SuperManager x. 17: derradeiros billetes

Balance

As puntuacións foron unha barbaridade esta semana, precisábase roldar os 250 para gañar posicións. Estivo marcada polas parellas: Omic e Prepelic, Booker e Eddie, Shermadini e Huertas… Nos meus equipos foi unha xornada de subas moi moderadas. O meu mellor fixo 240, que só serviron para gañar 36 posicións até o 1417º da xeral.

B

Huertas (28.8)

Hannah (34.8)

Campazzo (18)

Henry (9)

Cook (7)

Pressey (11)

Díaz (18)

Bellas (10)

Oliver (15.6)

A

Bouteille (9.6)

Prepelic* (37.2)

Shields (12)

Toolson (16.8)

Booker (31)

Díez (19.2)

Hanga (18)

Barreiro (13)

J. Fernández (10.8)

Loyd (-3)

R. Fernández (25.2)

P

Shermadini (30)

Mirotic (36)

Balvin (15.6)

Shengelia (16)

Tomic (8.4)

Thompkins (9.6)

Kravic (15)

Tavares (12)

Omic (39.6)

Costello (12)

Gerun (1.2)

Cate (3)

Selección

Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses aparece a valoración que precisan para subir o 15% os xogadores con suba doada.

B

Huertas

Hannah

Bellas

Campazzo

Delaney

Henry

Cvetkovic (-9)

Díaz (13)

Alocén

Bassas

Oliver

A

Prepelic

Abalde (25)

Díez

Booker

Bouteille

McFadden

Shields

San Emeterio

Ennis

Slaughter

Walker

Harper

P

Mirotic

Shengelia

Shermadini

Omic

Brodziansky

Thompkins

Kravish

Balvin

Costello

Clark

Kravic

Oriola (-15)

Murcia – Unicaja

(11, 18:00)

@VBC, FUE | @BET, @EST

Tres seguidos fóra. Iso debería abondar para descartar a Alberto Díaz, que reduce a súa valoración á metade lonxe de Málaga. Porén, entra polo seu momento (6 dos últimos 7 na ducia ou máis), prezo, bandeira e calendario (aínda que xogue os tres fóra, os rivais non son dos máis duros). Non pensaría nel se temos un equipo sen problemas de cartos. As ás dos malagueños non están a entusiasmar, así que só pensaría en Booker. Non esperaría un pico del esta semana (tampouco podemos descartalo), o Unicaja é a mellor defensa na posición domicilio. Pero coido que é complicado que Booker non acade a quincena. Xoga moitos minutos, ten todos os lanzamentos que quere e na casa supera a vintena de media (o seu chan é o 15 da última xornada de local). En equipos con posíbeis segue a ser unha opción sólida. Gústame menos a saída á Fonteta da vindeira, lonxe da casa é menos efectivo e quedou en 4 o curso pasado. Por dentro contemplaría a Eddie para cazaxornadas, pode facelo ben se acerta no tiro exterior; se non ten o seu día (como na visita do Baskonia), carece doutras fontes de valoración para salvar a xornada.

Obradoiro – Burgos

(11, 18:00)

@AND, VBC | JOV, CAN

O Burgos xógase a vida e o Obra está nunha posición cómoda. Porén, o Obra atópase nun gran momento (5 vitorias nos últimos 8 encontros) e ante a súa afección adoita dar boa imaxe. A única opción nos uns é Bassas. Retomou a boa dinámica e aínda que o Fontes do Sar non é mellor cancha para sumar, debería acadar a decena. Sen opcións sólidas no Obra, o máis destacado nas ás é McFadden. O norteamericano case dobra os seus números a domicilio (15 de media) e leva tres grandes saídas consecutivas. O curso pasado foise á trintena en Compostela no seu debut coa Penya (tamén a acadou de local co Canarias). Incluso non vería mal mantelo a vindeira na casa contra o seu ex. O que mellor debería aproveitar as facilidades que ofrece o xogo interior do Obra é Clark. O norteamericano está en case 25 de media contra as defensas máis amábeis e está a render mellor a domicilio. No Obra Kravic é unha opción sólida, non está a dar os grandes picos doutros momentos da tempada pero adoita acadar a quincena. Brodziansky é o home do momento nos de Moncho. Acumula un mes sen baixar da vintena e o Burgos non ten unha defensa esixente. Despois teñen unha saída moi complicada ao Principado (o Andorra é a mellor defensa interior de local).

