
O máis relevante foi decantarme por Heurtel no canto de Hannah —de feito, xa o tiña no equipo—. A semana pasada daba as razóns para levar o francés, que na casa nunca baixara de 16.8, levaba 23 de media, no partido de Euroliga contra o Unicaja sumara 24, o Barça viña en bo momento… e todo iso para que se marcara un inesperado 1, a valoración máis baixa de todo o ano. Blazic tampouco cumpriu as expectativas, inda que este si que deu mostras de poder facelo: rematou a primeira metade cun 12 de valoración —e chegara a estar incluso en máis—, que o poñía en progresión deses viente e tantos que esperaba. En toda a segunda parte só conseguiu restar ata os 9.
Xa dicía a semana pasada que apuntaba a xornada de diferenzas e así foi. Cando hai puntuacións moi altas, calquera tropezo penaliza máis da conta.
Así lle foron as cousas á selección:
Doncic (33.6) |
Heurtel (1) |
Jaime (8) |
Granger (1) |
Hannah (22.8) |
Wayns (1) |
Van Rossom (21.6) |
Schilb (21) |
Blazic (9) |
Landesberg (13.2) |
Ponitka (24) |
Popovic (13) |
Abalde (15.6) |
Norel (20.4) | |
Shengelia (28) | |
Reyes (16.8) | |
Kelly (28) | |
Pustovyi (17) | |
Brown (25.2) | |
Stevic (7) | |
Jordan (24) |
Heurtel |
Van Rossom |
Hannah |
McCalebb |
Ponitka |
Schilb |
Soko |
Vidal |
San Emeterio |
Landesberg |
Vasileiadis |
Blazic |
Shengelia |
Pleiss (dúbida) |
D. Thomas |
Shermadini |
Norel |
Thompson |
Jordan |
Kelly |
Pustovyi |
Brown |
Tavares |
Tomic |
Primeiro banzo. Como é habitual, Doncic no alto (inda que xa xogara en Euroliga, causará baixa de última hora pola amigdalite; isto cámbiao todo). Sam Van Rossom é o segundo base máis valorado dos últimos partidos —tralo esloveno—: 20, 19, 19 e 18, sen contar o bono e incluíndo o partido aprazado. Semellaba que ía deixar de ser boa opción en breve co debut de Sergi García a semana pasada —os seus minutos caeron de case 30 de media a 22—, mais o base mallorquino lesionouse outra vez, polo que debería volver andar sobre os trinta minutos de xogo as vindeiras xornadas. Nos seus partidos con 25 ou máis minutos en cancha leva —contando bonos— 19.2, 15.6, 22.8, 20, 19 e 21.6. Total fiabilidade. O calendario élle favorábel, non hai ningunha das mellores defensas de bases á vista nas vindeiras xornadas. Esta xoga na casa contra o Fuenla —defensa que máis puntos concedeu esta tempada dos bases, aínda que mellora un chisco fóra: 4ª peor—. Cabe esperar que durante a baixa de García siga a moverse en torno aos 20 e cunha probabilidade moi baixa de ter algún tropezo. O 1 da última semana de Heurtel non debería condicionarnos para esta. Foi a súa peor valoración do ano. Só baixou da decena en 4 ocasións, dúas delas contra equipos que conceden pouco dos bases: Real Madrid e Unicaja —contra os que en Euroliga fixo 14 e 24—. Non volve ter un partido contra as mellores defensas ata dentro de 5 xornadas —Murcia, contra o que valorou 30 na primeira volta— e na dobre xornada de Euroliga sumou 26 e 17, co que é probábel que a súa media ande ao redor da vintena durante o próximo mes. Esta semana vai a Andorra e despois recibe á Penya. O único punto na súa contra é que fóra da casa baixa a súa media case 6 puntos, que non abonda para que saía do trío de bases que maior fiabilidade me ofrece esta semana.
