Balance da 17ª xornada

Este 2018 está a ser un ano de caída continua no meu mellor equipo. Comezárao no podio e xa estou o 33º da xeral, peor posición trala primeira xornada. Outra vez foi semana de puntuacións altas e volvín ter un erro grave —fixen 192.8 puntos—. Para Andrómenas era un risco asumíbel ir sen Hannah (algo moi raro pasa co seu par, Wayns, que deu un cambio enorme nas dúas últimas xornadas e non o incomodou en defensa nin en ataque), mais no 11º da xeral non tiña ningún sentido teimar nesa diferenciación. Arriba o importante é máis non fallar que acertar. Simplemente co Hannah no sitio de Van Rossom as cousas quedarían máis ou menos como ían. Tamén foi chave que na miña dúbida da xornada, Blazic ou Landesberg, non me atrevese a manter o esloveno a pesar do que me tiraba —como dicía no artigo—. Non hai forma de acertar. A deste e a do equipo do blog, outra vez repetín en ambos, foi a peor combinación de todos os meus equipos —nun, incluso, só con xogadores da listaxe e sen Hannah, rematei con 240, que non deron nin para entrar entre os mil mellores da xornada, pero que no meu mellor equipo teríanme dado a vida—. Neste remate da primeira volta estragouse boa parte do feito até o de agora. Queda media liga por diante e aínda podo… perder moitos postos máis. A iso hai que sumar unha semana máis a imaxe deplorábel da Penya. Malos tempos.
Bases
Heurtel (11)
Van Rossom (6)
Hannah (27.6)
McCalebb (13)
ÁS
Ponitka (36)
Schilb (7)
Soko (19.2)
Vidal (11)
San Emeterio (12)
Landesberg (1)
Vasileiadis (8.4)
Blazic (21.6)
Pivotes
Shengelia (40.8)
Pleiss (21.6)
D. Thomas (5)
Shermadini (31.2)
Norel (22)
Thompson (8.4)
Jordan (16)
Kelly (16)
Pustovyi (36)
Brown (-5)
Tavares (19.2)
Tomic (9)
Á selección da semana foille bastante mellor cá min. Podíanse facer unhas cantas combinacións boas. O tropezo de Van Rossom foi inesperado, xa dicía que tiña unha fiabilidade total cando superaba os 25 minutos. O asunto é que, a pesar da lesión de Sergi García, quedouse en 21 no canto dos 30 esperábeis. O seu pico absorbeuno Rafa Martínez, xa apuntaba na análise da semana que non descartaba un gran partido seu —e tamén apuntaba a Green como opción de risco, que volveu dar un pico despois de moito tempo—. Acerto o que non teño que acertar. Heurtel, pola súa banda, fixo só  11 de valoración con 19 puntos, 8 asistencias e 5 rebotes. En fin…

Selección da 18ª xornada

Primeiro a selección, despois a explicación. Se algún imprevisto antes do peche cambiar as cousas, avisarei no meu Twitter e actualizarei o artigo.
Bases
Doncic
Heurtel
Hannah
Jaime
Van Rossom
Granger
ÁS
Ponitka
Soko
Neal
Eyenga
Landesberg
Schilb
Blazic
Martínez
San Emeterio
Carroll
Eriksson
Van Lacke
Pivotes
Shengelia
Norel
Shermadini
Tavares
Pleiss
Pustovyi
C. Suárez
Será unha semana atípica, porque só teremos que decidir dous dos cambios, o outro vén ditado polo regreso de Luka Doncic.
Bases

