Balance da 15ª xornada

Superadas xa as consecuencias dos aprazamentos, a xornada prestábase a variacións na clasificación. Nalgúns equipos subín moito e noutros mantívenme. No meu mellor perdín un posto, do 3º ao 4º da xeral, e a distancia co liderado medrou catro puntos ata os 22. Variacións de pouca importancia. A aposta conservadora por Dubljevic no canto de Shermadini saíu mal.
Bases
Doncic (14.4)
Jaime (18)
Heurtel (20.4)
Hannah (29)
Van Rossom (19)
Cook (12)
ÁS
Popovic (10.8)
Schilb (18)
Landesberg (14)
Eriksson (18)
Blazic (-2)
Vidal (1)
Hanga (6)
Mumbrú (8)
Pivotes
Norel (26.4)
Shengelia (7.2)
Kelly (16)
Dubljevic (4)
Shermadini (25.2)
Jordan (16)
Reyes (10.8)
A selección estivo condicionada por Dubi. Tanto os bases como sobre todo as primeiras eleccións das ás funcionaron ben con respecto a outras opcións populares, mais a orde dos pivotes neutralizou os acertos anteriores. Trabuqueime ao poñer a Dubi tan arriba. No partido podíase apreciar que non está nas mellores condicións, de ter visto algún dos choques anteriores do montenegrino non cometería o erro de poñelo tan arriba. Se levabamos a Sherma no seu sitio —si avisaba no texto que o xeorxiano tiña maior probabilidade de pico—, a xornada foinos moi ben. O problema non foi primar unha opción máis prudente, que iso á longa dá mellores resultados, senón outorgar a Dubi unha fiabilidade que non lle correspondía polo seu momento de xogo —por máis que andara a valorar sobre os 15—.

Selección da 16ª xornada

Primeiro poño a selección e despois explícoa. Se algunha novidade de última hora mudar as cousas, editarei o artigo e avisarei na miña conta de Twitter dos cambios.
Bases
Doncic
Heurtel
Jaime
Granger
Hannah
Wayns
Van Rossom
ÁS
Schilb
Blazic
Landesberg
Ponitka
Popovic
Abalde
Pivotes
Norel
Shengelia
Reyes
Kelly
Pustovyi
Brown
Stevic
Jordan
Esta xornada a elección de bandeiras vai ser crucial: 3 bandeiras nos bases?, se cadra dúas nos pivotes?, unha nas ás? Os últimos billetes a Gran Canaria para a Copa e os postos de cabeza de serie deberían supor un plus de motivación para os implicados na loita.
Bases

Unha vez máis os bases ofrecen moi boas opcións neste primeiro banzo. Luka Doncic segue a ser fixo. Contra unha Penya que agora mesmo é un dos equipos máis febles da liga, non entrou ata case o descanso e só estivo en cancha 13 minutos, que abondaron para sumarnos 14.4. Agás que sexa baixa confirmada algunha xornada, non debería saír dos equipos. Thomas Heurtel pasou por terceira semana consecutiva dos 20 —no aprazado, que non computa para o xogo, fixera 16.8—. Nun Barça que vai a máis e cunha rotación ampla —o que non axuda a que pensemos noutros xogadores— é o home máis fiábel para o SM. Esta semana regresa ao Palau, onde leva unha media de máis de 23, contra un rival duro: o Unicaja. Mais non hai que temer, cando recibiron aos malagueños en Euroliga —con derrota, o momento do Barça era moi diferente— sumou 24 e lembremos que aínda non baixou do 16.8 na casa este ano. A bandeira de Jaime Fernández e a súa regularidade —8 xornadas superando os 15 de valoración— fan que debamos considerar seguir unha semana máis con el nos nosos equipos. Ten un partido moi especial contra o equipo no que se formou, o Estu non é unha das defensas máis benévolas nin das máis esixentes, onde terá un extra de motivación mais tamén un extra de presión dende a grada. Fóra da casa baixa as súas prestacións máis de 6 puntos de media, secasí, nos tres últimos fixo 16, 15.6 e 21.6. Menos regular pero con maior probabilidade de pico preséntase Granger. Fixo unha segunda parte magnífica na importante vitoria contra o Valencia Basket na última xornada que lle permitiu rematar cun 30 —25 máis bono—. Foi o base máis valorado da xornada. A sensación que deu foi moi diferente á que amosaba un mes atrás —cando Huertas incluso o adiantara na rotación—. Véuselle cunha superioridade física total e pleno de confianza. Porén, na entrevista pospartido, dixo que andaba con problemas físicos —dende logo esa non foi a imaxe que transmitiu na pista—, así que hai que telo en conta —na Euroliga volveu xogar por riba dos 20 minutos nunha vitoria cómoda contra o Olympiacos, onde foi baixa Marcelinho, que é dúbida para a ACB—. O rival da xornada élle propicio: o Canarias é o quinto equipo que na súa cancha concede máis valoración dos bases rivais. Granger non está a destacar pola súa regularidade, nos catro últimos partidos —incluído o aprazado— fixo 28.8, 7, 6 e o 30 desta. Non parece ter termo medio. Se está acertado no lanzamento —non o estivo na Euroliga e inda así superou a decena de valoración—, dará un pico.

