Balance da 13ª xornada

A xornada foi tan complicada como se prevía. Houbo, en xeral, puntuacións baixas, co que os 160.2 puntos do meu mellor equipo abondaron para manter a 4ª posición. Non serviron só para retela, senón para afianzar ese posto na cabeza: o liderado queda agora un pouco máis preto —a 14 puntos— e o 29º posto, ao que caera hai 3 xornadas, está xa a 47. A dinámica segue a ser favorábel. A pena é que apostei por Neal para poder mantelo tamén esta semana, mais lesionouse e terei que empregar nel un cambio que tiña planeado empregar noutro xogador —polo menos sumou algún punto máis que outras ás destacadas—.

Así lle foi á selección da semana pasada:

Bases
Jaime (26.4)
Hannah (21.6)
Wayns (14)
Fisher (1.2)
San Miguel (-3)
Cook (8.4)
ÁS
Popovic (20.4)
Eriksson (7)
Blazic (12)
Richard (4)
Neal (13)
Mumbrú (6)
Vidal (21)
Landesberg (4.8)
Thomas (13)
Pivotes
Jordan (23)
Balvín (6)
Pustovyi (5)
Kelly (34.8)
Varnado (10)
Huskic (0)
Thompson (21.6)
Hai máis vermello do desexábel, porén, o quinteto de acertos do primeiro banzo —Jaime Fernández, Hannah, Popovic, Jordan e, sobre todo, Kelly— xa dan por boa a selección. Eses 126.2 que deron entre os cinco abondaban para que, a pouco que sumasen os outros seis, os equipos salvasen —e incluso subisen— esta xornada. Os meus gañaron posicións case que todos e nos que optei por Vidal no canto de Mumbrú escalaron un lote delas. O peor da elección foi San Miguel, que ao final non só foi mala idea, senón que ninguén valorou tan pouco coma el —incluso tería sido mellor deixar a Doncic e aforrar o cambio, que fixo 3 puntos máis que Rodrigo e sen xogar—. Non penalizou moito porque dos outros bases bandeira populares —Jaime á parte, que era fixo— o mellor foi Oliver cun modesto 5 —houbo outros mellores, mais son xogadores cos que non se contaba—. Moito máis determinante nunha xornada de baixas valoracións foi atinar con Kelly. Se a diferenza entre San Miguel e Oliver quedou en 8 puntos, a diferenza entre Kelly e Huskic —alternativa máis común— ascendeu a 34.8. A pesar de que fallaron varios xogadores que esperaba que estivesen na vintena —como Eriksson e Richard—, o saldo da selección é positivo —e hai que ter en conta que non só se buscaba valorar ben esta xornada, senón que varios deles puidesen continuar no equipo para a décimo cuarta—.

Selección da 14ª xornada

Como se empeza a facer costume, primeiro poño a selección e despois explícoa. Se os partidos europeos ou algunha novidade de última hora mudar as cousas, editarei o artigo e avisarei na miña conta de Twitter dos cambios.
Bases
Doncic
Heurtel
Hannah
Jaime
Wayns
Uriz
ÁS
Popovic
Schilb
Green
San Emeterio
Smits
Blazic
Thomas
Pivotes
Shengelia
Norel
Kelly
Jordan
Thompson
Dubljevic
Reyes
Poirier
Pustovyi
Os cinco cambios desta xornada non van abondar para recuperar un equipo equivalente ao que tiñamos antes dos partidos aprazados: nos meus substituín entre 8 e 9 xogadores a última xornada, co que haberá tres ou catro que non poida recuperar, se o quixer, polo de agora. Así que segue a ser fundamental a planificación, deben entrar xogadores que nos sirvan alén da xornada, para que entre a seguinte e, se callar, a outra podamos volver ter o equipo que queremos —que non ten que ser o de antes, mais si un de fiabilidade equiparábel—.
Bases