Zaragoza – Canarias

(11, 20:30)

GCA, @JOV | EST, @BUR

Alocén está a facer unha gran campaña, porén, non acababa de ser un xogador interesante para o SuperManager, porque os seus bos partidos non se traducían en grandes valoracións. Iso está a mudar nas últimas semanas, nas que o vimos máis solto de cara ao aro. Aínda non podemos dicir que sexa un anotador consistente (terá que manter este nivel durante unhas cantas semanas), pero si que empeza a resultar máis interesante para o xogo. Na casa (véñenlle dous seguidos) aumenta moito os seus números até os 11 de media e non baixa (ao contrario) as súas prestacións contra as boas defensas. Pode ser unha bandeira interesante a dúas semanas e despois non ten mala saída a Badalona (na ida foise á vintena). Huertas é o base máis en forma da liga (leva tres xornadas sen baixar da vintena), xoga moitísimos minutos e está a sumar unha morea de asistencias (iso fai que sexa moi difícil que pinche). Resúltame complicado prognosticar que á do Zaragoza destacará esta semana. Ennis co paso dos partidos está a xogar moito máis exterior, iso fai que a súa valoración dependa en maior medida do acerto no lanzamento de tres, así que é unha opción menos sólida que cando o vemos atacar o aro de forma máis agresiva (cando roldou os 50 o ano pasado só sumou dúas triplas). Debería acadar sen problemas a decena, pero non é dos xogadores que máis me entusiasmen esta xornada. Díez está a amosar moita solidez (7 sen baixar da decena). Non é un encontro para que faga un pico (o Zaragoza é o mellor defensor na posición de local), pero a súa gran capacidade reboteadora fai del unha bandeira moi sólida, algo que non abonda. A semana que vén ten un encontro para sumar moito de local contra o Estu. Shermadini regresa a Zaragoza, onde os pivotes están a valorar bastante ben. Fóra da casa non adoita dar picos, mais sempre cumpre (o seu chan é un 12 no Blaugrana) e non imos gastar un cambio para vender a un xogador que será obrigatorio a vindeira.

Manresa – Andorra

(11, 20:30)

@BLB, RMA | OBR, @BAS

O equipo do Bages non deixa de sorprender, a pesar das baixas leva unha das mellores xeiras da liga (catro vitorias consecutivas, tres delas a domicilio). Primeiro foi Ferrari, despois Pérez e agora parece que coa lesión dos anteriores pode valernos Cvetkovic para os equipos con orzamentos modestos. Está moi barato, garante cando menos un par de semanas de subas do máximo, vai xogar moitos minutos e fixo 18 nos dous encontros que leva como único base do equipo. Hannah atópase nun gran momento e é o líder dun Andorra que debe gañar para asegurar a súa presenza en Málaga. A importancia do encontro debería deixarnos a súa mellor versión e despois reciben o Obra (de local é un xogador moi seguro, está en 19 de media). Aínda que Senglin tamén estivo a gran nivel estas dúas últimas semanas, non pensaría nel fóra (só 8 de media) contra unha defensa moi competente (o Manresa é o equipo que menos recibe no un de local). O susto de Toolson na Champions non foi a máis e poderá xogar con normalidade segundo o adestrador. Co prezo xa estabilizado, segue a ser unha boa opción. Lidera o sorprendente equipo de Pedro Martínez e o Andorra non é unha defensa esixente na posición. Se procuramos a sorpresa cun xogador barato, podemos pensar en Walker. Acadou a vintena a xornada pasada e estivo soberbio esta semana na derrota contra a Penya na Eurocup (30 de valoración). Por dentro a mellor opción semella Kravish. Leva seis encontros sen baixar da decena e o Andorra a domicilio está a dar moitas facilidades na posición.

Estudiantes – Madrid

(12, 12:30)

@CAN, UNI | BAS, @MAN

O derbi preséntase moi desigual (aínda que tamén era así o ano pasado e os colexiais conseguiron dar a sorpresa) e con bastante incerteza para o SM, estamos na véspera dunha xornada dobre na Euroliga. Non podemos pensar en ningún xogador do Estu contra unha defensa tan complicada. No Madrid, se facemos caso do parte, Llull aínda é baixa garantida, en principio Campazzo debería xogar. Non me produce gran tranquilidade, non creo que sexa unha das opcións prioritarias esta semana, pero seguro que temos trocos máis urxentes que facer, é capaz de valorar moito en pouco tempo e despois reciben o Baskonia; podemos quedar con el. Rudy está nunha forma espectacular e trátase dun xogador esencial neste Madrid, por iso é un gran candidato para descansar esta semana. En principio queda fóra da listaxe. En cazaxornadas podemos pensar en Causeur, aínda que neste encontro teremos que agardar até uns minutos antes de comezar para ter unha idea máis clara de como o vai afrontar Laso. Procuraría evitar a Tavares, fóra da casa baixa bastante e é outro dos que poderían descansar (Felipe igual regresa xa nesta). A baixa confirmada de Randolph fai que poidamos seguir pensando en Thompkins para equipos necesitados de cartos (garante unha boa suba). Está a un nivel moi alto (volveu facer un grande encontro na Euroliga) e leva moita menos carga que os seus compañeiros porque non debutou até a novena xornada. Outra bandeira interesante para cazaxornadas é Garuba, que debería ter bastantes minutos desta volta.