O segundo nivel ábreo Clevin Hannah. O senegalés de Rochester superou a vintena —contando o bono— en 5 das últimas 7 xornadas, nas dúas nas que non o fixo enfrontouse ao Madrid e ao Baskonia. O rival non é das mellores defensas dos bases, mais tampouco das peores. Hannah está nun momento doce, o Murcia necesita gañar para meterse na Copa —inda que non depende de si mesmo—, fóra da casa a súa media medra 5 puntos —está en 18.65— e xoga contra un equipo en descenso que só gañou 1 partido dos últimos 7 —a vitoria foi contra o único que leva peor xeira: o Zaragoza—. Por que non está entón no primeiro banzo? Non hai máis razón numérica que os dous antecedentes contra a Penya: 0 e -6 —este ano, contra o seu outro ex, o Bilbao Basket, fixo 9.6—. Pero o que ten máis peso é unha apreciación subxectiva pola que me vou guiar eu e á que vós non lle deberiades outorgar valor. Son seguidor do seu rival, a Penya, dende cativo. Non podo asegurar que non se dera antes, mais non lembro ao equipo neste lote de anos en descenso nun momento tan avanzado da tempada. De feito, o Joventut sempre estivo na máxima categoría, tanto na era ACB como en tempos da Liga Nacional —só o Real Madrid pode dicir o mesmo—. O partido é en Badalona, con todo ese peso da historia, e creo, sen moita base, que vai ser un partido moi diferente ao que se vén vendo dos verdinegros: haberá maior motivación, presión ambiental… Penso que vai ser un enfrontamento máis duro para o Murcia e para Hannah do que poida parecer, se queren que os vermellos non funcionen teñen que desactivar a Hannah. Non creo que haxa que vendelo se xa está no equipo e se atendemos a criterios obxectivos non sería mal negocio pensar en fichalo, mais eu esta semana mirarei antes por outras opcións de base. Pecha a listaxe McCalebb. O base do único equipo equiparábel en desastre á Penya nestes momentos fixo 25.2 e 23 nas dúas últimas xornadas, xa con ritmo de competición e sendo a referencia do equipo —xoga moitos minutos e ten toda a bóla que quere—. O único pero é que Neal, estrela dos aragoneses, regresa de lesión esta fin de semana. Está a dúbida de a que ritmo volve e como se reparten o xogo ofensivo —só coincidiron nos dous primeiros partidos de McCalebb, cando o xogador con pasaporte macedonio aínda non entrara en dinámica—. Sen o regreso de Neal sería unha opción de primeiro chanzo.
Fóra da listaxe destaca Jaime Fernández. O base do Andorra, tras dez xornadas, volveu baixar da decena ante o Estudiantes: 8. Rende bastante mellor na casa, mais os dous próximos partidos no Principado son esta xornada contra o Barcelona e, dentro de dúas, contra o Madrid. Parece o momento de agradecerlle os seus servizos e dicirlle deica logo, a non ser que precisemos si ou si unha bandeira nos bases ou non teñamos cambios abondo (algo que coa baixa de última hora de Doncic pasará en case que todos os equipos), nese caso sería bo pensar nel para dúas xornadas —a semana que vén vai a Fuenlabrada, unha defensa bastante permisiva—. Jayson Granger é todo ou nada, nas últimas 7 xornadas fixo 5 por debaixo da decena e os outros dous partidos son un 30 e un 28.8. Queda para cazaxornadas. Wayns enfróntase a unha boa defensa, vén dun 1 en Bilbao e a súa condición de extra pesa agora máis polas boas opcións de non comunitarios nos pivotes. (Campazzo agora cobra outro interese, claro).
Se na nosa planificación entra a posibilidade de fichar un xogador para unha única xornada e precisamos bandeiras —cousa probábel—, Vidal pode ser boa opción esta xornada. Antes do un de hai dúas semanas contra o Madrid na casa, levaba no Olímpic unha xeira de 18, 24, 20.4, 19.2 e 21 nos cinco partidos anteriores. O Murcia é unha defensa bastante aceptábel, mais debería poder regresar a eses números se a Penya quere disputar o partido. A semana que vén, fóra da casa e contra o Barça, debería volver saír dos equipos. Inda que a volta de Green, que xa xogou en Euroliga, lle poida restar importancia —e ollo que incluso podería ter minutos Sastre—, San Emeterio preséntase como unha das opcións máis fiábeis entre as ás con bandeira. A xornada pasada volveu con 25 minutos de xogo e cun novo pico de 33.6. O Fuenla é das defensas que menos concede na posición de tres, mais Swing, Soko, Neal, Richotti e Thomas conseguiron superar a vintena contra os de Néstor García. Nos partidos de Euroliga desta semana fixo 8 e 12 e a vez anterior que xogou tras dobre xornada da máxima competición continental, sumou 16. Non parece o mellor día para un pico, mais debería cumprir. Despois tócalle visita a Compostela. Landesberg semella andar menos inspirado —14 e 13.2 nos dous últimos partidos— pero con maior fiabilidade —antes nos partidos nos que non acadaba a vintena non adoitaba chegar sequera á decena—. A saída a La Laguna non será un partido doado, mais se lle entran os tiros, pode facer un pico contra calquera; se non anda atinado, parece que andará entre os 10 e 15 de valoración, que non é pouca cousa. Despois venlle outro partido complicado coa visita do Baskonia a Madrid. O que está de doce é o seu rival Kostas Vasileiadis: 21.6 e 17 nas dúas últimas xornadas e un 16 na avultada vitoria desta semana na Champions —o regreso de Ponitka non parece ter afectado negativamente á súa importancia nin á confianza que ten Katsikaris nel—. Está a lanzar con grandes porcentaxes e o Estu non é das defensas exteriores máis esixentes —inda que tampouco é das máis doadas—.