O regreso dos xogadores que descansaron déixanos un panorama máis alentador. Ao alto do primeiro banzo volve Doncic. En 7 dos 12 partidos que disputou superou a vintena, leva unha media de máis de 22 puntos, a súa valoración máis baixa foi un 13.2 na primeira xornada e é bandeira. Ten que regresar xa. Punto. Inda que non vai entrar en moitos equipos —porque xa teñen o resto de xogadores deste primeiro nivel—, Heurtel é a segunda mellor opción da xornada. O base francés é un seguro na casa: supera os 23 de media e aínda non baixou de 16.8. A próxima semana viaxa a Sevilla para medirse á segunda peor defensa dos bases —nos seus tres partidos contra as defensas que máis valoración conceden leva unha media superior aos 26—. Hannah foi dos poucos bases que cumpriron esta semana. Seguiu co seu gran momento de forma e xa acumula 4 partidos de 20 ou máis de valoración dos últimos 6. A súa media nos últimos 4 é de máis de 23. O seu calendario é favorábel: esta semana xoga na casa contra o Baskonia —5ª peor defensa dos bases— e a vindeira viaxa a Fuenlabrada —3ª peor—. Non había razón para ir sin el a xornada pasada e non a hai para desprendérmonos del agora. Jaime Fernández está en case todos o equipos, é cota e leva unha gran xeira: son xa 6 partidos sen baixar dos 15. Enfróntase a unha defensa esixente: o Obradoiro é o 5º equipo que menos recibe dos bases na casa. Porén, o equipo compostelán atópase en mala dinámica —4 derrotas consecutivas, que inclúen 3 partidos fóra da casa— e leva unha media de 27.5 de valoración recibida polos bases neses 4 partidos perdidos de forma consecutiva —o que o converte na peor nese período—. Así que non sería de estrañar que Jaime sumase un novo partido por riba da quincena. A semana que vén recibe ao Burgos en Andorra, a 3ª peor defensa dos bases, mais cunha dinámica contraria á do Obra: nos catro últimos partidos —2 vitorias— ten unha media de só 7 puntos de valoración recibidos na posición de un. A súa bandeira e as urxencias de cambio noutras posicións aconsellan a súa continuidade —cando menos esta semana—.

O primeiro chanzo debería cubrir as necesidades dos equipos da xeral, mais neste segundo nivel vou dar un par de opcións baratas para os que dispoñen dun orzamento modesto. Iso si, teñen unha pega común: non son boas opcións alén desta xornada. O norteamericano Wayns  (actualización: minutos antes do comezo da xornada o Joventut confirma que causará baixa) leva catro partidos en torno aos 15 de valoración e está a ser un dos anotadores máis consistentes da Penya. Esta semana xoga cunha defensa amábel cos bases rivais: Valencia Basket —que ademais terá a baixa de Vives—. A semana que vén recibe en Badalona ao Madrid, segunda mellor defensa dos bases. Subirá case 60 mil euros o seu broker esta semana e debería volver a subir o máximo tamén a seguinte a pouco que cumpra nesta. Outra opción barata con subida fácil de broker —64 mil cun 3.4— é Mikel Uriz. Aos 28 anos está a lle chegar a confirmación en ACB, tras debutar na 09-10 co Bilbao. Nos seus dous exercicios vencellado aos homes de negro —xogaba no Santurtzi— non chegou nin aos 10 minutos totais nos tres partidos disputados en ACB. Tras un comezo de tempada complicado en Sevilla, parece que xa colleu o pulso á categoría. Aumentou os seus minutos —por riba da vintena nas últimos tres— e na xeira de tres vitorias dos verdibrancos superou a decena —16.8, 13.2 e 15.6—. Ademais, McGrath é baixa, aínda que debería regresar ao equipo o ex-madridista Draper. O Zaragoza é unha defensa benévola cos bases rivais. A semana que vén repetirá na casa, mais contra a mellor defensa dos uns, a do Barça.

