contra unha das peores defensas das ás —Betis— e con máis minutos e protagonismo dende a baixa de McKissic. A semana que vén xoga nunha das canchas máis complicadas —a do Canarias— e cunha das mellores defensas. Así que o mellor é aproveitar a bandeira e o posíbel pico esta semana, buscarlle un substituto a próxima e despois, contra o Bilbao en Gran Canaria, será outra vez unha grande opción. Jaka Blazic volve a xogar en Andorra, onde vén de pinchar co Baskonia e tamén o fixera a vez anterior contra o Unicaja. Porén, esta vez enfróntase á peor defensa das ás: o Bilbao Basket. Nos seus dous partidos contra os que peor defenden a súa posición fixo 23 —Zaragoza— e 34.8 —Betis—. Apunta a pico e a semana que vén vai a Santiago. Fóra da casa a súa media medra en catro puntos e os santiagueses non son unha das defensas dos treses máis esixentes. Patrick Richard tamén repite na casa contra unha defensa propicia, neste caso a do Burgos. Contra o Zaragoza de Neal, que tampouco destaca pola súa defensa exterior, anotou 23 puntos, con moita decisión e carácter na remontada da Penya. A súa media como local achégase aos 20. Tamén nos dará uns bos cartos —ata 145 mil cun partido similar ao da semana pasada—. Así que todo é favorábel para el agás, como no caso de Eriksson, a vindeira xornada: vai fóra —onde non chega a 9 de media— contra o Valencia Basket, mellor defensa das ás en cancha propia. Precisamente Neal pecha este nivel. O ex-NBA fixo un primeiro tempo segundo o previsto, mais no segundo, conforme a reacción verdinegra e certas decisións arbitrais, o seu xogo foise ofuscando cada vez máis. Tomou malas decisións, axudou pouco ao seu equipo e foi expulsado. Como dicía, inda así fixo 15 puntos e 7 rebotes. Así que debería quedar como unha situación puntual. Segue a ter moitos minutos —acumulou 31 e sen a expulsión tería xogado case o partido completo—, todas as pelotas que quere —a chegada de McCalebb non o vai cambiar polo de agora porque non ten ritmo de competición— e a súa dinámica era fantástica. Tamén ao seu favor ten o calendario: a semana que vén vai a Sevilla e despois recibe o Estudiantes.

Segundo nivel. Outra das decepcións da xornada foi Mumbrú, que veu como Todorovic lle pasaba pola dereita ata o MVP na vitoria en Bilbao contra o Estudiantes. Estivo moi mal dende os 6.75: 1 de 7, algo que non se vai repetir con frecuencia. É interesante para esta porque fóra da casa está a ter unha gran fiabilidade: case 18 de media e só baixou do 10 na xornada inaugural —e por pouco, fixo un 9—. Ademais é das poucas cotas interesantes. O rival pode parecer pouco apetecíbel: o Andorra é a segunda mellor defensa das ás —tamén a peor dos pivotes, que neste caso ten relevancia—. Pero o xogo de Mumbrú non se está a ver afectado por iso, está a valorar en números moi similares —algo por riba dos 15— tanto contra as peores defensas como contra as mellores. O malo é que a semana que vén xoga na casa —onde descende case 7 puntos de media— contra o Unicaja. No caso contrario está Vidal, que valora case 6.5 máis en Badalona. O dito, Burgos, defensa favorábel, boa dinámica do Joventut… pero tamén sería só para esta xornada, despois terá que ir a Valencia. Landesberg xoga na casa, onde só non cumpriu contra o Fuenla —unha das mellores defensas das ás— e promedia 19.8. Despois xoga como visitante contra o Real Madrid e únese á recua de boas opcións para esta xornada que non deberíamos manter a seguinte. E pecho este segundo chanzo, que tamén será o último, con Matt Thomas. Despois das súas cinco xornadas por riba de 20, leva catro por debaixo, co que saíu un pouco do radar. Porén, enfróntase en Madrid ao Estudiantes, unha das peores defensas das ás. Contra as peores cinco defensas das ás —xogou 4 partidos contra elas— leva unha media de nada menos que 25 de valoración. Si, adiviñastes, a semana que vén non ten un partido tan favorábel, enfróntase á segunda mellor defensa das ás: Andorra. Mais é en Santiago, onde ten unha media de 18.

Deixei fóra a Ponitka. Ao final non perdeu ningún partido de liga pola lesión, mais veuse que non estaba para xogar. Nin tiña o mesmo nivel de actividade nin de confianza. Acaba de xogar na Champions: 12 de valoración en 10 minutos de xogo. Non vin o partido e descoñezo se deu sensacións diferentes ás da fin de semana (comentan aquí que se resentiu da lesión).

Pivotes
Nos pivotes a cousa non ofrece tantas posibilidades. Primeiro banzo. Dicía hai dúas semanas que estes dous partidos na casa de Jordan ían ser propicios para que volvese superar a vintena. Non foi así na primeira oportunidade, quedouse en 13.2. O certo é que non se debeu a que non estivese atinado —60% en tiros de campo—, Ocampo xogou moi pouco para el: só lanzou cinco veces a canastra en 28 minutos en cancha. O xogo da Penya centrouse na ofensiva dende o perímetro. O habitual é que lance bastante máis e tamén force máis faltas —é un dos mellores pivotes no lanzamento de libres—. É difícil que se repitan esas circunstancias contra o Burgos, que ademais é a peor defensa interior. E se está no alto da listaxe é porque o próximo partido, inda que lonxe de Badalona —a súa media xa non difire tanto fóra—, enfróntaos a unha das defensas máis benévolas cos pivotes na súa propia cancha: o Valencia Basket. Pode entrar e quedarse.

