SuperManager x. 18: outra volta

Balance

Seguimos con xornadas de moitos puntos. Outra vez tivemos que afinar moito para non perder posicións. Nos meus equipos tocoume baixar de forma xeneralizada (aínda que pouca cousa), todo por deixar trocos sen usar para previr o posíbel descanso de Mirotic. Iso fixo que non puidese meter a Huertas en case ningún (quedei con Bouteille, pero o un non compensa o outro). En case todos deixei ao final trocos sen facer (porque as mellores opcións xa xogaran cando se soubo que Mirotic ía estar). Para min a novidade deste ano de poder facer trocos durante a xornada só se traduciu en desgustos (pola miñas malas decisións): en todas as xornadas que deixei trocos sen usar para cubrir imprevistos, non os houbo; na que non, e na que non estiven pendente, descansou Mirotic; e tamén quedei co meu mellor incompleto noutra. Unha desfeita. No meu mellor fixen 223.6 puntos e baixei só 5 postos (vou no 1422º), gañei 36 puntos cos dous trocos que fixen (preferín quedar con Bouteille ás alternativas que faltaban por xogar). Había moitos anos que non estaba tan mal clasificado ao remate da primeira volta, e non é que as miñas segundas partes da tempada se caractericen por ser boas.

B

Huertas (42)

Hannah (5)

Bellas (15)

Campazzo (13.2)

Delaney (14)

Henry (18)

Cvetkovic (12)

Díaz (0)

Alocén (8)

Bassas (8.4)

Oliver (-1)

A

Prepelic (12)

Abalde (14.4)

Díez (19.2)

Booker (18)

Bouteille (25.2)

McFadden (31.2)

Shields (28.8)

San Emeterio (12)

Ennis (24)

Slaughter (10.8)

Walker (7)

Harper (4)

P

Mirotic (35)

Shengelia (26.4)

Shermadini (24)

Omic (9)

Brodziansky (16)

Thompkins (34.8)

Kravish (18)

Balvin (19.2)

Costello (18)

Clark (7.2)

Kravic (14)

Oriola (10)

Selección

Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses aparece a valoración que precisan para subir o 15% os xogadores con suba doada.

B

Huertas

Hannah

Delaney

Bassas

Campazzo

Bellas

Van Rossom

Alocén

Cvetkovic (-8)

Fitipaldo

Senglin

Dimitrijevic

Sipahi

A

Bouteille

Prepelic

Ennis

Abalde

Díez

Martínez

Booker

McFadden

Barreiro

P

Shermadini

Mirotic

Balvin

Thompkins (-9)

Tomic

Kravic

Tavares

Eddie

Shengelia

Brodziansky

Esperemos que a dobre xornada de Euroliga non traia algún descanso indesexado. As bandeiras volverán ser un pesadelo.

Canarias – Estudiantes

(18, 18:00)

@BUR, FCB | UNI, @AND

No Estu non temos opcións sólidas; nos cazaxornadas podemos meter a Avramovic, tarde ou cedo chegará o seu pico. Huertas é fixo, está a un nivel descomunal, ten encontro para seguir nos seus números e despois conta cunha saída amábel a Burgos. A chegada de White a La Laguna podería ter un impacto negativo sobre todo en Díez, xa veremos como evoluciona. Polo de agora, no primeiro partido, o madrileño debería seguir sendo unha opción sólida (roldou a vintena na ida). Yusta oscila moito máis, pasa con facilidade de picos a encontros con escasa participación (antes do partido na trintena da semana pasada, fixo un negativo, e na primeira volta contra o Estu quedouse nun 6 en apenas 10 minutos). White non é opción polo de agora. Shermadini é fixísimo: case 35 de media de local. A saída a Burgos da vindeira non é das máis complicadas.

Zaragoza – Gran Canaria

(18, 18:00)

@JOV, MUR | BLB, @FUE

Con San Miguel aínda de baixa e de local (case 11 de media), Alocén preséntase como unha bandeira atractiva (está a xogar a gran nivel). Despois ten unha saída favorábel a Badalona, o Joventut dá facilidades aos bases (23 na ida). Ennis segue coma unha moto e as triplas non lle deixan de entrar. De local dobra os seus números até alén dos 20 de media e a do Granca é a segunda peor defensa na posición a domicilio. Pinta moi ben. Barreiro na casa baixa os seus números, pero estivo moi ben na ida (20.4). Non está entre as bandeiras máis atractivas, pero podemos consideralo se procuramos a sorpresa. Para cazaxornadas podemos pensar no imprevisíbel Harper. Aínda que o Zaragoza de local estea a dar facilidades e a baixa de Bou libera espazo no cinco, Costello non me entusiasma fóra da casa (só acadou unha vez a vintena, e co bono, a domicilio). Nos cazaxornadas podemos buscar a sorpresa con Hlinason, na ida Costello non foi capaz de contelo.

