SuperManager x. 14: desfeita

Balance

A xornada estivo marcada sobre todo por Bouteille e Toolson, xuntalos supoñía unha boa suba; non levar a ningún deles, unha ampla probabilidade de baixar. No que a min respecta, esta semana moito me temo que rematou a miña tempada no tocante á xeral. O meu obxectivo era loitar polo Top 500, onde entrei nestes anos que levo a escribir sobre o xogo (e nunca antes, aínda que participo dende case o principio), mais no meu mellor esta xornada metín a pata por partida dobre. A idea era meter a Beirán, pero quixen esperar a que se confirmase que ía xogar, para asegurar (polos problemas físicos que tivera durante a semana), e pasóuseme a hora. Así que o equipo, que estaba con dez, porque vendera a Scrubb, ía ter que completalo coa única á que me gustaba das que quedaban por xogar: Abalde. Mais, como xa levei un desgusto co Valencia pola baixa de última hora de San Emeterio (naquela xornada nefasta na que fallaron el e Mirotic, e foi o principio da fin para este equipo), agardei para evitar sorpresas… e vaia se levei. Non me lembrei que no derradeiro encontro os trocos fechan 15 minutos antes (non será polas veces que o dixen nestes artigos), estaba eu a revisar con calma se había algunha novidade cando me lembrei, fun a correr, mais xa pasaban uns segundos de menos cuarto. O que xa ía ser unha mala xornada (faría 184 con Abalde), resultou unha xornada eliminatoria: 83 puntos (os equipos incompletos valoran a metade). Perdo 2400 postos até o 3012º. Este ano non tiña ningún outro equipo preto, agora o meu mellor é un que está o 1740º (tamén baixou esta semana). Aínda queda máis de media liga, hai tempo para remontar até o Top 500, mais as miñas segundas partes da tempada non adoitan ser boas e o equipo está mal de broker (13.2 quilos). Se remato no Top 1000 dou a tempada por boa.

B

Henry (9.6)

Campazzo (18)

Hannah (10)

Delaney (9)

Calloway (1)

Fitipaldo (18)

Pérez (14.4)

Alocén (4.8)

Q. Colom (13.2)

A

Prepelic (27)

Beirán (14.4)

Díez (22.8)

Shields (20.4)

Seeley (1.2)

Bouteille (46.8)

Abalde (18)

Ennis (13.2)

López-Arostegui (11)

Harper (21.6)

P

Mirotic (18)

Shengelia (25.2)

Shermadini (14.4)

Dubljevic (13.2)

Balvin (20.4)

Musli (21)

Tavares (14.4)

Kravic (16)

Tomic (21)

Eddie (3)

Kravish (36)

Shurna (6)

Lima (9)

Whittington (0)

Tobey (10.8)

Radovic (7.2)

A pesar de todo, á listaxe non lle foi tan mal, hai moito verde. A ausencia de Toolson non a considero tanto erro esta semana, a priori era moi difícil de predicir un encontro así contra a que era a mellor defensa na posición de local. Máis discutíbel pode ser o lugar que ocupaba Bouteille (aínda que un pico desa magnitude tampouco era fácil de predicir). Non foi unha das mellores xornadas, pero non lle daría o suspenso.

Selección

Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses aparece a valoración que precisan para subir o 15% os xogadores con suba doada.

B

Campazzo

Huertas

Calloway

Delaney

Bellas

Pérez

Sipahi

Díaz (3)

Schreiner (-13)

A

Bouteille

Prepelic

Díez

Shields

Toolson (-1)

Beirán

Scrubb

Loyd

J. Fernández (28)

Abalde (-10)

McFadden

Brizuela

Magee

M. Garcia (-12)

P

Mirotic

Shengelia

Shermadini

Tavares

Tomic

Balvin

Dubljevic

Kravic

Kravish

Thompkins (-23)

Cate

Unicaja- Zaragoza

(21, 18:00)

