Balance da 20ª xornada

A miña memoria non é a máis fiábel, mais des que levo a xogar ao SuperManager só lembro unha xornada de máis valoración ca esta. Non sabería nin dicir en que tempada foi, mais si que houbo moitos equipos que superaron os 300 puntos, incluído o meu —e non quedei nin preto de gañar a xornada—. Esta non foi para tanto, mais chegoulle ben. Os 289 puntos no meu mellor chegaron após a peor xornada do ano que me deixara incluso alén do Top 50. Gañei 30 postos para ascender do 51º ao 21º da xeral. Foi moi boa xornada para os meus equipos.

Ah, si. No SM da Copa non puiden rematar entre os 50 primeiros, mais si meter un par de equipos no Top 100 —96º e 100º—. Nunca rematara tan arriba; de feito, non adoito participar no SM da Copa. O do blog quedou o 2237º.

Bases
Doncic (16.8)
J. Fernández (22.8)
Chery (20)
Heurtel (21.6)
Hannah (2)
Laprovittola (7)
McCalebb (16.8)
Campazzo (28.8)
ÁS
Neal (54)
Landesberg (40.8)
Ponitka (-1)
Green (27.6)
Soko (20)
Beaubois (18)
Popovic (9)
Mumbrú (11)
San Emeterio (22.8)
Eyenga (11)
M. Thomas (18)
Blazic (15.6)
Seeley (18)
Hanga (9.6)
Martínez (0)
Pivotes
Shengelia (33.6)
Pustovyi (28.8)
Norel (32)
Sanè (2.4)
Dubljevic (22.8)
Jordan (26)
Brown (4.8)
Tavares (12)
Thompson (21)
Shermadini (23)
Tomic (24)
O saldo é moi positivo. Acertei ao poñer catro bases por riba de Hannah, tamén coa inclusión de Green no primeiro banzo e o único erro grave foi o de elevar a Sanè ao primeiro nivel, inda que avisaba que era unha opción de risco —que evitei nos meus mellores equipos—. Ben, moi ben.

Selección da 21ª xornada

Selección dos xogadores interesantes listados por orde de preferencia e despois a explicación. Se algunha circunstancia mudar as cousas antes do peche de cambios, avisarei no meu Twitter e actualizarei o artigo.
Bases
Doncic
Campazzo
Chery
Jaime
Heurtel
Laprovittola
Granger
Huertas
ÁS
Neal
San Emeterio
Ponitka
Landesberg
Beaubois
Popovic
Ribas
Mumbrú
Pivotes
Shengelia
Norel
Dubljevic
Pustovyi
Kelly
Jordan
Tomic
Thompson
Voigtmann
Vázquez
Tavares
A de regreso non semella que vaia ser unha xornada doada. Os tres cambios quedan un pouco escasos, hai algún ilustre que é dubida para a xornada e as bandeiras volven ser un ben escaso.
Bases
Esta xornada perdemos un dos bases máis levados e que viña dun 28.8, Bo McCalebb deixa o Zaragoza por cuestións persoais. Semella haber tres opcións que destacan sobre as demais.

primeiro banzo

Estamos a ver unha versión máis terreal de Luka Doncic, inda así, a súa bandeira e a súa capacidade para irse por riba da trintena en calquera partido seguen a facer del un fixo.
A defensa do Burgos invítanos a ir con ambos bases madridistas. O Facu Campazzo estaba moi ben antes de que a liga parase, estivo impresionante en dous dos tres partidos da Copa e volveu superar a vintena no partido de Euroliga contra o Barça. Está todo de cara para que supere os 20 por cuarta xornada consecutiva e non sería de estrañar que incluso puidese superar a trintena. 28.8 na ida. A semana que vén viaxa a Barcelona, co que ten dous precedentes recentes moi favorábeis. Hai que procurarlle sitio nos equipos.
Kenny Chery vén en gran momento, tres xornadas por riba da vintena, e esta ten no Bilbao Basket un rival xentil. Ademais, Chery funciona moito mellor lonxe de Donostia. Na ida fixo un 15, pero agora está a ser moito máis importante no equipo que entón. A semana que vén repite fóra da casa, inda que contra un rival bastante máis complicado: Unicaja —-4 na ida—. Para esta fin de semana pinta moi ben. A dúas, non tanto.