O segundo banzo ábreo o base que máis valorou tras Granger —ou o que máis se deixamos o bono á marxe—: Clevin Hannah —29—. Estivo espléndido na derrota do seu equipo en Fuenlabrada. Agora regresa a Murcia, onde a súa media descende máis de 6 puntos e só superou a decena de valoración —bono á marxe— nun dos últimos cinco partidos. A boa nova é que nese único partido por riba de 10 fixo 22 na derrota do seu equipo contra o Betis —unha das peores defensas dos bases—. A do Granca, o seu rival, que non é tan mala en xeral, baixa moito fóra da illa, onde se converte nunha das máis accesíbeis. Non se pode descartar unha boa valoración de Hannah, por iso está aquí, mais a súa pouca fiabilidade no Palacio de Deportes lévame a pensar noutros bases antes ca el. En calquera caso, non é cambio obrigatorio. E ollo que os dous bases do Granca son dúbida para esta xornada. Nunha Penya en caída libre con catro derrotas consecutivas destaca, para ben, o base norteamericano Maalik Wayns. A súa condición de extra condiciona moito menos a súa entrada nos equipos que xornadas atrás, cando había moitos non comunitarios de importancia —Green, Thomas, Neal, Richard, Thompson…—. Está a ser, con moito, o anotador máis constante do Joventut: 15, 15, 18, 18 e 22 nos seus últimos partidos. E non só iso, a Penya funciona moito mellor —ou cando menos non é tan mala— con el en pista, indícao o seu +/- e a sensación que transmite o equipo. Unha vez tomado o ritmo á competición —tras as catro primeiras xornadas— está a valorar con independencia do rival e da cancha. Esta semana visita Bilbao, para enfrontarse a unha das peores defensas dos bases, e a seguinte recibe ao Murcia, unha das mellores. Podemos esperar que siga, en ambos partidos, sen descender dos 14 —14, 15, 16.8, 14 e 25 leva nos seus últimos encontros—. Sam Van Rossom volveu xogar 30 minutos e sumou outros 19. O base belga seguirá a ser interesante mentres o Valencia Basket ande curto nas liñas exteriores. Co debut de Sergi García en ACB desta fin de semana os seus números deberían comezar a decrecer, mais é posíbel que inda rasque unha boa valoración —na Euroliga, xa con Sergi, estivo 25 minutos en pista e valorou 14—.

Fóra da listaxe, Omar Cook ten un partido moi duro contra o Andorra, unha das mellores defensas dos bases. Por máis que San Miguel e Pozas teñan partidos favorábeis na casa contra defensas benévolas cos bases, non paga a pena pensar neles tendo a Doncic, Jaime e Granger no primeiro banzo. Os cazaxornadas poden pescar no Valencia-Zaragoza, tanto McCalebb —que xa deu pico a última xornada— como o debutante Sergi García que se enfrontará aos seus ex-compañeiros poderían dar a sorpresa nun choque no que non destacan as defensas dos bases.

