Balance da 14ª xornada

O feito de que dos 5 cambios dispoñíbeis xa houbese 3 comprometidos para os managers da xeral —Doncic, Shengelia e Norel— apuntaba a unha xornada de poucas diferenzas. Así foi. Despedín o ano dende o podio ao subir unha posición ata o 3º da xeral grazas aos 186.8 puntos. O liderado, que cambiou de mans, está agora un chisco máis lonxe —de 14 pasa a case 18—. Nada significativo. Esta xornada, con menos cambios presos, debería de haber máis variacións.

Así lle foi á selección:

Bases

Doncic (39.6)
Heurtel (22.8)
Hannah (10.8)
Jaime (21.6)
Uriz (0)

ÁS

Popovic (19)
Schilb (22.8)
Green (2.4)
Smits (4)
Blazic (24)
Thomas (13)

Pivotes

Shengelia (18)
Norel (26.4)
Kelly (7.2)
Jordan (4)
Thompson (7)
Dubljevic (18)
Reyes (16.8)
Poirier (3)
Pustovyi (9)

Polo apuntado, é unha das seleccións máis anódinas do ano. Non foi nin mal nin ben.

Selección da 15ª xornada

Primeiro vai a selección e despois o desenvolvemento. Se os partidos europeos ou algunha novidade de última hora mudar as cousas, editarei o artigo e avisarei na miña conta de Twitter dos cambios.

Bases

Doncic
Jaime
Heurtel
Hannah
Van Rossom
Cook

ÁS

Popovic
Schilb
Landesberg
Eriksson
Blazic
Vidal
Hanga
Mumbrú

Pivotes

Norel
Shengelia
Kelly
Dubljevic
Shermadini
Jordan
Reyes

Con dúas bandeiras fixas —Doncic e Shengelia— e outra case que tamén —Jaime Fernández—, as cotas non serán unha dor de cabeza esta semana. Haberemos aproveitar os cambios para acabar de compensar o desequilibrio dos partidos aprazados.

Bases

Para esta xornada os bases semellan estar bastante claros. Primeiro banzo. Todos recuperamos a Doncic a semana pasada e non defraudou: MVP da xornada. Jaime Fernández tamén confirmou a súa condición nun partido no que se enfrontaba a unha boa defensa —cada vez xa menos— en mala dinámica e superou a vintena por terceira semana consecutiva. Agora recibe o Burgos que, como dicía no último artigo, mellorou moito en defensa nas últimas xornadas, ata tal punto que é a defensa que menos valoración concede dos bases nos últimos partidos. Mais iso non nos debe facer pensar na súa venda, na xeira actual de 7 partidos por riba dos 15 de valoración enfrontouse a Unicaja e Valencia, as dúas mellores no acumulado da tempada, e cumpriu. Cabe esperar que siga nos seus números, que nos aporte cando menos eses 15, e iso unido á súa bandeira e a escaseza de bases de tal fiabilidade fan que deba seguir nos nosos equipos. A semana que vén volve a Madrid para enfrontarse ao seu ex, Estudiantes, que ten unha defensa pouco hostil —inda que haberá que ver como de hostís son os seareiros no seu regreso—.  A semana pasada poñía a Heurtel como segunda mellor opción tras Doncic e foi o segundo base máis valorado. Enfróntase a unha das peores defensas dos bases, a do Betis, que algo mellorou nas últimas semanas, mais non como para ter nada que temer. O partido da semana que vén xa é máis complicado, contra o Unicaja —mellor defensa dos bases—, inda que é no Palau, onde Heurtel segue sen baixar esta tempada dos 16.8.

