SuperManager x. 20: só queda rir

Balance

A décimo novena converteuse na máis complicada do que vai de curso, foi na que o gañador da xornada fixo menos puntos este ano (algo que se adoita dar nas primeiras, porque a limitación no broker complica as grandes puntuacións). Moitos dos xogadores que eran dúbida non chegaron, os que o fixeron case mellor que non estiveran (Abalde) e os descansos desta volta si que marcaron a semana (con Mirotic á cabeza). Pincharon opcións moi sólidas como Huertas, Hannah, Bassas, Balvin, Toko… e resucitaron xogadores que había moito que non o facían ben, como Beirán, Scrubb ou Okoye.

Na miña xornada xuntáronse todos os elementos (propios e alleos) para dicir adeus ás escasas opcións que puidese ter de facer unha clasificación pasábel este ano. No meu mellor arrisqueime a quedar con Mirotic para poder dar entrada a Booker (a última vez que non reservara un troco polo que puidese vir debeu de ser a outra vez que foi baixa Mirotic; a miña tempada está a ser unha cousa…). En canto se soubo da súa baixa, vendino en todos os equipos nos que o tiña (e dispoñía de troco ou podía anular algún), nos que non tiña a Toko, fixen o cambio automático dun polo outro, nos demais (que eran os mellor clasificados) vendino e deixei o sitio libre. Entón o xogo ía perfectamente, a saturación chegou un chisco máis tarde. A miña sorpresa desagradábel veu pola noite, cando quixen empezar a mirar posíbeis opcións para encher ese oco de Mirotic. Nos equipos nos que o vendera, pero non metera a ninguén aínda, volvía estar Mirotic (que xa xogara). Se só fose un equipo, a explicación máis sinxela sería que me quedara atrás. Como foron a metade (5) dos meus equipos (e cotexara un a un cos rexistrados no Rincón para ver que trocos podía desfacer), algún fallo estraño tivo que pasar aí durante a saturación (aínda que aparentemente ninguén máis tivo ese problema). Nin sequera quedou o consolo de aforrar un troco nesta (ao contrario, xa teño un cambio comprometido), porque Mirotic lesionouse na Euroliga. Haberá que procurar aínda que sexa loitar por unha xornada nesta tempada nefasta.

B

Huertas (6)

Bassas (4)

Hannah (6)

Cook (12)

Alocén (9.6)

Díaz (10)

A

Prepelic (20)

Booker (24)

Shields (21)

Bouteille (18)

Abalde (-3)

Díez (12)

Brizuela (0)

Ennis (14.4)

Rabaseda (-1)

P

Shermadini (28.8)

Shengelia (9)

Balvin (5)

Costello (16.8)

White (12)

Fall (3)

Polonara (11)

Kravic (21.6)

Brodziansky (18)

Eddie (-1)

Dubljevic (19)

Clark (1)

Rivero (3)

Selección

Os xogadores van ordenados segundo o grao de preferencia. A diferenza entre un xogador e o seguinte será moito maior cando haxa entre ambos un salto de chanzo. Resaltados van os que son cota e en vermello os que son extracomunitarios. Entre parénteses indícase se é troco gratis ao rematar a xornada.

B

Hannah

Huertas (g)

Bellas

Heurtel

Vives

Pérez

Llull

Bassas

Díaz

Colom

A

Ennis

Shields

Abalde

McFadden

Bouteille

Brussino

Deck

J. Fernández

Booker (g)

M. Garcia

Prepelic

Scrubb

Sy

Beirán

Todorovic

Harper

P

Shermadini (g)

Tavares

Shengelia

Kravic

Dubljevic

Brodziansky

Kravish

White (g)

Lima

Hlinason

Oriola

Czerapowicz

Estamos ás portas dunha nova xornada dobre da Euroliga, os descansos volven ameazar. Os xogadores do Murcia e os do Canarias darán troco gratis tras esta. A distribución das bandeiras volverá ser chave.