Barça – Bilbao

(12, 12:30)

@FUE, BET | MAN, @GCA

Este encontro tamén ten as súas doses de incerteza, perante a dobre xornada de Euroliga está moi presente o temor aos descansos e ao non ter que viaxar non sairemos de dúbidas até pouco antes do comezo. Pesic polo de agora está a confiar nunha rotación curta, pero non me fío un pelo. No posíbel, procuraría evitar os xogadores culés, pero se levamos algún, cando menos tentaría reservar algún troco para evitar desgustos. O calendario é óptimo para Delaney, que é o único xogador do equipo sen substituto polas lesións de Pangos e Heurtel. Pode ser unha opción moi interesante se queremos diferenciarnos. Por esa ameaza de descansos non me convence ningún xogador blaugrana nas ás. Bouteille esta semana non é obrigatorio (aínda que contra o Madrid fixo un grande encontro), se temos cambios dispoñíbeis non vexo mal tentar variar un pouco e aproveitar os cartos para reforzar algunha outra posición. Agora ben, é un xogador moi sólido e a vindeira semella fixo de local contra a peor defensa na posición, así que se decidimos darlle saída debemos ter un plan para recuperalo (non podemos ter moitos trocos comprometidos e debemos estar seguros de que contaremos con cartos suficientes para recuperalo). Tamén será un encontro complicado para Balvin. O checo está a ser un xogador moi fiábel (só baixou unha vez da decena en todo o curso). Non é a xornada para darlle entrada, pero non é unha venda urxente. Mirotic, se está de curto, é fixo. O mellor é trazar un plan de continxencia que nos permitise marxe de manobra se ao final descansa. En equipos con poucos recursos podemos pensar en Oriola. Pasa por un bo momento, está barato e garante varias semanas de subas.

Gran Canaria – Baskonia

(12, 13:00)

@ZAR, BLB | @RMA, AND

Prometía ser un encontro de gran tensión na loita pola Copa, mais as derrotas inesperadas da última xornada de ambos conxuntos deixaron ao Baskonia sen opcións e ao Gran Canaria como o equipo que o ten máis complicado entre os que se manteñen na loita. Cook non estivo tan ben como no debut no seu segundo encontro trala lesión (algo que non é inusual). Non pensaría nel polo de agora nun encontro tan complicado. Esperábase moito máis de Henry na última xornada. Non ofrece a seguridade que deberiamos esperar dun xogador do seu prezo, vai ser complicado que se poida facer oco entre opcións máis sólidas e máis accesíbeis. Porén, estivo a bo nivel na Euroliga, vai disputar moitos minutos e o Granca dá facilidades na posición. Podemos mantelo se apostamos por el. Á hora de darlle entrada, hai que ter en conta que a semana que vén deberiamos vendelo pola súa visita a Madrid. Podemos manter a aposta por Shields unha semana máis (a pesar do seu encontro desastroso na Euroliga), leva 7 seguidos sen baixar da decena, vai superar os 30 minutos de xogo e roldou a trintena na visita á illa o curso pasado. Tamén o evitaría na vindeira contra o Madrid. Harper é unha opción para afoutos: está a superar a quincena ou queda en negativo, non hai termo intermedio. Após 6 encontros sen acadar a quincena, Beirán non parece das opcións máis apetecíbeis co Baskonia e o Zaragoza por diante. O máis interesante está por dentro. Nun Baskonia á deriva, Shengelia é dos poucos que están a amosar carácter. Vén dunha exhibición estéril na Euroliga e o Granca é un equipo amábel na posición. A súa bandeira volve ser valiosa. Nos canarios a opción é Costello, que leva dous grandes picos consecutivos de local. Porén, non o vexo unha opción sólida para a xeral, contra os grandes só cumpriu fronte o Valencia. Para cazaxornadas podemos pensar en Fall, vén de acadar a vintena na Euroliga e xa sabemos que Costello ten moitos problemas para defender os pivotes grandes.