Primeiro nivel. Xogou o xoves na Euroliga, así que Doncic ten que regresar xa. O Bilbao é unha das defensas máis frouxas nas posicións exteriores. Trátase dun partido propicio para que o esloveno supere a trintena. Sería unha temeridade ir sen el. A pesar das dúas decepcións consecutivas, Heurtel segue no segundo posto da miña listaxe. A última xornada Ribas causou baixa por problemas musculares na virilla, así que o francés xogou 31 minutos. Fixo bos números, mais os dous libres fallados, as 5 perdas e as catro faltas persoais reduciron a súa valoración a 11 —que non é o que se espera del—. Agora xoga contra a Penya, que nin nun partido tan importante e como local a semana pasada deu mostras de mellora —a ver que aporta o arxentino Laprovittola—. Últimos bases que se enfrontaron ao Joventut: Hannah (27.6), Tabu (24), Doncic (14.4 en só 13 minutos) e Campazzo (16.8), Cook (24) e Van Rossom (22.8). Con minutos debería saírse. Se Ribas non chega, teraos seguro. Como é previsíbel que o Barça gañe de malleira, podemos temer que descanse de máis —en caso de que estea Ribas—, mais incluso nese escenario, cunha afección xa farta do equipo, un Sito moi cuestionado e nun derbi, estrañaríame que non fosen a facer todo o sangue posíbel, polo que eu creo que si vai estar cando menos 20 minutos en cancha —deberían abondar para valorar ben—. Pecha este primeiro banzo un Clevin Hannah que está espectacular. Leva 3 partidos seguidos por riba dos 20 de valoración e 5 dos últimos 6. Xoga na casa, onde non é tan infalíbel —a súa media descende 6 puntos—, mais dos tres últimos partidos no Palacio de Deportes, en dous si que superou a vintena. Se nos remontamos un pouco máis, os tres anteriores xa foran a outro nivel e non conseguira superar a decena en ningún; porén, están afastados abondo no tempo para que sexan pouco significativos. Máis dúbidas pode crear o rival: o Canarias é a mellor defensa dos uns nas últimas xornadas —e a terceira mellor do ano— e ningún equipo permite tan pouca valoración dos bases fóra da casa coma eles. Si podemos atopar algúns bases que lles valoraron por riba da vintena: Sergi García (28.8, x. 8), Jaime Fernández (27.6, x. 6) e Campazzo (24, x. 7). Como vemos, esas valoracións foron en xornadas consecutivas e xa hai moito tempo; levan 8 partidos sen recibir máis de 20 de ningún base —as últimas vítimas foron Cook, 2, Granger, 1, e Huertas, 8—. Hannah, na ida —segunda xornada—, fixo un 10 contra eles. No momento actual, se un xogador parece capacitado para romper a xeira do Canarias, ese é senegalés de Rochester.

Imos co segundo banzo. A baixa de Doncic fixo que Jaime Fernández tivese que quedar en moitos equipos, con erótico resultado: 22.8 de valoración. Polo de agora o 8 contra o Estu semella que non marca tendencia. Esta semana vai a Fuenlabrada, fóra da casa descende case 7 puntos a súa media, mais é un dos rivais máis favorábeis —2º equipo que máis recibe como local dos bases—. Na ida só fixo 7 —2ª xornada—, inda que o seu momento era moi diferente ao actual —só subira de 10 nunha das 5 primeiras xornadas, dende entón, en 12 partidos só baixou en un da decena—. Despois ten dous partidos na casa, contra o Real Madrid e a Penya, onde ten case 19 de media e só baixou de 10 na segunda xornada. Se precisamos unha segunda bandeira nos bases, semella que podemos seguir a confiar nel. Defraudou a xornada pasada Sam Van Rossom (actualización: levou un golpe nas costas no partido da Euroliga e será baixa). Todo apuntaba a un partido propicio para el, nunca fallara cando dispoñía de 25 minutos ou máis e… segue sen facelo. Se cadra pola cómoda vitoria e que é o único base puro san, só disputou 21 minutos e fixo 6 de valoración. Foi Rafa Martínez o que quedou co seu pico. O dito no artigo da semana pasada segue a aplicar, se xoga moito —a pouca resistencia que amose o Obra así deber ser— o máis probábel é que o faga ben. Tralo inesperado tropezo, non esperta a mesma confianza que os do primeiro nivel para entrar e, nos que xa estaba, semella o candidato número un para deixar o seu sitio a Doncic. Jay Granger volveu saír cruz, quedou por baixo dos 10 por cuarta vez nas últimas cinco xornadas —incluíndo o aprazado—. Se entra na listaxe, e non hai que perder de vista que é unha opción de risco, é polo rival. Enfróntase ao equipo co que deu o salto á elite, o Estudiantes, contra o que ten unha media de 20 na súa carreira. Tanto no Unicaja como na primeira volta desta liga co Baskonia —15.6— superou sempre os 15 de valoración contra os colexiais. As dúas veces que pasou de 10 nos últimos 8 partidos da ACB foron dous picos. A defensa estudiantil é bastante accesíbel. A semana que vén recibe o Barcelona en Vitoria —13 na ida—. Se algún equipo o meteu a semana pasada, debería manter a aposta. No partido da Euroliga desta semana, contra o seu outro ex —Unicaja—, fixo un 26.