Ás
Nova cara no alto deste primeiro nivel: Blake Schilb é a á en mellor momento. Na derrota contra un implacábel Barcelona volveu sumar 18 e seguiu a dar moi boas sensacións. A forza e a afouteza que amosa partido tras partido están a marcar este ascenso a un posto fixo nos nosos equipos —a súa peor valoración é de 17, sen contar bonos, nas últimas 5 xornadas—. Ten dous partidos consecutivos fóra da casa —20.4 e 25.2 fixo a outra vez esta tempada que enlazou partidos a domicilio—: Burgos —terceira defensa que máis encaixa das ás e a que máis nas últimas 5 xornadas— e Baskonia, que está a mellorar bastante nos últimos partidos, mais tampouco debería ser obstáculo no momento actual do xogador con pasaporte checo. Esta semana amolounos nos equipos nos que apostamos por el (-2) e está a ser un dos xogadores máis vendidos, porén, para min Blazic é unha das ás máis recomendábeis da xornada. O xogador esloveno, todo enerxía, trátase dun deses casos estraños —como Hannah— que aumentan as súas prestacións lonxe da súa afección: 18 de media afastado do Principado —medra 7 de valoración—. Leva 23, 21, 24, 19.2 e 24 nas súas últimas 5 saídas e despois dun mal partido de valoración sempre valorou por riba da decena no seguinte, é máis, agás un 12 na casa, sempre superou a vintena tras un mal partido. Esta semana estivo mal no lanzamento, mais o seu encontro non foi nin moito menos tan desastroso como amosa a valoración. Foi un dos xogadores chave na remontada sen culminar a través da súa actividade defensiva. Vino ben e creo que vai estar á altura deste primeiro banzo en Madrid contra o Estudiantes; os números tamén están do seu lado. A semana que vén regresa a Andorra para enfrontarse ao Barcelona, entón debería saír dos equipos —ou se cadra non, xa sabemos o efecto que ten o Barça nas ás—. O 14 de Landesberg estivo algo por baixo do esperado. Se temos en conta que non anotou ningunha canastra de 2 —0 de 7—, fala ben da súa fiabilidade actual: 28, 24, 4.8 —contra o Obra en Madrid é o seu único tropezo—, 23, 39.6 —aprazado da primeira xornada contra a Penya— e 14 nos últimos 6 partidos. Este martes na Champions só xogou 16 minutos nunha vitoria cómoda, nos que lle abondou para anotar 14 puntos. O rival non é dos máis doados, o Andorra de Blazic, mais no seu estado actual non debería ter problemas para cando menos moverse sobre o 15. Se ten un día inspirado, é dos xogadores que nos poden dar un pico contra calquera. A semana que vén visita La Laguna —a do Canarias é unha boa defensa das ás—.

No segundo chanzo aparecen a á máis valorada da tempada e a que tivo máis presenzas no primeiro nivel nos últimos tempos. Ponitka regresa a estas liñas após a lesión de xeonllo que chegou cando mellor estaba. Volveu cun 12 fóra da casa e agora recibirá no Santiago Martín ao Baskonia e despois ao Estudiantes, dúas defensas bastante permisivas coas ás —inda que se está ben, tanto lle ten o rival—. No partido da Champions desta semana xogou 22 minutos e fixo 8 de valoración con malas porcentaxes: 27% en tiros de campo —3 de 11— e 66% en libres —4 de 6—. Aínda precisa coller ritmo para poder recuperar o nivel anterior á lesión —non creo que necesite moitas semanas para iso, mais dubido que dea pico xa nesta—. Si está claro que vai estar moito tempo en cancha —a lesión de longa duración de Richotti deixa uns cantos minutos para repartir entre o xogo exterior—, o seu equipo xógase a copa e el é o seu xogador máis importante, debe asumir a responsabilidade. Se axusta o punto de mira, valorará ben. Non é mal momento para recuperalo, porén, tampouco é mala idea darlle unha semana máis de marxe. Marko Popovic está a saír de milleiros de equipos. O veterano croata asinou a última xornada un partido máis discreto do que nos tiña habituados nos dous últimos meses. Secasí, cando a pelota máis queimaba, tomou a iniciativa e anotou a canastra da vitoria a pesar da gran defensa de Oleson. Ese tiro non só valeu unha vitoria, senón tamén un billete para a Copa de Gran Canaria e evitou que baixase da decena oito xornadas despois da última vez. Ese 10.8 unido ao calendario —Real Madrid e Valencia Basket, ambos fóra da casa— están detrás da súa venda masiva. Lonxe de Fuenlabrada a súa media cae 5 puntos e queda en 13.74; porén, as súas últimas catro saídas foron así: 15.6 (Estu), 24 (GBC), 21.6 (Burgos) e 19 (Barça). Os catro teñen en común que non son grandes defensas das ás, ao contrario que Madrid —4ª— e Valencia —1ª—. Coa clasificación para a copa xa pechada, temos a incerteza de como afrontará o partido o Fuenlabrada, se iso afecta á súa tensión e baixan un pouco o nivel de forma inconsciente co obxectivo xa no peto ou se supón unha motivación extra para tentar manter o posto de cabezas de serie que agora teñen. Case todo apunta á venda. Agora poño as razóns para metelo na listaxe, inda que nunha posición moito máis baixa que nas semanas anteriores. Nas dúas últimas xornadas, os anotadores exteriores de Estudiantes e Penya valoraron moi ben contra o Madrid a pesar da súa boa defensa: Landesberg fixo un 23 —con 29 puntos anotados— e Wayns chegou aos 25 con 22 puntos anotados. O Madrid non ten necesidade de parar un xogador concreto para poder gañar os partidos. Así que non sería raro que Popovic, referencia ofensiva do Fuenlabrada, tamén puidese anotar ben e en consecuencia conseguir unha valoración apreciábel. Tamén xoga ao seu favor esa regularidade, que nos garantira valoracións por riba da decena durante oito xornadas invita a pensar que a poida volver superar tamén esta semana. En definitiva, é o mellor momento das últimas xornadas para vendelo, mais tampouco é obrigatorio facelo agora debido á fiabilidade demostrada durante tanto tempo.

