Última hora: Llull é baixa definitiva. Artigo actualizado o sábado: Thomas Heurtel xa volveu xogar na Euroliga, mais non estivo moi atinado. O Barça (inda) non deu o parte para esta xornada. O normal é que xogue, mais eu non lle daría entrada se non o tiñamos; se o tiñamos, consideraría a súa venda (Pangos estivo mellor na Euroliga e vén de facer moi bo partido a semana pasada). Así que con esa incerteza, o mellor é mirar outras opcións. Llull apenas xogou na Euroliga por precaución, pero viaxou a Málaga. Ademais, o Madrid deu de alta a Prepelic, que o que adoita xogar de base cando non están Llull ou o Facu. Se estivese descartado, non tería viaxado; mais non hai ningunha garantía de que xogue. Que facer con el? Se non o temos no equipo, o mellor é pasar del; se o temos… quedar con el implica un risco que haberá a quen lle compense asumilo e a quen non. Explícome. Se con Llull todo nos cadra ben e sacalo vainos deixar un equipo que non é do noso gusto, pode compensar mantelo incluso aínda que se dea o peor escenario (porque a combinación de pivotes que nos gusta igual compensa eses puntos que deixamos de gañar e sobre todo porque se saímos cun equipo que non nos convence, pode que a semana que vén non teñamos cambios abondo para arranxalo). Cada quen terá que sopesar o seu caso (eu quedarei nalgúns equipos con el e noutros, nos que teña algún cambio dispoñíbel, dareille saída). Así que Llull non sae da listaxe, pero baixa ao segundo chanzo. Como o menorquino non está descartado, a opción Facu tamén resulta incerta; só pensaría nel se xa o tiñamos no equipo. A dúbida de Llull, que era unha das principais bandeiras, unida á gran actuación de Eriksson na Euroliga, lévame a metelo na listaxe. Xa estaba apuntado fóra como opción de risco para esta polo rival (o Baskonia). Esta semana igual lle sae ben ou non, mais ao repetir a seguinte na casa (lembro que mellora moito de local) e contra un rival moi favorábel, a dúas xornadas ofrécenos unha bandeira que debería roldar os 30 de valoración na suma das dúas.
A 18ª xornada foi unha borracheira de valoracións altas, agora toca despexar o caletre e tomar boas decisións.
Prevía xornada de moitos puntos. Así foi. Porén, pensaba que ían ser os pivotes os que dispararían o contador de valoración; foron os bases. Este tipo de xornadas son moi perigosas, porque se fallas nunha na que as puntuacións se moven arredor dos 120 puntos, vas ceder pouco terreo; se fallas nesta na que o normal era superar os 200 (a pesar das baixas da última hora de Heurtel e Jaime), supón unha desfeita. Por fortuna, atinei bastante desta volta. Nos meus equipos pasei en case todos dos 200, incluso os 220 foron bastante habituais, e nun par acadei os 260. Ese foi o caso do meu peor equipo (47 mil da xeral), que marcou o meu máximo da tempada: 269.4. Só deron para facer o 33 da xornada. No meu mellor fixen 221.2 puntos que serviron para gañar posicións: 46 postos até o 310º da xeral. O meu segundo tamén regresou ao Top 500.
