Última xornada antes dun descanso de tres semanas para a disputa da Copa e os partidos de clasificación para o Eurobasket. O bo ou mal sabor de boca que deixe este semana será prolongado. A proximidade da Copa pode facer que os participantes reserven algún dos seus xogadores.

Balance da 19ª xornada

O horror. Outra vez puntuacións moi altas e peor xornada da tempada no persoal. Baixo máis ca nunca no meu mellor equipo: 28 postos que me deixan fóra do Top 50 —51º da xeral— por vez primeira dende a segunda xornada. Fixen 207.2 puntos e inda menos mal que levaba no equipo aos dos xogadores máis valorados da semana, a caída podería ter sido moito maior. Os puntos fóronse en Eyenga, nunha xornada de puntuacións altísimas nas ás, Heurtel, outro desastre no desastroso Barça de Sito, e Pleiss, nun partido no que o Betis non esixiu nada do Valencia. Tavares tamén defraudou, mais supoño que tería bastante presenza. No resto de equipos foime cando menos tan mal, agás nos que estaban máis lonxe na xeral.

Bases

Doncic (15)
Heurtel (4)
Jaime (13.2)
Hannah (10)
Cook (15.6)
McCalebb (15.6)
Laprovittola (14)
Granger (10.8)
Chery (26)

ÁS

Ponitka (28.8)
Soko (12)
Eyenga (8.4)
San Emeterio (26.4)
Landesberg (36)
M. Thomas (23)
Neal (39.6)
Hanga (7)

Pivotes

Shengelia (24)
Norel (17)
Tavares (8)
Pleiss (13.2)
Pustovyi (11)
Jordan (25)
Shermadini (20.4)
D. Thomas (20)
Saiz (12)

O problema da listaxe estivo sobre todo na orde, obviando iso podíanse facer moi bos equipos cos xogadores propostos. No artigo da semana pasada incluso apuntaba sorpresas como Doornekamp ou Beaubois que deron pico. A análise sálvase, non así a forma de ordenar os xogadores, que merece un bo suspenso.

Selección da 20ª xornada

Primeiro a selección, tal como foi nos últimos tempos deberiades prestarlle escasa atención, e despois a análise. Se algunha baixa mudar as cousas, avisarei no meu Twitter e actualizarei o artigo.

Bases

Doncic
J. Fernández
Chery
Heurtel
Hannah
Laprovittola
McCalebb
Campazzo

ÁS

Neal
Landesberg
Ponitka
Green
Soko
Beaubois
Popovic
Mumbrú
San Emeterio
Eyenga
M. Thomas
Blazic
Seeley
Hanga
Martínez

Pivotes

Shengelia
Pustovyi
Norel
Sanè
Dubljevic
Jordan
Brown
Tavares
Thompson
Shermadini
Tomic

Bases

Vimos dunha das xornadas máis complicadas para os bases, como xa anticipara, na que apenas houbo opcións populares por riba da vintena. Esta si que nos ofrece algunhas opcións con pico probábel e algún habitual con partido complicado.

primeiro banzo

Nin o rival —o Canarias é a mellor defensa fóra da casa— nin o 15 da semana pasada abondan para dubidar de Luka Doncic, que vén de facer un 33 na Euroliga.

Jaime Fernández ten un partido moi favorábel esta semana contra a Penya. O Joventut é unha das defensas máis permisivas cos bases contrarios e xoga en Andorra, onde a súa media sitúase por riba dos 18. É un seguro: leva 13 das últimas 14 xornadas superando os 10 de valoración. Á volta destas semanas de descanso, xa deberíamos pensar na súa venda: viaxa a La Laguna para enfrontarse a unha das mellores defensas dos bases.

segundo banzo

O único que nos podía botar para atrás con Kenny Chery esta xornada era o seu baixo nivel como local: 7.1 de media. No último partido á fin conseguiu render na casa: 26 de valoración, primeira vez que superaba os 15 en Donostia. Roto ese maleficio, non hai obstáculo para pensar nel: está no mellor momento da tempada, vén de superar os 25 nas últimas dúas xornadas —con 24 puntos cada partido— e enfróntase a unha defensa moi favorábel —Zaragoza—. A seguinte tamén ten un rival propicio: Bilbao Basket fóra da casa —terceira peor defensa dos bases—.