@FUE, OBR | BAS, @AND

Se precisamos unha bandeira barata nos bases, podemos pensar en Díaz: na casa rende bastante mellor, está moi barato e conta cunha suba doada. Despois ten un rival moi amábel, pero incluso así non pensaría nel a máis dunha xornada. Adams saíuse na vitoria contra o Barça, pero é un xogador demasiado irregular como para pensar nel alén de cazaxornadas. Nas ás o Unicaja afrouxa un pouco, o caso é que Seeley anda con problemas físicos e Ennis fóra da casa non ofrece garantías. Se Seeley é baixa confirmada, entón podemos pensar en manter a Ennis se temos cambios máis urxentes. Jaime regresa ao escenario da súa última exhibición. Na casa non adoita pinchar (18 de media) e despois ten unha saída favorábel (a partir de 4 de valoración comeza a subir broker). Brizuela estivo moi ben na vitoria contra o Barça e foi do pouco salvábel na derrota da Eurocup. Está máis adaptado ao equipo e o ano pasado fixo un gran encontro fronte os de Fisac. Podemos pensar nel se procuramos a diferenciación. Por dentro son as dúas defensas máis duras (o Unicaja de local e o Zaragoza a domicilio), así que non é encontro para pensar neles.

Bilbao – Betis

(21, 18:00)

@MUR, EST | MAN, GCA

Son os dous equipos que máis reciben dos bases. Se Rousselle non chega, podemos pensar para os equipos con problemas de cartos nun Schreiner que respondeu a semana pasada na quincena ante a ausencia do francés. No Betis o home a seguir é Sipahi, debería aproveitar a súa superioridade física. Aínda non acadou a vintena este curso, esta é unha boa oportunidade. Non son as opcións que ofrezan máis seguridade, pero igual dan a sorpresa. Despois da barbaridade da última xornada, calquera se arrisca a saír sen Bouteille. No Betis empeza a asomar o Conger da Penya, roldou a vintena en dous dos últimos tres, mais fóra da casa non pensaría nel (a semana que vén pode ser moi interesante). Balvin parece que non nos vai deixar os grandes picos que esperaba del este curso, pero está a ser moi sólido e o Betis dá moitas facilidades interiores, debería seguir nos seus números (15-20).

Canarias – Gran Canaria

(21, 20:30)

@VBC, FUE | BUR, @BET

O derbi canario este ano ten moito en xogo, ambos equipos están separados por unha vitoria e inmersos na loita pola Copa. Se o Canarias gaña, Málaga estará preto. Nos bases, a presenza de Cook segue sen estar garantida, non podemos pensar nel para esta. Huertas si que é un valor seguro, está a facer unha tempada moi sólida e debería volver estar nos 15-20. Despois ten unha saída complicada a Valencia (daríalle descanso alí). Nas ás enfróntanse dúas das bandeiras principais. Díez conta con mellor xornada (o Granca dá moitas facilidades na posición a domicilio), pero despois ten unha saída moi dura; Beirán teno algo peor nesta (aínda que debería acadar cando menos a decena no seu regreso a La Laguna) e moito mellor na vindeira, de local contra unha defensa moi amábel. Fóra da casa non podemos pensar en Harper (a semana que vén será unha grande opción). Por dentro, Shermadini debe estar, ten unha gran superioridade respecto a Costello. O norteamericano, a pesar do gran pico da última xornada, fóra da casa non me entusiasma.

Obradoiro – Fuenlabrada

(21, 20:30)

EST, @UNI | UNI, @CAN

O Obra mellorou moito nas últimas semanas, incluso estivo a piques de gañar en Gran Canaria. Calloway pinchou após grandes xornadas; entraba dentro do posíbel. Nesta, de local (case 15 de media) e contra unha defensa moi amábel, semella unha boa opción: leva dous picos seguidos na casa e está aproveitar os encontros fronte as defensas máis permisivas (ten dous seguidos de local contra defensas que reciben moito dos bases). Bellas está a ser a bandeira máis fiábel nos bases este curso, debería seguir na decena. Nas ás o Fuenla tamén dá facilidades, aínda que os treses do Obra non están a ofrecer solidez. O que máis me gusta é Magee, na casa rende mellor (superou a quincena nos dous últimos como local —12 de media—) e neste par de partidos seguidos no Sar ten unha boa oportunidade para volver dar un pico que se lle resiste dende a exhibición en Murcia da sexta xornada. O Obra non dá tantas facilidades, mais podemos pensar en Marc Garcia. Sen Anderson nin Urtasun, ambos lesionados, terá que asumir moito protagonismo ofensivo. Despois ten un encontro moi complicado de local na visita do Unicaja. O Obra está a dar moitas facilidades nos pivotes, pero o Fuenla non parece ter xogadores para aproveitalo (Mockevicius está a valorar pouco a domicilio, só pensaría nel para cazaxornadas). Kravic é unha boa opción, a semana pasada ía disparado a un novo pico… e ao final non fixo máis ca retroceder até ser expulsado por faltas (aínda así fixo un 16). Con el o rival dá un pouco o mesmo.