Bases
Primeiro banzo
Primer escalón
Heurtel (-)
Laprovittola (40.8)
Segundo banzo
Segundo escalón
Fisher (31.2)
Van Rossom (8.4)
Llull (28.8)
Huertas (20.4)
Vildoza (-2)
Terceiro banzo
Tercer escalón
Ennis (4.8)
Fitipaldo (8)
Cvetkovic (8)
Ás
Aleros
Primeiro banzo
Primer escalón
Beirán (18)
Brizuela (32.4)
Segundo banzo
Segundo escalón
Okoye (14.4)
Vasileiadis (7)
Seibutis (9.6)
Hanga (16.8)
M. Thomas (16.8)
Ribas (-2)
Terceiro banzo
Tercer escalón
Lundberg (4.8)
J. Fernández (-)
Shields (18)
Díez (14)
McFadden (6)
Vidal (17)
Gentile (20.4)
Pivotes
Pívots
Primeiro banzo
Primer escalón
Dubljevic (24)
Todorovic (16.8)
Iverson (22)
W. Thomas (25.2)
Brown (17)
Voigtmann (13.2)
Segundo banzo
Segundo escalón
Tomic (14.4)
Jordan (6)
Abromaitis (5)
Harangody (19.2)
Burjanadze (8)
Terceiro banzo
Tercer escalón
Huskic (20)
Brodziansky (8)
Caner-Medley (34.8)
Whittington (20.4)
Lalanne (22.8)
Balvin (15)
Shurna (14.4)
A lectura da xornada foi a correcta, incluíndo a actualización do artigo coas novidades do Madrid para situar a Llull como opción preferente para a cuarta bandeira. A baixa de última hora de Heurtel influíu noutra das cotas destacadas na listaxe, Ribas, esta con resultado negativo. Sen o francés tivo que facer as veces de base, onde eu creo que é menos valioso.
A lenda é a seguinte: resaltados van os que son cota e de vermello os extracomunitarios. Os xogadores están listados por orde de preferencia. Podédesme seguir no Twitter para estardes ao tanto de novos artigos e de calquera modificación deste, se a houber.
La leyenda es la siguiente: en negrita van los que son cupo y de rojo los extracomunitarios. Los jugadores están listados por orden de preferencia. Me podéis seguir en Twitter para estar al tanto de nuevos artículos y de cualquier modificación que pudiera tener este.
Bases
Primeiro banzo
Primer escalón
Laprovittola
Fisher
Segundo banzo
Segundo escalón
Ennis
Huertas
Llull
Terceiro banzo
Tercer escalón
Fitipaldo
Pérez
Vives
Alocén
Ás
Aleros
Primeiro banzo
Primer escalón
Brizuela
Beirán
Okoye
Segundo banzo
Segundo escalón
Vasileiadis
Gentile
Popovic
Toolson
M. Thomas
Terceiro banzo
Tercer escalón
McFadden
Shields
Eriksson
Eyenga
Seibutis
Vidal
Díez
Cancar
Pivotes
Pívots
Primeiro banzo
Primer escalón
Dubljevic
Todorovic
Caner-Medley
W. Thomas
Tavares
Huskic
Segundo banzo
Segundo escalón
Balvin
Tomic
Brodziansky
Llovet
Whittington
Harangody
Terceiro banzo
Tercer escalón
Voigtmann
Vázquez
Singleton
Diagne
Shurna
Brown
Esta semana non imos ter tantos problemas coas bandeiras. Semella que o que vai marcar diferenzas será a cuarta á e a elección de pivotes entre as varias opcións que apuntan a pico.
Á espera de novas do estado de Heurtel, as cousas semellan estar moi claras na posición.
primeiro banzo
primer escalón
Lapro vén de facer unha barbaridade na última xornada e o Andorra é unha defensa media. Non hai razón para que non siga como fixo, por máis que na ida non o fixera ben.
Fisher está a conseguir que a afección do Resa non bote de menos a Renfroe. Vén de cumprir o seu terceiro partido consecutivo a un nivel extraordinario. Está fantástico en anotación, asistencias e, a pesar da súa baixa estatura, en rebotes (5 de media se excluímos o debut). Está a asumir as mesmas funcións que o seu compatriota e polo de agora co mesmo éxito. Está moi barato para o que dá e debería ofrecernos unhas cantas semanas de subidas do 15%. O partido da xornada é complicado, enfróntase á defensa dos uns que máis medrou: o Valencia. Era unha das defensas accesíbeis na posición, pero nas últimas xornadas está a ser a que menos recibe de toda a liga. Iso non ten tanto efecto cando estamos a falar da referencia dun equipo (e Corey xa o é), el vai a seguir máis de 25 minutos por partido en cancha e o xogo do Manresa continuará a pasar polas súas mans, non deixará de asumir lanzamentos e sacar faltas nas penetracións. Despois venlle un partido máis favorábel na visita a Málaga. O Unicaja sen Díaz está a permitir moito aos bases.