Betis – Unicaja

(18, 20:30)

@FCB, BUR | @EST, BAS

Os medos da xira a domicilio (5 de media) de Díaz consumáronse no primeiro encontro. Xa non garante suba; por máis que os rivais non sexan complicados, non o vexo (incluso esta semana estivo mal na vitoria contra a Penya no Carpena). A única opción nos uns é Sipahi, que vén de encadear os mellores encontros do curso nas dúas vitorias dos seus. Na casa está en case 12 de media, debería cumprir, mais a visita ao Blaugrana da vindeira complica darlle entrada. Nin Jaime nin Brizuela estiveron ben na ida contras os béticos e non pasan por un gran momento. Tampouco me fiaría de Slaughter nun partido desta esixencia (o Unicaja é a segunda mellor defensa a domicilio). Thompson dominou na vitoria contra o Joventut, mais na ACB aínda non acadou a vintena en todo o curso, non semella a opción máis sólida (válenos para cazaxornadas).

Burgos – Joventut

(18, 20:30)

CAN, @BET | ZAR, @RMA

Coa marcha de Zisis ao AEK, a Penya queda polo de agora só cos rapaces no un. Iso abre unha porta para Dimitrijevic como bandeira barata sorpresa (vén dun gran partido en Málaga na Eurocup), ademais, a rotación exterior na Penya acúrtase aínda máis coa baixa de Buford; Neno debería ter moitos minutos. Por suposto, non é a opción máis fiábel. Moita máis solidez ofrece Bassas. O ex da Penya xa estivo moi ben na ida (o Joventut ofrece moitas facilidades na posición) e aínda non baixou da decena de local en todo o curso (e despois repite na casa contra o Canarias). Se procuramos a diferenciación, podemos pensar en Fitipaldo, case 11 de media de local. McFadden atravesa un momento doce e na ida foise á vintena contra a Penya. Porén, non está moi arriba na listaxe porque de local está a baixar os seus números á metade (menos de 9 de media), leva sen acadar sequera a decena en Burgos dende a xornada 4. Prepelic non estivo ben en Málaga na Eurocup, mais nin así dubidaría del, só baixou unha vez en todo o curso da decena (contra o Barça) e a Penya precisa del máis ca nunca (22 na derrota da ida). Como bandeira para cazaxornadas non vería mal a López-Arostegui, debe dar un paso á fronte polas baixas. Na ida os burgaleses déronse un festín por dentro, tanto Clark como Lima deron un pico. Esta vez non o vexo tan claro, os dous baixan moito na casa e a defensa da Penya é moito mellor fóra (pasa de ser a peor de local a unha das cinco mellores a domicilio). Omic, ao que non lle debería afectar a chegada de Stevic (que podería debutar contra o seu ex), o normal é que ande entre os 10-15, que non abondan para darlle entrada nesta.

Fuenlabrada – Barça

(19, 12:30)

@MUR, GCA | BET, @CAN

A única opción no Fuenla é Bellas. Non é o mellor encontro posíbel para el, mais de local segue sen baixar da ducia (18.5 de media) este curso e coido que debería seguir neses números (10-12). Podemos quedar con el; á hora de fichar, non é a miña bandeira favorita. A dura semana na Euroliga deixa bastante incerteza no Barça. Delaney xa dicía a semana pasada que me gusta para estes partidos. A xornada anterior cumpriu, mais a pouco que acertase cos libres (3 de 7) o resultado podería ser bastante mellor. Tanto o Fuenla como o Betis na vindeira dan moitas facilidades. Paréceme unha das opcións máis sólidas a dúas xornadas. Nas ás a rotación é longa e cambiante, procuraría opcións máis seguras. Por dentro, o de sempre. Mirotic, se viaxa (viaxou), debe seguir fixo. Tomic fóra da casa case sempre é boa opción (case 21 de media lonxe do Palau), sobre todo se non activan a ficha de Davies (xogou unha minutada, a moi nivel, en Istambul).