Tendo en conta as grandes opcións que ofrece o primeiro nivel, parece innecesario asumir o risco de fichar a Huertas ou Granger, que viaxan a Murcia, terceira mellor defensa. Cabe apuntar que por Murcia aínda non pasou ningún dos bases máis caros do xogo. O equipo vermello si que se enfrontou lonxe do Palacio de Deportes a Madrid e Barcelona, e neses partidos tanto Doncic como Heurtel tiveron grandes valoracións: 26.4 e 30. Polo tanto, non se pode descartar unha gran valoración dalgún deles, mais carece de sentido alén dos cazaxornadas asumir esa incerteza. Para ese tipo de equipos, os que buscan ir á contra para tentar levarse algunha vitoria parcial, pódese nomear a McCalebb. A baixa de Neal obriga a que outro xogador absorba ese protagonismo ofensivo e o único capacitado nos aragoneses semella ser o base con pasaporte macedonio. En fronte terá o Betis, segunda peor defensa dos bases. Se alguén ten ao seu compañeiro Bellas e anda moi apurado cos cambios, non debería de ser unha traxedia ter que mantelo. Como aposta arriscada para cazaxornadas pódese pensar en Mekel, que se enfronta a unha das peores defensas dos bases —a do Canarias— e pode ver como medran os seus minutos en cancha polos problemas físicos de Oliver.

Ás

Como cambiou o panorama das ás nas últimas semanas coas lesións de Neal —perderase un mes de competición— e Ponitka —igual volve esta semana, mais debemos darlle certo marxe antes de recuperalo para ver como está—. Se antes sobraban as opcións, agora temos dificultades para completar un cuarteto fiábel.

Por segunda semana consecutiva, Popovic está no alto do primeiro chanzo. A súa xeira de partidos por riba dos 20 puntos de valoración segue a medrar e xa van 5. Non parece que lle vaia poñer moitos impedimentos para seguir con ela o Barça, segunda defensa que máis valoración concede das ás. A semana próxima recibirá o Murcia, que é unha boa defensa dos treses. Porén, agora mesmo non hai quen o pare. Nalgún momento terá que chegar o mal partido, mais sería unha temeridade prescindir del. Trala marcha de Boungou-Colo a media de valoración de Blake Schilb aumentou en 13 puntos. Agora dispón de máis minutos, asume un maior número de tiros e a súa implicación colectiva medrou —aumentou a súa media de rebotes e asistencias—. Na xeira aberta de tres vitorias do Betis superou a vintena en todos os partidos. Ademais, o calendario do norteamericano con pasaporte checo favorece que manteña a boa liña: recibe de forma consecutiva en Sevilla á terceira peor defensa das ás —Zaragoza— e á segunda —Barcelona—. Tamén ten unha suba doada de 90 mil euros.

No segundo nivel veñen algunhas bandeiras interesantes. Seguiremos tentando a sorte con San Emeterio (actualización: lesionouse antes do partido da Euroliga do xoves e será baixa varias semanas). O xogador da canteira do Valladolid, alén do pico cincuentenario, móvese por riba da decena —aínda non baixou dela esta tempada—. Ten un partido moi favorábel na casa contra a Penya —fóra é a segunda peor defensa das ás— e a semana que vén vai a Vitoria para enfrontarse a un Baskonia que non é dos peores rivais na súa posición. A baixa de San Emeterio fai que Erick Green ocupe o seu lugar no segundo chanzo. O estadounidense chegou a ser a á máis cara do xogo, porén, atopábase nun momento complicado: levaba tres partidos por baixo da decena e a recuperación de efectivos no xogo exterior do Valencia reducira o seu peso no equipo. Agora que San Emeterio está de baixa e Abalde atravesa un proceso febril que non lle permitirá esta´r ao 100%, Green debería recuperar a importancia que tiña cando era a á máis valorada. Na Euroliga o baixón fora menor: pasou dos dez en cinco dos seis últimos partidos. Poucos rivais mellores que o Joventut en Valencia terá para resucitar, e máis coas novedades de última hora. A pesar da baixada recente, a súa media de valoración inda está nos 18.2. Rolands Smits, que é cota, mídese ao equipo que o adquiriu este verán —e que o deixou cedido no seu club de orixe—. Tentará deixar unha boa impresión ante a súa próxima afección e, como dicía arriba, a defensa do Barcelona é unha das que máis valoración concede nas ás. O prometedor baloncestista letón atópase en dinámica ascendente. Só baixou da decena nun dos seus últimos 9 partidos. Contra o Murcia xa non será tan interesante. Jaka Blazic vén dunha mala serie na casa: 12 e 4, que se unen ao 2.4 contra o Unicaja e o -1 contra o Canarias. Intercalado con estes, tivo como local o pico contra o Sevilla que fai que a súa media “só” sexa catro puntos inferior en Andorra. O certo é que fóra amosa moita máis fiabilidade: 19.2, 24, 21 e 23 nas súas últimas catro saídas que deixan unha media como visitante de 17 —que estaría moi ben para esta xornada—, porque nas súas dúas primeiras saídas da tempada a Madrid —Real— e Murcia non lle foi tan ben —12 e 3—. Esta semana vai a Santiago —que non é unha defensa das máis esixentes— e despois recibe na casa ao Burgos, cuarta peor defensa —contra as peores defensas os seus números aumentan de forma apreciábel—.