Llull deixounos unha moi boa xornada e parece que empeza a funcionar. Esta semana, contra un rival complicado (Unicaja), debería ter bastantes minutos outra vez. Non debería descansar pola importancia do partido, pero se o fixese, deberiámolo saber a tempo porque nese caso xa non viaxaría. Non podemos pensar nel a moi longo prazo pola incerteza da rotación de Laso, mais cando menos para esta semana parece unha bandeira moi gorentosa: o Unicaja é unha defensa amábel na posición. A semana que vén tamén teñen unha visita moi esixente, Baskonia, así que debería volver estar.
segundo banzo
segundo escalón
Ennis regresa a Andorra e volve cobrar interese. De local case dobra a súa media e achégase aos 20. O maior atranco para a súa inclusión é o momento do seu rival, a Penya. Os de Badalona levan cinco vitorias nos últimos seis partidos e subiron moito o nivel defensivo (a mellor defensa das ás de longo neste ciclo de vitorias).
A defensa do Granca é bastante amábel cos bases (vén de recibir o pico de Laprovittola), así que Huertas (20 na última xornada) ten un partido propicio (16.8 na ida). A semana que vén enfróntase ao Madrid, tamén fóra.
terceiro banzo
tercer escalón
Fitipaldo de local mellora o seu rendemento (até os 12 de media) e o Burgos ten unha gran oportunidade de rachar contra o pechacancelas cunha xeira de 4 derrotas. O GBC é dos equipos que máis reciben dos bases. Despois ten unha saída complicada a La Laguna.
Coa baixa dun Gutiérrez que non deu o nivel, Pérez terá que asumir máis minutos na dirección dos donostiarras. Ofrece a súa mellor versión fóra da casa (12 de media), aínda que o rival non acompaña moito: o Burgos de local é dos equipos que menos reciben na posición. A nova saída da vindeira semana a Gran Canaria é algo máis benévola.
Se procuramos unha bandeira e temos poucos cartos dispoñíbeis, Vives é unha boa opción. A nova lesión de Diot debería darlle algún minuto extra, está mellor ca no primeiro tramo da tempada, Van Rossom baixa fóra e o Manresa concede bastante valoración dos bases.
Cos mesmos requisitos temos a Alocén. McCalebb mancouse na última xornada, así que debería ter bastantes minutos contra o Breo de local. A súa media na casa cuadriplícase e o Breo é das defensas que máis conceden aos bases. Hai cousa dun mes xogou bastantes minutos na casa contra o Murcia (que fóra é unha defensa amábel na posición) e acadou a vintena; tamén tivo outro encontro na vintena de local contra unha Penya que deu moitas facilidades na posición.
fóra da listaxe
fuera de la lista
Se Hannah estivese con ritmo de novo, a visita do Baskonia sería un encontro propicio para el. Agora mesmo, agás que xa o vexamos destacar na Euroliga, será mellor agardar. Tamén haberá que esperar cando menos á Euroliga para ver o estado de Heurtel. Dependendo de como ande da lesión, incluso podería ser unha opción para a xornada Pangos, que rendeu a gran nivel ante a baixa do francés. Xa haberá tempo para actualizar.
Dous clarísimos, un con vantaxe e un cuarto que marcará diferenzas.
primeiro banzo
primer escalón
Brizuela deu unha nova exhibición a xornada pasada e nesta queda na comunidade de Madrid para enfrontarse a un Fuenla que de local concede moitísima valoración na posición. Fixo.
Será difícil que Beirán quede co bono contra o Barça, mais segue a ser un xogador incuestionábel: supera os 22 de media como local e agora ten dous partidos seguidos na illa.
Okoye, que sumou toda a súa valoración na prórroga a semana pasada, ten un partido moi favorábel contra o Breo. Os lucenses fóra da casa son das peores defensas na posición e o xogador con pasaporte nixeriano eleva as súas medias até os 17. Ademais, atópase no mellor momento da tempada. Fisac confía nel incluso cando non lle estean a saír as cousas (como a semana pasada), así que terá moitos minutos e lanzamentos (a súa efectividade medra de forma apreciábel de local). A semana que vén debería ter un rival duro nunha Penya que non creo que se pareza á que vimos na ida.
segundo banzo
segundo escalón
Vasileiadis de local valora mellor (16 de media) e o Murcia (14 na ida) está a permitir bastante valoración fóra da casa. Despois vai a Valencia, que tampouco é das defensas máis esixentes na posición.