Tendo en conta a fiabilidade das opcións do primeiro chanzo, pouco máis se precisa. Este segundo banzo será o último e ofrece un trío de opcións. O 10.8 de Hannah estivo por baixo do esperado nunha gran vitoria dos murcianos fronte ao Baskonia que os mantén na loita por entrar na Copa. O Fuenlabrada é unha das peores defensas dos bases no acumulado da tempada, mais nas últimas 5 xornadas só concedeu 13 de media —iso non impediu a boa valoración de Heurtel contra eles a semana pasada—. Fóra da casa o xogador con pasaporte senegalés está a valorar mellor, así que debería cumprir se temos cambios máis urxentes que acometer. A semana seguinte recibe o Granca, quinta mellor defensa, se a iso lle sumamos que baixa case 5 puntos a súa media en Murcia, non parece tan atractivo alén desta xornada. Van Rossom quedou só na dirección do Valencia trala operación de Vives —que se une á baixa de longa duración de Diot— e un Sergi García que non acaba de estar listo —o seu debut tampouco será esta fin de semana—. Este aumento de minutos —elévanse ata case os 30— e importancia están a lle sentar moi ben ao belga, nos dous partidos sen o base da canteira da Penya fixo 19 —máis bono— e 20 na derrota contra o Unicaja no partido aprazado. A defensa do Baskonia é bastante benévola. A semana que vén recibe o Zaragoza, que tamén debería ser bo cliente se mantén os minutos de xogo actuais. Pecha a selección de bases Omar Cook. O montenegrino de Brooklyn non estaba en boa dinámica —7, 8.4 e 10 nas tres últimas xornadas—, mais no partido desta semana contra o Joventut xa se volveu ver a súa mellor versión: 12 puntos, 9 asistencias e 5 rebotes para 20 de valoración —á que habería que sumar o bono por vitoria—. Fóra da casa os seus números medran algo máis de tres puntos e ten unha saída bastante favorábel a Zaragoza —o equipo aragonés está en moi mala dinámica e non destaca pola súa defensa dos bases—. Despois recibirá ao Andorra, que fóra da casa é unha das defensas máis esixentes para os uns. Co que non é tan interesante para dúas xornadas. É unha mellor elección se andamos a procurar unha diferenciación para un equipo cazaxornadas.

Ás

O primeiro nivel ábreo unha semana máis Popovic. No Palau puxo fin á súa xeira de 5 xornadas por riba dos 20 de valoración no xogo —cos bonos—. Quedouse en 19 —se deixamos bonos á parte, foi en realidade a súa valoración máis alta das últimas tres xornadas tras un 18 e un 17—. Esta semana recibe o Murcia en Fuenlabrada, onde o seu mínimo é o 14.4 da primeira xornada. Tras esta, terá dous partidos complicados fóra da casa contra o Madrid e o Valencia Basket, mais iso xa o tratarei a semana que vén. Está en todos os equipos e non hai razón para vendelo esta xornada, na que cabe esperar outro partido sobre a vintena. O que mantén aberta a súa xeira por riba da vintena é Schilb. Van xa 4. Suores fríos percorreron a miña fronte durante a primeira metade do seu partido contra o Zaragoza, na que se mantivo en valores negativos. Porén, está nun momento pletórico, tanto físico como de confianza. Seguiu asumindo un papel protagonista na ofensiva do Betis, os tiros comezaron a entrar e foi chave na remontada. Agora enfróntase en Sevilla ao Barcelona, defensa que máis valoración permite das ás, e a semana que vén viaxa a Burgos, terceira peor defensa no posto de tres. Debería volver subir o máximo o seu prezo. Pinta ben, moi ben. Landesberg volveu a se disfrazar de Edwin Jackson nun derbi no que o equipo estudiantil puxo en problemas ao Madrid e el tivo gran parte da responsabilidade. É o xefe da ofensiva madrileña, volveu quedar unha xornada máis ás portas dos 30 puntos anotados —barreira que rompeu á fin no partido aprazado contra a Penya deste xoves, no que anotou 33 puntos e sumou a mesma valoración—. A súa expulsión contra o Madrid acabou coas esperanzas do Estu e fixo que a súa valoración descendese aos 23. Nas dúas últimas saídas —24 e 23— disipou as dúbidas sobre o seu rendemento fóra da casa. Agora enfróntase en Zaragoza a unha das peores defensas das ás e logo recibe ao Andorra, unha das mellores defensas exteriores e a mellor nos últimos cinco partidos. Cando menos para esta semana é moi interesante e non debería ser venda segura para a vindeira, porque no seu momento de forma actual pode saírse contra calquera. Os que tivemos que quedar con Eriksson fomos recompensados —de feito, as outras dúas bandeiras máis populares nas ás, Vidal e Mumbrú, tamén cumpriron— cun 15, pouco habitual nas súas saídas. Esta xornada, de volta a Gran Canaria, debería ser o seu momento. Xoga contra a peor defensa das ás a domicilio, a do Bilbao Basket, e as súas medias na illa medran 8 puntos. Cóctel perfecto para que volva superar a vintena. Só nos podería facer dubidar a chegada de Brussino —que apunta a xogador importante—. Porén, non parece que para a xornada desta fin de semana, se é que debuta, xa lle vaia restar protagonismo ao sueco. Se temos a Marcus no equipo, debe seguir; se non o temos, antes de fichalo hai que ter en conta que a semana que vén deberíamos vendelo —pois véñenlle dous partidos complicados lonxe das illas: Murcia e Unicaja—. Jaka Blazic pecha este primeiro chanzo. Ten un partido na casa contra unha das peores defensas das ás, a do Burgos, e vén dun 24 na última xornada. Na casa está a ser moito menos fiábel, mais a fraqueza do rival deberíao compensar —fixo un 34.8 na casa contra o Betis—. A semana que vén ten unha xornada moi favorábel na visita ao Estu, fóra da casa non baixou do 19.2 dende a terceira xornada, e despois enfróntase ao Barça —paraíso para as ás relevantes—. Boas perspectivas para o esloveno, ao que só a súa irregularidade na casa relega ao último posto deste primeiro banzo con tan boas opcións.