No terceiro e último nivel vai unha opción de moi alto risco, case máis para cazaxornadas que para equipos da xeral. Metín a Blazic na listaxe porque o levaba na maior parte dos meus equipos e nalgún deles teño intención de mantelo. Na casa as cousas non lle adoitan ir tan ben como fóra, mais o Barça é dos equipos máis propicios para as ás: Ponitka, Landesberg, Green, Neal, Thomas, Benite, Álex Urtasun e Paulí superaron a vintena contra os culés. Leva dous partidos sen acadar os 10 de valoración, algo que non pasara en toda a tempada —onde nunca repetira malas valoracións en xornadas consecutivas—, e o Andorra ten ganas de dar unha boa imaxe ante a súa afección após dúas derrotas consecutivas que os deixaron sen opcións de Copa. Se alguén ten que liderar a reacción dos do Principado, ese é Jaka. Non recomendo fichalo nin mantelo se temos que defender unha boa posición na xeral, mais coido que pode facer unha boa xornada.
Fóra da listaxe, se queremos arriscar, podemos optar por Erick Green agora que está de volta da lesión —valorou 14 na última xornada da Euroliga— ou por Rafa Martínez, coa nova lesión de Sergi García o Valencia atópase cun único base e Rafa debería recuperar importancia para axudar na dirección, que en xornadas anteriores traducíase en grandes valoracións. Eriksson, coma sempre, non é boa opción fóra da casa e o Unicaja non está entre os rivais máis doados. Tampouco parece o mellor dos días para Mumbrú, non está en bo momento, na casa adoita baixar os seus números, o Obra non é das defensas máis sinxelas e a semana que vén vai a Madrid. Se está no equipo e se precisa esa bandeira, pode quedarse e con sorte poderá cumprir sen pico. En caso contrario, non debería ser unha opción. Popovic xa saíu de moitos equipos a semana pasada —foi o xogador máis vendido do xogo— e esta seguirá a abandonar parte do resto, porque se mide en Valencia á mellor defensa das ás. Xa haberá momentos mellores para recuperar o croata. É xusto nomear ao veterano arxentino Van Lacke, á máis valorada das últimas tres xornadas: 27.6, 19.2 e 28.8. Non entra na listaxe polo rival: enfróntase ao Real Madrid. No partido aprazado contra o Barcelona, que se xogou durante a súa xeira de boas valoracións mais que non computou para o xogo, fixera un 7, co que non cabe esperar unha boa valoración tampouco contra os brancos, mais para cazaxornadas é unha opción a ter en conta.