Estamos a ver xa ao Gentile que marca diferenzas (roldou a vintena en 3 dos últimos 4) e esta xornada ten unha saída moi propicia a Fuenlabrada.
Popovic regresou da lesión a gran nivel. É o xogador máis importante do Fuenla e xa está a disputar moitos minutos. Esta semana enfróntase de local á defensa máis permisiva coas ás: Estudiantes, un rival que se lle dá moi ben (case 15 de media contra eles na súa carreira). Contra o Barcelona non debería ser unha venda obrigada, nun bo partido no lanzamento debería facerlles bastante dano.
O Valencia é bastante vulnerábel na posición, así que a xornada non pinta mal para Toolson. Nas últimas 11, en 9 superou a decena. Só fallou neste tempo contra o Madrid (unha das mellores defensas da posición) e o Breo (unha das mellores como local). As súas posibilidades melloran se o partido se vai a un final igualado (algo probábel, polo bo nivel competitivo que está a amosar o Manresa), porque aí adoita tomar protagonismo pola súa boa man dende os 4.60. Despois vai a Málaga.
De Matt Thomas podemos dicir o mesmo que a semana pasada: xa está asentado no equipo e leva unha boa liña (3 partidos superando a quincena). Parece o único exterior fiábel no Valencia e o Manresa é unha defensa media na posición. Despois recibe a visita do Obradoiro, que é bastante permisivo na posición.
terceiro banzo
tercer escalón
McFadden case dobra a súa media de local (supera a vintena) e agora ten dous partidos seguidos na casa. Ao Barça pode facerlle moito dano se lle entran as triplas (13 de valoración na ida) e o Burgos tampouco é das defensas máis duras (10 na ida).
Sen Shengelia, Shields mantén o bo nivel: son xa 3 xornadas superando a quincena. A semana que vén deixará de ser boa opción, porque despois de Gran Canaria tócalle Madrid.
Eyenga fixo un partido inmenso contra o Real Madrid. Coas condicións que ten é complicado explicarse a súa intermitencia. É esa irregularidade a que o trae a este chanzo, mais se xoga ao nivel da semana pasada contra unha defensa tan permisiva coma a do Estu debería dar un bo pico. Os precedentes contra o Estu non falan ao seu favor (ten un tope de 6 e dous negativos como local). Despois vai a Barcelona.
Seibutis estaba en boa dinámica e o Breo dá facilidades na posición, semella boa opción para a xornada. Para a visita a Badalona xa xera algunha dúbida máis.
Aínda que Vidal fóra da casa baixa os seus números, está a xogar ben e o Zaragoza é moi permisivo na posición, polo que se xa o tiñamos podemos considerar aguantalo esta semana (13 na ida). A seguinte, de local contra o Murcia, pinta ben.
Aínda que non ten o mellor rival posíbel, se temos algún equipo moi apurado de cartos e precisamos unha bandeira, Dani Díez está en moi boa liña (6 dos 7 últimos na decena).
A chegada de Sutton fará que Cancar volva xogar máis tempo en posicións exteriores, así que non terá opción de repetir os 8 rebotes da última xornada. Na casa baixa un pouco os seus números, mais o GBC é un rival propicio na posición (11 na ida) e desta vez ten máis opcións de quedar co bono. A semana que vén terao bastante máis complicado na visita ao Canarias.
fóra da listaxe
fuera de la lista
Non parece unha xornada para Lundberg pola mellora do Valencia na defensa do 1. No caso de Eriksson, aínda que lle veñan dous partidos seguidos de local (onde mellora os seus números de forma apreciábel), é mellor agardar á semana que vén contra o GBC (o Baskonia é unha das mellores defensas no tres e deixouno en 5 na ida); porén, como opción para cazaxornadas pode ser interesante (acadou a vintena na visita da tempada pasada). Hanga, aínda que está a ser a á máis consistente do Barcelona, ten por diante dous partidos duros: o Canarias é unha das defensas máis complicadas e o Fuenla fóra da casa está a ser a defensa que menos concede na posición. Igual cumpre, pero o mellor é buscar opcións que o teñan máis doado. Para cazaxornadas non é mala opción Benite contra o GBC.