Fóra da listaxe queda McCalebb. Xa dicía que a alta de Neal podía afectar á súa importancia e así foi, tivo menos pelota, lanzou menos e incluso asistiu menos. Aínda así xogou trinta minutos. Creo que o mellor é deixar pasar esta xornada, na que viaxan a Gran Canaria —a súa media baixa case 5.5 puntos fóra—, e xa veremos no futuro. Tabu volveu coller ritmo nas últimas xornadas —24 e 16—, mais o partido contra o Madrid descártao.

Ás
Nas ás semella haber tres opcións fiábeis, as do primeiro nivel, e logo moitas incógnitas que poden decidir a xornada.

O primeiro banzo ségueo a encabezar Mateusz Ponitka. Non hai nada novo que dicir del, ten que estar en calquera equipo. Ovie Soko tamén se mantén no grupo prioritario. Todo intensidade, é un prodixio físico que nos ofrece as vantaxes dun interior —rebotes, lanzamentos preto do aro e moitas faltas forzadas— mais ocupando o posto de á no xogo. Semella que seguirá a ser moi interesante namentres o Murcia non recupere ás súas referencias interiores. Contra a Penya tivo un mal día no lanzamento, errou bastantes canastras fáciles —3 de 13 en tiros de dous— e inda así fixo 19.2. Leva 5 partidos consecutivos superando a decena, catro deles con 19.2 ou máis. Xoga contra o Canarias, que é unha boa defensa dos treses, mais é moito máis permisivo cos catros —que é onde está a xogar o británico—; contra eles saíronse Radovic, Clark, Thompson, Mumbrú, Smits… Despois si que terá un rival moi duro co Unicaja en Málaga e volverá xogar fóra co Obra, que lle vén bastante mellor. Após tres xornadas de baixa por lesión, Gary Neal regresou cun 15. Non está mal, mais igual semella algo escaso para devolvelo tan pronto ao primeiro nivel. Se temos en conta que fixo eses 15 a pesar dun 1 de 7 en tiros de 2, xa ten outro interese. Cascouse 31 minutos, anotou 18 puntos, lanzou 8 triplas —con 4 acertos—, deu 3 asistencias e recibiu 7 faltas. Por se había dúbidas, segue a ser o xefe do Zaragoza, o fado dos aragoneses está nas súas mans. Xoga en Gran Canaria contra unha defensa bastante permisiva e despois recibe ao Obra, que tampouco é das máis esixentes. Fóra da casa a súa valoración media decrece en 6.5 puntos ata os 12.5, porén, hai que poñer matices. As tres primeiras saídas —xornadas 1, 3 e 4— foron aínda en fase de adaptación, despois delas só baixou da decena na derrota contra a Penya, naquel partido no que se lle vía moi crispado e no que incluso foi eliminado —inda así fixo 15 puntos e 7 rebotes—. Na ida contra o Granca —x. 2—, cando inda lle estaba a tomar o pulso á competición, sumou 14.