No seguinte parágrafo explico por que excluín a cada unha das bandeiras máis populares, neste vou explicar por que aposto por unha cota inesperada neste terceiro nivel. Estou a falar de Alberto Abalde. Non hai moito número que avale esta elección: en todo o ano só superou a vintena dúas veces —21.6 contra Granca e Penya, ambos na casa— e só outra máis na decena —13.2 en Murcia—. Tamén é xusto dicir que estivo bastante tempo na enfermería. Por que entra entón? Green é baixa probábel —seica levaba xa varios partidos arrastrando problemas, igual iso explica en parte a súa baixada de rendemento, e non xogou na Euroliga— e debutará Sergi García, ambas as dúas circunstancias favorecen ao exterior galego, porque por estilo de xogo é o que mellor pode suplir ao norteamericano e a irrupción do mallorquino debería reducir a importancia de Rafa Martínez, co que deberá asumir máis responsabilidade anotadora. Está a render moito mellor na casa —11.72 de media, case 8 máis ca fóra— e ten por diante dous partidos na Fonteta: Zaragoza —defensa que permite moito das ás— e Fuenlabrada —que é das mellores defensas exteriores—. No partido deste xoves en Euroliga —outra derrota, desta volta contra o campión—, xogou xa 25 minutos e foi o máximo anotador do seu equipo con 11 puntos —sen fallo nos tiros de un e de dous e 0 de 3 en triplas— e conseguiu unha valoración de 17. Para esta xornada paréceme unha boa opción, pero é máis unha impresión que algo medíbel. Se nalgún equipo necesito incluír unha bandeira nas ás, será a súa.

Explicarei agora por que quedan fóra da miña listaxe as ás bandira máis habituais. Ningunha outra á valorou tanto nos últimos tres partidos do SuperManager como Rafa Martínez. As baixas no xogo exterior taronja, en especial as dos bases, fixeron que os seus minutos e a súa achega numérica medrasen de maneira moi significativa. Sen Vives no equipo ten unha media de case 21 de valoración por partido no xogo. Leva 31.2, 28.8 e 13 nos tres últimos partidos que contan para o SM, aos que hai que sumar o 10 do partido aprazado. Co que, en realidade, nos dous últimos partidos fixo un 10 e un 13, que xa non semellan tan atractivos. O Zaragoza non é unha gran defensa exterior —nin de bases nin de ás—, o que podería favorecer unha boa valoración do catalán, e ademais é en Valencia, onde Rafa duplica a súa valoración. Porén, o debut de Sergi García non debería xogar ao seu favor, a volta de dous bases á rotación valenciana debería restarlle minutos e presenza —menos balón nas mans e menos tiros—. A volta de San Emeterio tampouco o axudará —inda que ten un menor impacto—. O partido da Euroliga parece confirmar a teoría: reduciu a menos de 21 os seus minutos, só anotou 5 puntos e valorou negativo —-1— (a xornada anterior da Euroliga xogara case 24, anotara 17 puntos e valorara 20). Tampouco hai que perder de vista que Rafa pertence ao mesmo club que San Emeterio ou Cabezas, son deses xogadores que se saen cando non os levamos e, cando accedemos a fichalos, adoitan agradecérnolo cun señor negativo. De Eriksson xa dicía no artigo anterior que era venda obrigada para esta xornada. Fóra da casa rende moito peor, Brussino vai debutar en ACB esta fin de semana —son máis exteriores entre os que repartir os minutos e xa sabemos como valoraba fóra cando estaba McKissic— e enfróntase a unha das mellores defensas das ás, a do Murcia —no partido da Eurocup, fóra contra un rival duro e con Brussino xa en rotación, fixo un 5 de valoración en 18 minutos—. A semana que vén tampouco terá un rival doado: volve xogar fóra contra o Unicaja. Algo parecido acontece con Vidal, que lonxe de Badalona ten como tope o 14 de hai dúas xornadas —onde tivo máis minutos pola baixa de Wayns— e leva unha media de apenas 10. No seu caso, polo menos o rival desta xornada non é das defensas máis duras —Bilbao—, mais si o da próxima —Murcia— en Badalona. Tampouco está entre os interesantes da xornada Mumbrú, por máis que se enfronte ao equipo no que se formou, que lle profesa un fondo odio, e iso supoña unha motivación extra —non sempre para ben—. Hai dúas tempadas superara a vintena nos dous partidos contra a Penya, mais o ano pasado xa sumou só un 12 —incluíndo o bono— e un -6 —0 de 11 en triplas entre os dous partidos—. Este ano as súas medias caen máis de 3 puntos na casa e a próxima xornada repite en Bilbao contra o Obradoiro. Pode saír ben —ou moi mal— a un partido —non me sorprendería nin un 20 nin un -3—, haberá quen queira asumir o risco de mantelo, mais con dous seguidos en Bilbao e na súa dinámica actual non ten demasiado interese, e menos para gastar un cambio en metelo. Xogando contra o Barça, que concedeu unha morea de picos das ás destacadas, algún cazaxornadas pode probar cun Nedovic que xa rematou coa paciencia dos managers que confiaban nel.