Obradoiro – Manresa

(1, 18:00)

@BAS, MUR | ZAR, @FCB

Nos bases a mellor opción do encontro semella estar no Manresa. Dani Pérez xa ten ritmo após a lesión, está a xogar moitos minutos, está a asumir protagonismo ofensivo polas baixas (aínda que estivo moi desacertado no lanzamento no encontro da Champions) e acadou a vintena na última visita a Compostela (co GBC). Co regreso do base catalán, o protagonismo de Cvetkovic reduciuse de forma considerábel. Nas ás é un encontro moi favorábel para o Obradoiro, que se enfronta á peor defensa. Entre os que aparecen como ás non hai ningunha opción sólida (podemos seguir xogando á opción Magee para cazaxornadas, aínda que o seu pico non acaba de chegar), pero o que si pode aproveitar esas facilidades é Czerapowicz, que está cos pivotes. Vén dun pico na vitoria contra o Valencia, na casa a súa media sube até achegarse á decena e foise aos 18 na ida. Kravish está a facer unha gran campaña e o Fontes do Sar é unha cancha moi hospitalaria cos pivotes (segunda defensa que máis recibe). Tanto Kravic como Brodziansky, igual ca nas últimas semanas, seguen a ser opcións sólidas (7 e 8 xornadas sen baixar da decena).

Zaragoza – Murcia

(1, 18:00)

@MAN, EST | GRATIS, @OBR

O Murcia mellorou a súa situación con dúas vitorias nos últimos tres. Non o terá doado esta vez. Só gañou un partido a domicilio este curso e de Zaragoza só conseguiron levar a vitoria a Penya e o Canarias. A dureza do encontro reduce moito as opcións nos de Sito, que serán troco gratis a vindeira. Booker ten unha saída moi complicada: o Zaragoza é a segunda mellor defensa de local e Askia baixa moito os seus números a domicilio. Aínda así é o líder do Murcia, vai xogar e tirar moito e o ano pasado acadou alí a vintena. Ese troco gratis téntanos para mantelo. En cazaxornadas podemos pensar na bandeira de Cate. O Zaragoza está a dar facilidades na posición de local, o romanés vén dun bo partido e fóra da casa aumenta de forma considerábel as súas prestacións. Nin Alocén nin San Miguel están a ser opcións sólidas, é difícil predicir cando van ter o día. Ennis é unha das ás principais esta semana. Na casa supera os 20 de media, atópase nun gran momento de forma e o Murcia dá bastantes facilidades na posición. Outro que está en forma é Brussino. O arxentino está a funcionar moi ben na casa (15.6 de media) e na ida foise á vintena. A baixa de Justiz (xa non o veremos máis este curso) está a repercutir de forma moi positiva en Hlinason, que fixo 13 ou máis nos tres encontros nos que non estivo esta tempada o cubano. Polo seu tamaño debería ter moita vantaxe sobre a defensa do Murcia. Radovic vén de ser o MVP da xornada, pero non adoita encadear boas valoracións.

Unicaja – Baskonia

(1, 20:30)

@BLB, RMA | OBR, @FUE

Un dos clásicos dos últimos lustros non se presenta, a priori, como un dos encontros máis atractivos para o SM. Jaime, que está a xogar a meirande parte do tempo de base, na casa é bastante máis fiábel (case 16 de media). Foi o mellor contra o Andorra na Eurocup e o Baskonia non está a ser unha defensa esixente no un. Na vindeira viaxa, pero faino á pista máis hospitalaria cos bases. Mesmo podemos manter a Díaz unha semana máis, na casa non adoita baixar da decena (fixo 12 ou máis nos últimos catro de local e acadou os 14 esta semana na Eurocup). A mellor opción no xogo exterior dos baskonistas segue a ser Shields. Acumula dez xornadas sen baixar da decena, está a xogar moitos minutos e o Unicaja fai máis concesións nesta posición. En Málaga, que foi a súa primeira casa na ACB, podería debutar Zoki Dragic cos de Dusko. Haberá que seguirlle a pista para as vindeiras xornadas porque sae a un prezo gorentoso. Por dentro só consideraría a Shengelia. Toko non está no momento máis alto da tempada, pero non ten substituto (xoga máis minutos ca ningún outro xogador da ACB), vén de ser o mellor dos seus na Euroliga e a súa bandeira aínda é máis valiosa esta xornada. Despois ten un encontro moi favorábel de local.