No terceiro chanzo hai extras (só un agora coa actualización) que eran case fixos semanas atrás e agora atravesan momentos de menor fiabilidade. Outro que perdeu presenza nos equipos é Matt Thomas. O obradoirista leva 5 partidos sen superar a vintena, aínda que en catro deses cinco si superou a decena. O Obra precisa rachar xa coa xeira de 4 derrotas consecutivas para seguir optando á Copa, se o logra, as posibilidades de boa valoración de Thomas dispáranse: en 5 das 7 vitorias dos santiagueses superou a vintena. A súa media de valoración na casa mantense en 18 puntos a pesar do 10 contra o Madrid e o 7.2 contra o Canarias —dúas defensas complicadas— nas dúas últimas visitas recibidas no Fontes do Sar. O rival non é unha das peores defensas e a semana que vén ten unha saída complicada a Málaga —cuarta mellor defensa das ás—.

Dos que quedan fóra esta semana, as ás con bandeira máis frecuentes da pasada teñen partidos moi complicados, Vidal viaxa a Valencia —fóra da casa baixa o seu rendemento e os taronjas son a segunda mellor defensa das ás—, Eriksson faino a La Laguna —fóra da casa a súa media cae á metade e ademais o Canarias é unha boa defensa na posición de tres— e Mumbrú recibe ao Unicaja —boa defensa das ás e o rendemento do canteirán da Penya baixa de forma considerábel en Bilbao—. Ir con Landesberg fóra da casa é como xogar á ruleta rusa, pode saír pico ou morte.

Pivotes
Os regresos deixan boas perspectivas nos pivotes. No primeiro nivel deben volver aos equipos os interiores máis valorados do xogo. Shengelia está nun momento imperial, xa é o pivote máis caro e ademais súmanos unha gorentosa bandeira. Norel, o xogador cunha maior valoración media da liga, ten unha saída favorábel a Burgos, peor defensa dos cincos. Kelly é o home do momento, despois dunhas xornadas de aclimatación á competición está a ser a chave na xeira de vitorias dos béticos. O seu 34.8 da semana pasada coroouno cunha tripla inverosímil que certificou a vitoria nunha cancha na que ninguén gañara este ano: o Gran Canaria Arena. Encadea nesas tres vitorias con valoracións de 31.2, 24 e 34.8. O seu rival, que é unha boa defensa das ás, atópase na dinámica contraria: 5 derrotas consecutivas levan os súbditos de Cuspinera. A semana que vén medirase, tamén en Sevilla, ao Barcelona, mellor defensa interior.