O segundo nivel —e derradeiro— ofrece unhas expectativas máis modestas. Vidal foi do pouco salvábel dun desastroso Joventut na derrota en Valencia da semana pasada e foi dos mellores no partido aprazado da xornada 1 disputado este xoves —19 de valoración—. O 14 de Sergi permitiulle aumentar a 10 os partidos consecutivos sen baixar da decena —non está a dar picos, máis tampouco malas valoracións—. Esa fiabilidade e os 6 puntos que medra a súa media cando xoga na casa fan que poida seguir nos equipos contra o Madrid. A semana que vén viaxa a Bilbao e, por máis que baixe fóra da casa, é un rival que debería permitir que siga sumando alén da decena. Cando peor pintaban as cousas para o Barcelona —após 5 derrotas consecutivas na Euroliga e 2 na ACB—, encandearon catro vitorias: Fuenlabrada, Khimki —na Euroliga—, GBC —no partido aprazado— e CSKA —este xoves na Euroliga— dando unha imaxe colectiva moito mellor, xogando de forma coral. Un dos xogadores destacados desta xeira está a ser o húngaro Adam Hanga: 16, 14, 18 e 10 —aos que habería que sumar o bono por vitoria—. Agora visita unha das defensas máis propicias —Betis—. No momento actual dos sevillanos, Sito non debería poder darlle moito descanso, así que podemos esperar que manteña os números por riba da decena. Ademais, Rakim Sanders non está a contar nos últimos partidos e nin vai convocado esta semana. Despois terá un partido moi duro contra o Unicaja en Barcelona. Menos regular está a se amosar Mumbrú e non ten o mellor dos rivais no Granca, mais fóra da casa —agás na última saída a Andorra— vén valorando ben, así que podería quedar nos equipos nos que está presente se teñen algún cambio máis urxente.