Seguimos no primeiro nivel, mais cambio de parágrafo porque require desenvolvemento. O talentoso pivote checo Ondřej Balvín está nun gran momento: nos últimos 4 partidos superou a vintena en 3 —só fallou contra o Madrid—. Xoga na casa —onde ten unha media de 17 e só baixou da decena contra o Joventut de Jordan—. A estatística indica que o seu rival, o Betis, é propicio. Di que a media de valoración recibida polos interiores verdibrancos colócaos entre os peores fóra da casa —en Sevilla son o segundo mellor—, mais o certo é que semana a semana esa media está a descender: 26, 36 e 21 foron as valoracións totais recibidas dos pivotes —en suma de todos— nos últimos tres partidos. Iso sitúa o Betis tamén na elite defensiva fóra da casa en tempos recentes. Se o perfil de pivote alto adoitan defendelo moi ben en Sevilla (nin Pleiss nin Postovyi valoraron ben alí e só Tavares superou o quincena —19.2—), fóra da casa tiveron problemas para conter os pivotes grandes de certa relevancia aos que se enfrontaron: Norel —43.2—, Jordan —27.6— e o outro que falta é Shermadini, que xogou moi pouco nunha vitoria cómoda do Unicaja, mais neses 9 minutos deulle tempo a sumar 10.8. En definitiva, o Betis é unha defensa máis complicada do que poida parecer, mais co seu perfil e xogando como local, sumado ao seu momento de forma, fan del unha boa opción. A semana que vén, contra o Canarias fóra, a súa continuidade xa é máis dubidosa.

Sempre digo que Pustovyi fóra da casa mellor non levalo, mais faremos unha excepción polas circunstancias. Os pivotes grandes están a lle crear moitos problemas ao Estudiantes: Norel, Pleiss, Balvin, Shermadini e Diop superaron a vintena contra eles. Deberían ter problemas tamén para conter a Artem se é capaz de controlarse coas faltas. Máis ao seu favor é o partido da semana próxima: xoga contra o Andorra —ten un xogo interior que concede moita valoración— en Santiago —a súa media medra case 9 puntos ata situarse por riba dos 20 en Fontes do Sar—. É un dos xogadores que poderían repetir e que tanto precisamos atopar esta xornada. Kelly só subira unha vez da vintena nas dez primeiras xornadas, ben é certo que se moveu maioritariamente por riba dos 10, mais nos dous últimos partidos fixo 31.2 e 24 nas vitorias contra Obradoiro —na casa— e Murcia —fóra—. O Granca non é das defensas máis esixentes —nin tampouco das menos—, precisamente onde mellor se está a desenvolver: ten unha media de 20.4 contra as defensas que non son nin das 5 mellores nin das 5 peores. A semana que vén recibe ao Zaragoza en Sevilla, que tamén estaría nese grupo —é a oitava que menos puntos recibe dos pivotes e a cuarta fóra da casa—. Se a súa praza de extra non supón un problema, tamén podería aguantar nos equipos.

O segundo banzo será tamén o último —a xornada non dá para máis—. Dicía dúas semanas atrás que Varnado era moi fiábel na casa onde nunca baixara de 15. Marcouse un 1 contra o Unicaja para contradicirme. Se o tomamos como excepción, é probábel que se mova contra o Murcia en torno ao 15. Fóra da casa si que baixa moito —inda que vén dun 17 en Badalona— e non o deberiamos considerar para a que vén —na que inda por riba vai a Sevilla, xa sabedes o que hai—. Completo a listaxe cos dous interiores do Burgos. Teñen un rival propicio na Penya, que é o terceiro equipo que máis recibe dos pivotes rivais. O problema que padecen ambos é que baixan unha barbaridade a súa achega lonxe do Coliseum: 7.5 cada un. Thompson queda cun promedio de 11.27 e Huskic de 8.23. Porén, o serbio estivo mellor nas dúas últimas saídas —sen que sexan grandes números—: 12 e 16 fronte aos 9.6 e 2 do norteamericano. Se entran na listaxe é porque a próxima xornada teñen un bo partido en Burgos contra o GBC —que é unha defensa amigábel cos pivotes—. Así que só se debería pensar en meter algún deles se se vai repetir tamén a semana que vén.

Deixo fóra a Báez e Abromaitis entre os relevantes. O dominicano, que vén dun gran partido en Barcelona, está a ser irregular de máis nas súas valoracións para consideralo e o Betis non vai dar pé para que dous interiores valoren ben. O estadounidense nin fóra esta xornada contra o Fuenla nin na casa a próxima no derbi ten por diante partidos sinxelos, co que hai outras opcións de menor risco. Non hai nin unha bandeira que pague a pena nomear nos pivotes —inda que algunha sorpresa seguro que se producirá—.

O equipo do blog

Esta vez Andrómenas non foi a excepción e tamén subiu 202 postos. Agora vai o 1611 grazas aos 177.2 puntos desta xornada. O Top 1000 queda a vinte e tantos puntos. Dito así non semella tan lonxe.

Como esta semana non hai restrición cos cambios e os xogadores dispoñíbeis son baratos abondo, podo seguir a selección ao pé da letra —na captura tedes o equipo a completo así que non vou a repetilo—. Elixo dúas bandeiras nos bases e outras dúas nas ás. Máis ou menos teño claro que recuperarei a Doncic —por San Miguel—, Norel —por Balvín— e Shengelia —por Kelly—. Os outros dous cambios deberían saír do trío Eriksson, Mumbrú e Richard.

Lecturas selectas