Nos pivotes houbo moitos xogadores en bos rexistros a semana pasada e todo apunta a que volverá a acontecer o mesmo. Primeiro nivel. No alto vai un dos fixos habituais, o xeorxiano Toko Shengelia, sobre o que non é preciso dicir máis. A lesión de Dubi, que non vai xogar esta finde —inda que no Valencia esperan que sexa o único partido de liga que se perda—, fai ascender a Tibor Pleiss á segunda posición da listaxe (pois nada, agora din na web do SM que será dúbida ata última hora por unha torcedura de nocello). O alemán está en máis de 24 por partido cando o montenegrino causa baixa. Ademais, a súa media na casa sube 8 puntos e mídese ao Fuenlabrada, que é das peores defensas dos cincos. Todo apunta a pico esta semana. Temos que facer por metelo nos equipos, incluso aínda que non pensemos en mantelo a vindeira semana en Compostela —que é unha defensa interior tamén favorábel, mais se regresa Dubi e sendo un partido fóra, as prestacións de Pleiss deberían baixar de forma considerábel—. Devin Thomas vén de dous partidos consecutivos por riba da vintena: 29 e 22.8. Ademais, hai que apuntar que sempre que superou os 20 minutos de xogo tamén superou os 20 de valoración. Precisamente neses partidos foi nos que menos xogou Gladness —14, 13 e 17—. Gladness non estará por lesión, polo que Thomas ten garantidos moitos minutos e iso significa unha probabilidade de pico moi alta. A iso hay que sumar o rival: o Obradoiro é unha das peores defensas interiores e a que máis valoración concede nas últimas xornadas. A semana que vén viaxa a Madrid, que en tempos recentes mellorou de forma sensíbel a súa defensa dos pivotes, ata situarse a quinta mellor das últimas xornadas. Nin sequera o Barça conseguiu que Shermadini afrouxara o ritmo. Leva 26, 25.2 e 24 nos tres últimos partidos computábeis, o que fan del o interior máis valorado do momento. Recibe ao Gran Canaria, que non é mala defensa interior, mais concedeu picos a bastantes pivotes: Kelly, Norel, Thomas, Stevic, Shengelia, Pustovyi, Reyes, Dubi e Brown superaron a vintena contra eles. O partido da semana que vén é contra unha defensa bastante benévola, a do Burgos. Nas dúas xornadas disputadas en semana de dobre partido en Euroliga sumou 24 e 14 puntos. Todo semella favorábel para el. Nin xogando contra o Madrid e andando a superar un proceso gripal cuestiono demasiado a Norel. Igual baixa da vintena como contra o Barcelona e o Valencia, pero inda nese caso debería moverse sobre os 15. Coa fiabilidade que ofrece non paga a pena gastar un cambio nel. Nos equipos nos que non estea —pola estraña razón que sexa— pódese aguantar outra semana máis sen el.
Baixamos ao segundo chanzo, mais seguen as boas opcións. Deon Thompson estivo espectacular no último partido, volveu ser ese xogador que da 5ª á 8ª xornada se postulaba como fixo. Viaxa a Zaragoza para medirse a un equipo en descomposición, que empeorou moito na súa defensa interior. No global da tempada o estadounidense baixa as súas medias 6.5 fóra da casa, por iso cae ao segundo banzo, mais as súas dúas últimas saídas saldounas con 21.6 e 16.8. Jerome Jordan é o xogador de máis nivel da Penya, tanto que me sorprendeu que continuase no equipo este ano. Cando dispón de balóns, e por desgraza non se xoga con el o suficiente, responde con boas valoracións, porque adoita superar aos seus pares en cancha contraria, ben sexa con canastra ou forzando faltas —é dos cincos con mellores porcentaxes dende os 4.60—. Se a Penya quere saír da situación tan comprometida na que se atopa, debe buscar máis a Jordan e este ten que coidarse de facer faltas innecesarias. O Murcia non é mala defensa interior, mais Jordan na casa conta cunha media de case 19 puntos e inda non baixou da decena en toda a temporada no Olímpic. Parece asegurado que no peor dos casos cumprirá, e iso non se pode dicir de moitos xogadores. A semana que vén, lonxe de Badalona e contra o Barça, xa é outra historia. Ryan Kelly segue en bo momento: en 5 dos 6 últimos partidos superou os 15 —en 4 deles tamén a vintena e en 2 ademais a trintena—. Fóra da casa a súa media sube case 3 puntos e nas tres últimas saídas fixo 24, 34.8 e 28. A pega é que se enfronta ao Baskonia, que anda a disputar as últimas prazas para acceder á Copa e para iso precisa dar o mellor de si. A seguinte semana enfróntase ao GBC, que é a segunda mellor defensa interior, e despois ao Valencia. Non é que sexa imprescindíbel a súa saída xa nesta xornada, mais co calendario que ten por diante si parece un momento axeitado para darlle un descanso dunhas semanas se temos cambios abondo. Pustovyi conseguiu conterse das persoais as dúas últimas xornadas e volveu a se achegar aos 20 de valoración: 18 e 17 en dúas novas derrotas do Obra, mais esas valoracións conseguiunas contra dúas das mellores defensas da liga —Unicaja e GBC—. Inda que xoga fóra —onde a súa media baixa case 7 puntos—, o rival é dos máis favorábeis: un Bilbao Basket que ademais non vai contar coa intimidación de Gladness. Se valorou ben en Málaga, debería poder facelo tamén ben en Bilbao. A semana seguinte enfróntase ao Valencia Basket. Alec Brown leva xa catro xornadas consecutivas por riba da vintena. Esta semana viaxa a La Laguna, que é unha defensa media e despois recibe ao Baskonia, que xa non terá a motivación extra da loita por unha praza para a Copa. Se non está máis arriba é porque non ofrece a mesma fiabilidade que os outros. O máis probábel é que o faga ben, mais estrañaríame moito menos que con outros que tivese un tropezo, causado polas faltas —está a ter moitos problemas de persoais, de feito, no partido aprazado da xornada 1, que non computou para o SM, foi eliminado a causa delas e só valorou 2.4— ou por un mal día no tiro —é dos interiores que máis depende do acerto, porque xoga bastante afastado do aro—.