Fóra da listaxe, semella que Ponitka volve esta semana. O dito en artigos anteriores mantén vixencia: é mellor esperar a ver en que condicións regresa. Non hai que correr riscos, xa haberá tempo de recuperalo e esta xornada hai moi boas opcións nas ás. Rafa Martínez tamén gañou en importancia trala baixa de Vives, está a valorar ben —31.2, 28.8 e 10 no partido aprazado— e vai subir o seu prezo o 15%. Porén, ten un partido moi complicado fóra da casa contra o Baskonia —a súa media lonxe de Valencia só é de 5.4, cae máis de sete puntos respecto aos partidos na Fonteta, inda que vén de sumar un 20 en Málaga na Euroliga—. Green defraudou a semana pasada cando mellor pintaba —2.4— e tampouco estivo á altura na derrota en Málaga no partido aprazado —3— nin no bis con vitoria na Euroliga —2 de valoración con 1 de 10 en tiros de campo—. Matt Thomas fixo un aceptábel 13. Igual pode repetir os números nunha saída moi complicada contra o Unicaja, mais hai opcións moito máis fiábeis como para pensar nel. Polo favorábel do rival e o seu último pico na casa de 32.4, pódese apuntar a Jelínek para cazaxornadas.

Pivotes

Os pivotes son a posición que ofrece menos certezas. No primeiro banzo volven estar Norel e Shengelia, sobre os que non fai falla dicir nada.

No segundo nivel xa hai que desenvolver. Ryan Kelly, que viña nun momento excepcional —segue a ser o pivote con mellor media nas últimas xornadas—, decepcionou con un 7.2 nunha nova vitoria dos béticos. O certo é que se atendemos ao seu día no lanzamento —0 de 10 en tiros de dous—, bastante valorou. Con que tivese estado en porcentaxes discretas, e non de récord negativo, tería valorado sobre a vintena unha xornada máis. Ben, entón podemos concluír que foi unha situación excepcional que dificilmente se vai repetir no tempo que Kelly estea na ACB —apenas hai casos de xogadores en toda a historia da liga con partidos similares no lanzamento de dous—. Podemos deixar o partido á marxe como punto atípico. O que si nos debería preocupar é o rival. O Barcelona na última xornada só concedeu 3 de valoración a todo o xogo interior do Fuenlabrada. É a mellor defensa dos pivotes e incluso está a mellorar nos últimos partidos. Entón, por que o poño no alto do segundo banzo? Se ben os culés son a mellor defensa nesta posición, no partido aprazado desta semana entre o Barcelona e o GBC Norel valorou 15 en menos de 18 minutos de xogo —o Barça gañou con comodidade, así que supoño que se lle deu máis descanso do habitual—. Se rebobinamos ao seguinte partido dun interior relevante, Balvin superou a vintena na xornada 12, Abromaitis fíxoo na 11ª, Pleiss na 10ª e Reyes quedou en 19 na 9ª. Polo que os interiores de referencia si que están a valorar ben contra o Barça, a pesar de ser a mellor defensa. Xa vimos que Kelly ten a total confianza de Quintana, que vai ter minutos pase o que pase e que vai asumir unha boa cantidade de lanzamentos. Así que para min, fixos á parte, segue a ser a mellor opción tamén esta xornada.