Fuenlabrada – Gran Canaria

(1, 20:30)

@JOV, BAS | FCB, @AND

Paco García debutará co Fuenlabrada contra un Gran Canaria que puxo fin á súa xeira de 3 derrotas consecutivas cunha malleira ao Bilbao Basket. Bellas na casa é unha das bandeiras máis sólidas: case 17 de media e só baixou da decena contra o Barça; na ida contra os insulares fixo 14. Non ten mala saída a vindeira a Badalona (21 na ida). O encontro é moi favorábel nas ás, ambos equipos son moi amábeis na posición. Os que queiran asumir riscos poden pensar nun Harper ao que non se lle están a dar mal as defensas amábeis (17 de media); é un xogador moi irregular. Despois de bastantes semanas a mal nivel, Beirán resucitou cun pico. Paréceme cedo para pensar nel en equipos da xeral (fóra adoita baixar bastante), pero non hai moita alternativa en canto a cotas. Gústame máis como bandeira neste partido a de Marc Garcia. É o xogador de máis talento ofensivo do seu equipo; se queren saír desta xeira interminábel de derrotas (van xa 10), deberán apostar por el (rozou a trintena no último de local contra o Barça). Está en case 13 de media na casa e na ida foise aos 26. Costello acumula sete semanas sen baixar da decena, pero fóra da casa non me parece das opcións máis atractivas (12 na ida) e despois recibe a visita do Barça.

Madrid – Joventut

(2, 12:30)

BET, @UNI | FUE, @CAN

Un dos grandes clásicos da ACB non se presenta moi igualado desta volta. Na Euroliga volvemos ver a mellor versión dos de Laso após unha mala xeira e os de Duran deixaron nunha ampla derrota en Turquía boa parte das súas opcións de clasificación na Eurocup. Na Penya, que acaba de fichar a Wroten, o único xogador de interese esta semana é Prepelic. O esloveno regresa a Madrid coa motivación de deixar unha boa imaxe que o axude a regresar o ano que vén. A semana pasada volveu acadar a vintena antes de ser expulsado por un xesto irrespectuoso, outro máis, dedicado aos árbitros (esta semana publicou unha nota de desculpa). Estivo moi mal en Turquía na Eurocup. A decisión de mantelo ou darlle descanso vai ser unha das máis relevantes da xornada. Se non temos problemas de trocos, non semella mala idea vendelo nesta (e recuperalo na vindeira) contra a defensa máis dura da posición. Aínda así, na ida quedou en 13 e se ten o día pode valorar ben contra calquera. Non é unha das ás principais esta semana, mais tampouco é venda obrigada (só baixou da decena contra o Barça nesta ACB). No Madrid temos o problema dun cadro amplísimo ao completo, un encontro moi desigual e unha dobre xornada da Euroliga por diante. Laso non parece polo labor de dar descanso a Campazzo (a pesar de que é un dos xogadores chave do equipo e leva moita carga de partidos), así que podemos quedar con el contra unha das defensas máis amábeis (á hora de fichalo, agardaría a que se confirmase que vai estar). Se Campazzo descansase, Laprovittola sería unha opción destacada contra o seu ex. Llull na casa está máis sólido (véñenlle dous seguidos contra rivais propicios) e debería xogar para seguir collendo ritmo. Se Deck está (debemos ter en conta que pode haber descansos, o mellor é ter preparado un plan B), tamén debería facelo moi ben por terceira semana consecutiva. Contra un equipo cun só pivote, con dúas xornadas de Euroliga por diante e contando cun xogo interior interminábel, o lóxico sería que Laso dese descanso a un Tavares que o xogou todo no que vai de curso e que non ten substituto. Porén, Laso non opera neses parámetros (e mal non lle está a ir). Se o caboverdiano xoga, parece a mellor bandeira nos pivotes: máis de 20 de media de local e o rival non ten argumentos para detelo. En función da convocatoria (se non activan a ficha de Randolph ou se Deck descansa), pode ser boa opción tamén Thompkins (ou o propio Randolph se ocorre o contrario).