segundo banzo

Jaime Fernández ten ao seu favor a fiabilidade na que está instalado nunha saída complicada a La Laguna —baixa máis de 6 de valoración fóra—. Na ida, na casa, tivo unha grande actuación: 27.6. A semana que vén volverá xogar fóra, inda que será contra un rival máis amábel: Betis. Creo que é pouco probábel que dea un pico, mais debería cumprir por riba da decena. A súa bandeira segue a pesar moito.
O flamante MVP da Copa, Thomas Heurtel, enfróntase ao equipo contra o que fixo o seu tope de valoración este ano: 30. A pesar diso queda neste segundo nivel porque o Murcia é unha boa defensa dos bases —moi boa, a mellor do ano— e a semana que vén enfróntase á segunda mellor defensa da tempada, a do Madrid. Contra o Madrid non ten grandes precedentes: 6 na ida da liga, 4 na final de Copa e 14 e 16 na Euroliga —este último a semana pasada—. Non creo que sexa un cambio obrigado para a 21ª —non me estrañaría un partido na vintena en Murcia—, pero a dúas xornadas semella haber opcións máis fiábeis. Superado o partido do Madrid, será candidato a fixo o resto da tempada.
Laprovittola enfróntase en Sevilla á que estaba a ser a peor defensa dos bases na casa. No descanso cambiou os seus dous bases estadounidenses por Askia Booker. Haberá que ver que impacto ten, mais dubido que mude moito o equipo no plano defensivo. Así que a xornada pinta moi ben para o arxentino nun dos partidos máis importantes da historia da Penya —para seguir optando á salvación deportiva, a económica é inda máis incerta, é imperativa unha vitoria en Sevilla—. Lapro está a xogar moitos minutos e absorber moito xogo, o problema é que, precisamente por iso, está a ter moitas perdas e a falta de frescura en defensa está a se traducir en moitas faltas cometidas. Aínda que está a anotar moito e incluso está a asistir ben, o seu tope segue a ser o 15 do debut. As baixas de Wayns e Richard, fan del, inda máis, a referencia ofensiva exterior da Penya. O partido por riba dos dez creo que está garantido e as circunstancias son favorábeis para o pico, aínda que iso non o vexo tan claro. A semana que vén enfróntase a un dos seus ex, o Baskonia, que é unha defensa accesíbel para os bases.

terceiro banzo

O Zaragoza xa semellaba un rival interesante para o Baskonia antes de coñecerse a baixa de McCalebb, agora parece máis claro que un dos bases do Baskonia vai facer boa valoración esta semana. Granger era, e é, o que parecía ter máis posibilidades de ser ese xogador. Viña no momento máis estábel do ano, tras tres xornadas por riba dos 10 —que para outro non serían nada do outro mundo, mais o uruguaio estaba a ser un dos reis da irregularidade—. Na Copa estivo tan mal que Vildoza xogou case tanto coma el. Despois fixo un gran partido contra o CSKA na Euroliga, 25, e na vitoria contra o Khimki, outra de area: 8. Semella que nos expoñemos ao todo ou nada unha vez máis. Cando Huertas semellaba descartado xa para este ano, os seus minutos baixaran moito e na Copa só tivo unha presenza testemuñal, esta semana foi o mellor base do Baskonia contra o Khimki, 15 de valoración en 23 minutos de xogo, con só un tiro errado. Un dos dous creo que o fará ben, a cuestión é acertar quen —na ida ningún dos dous chegou á decena—. Así que eu non os vou a considerar para os meus mellores equipos, mais son interesantes para algún no que queiramos arriscar un chisco. A xornada que vén volven ter un partido moi favorábel: Joventut.

fóra da listaxe

Hannah non estaba no mellor momento do ano antes do descanso e esta xornada terá un partido moi difícil contra o Barça. Despois xa lle vén un calendario favorábel para que o volvamos ter en conta. Unha opción de risco para cazaxornadas pode ser Bellas, que ten no Baskonia un rival favorábel e coa baixa de McCalebb terá que dar un paso adiante.
Ás
As baixas, as dúbidas e os emparellamentos da xornada deixan a listaxe de xogadores interesantes nas ás moito máis curta que noutras ocasións.

primeiro banzo

Gary Neal xa é fixo. A baixa de McCalebb non o vai beneficiar, a defensa pecharase máis sobre el. Inda así non creo que o poidan parar. O Baskonia é un rival bastante amábel para as ás —28.8 na ida—. Despois véñenlle dous rivais complicados: Canarias en La Laguna —38.4 na ida— e o Madrid —10 na ida—. Tanto ten.
Os problemas de xeonllo de San Emeterio semellan quedar xa atrás, así que apunta a fixo inda que o xogo exterior do Valencia estará case completo en breve —agás Van Rossom e Diot—. Vén de tres partidos consecutivos por riba da vintena e a súa bandeira esta semana é inda máis valiosa. Viaxa a Gran Canaria e logo recibe o Bilbao —unha das peores defensas das ás—.
Ponitka ten dous partidos seguidos na casa, onde a súa media sobe case 5 puntos ata os 24. O primeiro é o máis complicado, contra un Andorra que defende ben a posición e deixou ao polaco en 4 na ida. Despois recibe o Zaragoza, que é das defensas que máis valoración conceden das ás —30 na ida—. Arriscar e gastar un cambio esta semana para sacalo? Non parece razoábel. Debe seguir.