Segundo chanzo. Christian Eyenga empezou a tempada como un tiro. Despois estivo 6 semanas en malas valoracións ata que resucitou contra a Penya. Dende entón, 6 de 7 partidos por riba dos 10 de valoración. Tiña dúas saídas moi complicadas consecutivas que o deixaron fóra da miña listaxe, mais superounas con nota: 13 e 20 contra Real Madrid e Valencia. Agora volve a casa para xogar contra o Andorra, que non é das defensas máis esixentes e xa fixera 16.8 na ida. Despois vai a Bilbao, que inda que mellora moito na casa, segue sen ser dos peores rivais posíbeis. Semella unha opción sólida. O que leva uns partidos por baixo do esperado é Sylven Landesberg. Se antes digo que agora polo menos nos partidos que non estaba inspirado chegaba á decena… Un triste 1 que nos deu! Con el sabemos que o pico chegará, mais non que nos vaia compensar aguantar ata entón. Se está na listaxe é porque a xornada dá mostras de que esta pode ser. Xoga contra un equipo de Euroliga na casa —gústanlle este tipo de partidos ante o seu público: 31.2 contra o Barça e 23 contra o Madrid— e o Baskonia non destaca pola súa defensa exterior. Despois viaxa a Badalona e recibe ao Betis, así que o calendario élle favorábel para que poida manterse varias semanas nos nosos equipos. Dáme boas sensacións, porén, co escolta hebreo xa sabemos que hai poucas certezas. No meu caso, heino manter nos equipos nos que apostara por el. Seis semanas despois, Schilb baixou dos 10 de valoración. O Baskonia, obrigado a gañar para estar en Gran Canaria, pasou por riba do Betis menos competitivo das últimas semanas. Iso tamén fixo que o checo de Illinois non se espremera tanto como en compromisos anteriores. Agora regresa a Sevilla para enfrontarse a un GBC que é dos mellores na defensa das ás (na ida Schilb fixo 2 en Donosti, no seu debut ACB; non ten nada que ver co momento actual, só xogou 16 minutos e non tiña a importancia da que goza agora). Vai ser un partido complicado para el, debería superar a decena e incluso pode volver roldar a vintena, mais o rival descéndeo ao segundo nivel. A semana que vén enfróntase ao Valencia na Fonteta, que é a mellor defensa das ás. Non é mal momento para pensar en darlle un descanso. Blazic á fin conseguiu valorar ben na casa, non o facía dende a 8ª xornada. A chave da súa boa valoración foron os tiros libres. Como xa comentara algunhas veces ao longo da tempada, chamaba moito a atención a involución de Blazic no 4.60 des que chegara á ACB. Comezara como un bo tirador e nos últimos tempos chegara a ser dos peores lanzadores entre os xogadores exteriores. Pois ben, leva anotados 26 dos últimos 29, un formidábel 90%, que contrasta co 47 de 78 que levaba ata entón —60%—. Agora tócalle fóra —Fuenlabrada—, onde incrementa os seus números: levaba 5 xornadas ao redor dos 20 de valoración ata o tropezo da última saída. Na ida fixo un 13. Se mantén a boa liña nos libres, debería valorar ben, polo que pode seguir tranquilamente nos equipos nos que estaba. Se non o tiñamos, o partido da próxima xornada contra o Madrid no Principado invita a que apostemos por outra á que ofreza mellores perspectivas a dúas xornadas. Mentres Sergi García siga de baixa, Rafa Martínez postúlase como unha das bandeiras máis interesantes nas ás. A súa media sen Vives, é dicir, a súa media cun só base na rotación valenciana, era de 20 de valoración. Baixou a 10.8 no debut de Sergi García e agora, con outra lesión do mallorquino que o obriga a axudar de novo a Van Rossom na dirección, regresou á senda anterior: 28.8. Hai un pero, e non é pequeno, a súa diferenza de valoración entre os partidos de casa e fóra é das máis altas da competición: descende case 8 puntos lonxe da Fonteta. Veremos cal das dúas estatísticas se impón. O seguinte partido é contra o Betis na casa, se non estar recuperado García para entón, habería unha gran probabilidade de pico.