Valencia – Joventut

(12, 17:00)

MUR, @OBR | @BUR, ZAR

Estamos perante un dos encontros máis transcendentes da xornada. O que perda queda fóra da Copa. A Penya non ten garantida a súa presenza inda que gañe, mais contaría con bastantes opcións se o logra. Na última semana o ánimo dos de Ponsarnau sufriu un revés. Perderon en Madrid un encontro que tiñan de cara e tamén veñen de caer nun final apertado na Euroliga. Segue a ser moi favorito, pero a presión pode xogarlle unha mala pasada se o encontro se complica. A Penya atópase nunha tendencia inversa, após unha mala xeira, gañou con comodidade a xornada pasada na casa e no debut no Top 16 da Eurocup logrou unha gran remontada nun encontro no que foi sempre por detrás do Andorra (logrou a súa primeira vantaxe a falta de 30 segundos para o remate). Esta vez non se pode permitir chegar tarde ao encontro como lle sucedeu nas vitorias dos últimos sete días (nas que os rivais abriron oco no marcador de saída). A Penya dá moitas facilidades no un, mais o Valencia non está a ter opcións sólidas na posición, tanto Quino como Van Rossom son boas opcións para cazaxornadas pero non ofrecen solidez para equipos da xeral. Nesta última semana vimos os mellores encontros de Zisis coa camisola da Penya. Tomou moi boas decisións e incluso asumiu responsabilidade ofensiva nas dúas vitorias; foi un dos xogadores chave. Tamén pode ser interesante para cazaxornadas. Nas ás, cun Loyd que ten moi complicado chegar, as opcións do Valencia están nas bandeiras. A máis sólida é Abalde, está nun gran momento (8 sen baixar da decena e incluso acadou a quincena en Madrid), conta coa motivación extra do ex, non está mal de prezo e debería darnos uns bos cartos. Na Euroliga quedou en negativo, mais xogou moi pouco (Ponsarnau igual o reservou para este encontro). A outra opción, menos popular (pode servirnos se procuramos a sorpresa), é a de San Emeterio. Superou a decena nos últimos seis que xogou (perdeuse varios polo camiño), a Penya está a dar facilidades na posición e vén de acadar os 25 na Euroliga. Para cazaxornadas, se Loyd non chega, podemos pensar en Marinkovic, que foi o máis valorado na Euroliga. Prepelic na última semana fixo o seu mellor partido do curso (37.2 na vitoria contra o Murcia na ACB) e tamén o peor (-6 na vitoria contra o Andorra na Eurocup, eliminado por faltas e cun 1 de 14 en tiros de campo). Sería moita casualidade que non lle entre nada en dous encontros consecutivos ao mellor anotador da tempada. Para min segue a ser fixo (no seu caso a dureza do rival ten moi pouco impacto na valoración: está en 20 de media contra as mellores defensas). A gran incógnita está por dentro. Dubljevic semellaba unha grande opción para esta xornada, pero ao final do encontro caeulle un rival enriba da perna cando estaba tirado no chan e tivo que retirarse lesionado nos últimos intres do encontro. Polo de agora non entra na listaxe, a ver se hai novas sobre o seu estado. No outro bando destaca o MVP da última xornada: Omic. O esloveno chega nun gran momento ao encontro que decidirá o pase á Copa: 26 e 39.6 nas dúas últimas xornadas e tamén un 26 no encontro da Eurocup. Está a ser o mellor da Penya nos últimos partidos. O Valencia é un equipo que está a dar bastantes facilidades aos pivotes, así que non é mala opción se queremos saírnos dos máis levados. A saída a Burgos da vindeira tamén lle resulta favorábel.

Fuenlabrada – Betis

(12, 17:00)

FCB, @MUR | UNI, @FCB

A bandeira máis interesante nos bases esta semana é Bellas. Está en 19 de media de local (véñenlle dous seguidos na casa, aínda que o vindeiro é contra o Barça), non baixou da ducia en todo o curso e o Betis é unha defensa moi amábel cos bases. Oliver leva tres semanas sen baixar da ducia e o Fuenlabrada é unha defensa permisiva na posición, segue a valernos como bandeira barata. Slaughter repetiu boa xornada, xa podemos volver pensar nel contra un Fuenlabrada que ofrece facilidades na posición; moito do xogo ofensivo bético pasa polas súas mans. Non é a opción máis sólida, pero pode ser unha boa forma de diferenciación. Os últimos cambios no Fuenla (recuperacións de Anderson e Eyenga e a chegada de Brown) deixan unha rotación máis ampla e unha valoración máis repartida. Malo para o SM. Ningún dos dous ofrece opcións sólidas por dentro, mais en cazaxornadas podemos pensar na bandeira de Niang (sobre todo se Whittington non chega): leva dous encontros seguidos na vintena.

O equipo do blog

Tope da tempada para Andrómenas. Os 245.20 puntos permitenme subir 381 postos até o 2974º da xeral. Gañei 23.6 cos cambios e sumei 400000 ao broker, que boa falta fan. Aínda hai moito por recuperar.

Entra Huertas por Campazzo e Abalde por Bouteille. Quedo con cinco bandeiras e un troco sen facer, para estar cuberto ante un posíbel descanso de Mirotic ou algún outro contratempo. Tanto por cartos como por trocos non debería ter problemas para recuperar a Bouteille na vindeira.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence á aventura gráfica Day of the Tentacle (LucasArts, 1993).