segundo banzo

Sylven Landesberg tivo gripe esta semana e perdeu varios adestramentos, polo que é dúbida. A información ao respecto é escasa, polo que non nos podemos facer unha idea de ata que punto lle afectará ou se poderá incluso xogar. Inda que ten un rival complicado, o Unicaja —que o deixou en 2 na ida—, estando san sería un fixo do primeiro chanzo na miña listaxe. Gústanlle estes partidos contra os grandes da competición, e máis se son na casa. Traía máis de 30 de media nas últimas tres xornadas e Nedovic seguramente non vai estar no Unicaja. Haberá que prestar atención ás novidades da xornada ata o final. A semana que vén tócalle viaxar, mais só en autobús: enfróntase ao Fuenla. Entón xa estará recuperado de todo e non haberá escusa para non ir con el. Se antes do peche confírmase a súa presenza nesta xornada, haberá que valorar se paga a pena gastar un cambio nesta para sacalo e outro na próxima para metelo, e sobre todo expoñernos a que volva dar un pico e non o levemos.
Rodrigue Beaubois está en gran momento e o Zaragoza é das defensas que máis reciben das ás. O seu duelo anotador con Neal será un dos focos de atención da xornada. A semana que vén ten outra saída moi favorábel a Badalona.

Marko Popovic, que se perdeu a Copa por lesión, non ten mal calendario por diante (actualización: malia que nin se nombra no parte da xornada, seica aínda non superou a lesión pola que non xogou a Copa, polo que é dúbida; é mellor pensar noutros xogadores). Esta semana viaxa a Compostela para enfrontarse a un Obra que non é boa defensa das ás, ao que lle fixo un 18 na ida e que é probábel que non poida contar con Matt Thomas. A semana que vén recibe o Estu, ao que lle fixo un 15.8 na ida nun partido no que tivera moi pouco acerto no lanzamento.

terceiro banzo

Pau Ribas chegou á Copa tras dúas grandes xornadas, 24 e 16.8, e alí foi un dos xogadores chave na vitoria dos culés. O Murcia é unha boa defensa das ás e inda mellor dos bases. O partido non será sinxelo, mais a súa bandeira e o seu momento de xogo fan que poidamos telo presente.
Alex Mumbrú pode facelo ben contra o GBC, na ida fixo contra os donostiarras o seu tope da tempada —contando o bono— cun 26.4. Antes do descanso levaba 3 xornadas seguidas por riba de 10 e catro das últimas 5. É interesante pola súa bandeira. A semana que vén xa é un conto diferente, ten unha saída moi complicada a Valencia —inda que na ida conseguiu acadar un 15—.

fóra da listaxe

Co Murcia recuperando efectivos no xogo interior e ante un partido complicado contra o Barça, Soko non semella boa opción desta volta —porque non está a xogar de tres, onde o Barça concede as grandes valoracións, senón de catro—. Matt Thomas tamén queda fóra porque é seria dúbida. Erick Green deunos unha gran valoración a última xornada, é o momento de agradecerlle os servizos prestados e deixalo ir. Nin na Copa nin nos partidos de Euroliga valorou ben. Aínda que Blazic falla moi pouco fóra da casa, o Canarias é dos equipos que menos valoración concede na posición e na ida xa o deixaron en -1, así que é mellor non arriscar con el —para cazaxornadas si que pode ter interese—. Outra opción de risco para cazaxornadas pode ser Rakim Sanders. Na Copa estivo pletórico e Hanga é baixa.
Pivotes
Nos pivotes non faltan as boas opcións.