Pivotes

Norel é fixo inda que está a xogar só 20 minutos por partido porque anda con problemas físicos. O 7.3 da xornada pasada e os tres partidos —incluíndo o aprazado— sen superar a vintena non son motivos abondo para comezar a dubidar de Shengelia, a súa bandeira e os seus oito encontros por riba da vintena esta tempada pesan máis —polo de agora, xa sabedes que adhesión a un xogador é efémera no SuperManager—. Unha das bandeiras máis interesantes da xornada é a de Felipe Reyes. Contra a Penya en Badalona —vitoria clara dos brancos— só estivo 9 minutos en cancha e valorou 10.8. A súa media de minutos e valoración non está a diferir moito este ano, así que o temor con el está en acertar se vai xogar minutos abondo, non se vai estar inspirado. Como dixen noutros artigos, cando xoga na casa non debemos preocuparnos tanto porque descanse de máis —está 4 minutos e medio máis en cancha de media que cando viaxa—. Na casa nunca estivo por baixo dos 16 minutos de xogo. O rival tamén é propicio: o Fuenlabrada é a cuarta defensa dos pivotes que máis valoración concede a domicilio. En Madrid só baixou dos 15 en dous partidos: fixo un 8.4 contra o Unicaja —mellor defensa interior fóra da casa— e o 13.2 contra o Murcia. Todo apunta a que podemos esperar del cando menos un 15 esta semana. O problema vén a vindeira, xoga fóra e contra o GBC, co que igual non conta con minutos suficientes para valorar ben. A unha xornada semella unha cota moi fiábel. Pecha este primeiro banzo Ryan Kelly. O ex-NBA, após os 16 e 7.2 das últimas xornadas, saíu de moitos equipos; non do meu primeiro banzo. Xoga en Burgos contra a peor defensa interior. Fóra da casas non baixa o seu rendemento, incluso ten unha media un punto superior lonxe de Sevilla —24 e 34.8 nas dos últimos partidos fóra—. Contra o Barcelona —mellor defensa interior— tivo minutos nos que forzou moito a ofensiva, tirou en malas condicións e fallou uns cantos lanzamentos, cando tivo máis paciencia e aproveitou situacións máis vantaxosas, os tiros entraron e puido rematar cun 16 de valoración, que, para o rival e as circunstancias, non estivo nada mal. A defensa do Burgos debería permitir situacións bastante máis favorábeis, el vai seguir asumindo un bo número de lanzamentos, o Betis está moi ben… Non hai razón para dubidar dunha boa valoración.