Máis risco ofrece o último banzo. Se precisamos outra bandeira nos pivotes, a mellor opción semella ser Edy Tavares. O caboverdiano vén dun 32.4 e semella bastante máis integrado no equipo. Nos partidos de Euroliga desta semana fixo un 20 contra o Baskonia e un 6 contra o Unicaja. Partidos nos que xogou 23 e 20 minutos. Após a anterior semana con dous partidos de Euroliga fixo 19.2 e xogou 32 minutos. É bastante probábel que se volva mover nun tempo de xogo igual de elevado. O problema é que se enfronta a unha das peores defensas posíbeis, a do GBC. Tras esta xornada o calendario mellora, véñenlle dous rivais moi favorábeis: Bilbao e Andorra. Pecha a lista Ante Tomic. Leva tres partidos por riba da decena, Seraphin é baixa e enfróntase ao diminuído xogo interior do Andorra —que esta xornada vai recuperar ao ex-azulgrana Moussa Diagne— sobre o que debería ter unha gran superioridade —aínda que con Sito non está a ser o de outros anos—. A semana que vén tampouco ten mal cliente: a Penya. Nestes dous partidos de Euroliga —nos que non estaba o francés—, xogou 15 minutos na derrota contra o Valencia sen sumar nada de valoración e nos 22 da vitoria contra o Brose Bamberg valorou 20.
Fóra da listaxe queda Felipe Reyes. A dureza do rival e a presumíbel falta de minutos tras os dous partidos de Euroliga e a causa da saída —fóra os seus minutos, xa escasos, adoitan baixar— non invitan a que vaiamos con el. Unha bandeira pouco habitual e de certo interese pode ser Oriola a causa da baixa de Seraphin, a semana pasada sumou 17 e na dobre xornada de Euroliga fixo 16 e 10. Suárez valorou de forma espectacular nas dúas últimas xornadas —25.2 e 28.8—, mais as semanas con dous partidos de Euroliga non lle están a sentar ben —3.6 e 3 nas dúas ocasións anteriores— e os precedentes tampouco están do seu lado —a temporada pasada fixo negativo en ambos partidos contra o Granca e dende que está no Unicaja nunca pasou de 12 contra os canarios—.
Con Andrómenas saín co mesmo equipo que no meu mellor e iso tivo as mesmas consecuencias: perdín 268 postos —máis da metade dos que gañei a pasada— ata o 1248º da xeral. Durou só unha xornada a primeira incursión no Top 1000.
A baixa de Doncic estraga todo o pensado para a xornada, en especial pola súa bandeira. Non teño cambios abondo para deixar o equipo como me gustaría. Non quería ir con Reyes pola dureza do rival, que apenas permitiu boas valoracións dos pivotes, mais agora terei que substituílo polo seu compañeiro Tavares, porque non hai outras bandeiras interesantes por dentro, o partido contra o Bilbao Basket da semana que vén debería serlle moi favorábel e polo menos esta vai xogar moitos minutos. Entran Van Rossom no sitio do esloveno e, para completar as bandeiras, Vidal por Blazic.