Betis – Burgos

(2, 12:30)

@RMA, BLB | AND, @VBC

O Betis dá facilidades no un, podemos quedar con Bassas unha semana máis a pesar do tropezo da pasada (na ida foise á quincena contra os sevillanos). Os de Curro Segura acaban de incorporar un dos xogadores que poden marcar esta segunda volta do xogo: Erick Green. Deixara moi boas sensacións hai dúas tempadas no Valencia e nun equipo no que vai ter todo o protagonismo pode saírse. É arriscado pensar nel para esta xornada, haberá que ver en que forma chega (e na vindeira vai a Madrid), pero se queremos arriscar… Unha das principais opcións esta semana é McFadden. Fóra da casa case dobra os seus números até os 17 de media (eses 17 son o seu chan nas últimas 4 saídas) e desta volta enfróntase á peor defensa de local. Por dentro parece interesante a bandeira de Lima. O brasileiro mellora de visitante (máis de 15 de media) e o Betis non é unha defensa esixente.

Andorra – Estudiantes

(2, 17:00)

@BUR, FCB | VBC, @ZAR

Eliminado xa da Eurocup, o Andorra pode centrarse na ACB. O Estu amosou unha cara moi diferente no debut de Zamora no banco e volveu gañar após catro derrotas consecutivas. O Andorra é unha defensa moi esixente, só afrouxa nas ás. Aí é onde vimos a resurrección de Scrubb coa chegada do novo adestrador. Aínda non podemos saber se só foi unha casualidade, pero pode resultar interesante para os que queiran arriscar. Hannah está a amosar versións moi diferentes fóra e na casa (nos tres últimos de visitante está en 5 de media e nos tres últimos de local en 28). Semella a opción máis atractiva esta semana nos bases contra un Estu que dá facilidades na posición (16.8 na ida). Se procuramos unha bandeira barata nas ás, podemos pensar nun Todorovic que acadou a quincena na ida, roldouna na última xornada e volveuna lograr esta semana na Eurocup contra o Unicaja. Porén, está lonxe de ser regular este curso. Sy atravesa un gran momento: leva dous seguidos na vintena e debería impoñer o seu físico contra o Estu. Por dentro non vexo opcións destacadas, o Andorra defende vén a posición e Musli non acada a vintena dende a 13ª (e incuso semella que pode regresar xa Diagne).

Canarias – Barça

(2, 18:30)

GRATIS, JOV | @GCA, MAN

Os xogadores de Vidorreta están presentes en moitos equipos e a semana que vén serán troco gratis… o malo é o rival. No Barça a súa longa rotación complica as eleccións. Se Delaney seguise coa ficha desactivada, Heurtel non pinta mal se queremos arriscar nalgún equipo (pero é unha opción de demasiado risco para equipos ben colocados na xeral). Entrou con bo nivel nos dous primeiros partidos trala lesión e se repite a actuación da semana pasada subirá cento trinta mil (os mesmos que baixará se non ten un bo partido). A baixa de Mirotic é moi probábel após mancarse na Euroliga (edito: ollo, ao final viaxou, e non creo que sexa para facer turismo). Iso abre unha porta á bandeira de Oriola. Está xogando a bo nivel nas últimas semanas e sen Mirotic no equipo mellora moito a súa achega (de 7 a 19 de media). O gran problema con el é que fóra da casa baixa moito (os dous encontros sen Mirotic foron de local) e véñenlle dous seguidos nas Canarias. O máis interesante está nos de La Laguna. Huertas volveu pinchar a pesar dos 8 pases de canastra, acumula un 0-9 en triplas nas dúas últimas xornadas. A favor ten que está a ser o mellor base do curso para o xogo, na ida acadou 13 na derrota no Palau, estivo a gran nivel no cuarto de hora que xogou na Champions e déixanos un troco gratis a semana que vén. Pola dureza do rival non é un fixo esta semana, mais non creo que haxa tantas alternativas fiábeis como para gastar un troco en darlle saída. Coido que o deberiamos ver na quincena. Díez é dúbida para esta xornada, podemos descartalo como fichaxe; ademais, non pinta demasiado ben pola súa redución de minutos. Como tampouco hai moitas bandeiras sólidas nas ás, podemos agardar polas novas sobre o seu estado se xa o temos. Con Shermadini non hai ningunha dúbida, na casa é unha máquina, non baixou dos 25 en todo o curso, e iso que xa pasaron por aí o Madrid e o Baskonia. Fixo. Tampouco é venda obrigada White. Ten unha suba doada do máximo, acoplouse rápido ao equipo e rendeu moi ben contra o Barça cando estaba no Zalgiris. Podemos mantelo nos equipos con necesidades monetarias.