Andorra – Obradoiro

(19, 12:30)

@BAS, EST | VBC, MAN

Os do Principado chegan ao encontro con bo humor a pesar da derrota en Manresa, porque lograron o seu billete para a Copa. Aínda que pinchou a semana pasada (e esta na Eurocup), Hannah preséntase como unha das mellores opcións da xornada: 19 de media de local (só baixou da decena contra o Barça). A semana que vén en Vitoria xa veremos, pero polo de agora debe seguir. Como opción sorpresa e económica, podemos pensar en Senglin. Está en 14 de local e estivo a gran nivel nos dous últimos partidos na casa. Os dous equipos dan moitas facilidades nas ás, pero ningún dos dous ofrece opcións fiábeis como para pensar neles para equipos da xeral. Por dentro debería ser un encontro favorábel para Musli polas facilidades que dá o Obra, pero pinchou nos dous últimos como local. Elixiría antes a Tyson Pérez como bandeira para cazaxornadas, fixo 18 noutros tantos minutos no último encontro de local e na ida acadou os 11 en só 16 minutos. Os interiores do Obra están a ofrecer bastante máis fiabilidade, aínda que desta volta teñen que enfrontarse á mellor defensa dos pivotes na casa. Kravic está a render moi ben contra as defensa máis duras (case 23 de media), aínda que só acadou a vintena nun dos últimos seis. No peor escenario dubido que baixe da quincena. Brodziansky chega nun dos seus mellores momentos (6 xornadas sen baixar da decena).

Bilbao – Manresa

(19, 17:00)

@GCA, @VBC | RMA, @OBR

O Bilbao culminou unha primeira volta brillantísima coa vitoria no Blaugrana que lle dá o pase á Copa. Enfrontarase a un non menos brillante Manresa, que non deixa de sorprender semana tras semana a pesar de que as baixas seguen a acumulárense. Con medio equipo con gripe e sen parte médico, as cousas non están nada claras nos do Bages. Polo de agora só pensaría en Cvetkovic. É o único base dispoñíbel no equipo, leva tres semanas a bo nivel e o Bilbao dá moitas facilidades na posición. É unha grande opción para equipos con orzamentos axustados, boas perspectivas de valoración e aínda ten varias subas do máximo por diante (o malo é que despois vai a Madrid) [ollo, nova de última hora, Dani Pérez vai regresar xa nesta (non así Toolson), así que a opción Cvetkovic é algo menos atractiva]. Nin sequera o Barça puido conter a Bouteille, que foi chave no desenlace. Esta semana é fixo contra a peor defensa na posición. Outro dos destacados da vitoria no Blaugrana foi Rafa Martínez. Contra un dos seus ex, ao que xa lle fixo 22 na ida, pode ser unha das bandeiras sorpresa da xornada. Balvin segue a ser un valor seguro (só baixou nun dos últimos 15 da quincena) e non ten mala saída a vindeira á que era a súa casa: Gran Canaria.

Madrid – Baskonia

(19, 18:30)

@MAN, JOV | AND, @UNI

O encontro da xornada chega após unha mala semana na Euroliga para ambos (pleno de derrotas). No Baskonia, directamente, non vexo a ninguén como opción preferente. O que máis nos podemos quedar, pola súa bandeira, é a Toko. Pero nunca acadou a vintena en Madrid. Se queremos apostar por unha alternativa, este é o momento (aínda que a semana que vén será case ineludíbel de local contra o Andorra). O regreso de Llull réstalle atractivo a Campazzo. Non é unha venda obrigada (debería xogar pola dureza do rival), pero tampouco está entre as opcións máis atractivas da xornada. Thompkins está a un nivel fabuloso, aínda lle quedan varias subas do máximo e na casa ofrece moita seguridade (case 22 de media). Non parece o candidato ideal para descansar (está a xogar minutos incluso de tres), pero os camiños de Laso resultan insondábeis. A rotación interior do Madrid medrou moito nas últimas semanas (Randolph é a única baixa), iso complica un pouco as cousas. Tavares de local está en 22 de media, pero o Baskonia non é un dos seus rivais favoritos (só acadou unha vez a vintena contra eles e pinchou tanto na ida como na Euroliga).