O francés Thomas Heurtel gañouse a pulso nas últimas xornadas a perda de confianza dos managers cun tope de 16.8 no último mes e dúas delas non chegou á decena. Para esta semana hai un cambio substancial que pode supoñer un cambio de dinámica: Sito deixou de ser o seu adestrador. No primeiro partido tralo cese de Alonso, co interino Julbe ao mando, valorou 23 no partido da Euroliga. Esta fin de semana estará xa o novo adestrador: Pesic. Non é de esperar que a súa importancia no equipo vaia descender, non hai alternativa de peso nos bases. Así que o partido contra o Bilbao Basket no Palau, defensa máis favorábel a domicilio, semella un partido propicio para que volva superar a vintena —27.6 na ida—. O Barça ten que amosar ante a súa afección que a tempada non está perdida. A seguinte xornada ten un partido complicado en Murcia.

Clevin Hannah enfrontábase a un partido complicado a última xornada —tamén o tivo a anterior— e fixo a peor valoración dos últimos 10 partidos —un 10—. Non xogou na Champions, mais non foi porque se atope con problemas físicos, senón porque Ibon Navarro lle deu descanso. Non ten mala xornada por diante para regresar aos seus números ante o Obra en Santiago, as viaxes séntanlle ben: 18.7 de media lonxe de Murcia. Á volta terá un partido moi difícil na casa contra o Barça —3.6 na ida— e por iso cae ao segundo chanzo.

Nos dous partidos que leva Laprovittola na Penya está a absorber moito xogo: 20 puntos en ambos e máis de 25 minutos de xogo para un 15 e un 14 de valoración. Agora, xa sen Ocampo, haberá que ver se con Duran goza da mesma carta branca para asumir a responsabilidade da ofensiva verdinegra. O rival da xornada, Andorra, é unha das defensas máis permisivas cos bases rivais e o seguinte é incluso máis favorábel, enfróntase en Sevilla á defensa que máis recibe dos bases na casa.

terceiro banzo

Bo McCalebb non cumpriu as expectativas a última xornada co 15.6. Esta semana ten o peor rival posíbel: o GBC é a mellor defensa dos uns na casa —ningún base superou alí a vintena en toda a tempada, e só un os 15: Jaime Fernández, e co bono; como dicía a semana pasada—. Así que non semella o mellor momento para ir con el, mais pola súa importancia nos maños mantense na listaxe.

Cando o Facu Campazzo xa semellaba quedar á marxe dos bases importantes para o SM, volveu aparencer con forza: catro das últimas 5 xornadas por riba da decena e 24 e 32 nas dúas últimas. Mais eses grandes partidos chegaron contra defensas accesíbeis, agora que se enfronta á mellor defensa a domicilio dos uns, non parece o mellor momento para apostar por el se non o tiñamos xa no equipo —no partido de Euroliga quedou en negativo contra o Olympiacos—. Entra na listaxe por ese bo momento en ACB e porque na ida sumara un 24, pero hai opcións que ofrecen maior fiabilidade.

fóra da listaxe

Albicy pode ser unha boa opción para cazaxornadas: o Joventut é unha defensa favorábel e o base francés sempre ten máis opcións de facer un pico na casa, onde case dobra a súa valoración.

Ás

A semana pasada foi chave acertar coas ás. Varios xogadores importantes deron pico. Nesta hai bastantes opcións a ter en conta.

primeiro banzo

O cambio de adestrador —Cargol seguirá cando menos esta semana no banquillo maño— sentoulle tan ben a Gary Neal como ao propio Zaragoza —que volveu gañar moitas xornadas despois—. Fixo o seu tope da tempada tanto en anotación como en valoración —39.6—. O rival desta semana, GBC, é moi favorábel. O regreso á capital aragonesa contra o Baskonia á volta tamén semella un partido propicio. Camiño de se converter en fixo.