Valencia – Bilbao

(2, 20:00)

@EST, BUR | UNI, @BET

O Valencia recuperou sensacións trala derrota en Compostela cunha nova vitoria na Euroliga e o Bilbao chega após deixar a peor imaxe do curso en Gran Canaria e coa baixa de Brown para uns meses. Na Euroliga lesionouse Van Rossom, unido á moi permisiva defensa bilbaína no un (e despois teñen o Estu, segunda peor de local), déixanos un panorama interesante para incluír unha bandeira do Valencia nos bases. Tanto Vives como Colom semellan eleccións interesantes. Guillem é unha opción máis sólida (12 de media de local, superou a quincena nos últimos catro partidos na casa) e Quino a de risco: ten máis opcións de dar un pico se está inspirado (vén dun 19 en só 13 minutos contra o PAO) e moitas máis posibilidades de pinchar (na metade dos seus encontros este ano fixo 5 ou menos). Nas ás Bouteille segue a ser moi boa opción, adoita crecerse na pista dos grandes (28.8 contra o Madrid e 25.2 contra o Barça). No Valencia, a pesar do negativo da semana pasada (é evidente que chegou moi xusto), a mellor opción volve ser Abalde. Xa recuperado, foi outra vez o xogador máis importante do Valencia tras Dubi na vitoria contra os gregos na Euroliga, selou o triunfo anotando as dúas últimas canastras do partido. Está nun momento de forma espléndido, o Valencia segue contando coa baixa de Loyd e na casa está en 14 de media (hai que ter en conta que non comezou ben o curso). Despois non ten mala saída na visita ao Estu. Dubljevic acumula cinco semanas sen baixar da decena e volveu estar a un nivel superlativo na Euroliga. Na ACB adoita reservarse máis e a vindeira hai xornada dobre europea. Aínda que garde, debería chegar sen problemas á quincena (está en máis de 17 de media de local). Balvin foi unha das grandes decepcións da xornada nun Bilbao Basket moi pobre. Non é que estivese mal en ataque, é que nin sequera participou do xogo ofensivo (tirou unha soa vez) e só xogou 16 minutos. Estaba a ser un dos pivotes máis sólidos desta edición, non sería de estrañar velo outra vez na quincena, pero cun rival da entidade de Dubi, a incerteza sobre os minutos que vai disputar e se Mumbrú o vai a usar en ataque, o mellor é darlle descanso (despois volverá ter un encontro moi duro contra o Unicaja).

O equipo do blog

En Andrómenas como non tiña a Toko, puiden vender a Mirotic e o sistema non me reseteou o troco. Serviu de ben pouco: 16 puntos entre todos os bases, o negativo de Abalde, o tropezo de Balvin… Superado o ecuador do xogo fixen unha puntuación propia da primeira xornada: 117.8 puntos. E iso que cos trocos gañei puntos (13.8) no canto de perdelos como na pasada. Baixo, unha vez máis, unha morea de postos: case 700 até o 3732º da xeral. Algunha xornada terá que saír algo ben, aínda que sexa de potra.

Polo de agora fago só dous trocos. Sae Balvin e entra Tavares e Ennis ocupa o sitio de Díez.


Material gráfico utilizado: a imaxe da cabeceira pertence ao filme The Man Who Laughs (Paul Leni, 1928).