No segundo banzo tamén hai moi boas opcións, inda que con máis risco. Imos darlle un voto de confianza ao que dá imaxe ao artigo: Artem Pustovyi comezou tan ben como o seu equipo, que parecía ter case os dous pés en Gran Canaria hai mes e medio. O afundimento de xogador e grupo foi todo un. Estivo catro partidos sen chegar á decena. Cando non o esperabamos, fíxolle un 18 a domicilio ao Unicaja, unha das mellores defensas interiores. Agora regresa a Compostela e enfrontarase ao GBC de Norel, que non destaca pola súa defensa aos pivotes. Se o Obra quere apurar as súas poucas opcións de copa, o ucraíno ten que xogar ao seu mellor nivel e deixarse de faltas parvas. A súa media na casa é de 18.57, se excluímos os dous partidos que xogou en Santiago no seu mes negro, vaise a case 23. Se non está máis arriba na listaxe é pola súa falta de fiabilidade das últimas xornadas, mais se ten que resucitar, este é o momento —Radovic anda con problemas físicos e é dúbida—. Trátase dunha aposta de risco que pode marcar diferenzas. Nos últimos tres partidos para o xogo, só Norel valorou máis que Alec Brown: 21.6, 23 e 21. Mais tamén xogou o aprazado contra a Penya —que non computou para o SM—, onde fixo un 2.4, nun choque no que foi expulsado por faltas. Xoga na casa —21, 20 e 0 nos tres últimos no Palacio de Deportes, o 2.4 da Penya tamén foi en Madrid— e o seu rival ten un xogo interior moi minguado polas lesións, polo que a oportunidade é óptima. A única pega é a que se pode ver nos números anteriores, trátase dun xogador que tanto pode facer máis de 20 como roldar o cero. Oliver Stevic é un dos poucos interiores con saúde no Andorra. O aumento de responsabilidade e minutos está a lle sentar moi ben. Só contra o Baskonia —-2— non superou a decena nos partidos que xogou 20 ou máis minutos esta tempada. Nos dous últimos encontros estivo 29 e case 28 minutos en cancha e valorou 26.4 e 22. O rival, o Estu, non é das defensas máis esixentes. Todo apunta a que cando menos estará por riba de decena, incluso é probábel que rolde a vintena. Iso si, a semana próxima recibe ao Barça, co que a súa continuidade non sería doada.

No terceiro chanzo queda só Jerome Jordan. Fóra da casa non inspira moita confianza, a súa media cae en 5.56. Porén, en casa propia non hai peor defensa interior que a do Bilbao Basket e Jordan mellora os seus números substancialmente coas defensas permisivas. A Penya precisa volver gañar axiña. A semana que vén regresa a Badalona para medirse ao Murcia.

Queda fóra Shermadini. Ten un partido moi complicado contra o Barça, onde se enfrontan as dúas mellores defensas. O Unicaja xógase a Copa e non sería de estrañar que Plaza dea máis tempo en pista a mellores defensores (como sucedeu no partido no que se enfrontaron ambos equipos na Euroliga, onde o xeorxiano só xogou 12 minutos nos que tivo tempo a facer outros tantos de valoración). Hai demasiadas incertezas neste partido como para apostar por algún dos contendentes. Se acaso podemos pensar no resucitado Vezenkov para cazaxornadas, atópase nun gran momento e o xogador que mellor se podería emparellar con el no Unicaja, Brooks, é seria dúbida para a xornada —non disputou o partido de Euroliga—. Devin Thomas pode ser unha boa opción esta semana contra o Joventut, mais non teño referencias abondo para incluílo na listaxe. Dos interiores do Burgos, que xogan contra o Betis, sigo sen me fiar pola súa irregularidade. De Dubi xa dixen que non o vin ben a semana pasada e na Euroliga tampouco cumpriu —9 de valoración—. No Baskonia podíamos pensar en Poirier ou incluso en Voigtman, que renderon ben en Euroliga e sobre todo o francés está nun gran momento, mais é mellor agardar a unha mellor ocasión porque a saída a La Laguna é moi complicada.

O equipo do blog

Levaba unha decena de xornadas con Andrómenas no mil e pico da xeral, sen chegar a descender ao dous mil nin meterme entre os mil mellores. A dúas xornadas de rematar a primeira volta, á fin conseguín meterme no Top 1000 —obxectivo da tempada— con este equipo. Aquí si que levaba a Shermadini no canto de Dubi o que me permitiu acadar os 188.4 puntos. Esa puntuación valeume para escalar case 500 postos —que a estas alturas é unha barbaridade— e situarme no 980º da xeral. Agora só resta aguantar a posición 19 xornadiñas de nada.

Para esta xornada decántome por levar dúas bandeiras nos pivotes e manter as outras dúas que tiña nos bases. Entran Ponitka, Blazic e Reyes por Popovic, Eriksson e Shermadini.