Os pivotes, unha semana máis, ofrecen moito onde elixir.
primeiro banzo
primer escalón
Con Dubi o rival importa pouco, mais neste caso enfróntase a unha defensa amábel.
Todorovic ofrécenos unha bandeira moi fiábel (só fallou unha vez nos últimos 12 partidos) e esta semana enfróntase a unha das defensas máis hospitalarias cos pivotes: Andorra. A próxima xornada tamén é moi favorábel para el, o Zaragoza é das peores defensas interiores a domicilio.
Caner-Medley foi un dos xogadores máis destacados da xornada. Ao seu habitual festival de rebotes (igualou o seu máximo de 13) sumou o seu tope anotador do ano: 15 puntos. Agora ten unha saída moi favorábel a Fuenlabrada (equipo que máis recibe dos interiores), contra o que xa na ida rozou a vintena. A semana que vén volve ter un partido moi favorábel na visita do Andorra (26 na ida).
Outro que non abandona o primeiro banzo é W. Thomas. Segue a superar os 25 minutos de xogo. Iso, unido á súa calidade e determinación, fan del un seguro: 9 xornadas consecutivas superando a decena e a maior parte delas incluso a vintena. Ten un partido moi favorábel esta semana.
Que o Madrid xogue fóra sempre supón un alivio na incerteza que adoita xerar Laso no SM. Así que Tavares preséntase como unha opción de bandeira moi interesante esta semana. O Unicaja non é das defensas máis duras no interior e o caboverdiano xa dominou a pintura na ida (32.4, o seu tope da tempada). Despois enfróntase ao Baskonia, contra o que tamén o fixo moi ben na ida.
Huskic completou os tres partidos nos que xogaron sen substituto de Thompson sen baixar da vintena. A chegada de Sutton debería restarlle un pouco de protagonismo ofensivo e tamén fará que poida descansar algúns minutos máis. Porén, debería ser unha transición gradual, esta semana aínda parece unha opción moi atractiva contra a feble defensa do GBC. A semana que vén ten unha saída complicada a La Laguna, mais el adoita mellorar as súas prestacións lonxe de Burgos.
segundo banzo
segundo escalón
Aínda que no global da tempada o Baskonia sexa unha das mellores defensas dos pivotes, leva varios picos recibidos nas últimas xornadas e Balvin é un perfil de interior que pode facerlles bastante dano. O checo está nun bo momento, na casa mellora moito os seus números (case 17 de media) e xa na ida superou a quincena contra os vitorianos. A semana que vén ten partido para saírse: repite de local contra o GBC, peor defensa interior a domicilio. Moi interesante a dous partidos.
Tomic está nun bo momento (leva catro boas valoracións seguidas) e fóra da casa mellora os seus números. É un partido de esixencia (Canarias), así que debería ter minutos e protagonismo. Despois ten un partido de local contra unha das peores defensas interiores (Fuenla), mais aí o perigo é que Pesic lle dea descanso.
Brodziansky de local é un xogador máis consistente (case 18 de media) e o Murcia vén recibindo moita valoración interior. Non parece haber ningún xogador nos homes de Sito Alonso que poida deter os 210 centímetros do eslovaco. Apunta a pico. A única pega é a súa irregularidade. Despois ten unha saída complicada a Valencia.
Máis regular, inda que con menos probabilidade de pico (o seu perfil non é tan indefendíbel para o Murcia), temos ao seu compañeiro Llovet. 17 de media de local e un rival amigábel cos interiores rivais. Despois debería saír pola visita a Valencia.
Whittington é un xogador moi importante na ofensiva colexial. Ten unha saída moi favorábel a Fuelabrada, que concede moitísima valoración interior, e despois enfrontarase por segunda vez en cousa de mes e medio ao seu ex: Andorra, que tamén recibe moito por dentro.