Ao terceiro nivel descende Fernando San Emeterio. O regreso de Sastre e Green permiten que Vidorreta lle poida dar máis descanso —baixou de 25 a 18 minutos entre a 16ª e 17ª—, co que as súas probabilidades de pico descenden. Inda así é unha bandeira que segue sen baixar da decena en toda a tempada, polo que mantén interese. O calendario élle favorábel: Obradoiro, Betis e Burgos. Para esta semana gústame Jaycee Carroll. Nos seus seis últimos partidos computábeis para o SM superou os 10 —entre eles, valorara negativo contra o Baskonia no aprazado—, vén dun pico —31.2— e enfróntase ao Bilbao Basket, peor defensa das ás a domicilio. Hai que ter en conta que non é dos xogadores máis regulares —as dúas únicas veces anteriores que superara os 20, baixou a semana seguinte a redor dos 10: 9.6 e 10.8—. Eriksson na casa adoitaba ser das opcións máis gorentosas, por rendemento e bandeira, e enfróntase ademais a unha das defensas que máis valoración permite das ás —Zaragoza—. Xa non ofrece tantas garantías: non está no seu mellor momento de forma —vén dun negativo en Málaga cun 1 de 7 en triplas— e Brussino está a ter bastentes minutos e debería ir gañando en importancia; porén, segue a parecer unha á interesante se precisamos unha bandeira e queremos diferenciarnos. Despois ten dous partidos seguidos fóra —e o primeiro é contra o GBC— polo que se entra debería ser só para esta xornada. Fede Van Lacke levaba tres grandes valoracións antes do difícil partido contra o Madrid —mellor defensa a domicilio—, no que descendeu a 8. Agora viaxa a Sevilla, para enfrontarse á segunda defensa que máis concede como local —a súa valoración medra moito contra as peores defensas—. Outra opción interesante se procuramos diferenciarnos.

Fóra da listaxe podemos falar de Green, que comezara a tempada como a á máis interesante. Pasou de andar decote por riba da vintena a nin achegarse á decena. O primeiro partido tras regresar da lesión —o segundo, de feito, porque estivo tamén na Euroliga: 14— fixo un esperanzador 25.2 en só 19 minutos. Como dicía, o xogo exterior do Baskonia xa recuperou todos os efectivos en canto a escoltas e ás, polo que agora debería haber un maior reparto. Teremos que ver se, inda que sexa con algúns minutos menos, volve ser o de antes e lidera a ofensiva taronja mentres está na cancha. Para cazaxornadas pode ser unha boa opción; para equipos da xeral, mellor agardar.

Pivotes

O primeiro banzo vén con grandes opcións e xeneroso en bandeiras. Os fixos Shengelia e Norel seguen a selo. Podemos sumar a ese grupo a Shermadini, que por cuarto partido computábel consecutivo superou a vintena cun 31.2 —tope deste ano—. Leva dende a terceira xornada sen baixar dos 10. Un dos grandes valores de Sherma é a súa excelente man dende o libre: 89% na tempada. Enfróntase a un Burgos que no global é a segunda peor defensa interior, inda que mellorou bastante nas últimas xornadas, nas que está a xogar a gran nivel. En calquera caso, non debería ser atranco para o xigante xeorxiano. A semana seguinte recibe ao Murcia. Contra ningún dos dous o fixo ben na primeira volta, mais entón aínda non se adaptara ao xogo do equipo —12 e 13 minutos xogados e problemas de faltas en ambos partidos—. Tempo atrás podiamos ter a dúbida dos minutos, mais aínda que lle custou boa parte da primeira volta, acabou convencendo a Plaza e xa ten un sitio importante na súa rotación. Incluso no partido transcendente desta semana na Euroliga contra o Baskonia —derrota—, estivo 23 minutos en cancha nos que valorou 17. Outro que está nun momento impoñente é Edy Tavares. Sen lanzamentos en xogo, foi quen de facer 19.2 contra un GBC que sempre é complicado para os interiores. Leva catro partidos por riba da decena na ACB e na Euroliga pasou de 20 en catro dos cinco últimos. Nin os máis optimistas esperaban tal achega do caboverdiano. O seu rival, o Bilbao Basket, vén de conceder un pico a outra das torres da liga: Pustovyi. A baixa de Gladness réstalle moito potencial interior aos homes de negro. A semana que vén o Madrid viaxa a Andorra, que acaba de reforzar o seu xogo interior co ex-baskonista Colton Iverson.