Sylven Landesberg aproveitou o calendario para sumar de forma consecutiva un 19 e un 36. O que vén é inda máis interesante, xoga na casa contra o Betis, peor defensa das ás. Xa na ida fixo un 28.8. Ten que estar nos equipos. Á volta xoga outra vez na casa contra o Unicaja, como xa dixen, os equipos de Euroliga en Madrid non se lle deron nada mal.

Ponitka ten un partido difícil contra o Madrid —13 na ida—, mais é dos xogadores que poden facer un pico contra calquera. Desprendernos del suporía un risco e comprometeríamos un cambio futuro —a seguinte xornada recibe o Andorra, que non é unha gran defensa das ás fóra da casa—.

Gústame moito esta semana Erik Green. Enfróntase a un dos mellores rivais posíbeis, o Burgos —25.2 na ida—, e vén dun 28.8 na última xornada e un 23 na Euroliga. Se alguén descansa de cara á Copa, non parece que vai ser el. O único que pode sementar dúbidas son as súas últimas saídas: -4 en Santiago e -2 en Vitoria.

segundo banzo

Ovie Soko após unha semana con problemas de saúde, que incluso o levaron ao hospital, fixo un 12. Non estivo mal para as súas circunstancias, mais nunha xornada con grandes picos nas ás penalizou aos que se arriscaron con el. Acumula xa 7 xornadas por riba de 10 —5 delas roldando ou superando a vintena—. O partido contra o Obra élle favorábel, os santiagueses non son unha gran defensa interior e este ano xa concederon varios picos aos catros. Na ida, en Murcia, fixo o seu tope da tempada. O seu tope negativo: -7. Non é representativo do seu momento e rol actual. Despois ten un partido moi complicado contra o Barça.

Non debemos perder de vista a Rodrigue Beaubois. O anotador francés está nun gran momento e sube as súas prestacións na casa, onde a súa media medra máis de 6 puntos ata situarse por riba dos 17. Vén do seu tope contra o Barça, tamén en Vitoria, e enfróntase ao Unicaja, que é unha defensa media das ás.

Un dos homes da xornada foi un Marko Popovic que regresou varias xornadas despois —tras catro partidos sen chegar aos 15 de valoración— ao seu mellor nivel: 33.6 —máximo da tempada—. Haberá que ver se repite esa cara contra o Granca, que é unha defensa media, ou se o vemos como nos partidos anteriores.

Alex Mumbrú sorprendeu coa mellor valoración da tempada —26— na última xornada. Esta enfróntase a un Barça que está a conceder picos cada semana nas ás e contra os que xa fixo un 18 na ida.

San Emeterio recompensou aos que confiaron nel cun 26.4 en só 17 minutos de xogo. Por aí, polos minutos e os problemas de xeonllo que arrastra, poden xurdir as dúbidas con el. Na espectacular vitoria desta semana ante o CSKA, só xogou 12 minutos nos que valorou un 0. O rival é moi favorábel, o Burgos, co que podería volver repetir unha gran valoración en poucos minutos, mais tamén, coa inminencia da copa, non sería de descartar que o reserven. A min espértame dúbidas.

Unha das grandes decepcións da xornada foi Christian Eyenga. Viña no seu mellor momento, o rival era accesíbel e seguiu a xogar moitísimos minutos —35—. O 8.4 está moi lonxe do que se esperaba del. Mantense na listaxe por esa boa dinámica que traía, todos os minutos dos que dispón para sumar e porque na casa os seus números medran 5.38 de valoración media. A do Granca é unha defensa exterior media. A seguinte xornada será en Santiago.

Esta xornada Matt Thomas non é tan boa opción como a pasada. Enfróntase en Compostela a un Murcia que é das mellores defensas das ás. O estadounidense está en bo momento e pode cumprir —a súa media na casa é de case 17.5—, así que os que xa o tivesen poden pensar en mantelo se teñen cambios máis urxentes, por iso entra na listaxe, mais a xornada ofrece opcións máis gorentosas.

terceiro banzo

Jaka Blazic baixa case 5 puntos e media a súa valoración na casa, polo que non adoita entrar na listaxe nos seus partidos como local —vén dun 10.8 na vitoria en Andorra contra o Madrid—. Mais o rival, o Joventut, é un equipo favorábel —21 na ida—. A próxima xornada vai fóra, inda que será contra un rival difícil, o Canarias.