Harangody volve repetir na listaxe. Xogador moi incómodo en defensa e un traballador incansábel. Apaña as bólas soltas e aproveita as boas posicións para anotar cunha suspensión tan efectiva como pouco estética. Leva un mes sen baixar da quincena e agora ten por diante dous rivais moi favorábeis.
terceiro banzo
tercer escalón
Voigtmann non está a valorar tanto como esperaba e parece que a chegada de Jones vaino descargar dalgúns minutos. O partido contra o Granca aínda lle é favorábel, co que pode aguantar unha xornada máis nalgúns equipos, pero a semana que vén na visita ao Real Madrid xa non parece unha opción tan interesante.
Fran Vázquez vén de facer a súa mellor valoración da tempada. Non será doado que volva superar a vintena, pero o Breo é unha defensa bastante permisiva e o chantadino superou a decena en 8 dos últimos 9 partidos.
Singleton pode facerlle moito dano a Abromaitis. De feito, na ida así foi: 30 (o seu tope da tempada). O problema con el é que fóra da casa baixa un pouco e sobre todo que é un xogador irregular. Queda como aposta de risco.
Se procuramos a diferenciación, Diagne ofrece unha bandeira interesante. Estivo a bo nivel nos seus últimos dous partidos e sempre superou a decena contra Penya des que está en Andorra (15.2 na ida). Ademais, de local os seus números medran de forma apreciábel. A mágoa con el é que rara vez chega aos 20 minutos de xogo.
Dous interiores do Andorra vólvense a enfrontar ao seu ex: Jordan e Shurna. O xamaicano non acaba de atopar regularidade, así que só o deberíamos ter en conta para cazaxornadas. Pola súa banda, John chega en boa dinámica: 3 partidos consecutivos superando os 14. Está lanzando con moita efectividade e aí, nos tiros abertos, é onde lle pode facer máis dano á Penya. Está a un prezo económico e pode darnos algúns cartos.
O Zaragoza na casa é unha defensa moi dura, polo que o ideal é vender esta semana a Brown. Porén, se non temos cambios abondo, é posible que acade a decena e a vindeira xornada ten un partido para pico na visita do Murcia.
fóra da listaxe
fuera de la lista
Só dous interiores acadaron a vintena este ano contra o Barça, o último hai dez xornadas. É posíbel que cumpra (12 na ida), mais cómpre darlle un descanso a Iverson se temos un cambio dispoñíbel. Lalanne está a facer bos partidos, e non descartaría que cumpra neste, pero o sensato é vendelo: o Valencia é unha defensa interior moi dura e aínda máis complicada na outra canastra, co que non sería de estrañar que o haitiano se meta outra vez en problemas de faltas (como na ida, onde quedou nun negativo). Poirier está a participar pouco no xogo ofensivo (nas cinco primeiras xornadas superou a decena de puntos tres veces; nas trece seguintes, dúas) e fóra non me ofrece moita confianza. Con Jones hai que agardar un pouco, a ver que nos pode ofrecer.
En Andrómenas a cousa tamén marchou ben, a pesar de ter no equipo tanto a Heurtel como a Jaime. O resto todo foron acertos, incluídos os dous bases máis valorados (Lapro e Fisher). Cheguei aos 219.8 puntos (tope da tempada para este equipo) que me permiten recuperar bastante do perdido a pasada: case 1200 postos gañados até o 7427º da xeral. Non paga a pena mirar o que me separa do Top 1000, porque segue a ser un mundo.
Pola situación de Llull cambio o plan orixinal. Como xa non o tiña no equipo, non representa un problema. Esa cuarta bandeira agora seguirá nas ás, sae Jaime e entra Eriksson. Tamén sae Heurtel e entra Ennis. No pivote manteño o que tiña pensado, entra Caner-Medley por Iverson. Sopesei a opción de dar entrada a Tavares como cuarta cota, mais prefiro non asumir a incerteza que implica a rotación do Madrid.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence a The Simpsons (Matt Groening, 1989-478943548712).