Segundo nivel. Bojan Dubljevic volverá ser baixa, así que Pleiss mantense entre os pivotes interesantes para a xornada. O alemán sempre superou a vintena cando faltou o montenegrino e leva unha media de 23.5 sen el. A do Obradoiro non é das defensas máis esixentes. Cando regrese Dubi, a historia será diferente. O seu par desta semana, Artem Pustovyi, leva tres partidos xogando máis de 30 minutos e con grandes valoracións: 18, 17 e 36. Dous deles foron contra defensas moi difíciles: GBC e Unicaja, así que tamén pode facelo ben contra o Valencia. A pesar de ser eliminado por faltas a última xornada no pico contra o Bilbao Basket, foi quen de xogar 32 minutos.

No terceiro chanzo atopamos outra opción de bandeira: Carlos Suárez leva tres grandes valoracións consecutivas —25.2, 28.8 e 18— e sete xornadas sen baixar da decena. Se queremos diferenciarnos coa segunda bandeira interior, pode ser unha opción interesante contra o Burgos, aínda que o seu par non é dos máis inofensivos —Thompson—.

Deixei fóra da listaxe a un Kelly que foi un dos pivotes máis destacados das últimas xornadas e que agora está sumido nunha serie de partidos complicados. Salvou o encontro contra o Baskonia cun 16 e agora terá que enfrontarse ao GBC e ao Valencia Basket, ambos entre as tres mellores defensas interiores. Igual tamén logra salvalos, mais coas grandes opcións que hai na listaxe non parece razoábel arriscar cun interior que ten un calendario tan complicado. Outro que podería cumprir mais que non ten o mellor dos partidos é Jordan. Enfróntase a un Barça que o deixou en 10 na primeira volta e contra o que nunca superou os 12. Tampouco entrou Felipe Reyes, que segue a aproveitar cada minuto en pista —leva máis puntuación no SM que minutos de xogo nos últimos partidos—. Menos de 13 minutos abondáronlle contra o GBC —iso si, o que xogou foi contra a segunda unidade dos donostiarras— para sumar 18 de valoración. Con tan pouco en pista, non hai razón para que entre nunha listaxe na que xa hai dúas bandeiras no primeiro banzo e outra máis no terceiro. O inminente regreso de Randolph non augura que vaian medrar os minutos do capitán en próximos partidos. Sebas Saiz aproveitou un calendario favorábel para sumar 15.6, 20.4 e 21.6; mais teremos que agardar á semana que vén para pensar nel como opción de bandeira nos pivotes, o seu rival desta semana, Unicaja, é a mellor defensa interior a domicilio. O mesmo aplica para o seu compañeiro Thompson, esta non semella a mellor semana para ir con el.

O equipo do blog

Como con Andrómenas saín co mesmo que no meu mellor, xa sabedes que foi terríbel. Perdo case 400 postos e quedo 1619º. Sen comentarios.

Esta semana repartirei as bandeiras entre os bases e os pivotes. Van Rossom deixa o seu sitio para o regreso de Doncic. Nas ás entra Neal por Vidal e nos pivotes Shermadini por Kelly. Quédame un equipo moi do meu gusto, só me faltou un cambio para poder meter a Soko por Schilb.