Se procuramos diferenciármonos, D. J. Seeley é unha gran opción. O xogador do Granca superou tres veces nos últimos cinco partidos a vintena e vén dun 25.2 en Donostia e un 21 na vitoria contra o Darussafaka na Eurocup. A baixa de Eriksson debería favorecer un aumento nos seus números.

Adam Hanga xa estivera a semana pasada neste terceiro chanzo como opción de risco, mais non cumpriu as expectativas cun 7. No primeiro partido post-Sito, na Euroliga, rematou en 18. O Bilbao é das peores defensas das ás —16.8 na ida—, así que pode ser unha opción para cazaxornadas e equipos que procuren saírse das opcións máis populares.

Rafa Martínez segue coa súa boa liña cando o Valencia non está con dous bases dispoñíbeis —igual regresa Sergi García xa esta fin de semana—. Fixo un 18 a última xornada e un 23 no partido da Euroliga. O Burgos é unha defensa exterior propicia, tanto para os bases como para as ás, mais a súa baixa media fóra da casa —7 de valoración— descéndeo ao terceiro banzo.

fóra da listaxe

Entre as opcións arriscadas, tendo en conta o bo partido que se lle presenta ás ás do Valencia Basket, podemos contemplar a Alberto Abalde, que vén de sumar 16 na Euroliga contra o CSKA en case media hora de xogo.

Pivotes

Os pivotes non nos ofrecen tantas boas opcións e incluso hai motivos para dubidar de algúns dos habituais.

primeiro banzo

O Unicaja é a mellor defensa interior como visitante. Tanto ten. Shengelia é fixo.

O Murcia non é unha das mellores defensas ás que se enfrontar, mais Artem Pustovyi xa salvara o partido da ida —fóra— cun 15.6. Xoga na casa, onde medran as súas prestacións, nas últimas xornadas a súa media de minutos sitúase por riba dos 30 e o Murcia non semella ter un perfil interior para facerlle fronte. Se consigue recibir preto do aro, debería ter moita vantaxe. Á volta repite en Santiago contra o Fuenla, que é unha das peores defensas interiores a domicilio.

Comezamos a dubidar de Norel? Pois un chisco si. Nas últimas tres xornadas, hai ata 19 pivotes que o fixeron mellor ca el. Vén dun 17 en 29 minutos. Enfróntase a un Zaragoza que non é dos peores clientes e contra o que xa superara a vintena na ida, ademais ten a motivación de que é o seu ex. A min ségueme a parecer boa opción, e, se salva esta xornada, o descanso de tres semanas vaille vir moi ben para recuperarse dos seus problemas físicos, así que á volta se cadra volvemos ver a súa mellor versión. Tampouco deberíamos temer ir sen el.

De onde saíu Landing Sanè? Sen facer ruído, aterrou en Andorra como recambio temporal un descoñecido pivote francés. Os seus dous primeiros partidos foron segundo o esperado: 2 e 3 de valoración. Mais cos 26.4 do terceiro fronte ao Barcelona cambiou a historia, 18 en Fuenlabrada —cunha soa tripla anotada— e 36 —co bono— na vitoria contra o Real Madrid —6 de 10 en triplas—. A posición de catro é na que a Penya está a ter máis problemas, así que semella o momento de ir con el. A mostra é moi pequena, porque Sanè leva moi pouco tempo na liga e os antecedentes non apuntaban a que puidese xogar a este nivel, así que risco hai. Mais resulta moi gorentoso e o feito de que o día do Fuenla cumprise sen ter un enorme acerto no tiro, é bo síntoma. Nas tres últimas xornadas só Shengelia leva máis valoración media ca el e na casa anda por riba da vintena de media. Se temos problemas de cartos, cobra inda maior interese: está moi barato e subirá o máximo durante semanas e semanas.