primeiro banzo

Non hai quen pare a Toko Shengelia nin quen se atreva a ir sen el.
Dicía antes da Copa que este descanso íalle vir moi ben a Norel para recuperarse dos seus problemas físicos. Axiña deberíamos poder ver a súa mellor versión. Polo pronto, o Bilbao Basket semella un rival do máis propicio: segunda peor defensa dos pivotes na casa e xa lle concedeu un 20 na ida ao ex da Penya e Zaragoza. A semana que vén vai a Málaga —26.4 na ida—.
Bojan Dubljevic estivo moi discreto na Copa, mais viña de dúas xornadas por riba da vintena e na Euroliga quedouse en 15 na vitoria dos taronjas. Ten bo calendario, con dous rivais permisíbeis nas dúas próximas xornadas: Granca e Bilbao Basket. A baixa de Pleiss tamén debería facer que medrase en minutos e importancia. Semella un valor seguro.
Artem Pustovyi anda cun proceso gripal que o deixou na cama o xoves. Porén, parece que vai estar para xogar. Leva seis xornadas por riba dos 10, o partido é en Santiago —onde a súa media medra 5 puntos— e o rival, o Fuenlabrada, ten un dos xogos interiores máis vulnerábeis. A semana que vén irá a Gran Canaria para medirse a unha defensa que tampouco está na elite da liga.
Xa había bastantes semanas que Ryan Kelly non asomaba por estas liñas. Gústame moito para esta xornada, xoga na casa contra unha Penya que é moi vulnerábel no catro —18 na ida—. O efecto Quintana diluíuse e xa levan 6 derrotas consecutivas. Na xeira actual, Kelly está a ser o que mellor aguanta o tipo: superou a decena en 5 deles. Despois recibirá o Andorra, que non é unha gran defensa interior.

segundo banzo

O Betis na casa non está a conceder grandes valoracións aos pivotes. O último en visitar Sevilla foi Norel, que rematou cun 4.8 —peor valoración da tempada—, antes: Tomic —19.2—, Varnado —6— e Pustovyi —7—. Así que o partido non é tan favorábel para Jerome Jordan como se podía pensar —porque no global o Betis é a terceira peor defensa interior e a peor dos últimos partidos, mentres que na casa é a 5ª mellor—. A favor ten que chega tralas dúas mellores valoracións da tempada feitas de forma consecutiva, 25 e 26, e que o Joventut non ten moitos máis argumentos ofensivos que o pivote xamaicano e semella que Duran lle está a dar máis protagonismo do que tiña con Ocampo. Despois terá dous partidos na casa contra Baskonia e Obra, onde a súa media medra en máis de catro de valoración. Nesta pode haber algunhas dúbidas razoábeis co seu rendemento, mais pinta a xogador moi importante do SM nas xornadas que restan para o remate.
Semella que con Pesic teremos de volta á mellor versión SM de Ante Tomic. Estivo moi ben na Copa e chega no mellor momento da tempada. A defensa interior non é unha das bondades do Murcia e a semana que vén ten ao Madrid no Palau, que non é un rival que lle veña mal nin moito menos. Opción moi interesante a dúas xornadas.

terceiro banzo

Deon Thompson ten por diante un partido moi complicado e ademais a domicilio, onde a súa media cae máis de 5 puntos. Inda así, ten o seu interese: leva cinco das últimas seis xornadas superando a decena e en tres delas tamén a vintena. Na ida contra os brancos xa sumara un 19. Será complicado que supere a vintena, mais si parece probábel que ande por riba da decena.
Se procuramos unha diferenciación, debemos ter presente a opción Johannes Voigtmann. O pivote alemán vén de tres xornadas na vintena —inda que nin na Copa nin nas dúas últimas xornadas da Euroliga conseguiu superar a decena—. O calendario élle moi favorábel: Zaragoza, Penya e Gran Canaria, tres defensas moi benévolas cos interiores rivais.
Na última xornada que xogou Fran Vázquez, a 19ª, deu un pico —34.8—, fixo unha estupenda Copa e volveu ser dos máis destacados na clasificación para o Mundobasket. Seguirá a ese nivel? É unha opción de risco, na procura da diferenciación, cunha bandeira gorentosa.
Coa volta de Randolph e Ayón, a rotación interior do Madrid é moi ampla e os minutos e importancia de Edy Tavares descenderon moito. Mantense na listaxe porque o rival é dos que máis conceden no xogo interior e pola bandeira do caboverdiano, mais o certo é que semella que o tempo de ir con algún interior madridista xa quedou atrás.

fóra da listaxe

Shermadini será baixa con case toda probabilidade porque se mancou na Euroliga.

O equipo do blog

Unha vez máis ía co mesmo equipo no equipo do blog e no meu mellor. Así que a Andrómenas foille de maneira inmellorábel. Do 2187º ao 1453º da xeral. Para regresar ao Top 1000 preciso máis xornadas coma esta.

Polo de agora, a falta de máis novas, teño pensado manter a Landesberg. Así que fago un cambio por liña: Campazzo entra por Heurtel, San Emeterio polo seu compañeiro Green e Tavares déixalle o sitio a Dubi.