Cambio de parágrafo mais non de banzo. Bojan Dubljevic ofrece poucas probabilidades de pico nun partido moi duro en Vitoria, porén, en ACB é un dos interiores máis fiábeis. Se excluímos o partidos contra o Barcelona na xornada 9, no que xogou menos de 10 minutos por lesión, leva dende a 5ª xornada —7 partidos— sen baixar dos 15 que fixo no partido aprazado desta semana contra o Unicaja. Todo indica que podemos esperar que siga neses números esta xornada, o que estaría moi ben para incerteza imperante. A semana que vén recibe o Zaragoza, que fóra da casa non é unha defensa interior dura. Máis posibilidades de pico ten Giorgi Shermadini, mais non ofrece a mesma fiabilidade —porque non conta con tanta confianza como o montenegrino por parte do seu adestrador—. Na última xornada foise aos 26 de valoración na derrota en Bilbao nun dos poucos partidos nos que superou a vintena de minutos este ano, no encontro aprazado xogado esta semana valorou 11 —aos que habería que sumar o bono— en algo menos de 17 minutos e na reedición en Euroliga contra o Valencia volveu cravar eses 11 en menos de 16. Os minutos que o ten en pista Plaza é o único que nos pode facer dubidar del para esta xornada. Na casa leva 17 de valoración media en só 15 minutos e nas tres últimas xornadas computábeis para o xogo é o único pivote que supera os 20 de valoración media xunto con Kelly. Outro punto ao seu favor atopámolo no rival: o Obradoiro é unha das defensas que máis valoración conceden dos pivotes. A próxima xornada xa resulta menos atractivo pola súa visita a Barcelona, mellor defensa dos pivotes e nunha dinámica ascendente. A unha xornada pinta moi ben. Tamén entra neste banzo un Jordan en cuestión. Fallou en Valencia —4— na última xornada e quedouse en 11 no aprazado contra o Estudiantes. En ambos partidos tivo problemas coas faltas, en Madrid incluso foi eliminado e só puido disputar 16 minutos. Vamos agora cos motivos para incluílo aquí. A defensa interior do Madrid é das que máis valoración conceden. Dos 5 xogadores que superaron a vintena contra os brancos, catro foron pivotes: Moerman, Brown, Pleiss e Anosike. Son perfís interiores bastante diferentes. Tomic, Thompson, Saiz, Shengelia —no aprazado que se xogou esta semana—, Hervelle, Simons, Huskic, Suárez e Shermadini tamén fixeron 15 ou máis de valoración contra o Madrid. Nos tres partidos de Jordan contra os brancos en ACB fixo 15 —cando estaba no Baloncesto Sevilla—, 20 e 15. Todos eles derrotas. Esta tempada como local Jordan ten unha media de algo máis de 19 puntos e non baixou en ningún partido dos 10. O máis probábel esta xornada é que se mova en torno ao 15, o que xustifica a súa presenza neste segundo banzo.

Pecha a listaxe da semana a bandeira de Felipe como único integrante do terceiro chanzo. Des que entrou en dinámica —non xogou a primeira xornada e na segunda só dispuxo de 7 minutos—, só baixou da decena contra Valencia, Unicaja, Betis e Baskonia —no aprazado desta semana—. Todos teñen en común que son boas defensas interiores. Non é o caso da Penya —segunda peor—. Podemos esperar que estea por riba da decena. A semana que vén recibe a visita do Fuenlabrada, defensa tamén bastante benévola cos pivotes. Non ten malas perspectivas a dúas xornadas se precisamos empregar outra cota nos pivotes. Se xa as temos cubertas con outras posicións, hai opcións mellores.

Os pivotes do Burgos, Thompson e Huskic, quedan fóra da listaxe inda que teñen un partido propicio. O fado está a se cebar co xogo interior do Andorra, que apenas ten xogadores sans. Esa debilidade debería favorecer unha boa xornada dos interiores burgaleses, mais están a amosarse demasiado irregulares como para entrar na listaxe. Dende logo eu non os vou a levar para equipos da xeral; para cazaxornadas son grandes opcións porque algún dos dous podería dar tranquilamente un pico. Algo parecido pasa con Balvin —ademais ten molestias e é dúbida para a xornada—, que tamén ten un partido propicio contra o Bilbao na casa, mais os 6 e 1 das dúas últimas xornadas aconsellan optar por opcións máis fiábeis.

O equipo do blog

Con Andrómenas, no que levaba o mesmo equipo que no meu mellor, os 186.8 puntos serviron para subir algunha posición máis: 40 postos —1482º da xeral—. Esta semana deberíanse mover máis as cousas, para ben ou para mal.

Entran Heurtel por Hannah, Landesberg por Green e vou apostar polo pico de Shermadini que colle o sitio de Jordan.