Estudiantes – Murcia

(22, 12:30)

@OBR, @BLB | BLB, @JOV

Os dous son defensas moi amábeis no un, mais non será doado tirarlle proveito. Non pensaría neles alén de cazaxornadas, a opción debería ser Pressey, pero o norteamericano só superou a decena nun encontro no último mes e vén de negativo. Aínda non sabemos seguro se Booker regresa esta semana, en condicións normais sería un dos xogadores máis atractivos da xornada, mais, tras varias semanas fóra por lesión, semella un risco demasiado grande. Nos dous primeiros encontros sen Brizuela, Scrubb non respondeu (ambos por debaixo da decena, aínda que era contra rivais complicados). Porén, paréceme unha boa aposta esta semana se procuramos a sorpresa, o Murcia dá facilidades na posición, vaise ir á trintena de minutos e o seu equipo precisa a súa mellor versión para tentar saír do pozo. Por dentro para cazaxornadas podemos pescar nos catros, se Kadji ou Eddie teñen o seu día no lanzamento de tres poden sumar unha gran valoración, para equipos da xeral non son os xogadores máis fiábeis. Cate atópase nun gran momento e fóra da casa está a dobrar os seus números, pode ser unha bandeira sorpresa a unha xornada.

Manresa – Valencia

(22, 12:30)

@BET, @BAS | CAN, @RMA

O Manresa está a conter ben os bases de local e no Valencia non sabemos quen estará entoado desta volta (na Euroliga foi Van Rossom con dúas boas valoracións, mais a xornada pasada de liga o mellor foi Colom). Paréceme máis interesante Pérez, sobre todo se non dan de alta a ficha de Cvetkovic. Xogando tantos minutos podemos esperar velo na quincena esta semana e despois ten unha saída favorábel a Sevilla. Nas ás temos a un dos protagonistas da última xornada, saíuse contra a mellor defensa na posición de local. Toolson sube todo cun -1 e coa lesión de Ferrari quedou como o gran referente do Manresa. O ano pasado fixo dous bos partidos contra os laranxas. O negativo desta semana na Champions non debería condicionarnos. A visita a Sevilla invita a seguir con el tamén a vindeira. No Valencia o máis gorentoso está as ás. Por unha banda temos a bandeira e suba do máximo garantida dun Abalde en moi bo momento. O único pero con el é que fóra da casa baixa moito as súas prestacións (aínda que xa está a mellorar nese aspecto: acadou a decena nas dúas últimas visitas na ACB). Só para unha xornada podemos dar a sorpresa con Loyd. O estadounidense fóra da casa dobra os seus números (18 de media). Para vindeira de local contra unha defensa complicada (Canarias) pensaría en vendelo. Co Valencia centrado na ACB, Dubljevic sería un dos pivotes estrela da xornada contra un Manresa que dá moitas facilidades por dentro (e conta coa baixa de Sakho). Pero o certo é que na ACB estamos a ver unha versión diferente á da Euroliga (superou a vintena nas dúas xornadas desta semana). Segue a ser unha boa opción, mais o normal é que estea no rango da quincena. Iso déixanos cos outros tres pivotes como opcións para cazaxornadas, aínda que non sabería por cal decidirme. Non vexo mal quedar con Kravish nesta, o Valencia está a permitir picos na posición, e non ten mala saída na vindeira.