O segundo chanzo ofrece opcións con menores posibilidades de picos e algunha incógnita. Jordan está en moitos equipos e o seu 23 soubo a gloria. Agora viaxa a Valencia, unha defensa amábel cos pivotes rivais. Os interiores relevantes que se enfrontaron aos laranxas valoraron así: Kelly quedou en 9 —mais foi no seu debut, non ten nada que ver co seu momento actual—, Pustovyi fixo un 16, Tobey sumou 13, Randolph foise a 24, Thompson chegou a 22, Seraphin tivo o seu mellor partido cun 21.6, Brown 20.4 e Norel quedouse nun 13 na última xornada. As perspectivas son boas para o xamaicano. A semana que vén recibe en Badalona ao Real Madrid, terceira peor defensa dos pivotes. Non hai razóns para desfacernos del. Deon Thompson regresou á vintena máis dun mes despois na vitoria en Badalona. Agora ten un partido moi favorábel na casa —onde a súa media medra máis de seis puntos— contra un GBC que concede boas valoracións aos interiores. A semana que vén viaxa a Andorra, unha defensa que tampouco lle debería poñer as cousas difíciles. Dubljevic recuperou os galóns após a volta da lesión. Cumpriu contra o GBC —16.8— e mantivo a boa liña na Euroliga —18 e 21 nas novas derrotas contra o Madrid e o Zalgiris—. A Penya non é un rival complicado e a semana que vén si que ten un partido duro en Vitoria contra a 5ª mellor defensa. Se precisamos outra bandeira, Felipe Reyes non é mala opción. É o interior máis consistente dos brancos —ten unha media de máis de 21 puntos nas últimas tres xornadas— e enfróntase na casa ao equipo no que se formou, o Estudiantes, que é unha das defensas máis benévolas cos pivotes. A próxima semana viaxa a Badalona, polo que podería seguir sen problemas nos equipos que apostasen por el.

No último banzo vai unha opción boa e barata e un xogador que semanas atrás nun partido como este sería unha opción prioritaria. A importancia de Poirier no xogo interior baskonista sube semana a semana. Leva cinco partidos por riba da decena: 15.6, 12, 15.6, 16.8 e 28.8. Na Euroliga confirmou o seu bo momento: 35, 15 e 19 nas últimas tres xornadas. Os seus números son mellores como local, mais a saída a Murcia non é complicada. A vindeira xornada recibe ao Valencia, que como dicía é unha defensa propicia. Custa pouco máis de medio millón, subirá case 77 mil esta semana e seguirá a aumentar o seu valor. Pecha a selección da semana Pustovyi. O xigante ucraíno era unha elección case obrigada cando xogaba na casa. Agora atópase no peor momento da tempada, a súa importancia no Obradoiro reduciuse moito, tanto en minutos como no xogo que pasa polas súas mans —apenas está a participar na ofensiva do equipo—. Leva unha xeira decepcionante de 7, 7 e 5 puntos nas últimas tres xornadas. Ao seu favor ten que como local aínda está por riba dos 20 de valoración media e enfróntase a unha defensa bastante permisiva cos pivotes, a do Andorra, que ademais esta semana perdeu por lesión o xogador que lle podía dar máis problemas: o polaco de 2.16 Przemek Karnowski. Se mellora a súa concentración e evita as faltas innecesarias —o seu talón de Aquiles—, debería facer unha boa valoración. Porén, é lóxico que os managers xa non se fíen del. A semana que vén ten unha saída moi complicada a Málaga, segunda mellor defensa dos pivotes, co que só debería quedar nos equipos que xa o tivesen e conten con substitucións máis urxentes. Tampouco é mala opción para cazaxornadas.

Fóra da listaxe, Balvin —que baixa moito fóra da casa— e Tobey teñen un partido complicado por diante, enfróntase entre si. Pleiss perdeu todo o protagonismo co regreso de Dubi. Shermadini ten un partido favorábel en Bilbao, mais pode non contar con minutos abondo e o bo momento de Augustine se cadra lle resta opcións, así que non paga a pena apostar por el coas boas opcións que hai esta xornada.

O equipo do blog

Inda que alén dos fixos da selección non atinei con ningún dos xogadores que completaban o meu equipo, os 151.2 puntos de Andrómenas serviron para que ascendera outros 89 postos ata o 1522 da xeral. Avanzo paseniño ata ese anhelado Top 1000.

Da planificación que adiantaba a pasada xornada, vai a haber un cambio fundamental: non me vou desprender de Kelly polo seu gran momento. San Miguel —ata nunca— sae para dar entrada a Doncic. Richard deixa o seu sitio a Green e Mumbrú a Schilb. Nos pivotes, volven Shengelia e Norel por Balvin e Pustovyi. Non teño máis remedio que quedarme con Eriksson —e esperar que estea inspirado dende os 6.75—, non só ten un partido moi complicado fóra da casa, senón que vén de disputar tres prórrogas na Eurocup na derrota que relegou o seu equipo á cuarta posición do grupo —serían primeiros de teren gañado—.