Bojan Dubljevic regresou para o partido de Euroliga e fíxoo a gran nivel: 23 de valoración en 19 minutos. Esta semana enfróntase en Burgos á peor defensa dos pivotes —26.4 na ida— e non lle virá mal coller ritmo de competición para a Copa. Parece unha das opcións máis interesantes da semana, a única pega é que a súa media lonxe de Valencia non chega aos 11 de valoración.

segundo banzo

Jerome Jordan vén da súa mellor valoración sen contar o bono —25— no último partido de Ocampo como técnico da Penya. Agora, con Duran, espero que sexa un xogador inda máis interesante para o SM. O partido en Andorra non lle debería vir mal —25.2 na ida—, aínda que a defensa interior dos de Peñarroya mellorou moito tras recuperar o xogo interior: só concedeu 10 de valoración a todo o xogo interior de Madrid na última xornada. Á volta viaxa a Sevilla, o Betis é a peor defensa interior no global, mais mellora moito a súa defensa interior xogando como local.

A xornada está para Alec Brown. O Betis está a permitir picos dos catros semana tras semana —e incluso empeora a súa defensa interior fóra da casa— e o do Estu vén dun 19.2 contra a Penya. Con el xa sabemos o que hai, se lle entran os tiros, haberá pico seguro; se non, non se pode descartar nin o negativo. Con toda a cautela que merece, semella que esta semana si.

Cando podiamos empezar a pensar en Edy Tavares como fixo, decepcionou cun 8 —nun partido no que empezara a fume da carozo, acadando a ducia en poucos minutos— e na Euroliga estivo outra vez por debaixo da decena: 4 de valoración en 25 minutos e só 2 rebotes. Un xogador da súa altura debería coller os rebotes case sen querer, se entre estes dous últimos partidos do seu equipo só capturou 3, algo falla aí que nos esperta unhas dúbidas lexítimas. Que Tavares veremos, o dominante das semanas anteriores ou o destes dous últimos choques que nin sequera rebotea? Para ben ou para mal pode ser un dos xuíces da xornada. Ao seu favor ten que é o interior do Madrid que xoga máis minutos con diferenza e que nun bo día sabemos o que pode chegar a dar.

terceiro banzo

A media como local de Deon Thompson é de 19 de valoración e xa na ida fixérao ben contra o Valencia —22—. Nunca acerto con el e non o vou levar esta xornada, así que…

O caso de Gio Shermadini é complicado. A pesar do cambio de rol en Málaga, está a ser dos pivotes máis valorados da tempada e vén dun 20.4 na última xornada. En Euroliga, emporiso, volveu estar discreto cun 9 de valoración, nun partido no que Augustine fixo 25 en máis de 27 minutos de xogo. Esta xornada ten unha saída complicada a Vitoria: os seus números baixan de forma apreciábel lonxe de Málaga e non é estraño que en partidos coma este Plaza lle dea máis minutos e importancia ao pivote norteamericano. Na ida fíxoo ben, en Málaga, cun 24, mais na visita a Vitoria da Euroliga, quedouse nun 1. Entra na listaxe pola súa traxectoria. Eu non o terei en conta para os meus equipos.

Sen Sito volverá o mellor versión SM de Ante Tomic? Á hora da arriscar, non é mal nome.

fóra da listaxe

O regreso de Dubi saca da listaxe aun Pleiss que xa decepcionara a semana pasada, eu non descartaría unha boa actuación en Burgos, incluso pode ser boa opción para cazaxornadas, mais xa non podemos pensar nel nos equipos da xeral. Doornekamp vén de pico, mais fóra da casa baixa case dez de valoración os seus números, así que non é opción. No último mes de Sito á fronte do Barça vimos o Oriola máis regular, con catro partidos en torno aos 20 de valoración. Esta semana en Euroliga só fixo un de valoración e nin sequera anotou, mais non é estraño, porque en Europa os dous partidos anteriores nin valorara. Vexo demasiadas incógnitas coa chegada de Pesic como para pensar nel alén de cazaxornadas.

O equipo do blog

Con Andrómenas conseguín un megacombo para rematar con 179.6 puntos que me fixeron descender case 840 postos ata o 2187º. Xa me podo esquecer do Top 1000 durante unha boa tempada.