Valencia – Murcia

(19, 20:00)

@OBR, BLB | FUE, @ZAR

No Murcia as opcións están nos seus dous anotadores. Booker é medio equipo, se o Murcia ten algunha opción pasa pola súa mellor versión (como na ida). Coido que o normal é que o vexamos na ducia; un pico semella moi complicado, o Valencia é unha das mellores defensas na posición e Booker baixa a súa media en 5 a domicilio (na visita á Fonteta do curso pasado quedou en catro). Se non imos apurados de broker, podemos quedar con el (a semana que vén debería ser unha das mellores opcións). Mellores perspectivas ten Eddie, que está a facer unha tempada histórica dende os 6.75 e chega no seu mellor momento da tempada (61 puntos nas dúas últimas xornadas con 17 triplas anotadas). Ademais, foi o mellor na ida, na que acadou a trintena. No Valencia, a xornada preséntase moi favorábel para os bases (o Murcia é a peor defensa a domicilio). O que mellor pinta é Van Rossom. Xa adquiriu ritmo (leva tres seguidas sen baixar da decena e vén de ser un dos mellores na vitoria en Rusia) e na casa adoita dar a súa mellor versión (16.8 nos dous últimos como local). É cedo para pensar en Vives, vale para cazaxornadas pero aínda non acadou regularidade tralo seu regreso. Nas ás tamén hai grandes perspectivas. Non me estrañaría un bo partido de ningunha delas. A que máis me gusta é Abalde. O galego na casa está a un nivel altísimo (máis de 21 de media nos últimos cinco encontros na Fonteta). Nas últimas semanas tamén comeza a carburar San Emeterio, aínda que no seu caso non me estrañaría un descanso despois da dobre xornada da Euroliga. Como o Valencia fecha a xornada, o mellor é evitar riscos e non fichalo (se xa o tiñamos, podemos agardar a ver que pasa). Por dentro, ata que non saibamos quen vai estar, non paga pena pensar en ninguén.

Privada da 2ª volta

Co comezo da segunda volta, adoitan arrancar ligas privadas con equipos novos (que deben facer malabarismos cos 6.5 quilos e poucas opcións de gañar broker). Unha delas é a que creou Carlos Mirás Avalos no seu blog Baloncesto cum laude. Os datos da liga (eu participarei) son estes:

Liga privada: baloncesto cum laude

Contrasinal: segundavuelta

Equipos por usuario: 2

O equipo do blog

En Andrómenas tiven que dar marcha atrás no Huertas por Campazzo pola baixa de Toolson. Así que de primeiras só metín a Abalde por el. Cando se soubo que Mirotic xogaba, Bouteille convencíame máis que as outras posibilidades, así que aforrei ese troco. Como me amolaba quedar con dous cambios sen usar, decidín meter a Delaney por Campazzo (gañei 0.8 co troco, pero o norteamericano gústame máis para esta). Rematei con 210 puntos e perdín 289 postos (quedo no 3263º).

Xa que teño a Delaney, vou quedar con el e Huertas entra por Díaz. O problema é que non me dan os cartos. Polo de agora, meto a Tavares por Toko. O malo disto é que o Madrid-Baskonia é o penúltimo partido da xornada, se Tavares descansase, quedaríame pouco arranxo, porque non tería cartos para recuperar a Toko, a menos que vendese a Abalde e dese entrada a San Emeterio (e só faltaría que despois fose este o que non xogase). Dareille voltas até o último momento. Non se pode ser pobre.
Cambiei de plan. Como Mirotic viaxou, en teoría o único que podería fallar é Thompkins, que tampouco debería. Decidín facer xa os tres trocos. Nin Toko nin Tavares nos pivotes, vou meter a Balvin (por Shengelia). Iso obrígame a levar unha bandeira nos bases. Sae Díaz e entra Bassas (que ten dous seguidos de local). Marcelinho vai entrar por Hannah, Clevin pinta moi ben para esta, mais non tanto na vindeira. A dúas gústame máis Delaney e así tamén saio un chisco dos máis habituais. Agora haberá algunha baixa de última hora que paparei, pero non quero volver saír cun equipo que non me convenza como na pasada.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence á aventura gráfica Sam & Max: Hit the Road (LucasArts, 1993).