Madrid – Andorra

(22, 17:00)

@FCB, VBC | JOV, ZAR

O Madrid no base non fai ningunha concesión, o mellor é darlle descanso esta semana a Hannah (a vindeira ten encontro de local contra a Penya para saírse), se estamos moi apurados cos trocos, igual nos compensa deixalo para aforrar un na seguinte. Musli é o outro que igual se pode quedar se temos varios cambios urxentes, terá que xogar moitos minutos polas baixas interiores do Andorra e a Penya na vindeira tamén é un rival ideal para el. No Madrid o máis interesante volve ser Campazzo pola baixa de Llull. O Andorra tentará complicarlle a vida ao Madrid (xa gañou alí a tempada pasada), así que os seus minutos deberían estar garantidos. A partir de aquí as cousas complícanse. A rotación do Madrid é longa e até que non coñezamos que fichas quedan fóra esta semana, pouco se pode especular (neste momentos a ficha de Deck está desactivada). Anoto o nome de Causeur para cazaxornadas, porque Carroll non vai estar. Se non dan de alta a Mejri, temos un Tavares moi seguro na casa (case 23 de media), no que non pensaría para a vindeira polo seu duelo con Davies. Para equipos que aínda precisen facer caixa, Thompkins na ACB está a dar alegrías de local (18 e 36).

Joventut – Barça

(22, 18:30)

@AND, MUR | RMA, @BUR

O gran momento da Penya pasou: leva dúas derrotas consecutivas na ACB (e outra na Eurocup) e ten por diante un calendario complicado. Xa non están en postos da Copa e, a pesar da gran igualdade, non parte como un dos favoritos na loita polas últimas prazas. Porén, non venderán barato o pelello (o curso pasado gañaron en Badalona). A única opción a contemplar nos verdinegros é Prepelic, se aínda non o temos, non elixiría precisamente esta xornada para fichalo, mais con el hai poucas dúbidas (supera a vintena de media e o seu chan é o 13 do debut contra o Madrid). Debe seguir. Delaney vén de pinchar na última xornada, pero a Penya está a dar moitas facilidades aos bases, igual é a súa oportunidade de acadar á fin a vintena na ACB. Iso si, a semana vindeira ten que saír porque se enfrontan ao Madrid. Nas ás, a Penya xa non é a mellor defensa de local despois do festival de Toolson, aínda así non vexo clara a rotación do Barça como para apostar por algún. Por dentro, o Barça é moi superior (aínda máis ca noutras posicións). Mirotic segue a ser fixo. Tomic atópase nun gran momento e fóra da casa está valorar moi ben (22 de media). A visita do seu ex na vindeira tamén é interesante para ambos, sobre todo para Ante.

Baskonia – Burgos

(22, 20:00)

@ZAR, MAN | @GCA, FCB

Os de Vitoria salvaron unha situación crítica na ACB con dous triunfos consecutivos, que os devolven á zona da Copa após varias semanas. Porén, na Euroliga seguiu o mal rumbo e iso provocou a saída de Perasovic. Os cambios traen incerteza, algo que non nos interesa no SuperManager. Nesta conxuntura e co regreso de Vildoza, Henry perde atractivo, sobre todo para os equipos con complicacións económicas. Non pensaría nos bases do Burgos, baixan bastante a domicilio. Nas ás, Shields parece moi boa opción, o Burgos dá moitas facilidades e o xogador con pasaporte danés pasa por un bo momento, ten moitos minutos e de local mellora moito os seus números até os 16 de media. Se queremos arriscar, McFadden está a funcionar bastante mellor a domicilio (13 de media) e o Baskonia está a dar moitas facilidades na posición no Buesa. Por dentro non hai motivos para dubidar de Shengelia.

O equipo do blog

Andrómenas xogou con 11, pero as cousas marcharon mal. Fixen 175.8 puntos e a caída non parece ter fin (máis de 800 perdidos). Quedo no 4726º da xeral. Que desastre!

Se non mudo de opinión (tempo hai), saen Henry, Xabi e Ennis e entran Bouteille, Toolson e Dani Pérez.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence ao filme Novyy Vavilon (Grigoriy Kozintsev e Leonid Trauberg, 1929).