Balance da 21ª xornada

Após a xornada de máis puntuación en anos, chegou unha semana de baixas valoracións. Sempre digo que de fallar, é mellor facelo nestas, así que a mala xornada —160.2 puntos— só se traduciu nunha perda de 10 postos que me deixa no 31º da xeral.
Bases
Doncic (3.6)
Campazzo (18)
Chery (22.8)
Jaime (19.2)
Heurtel (7.2)
Laprovittola (17)
Granger (-1)
Huertas (27.6)
ÁS
Neal (15)
San Emeterio (3)
Ponitka (24)
Landesberg (10)
Beaubois (20.4)
Ribas (10.8)
Mumbrú (15)
Pivotes
Shengelia (19.2)
Norel (25.2)
Dubljevic (6)
Pustovyi (17)
Kelly (27.6)
Jordan (8)
Tomic (24)
Thompson (11)
Voigtmann (9.6)
Vázquez (5)
Tavares (32.4)
O principal problema da selección da semana pasada foi Dubljevic. Eu vino mal na Copa e noutros partidos, non está a ser o Dubi doutros anos —seica anda con problemas físicos—, e deixeime levar polos números, a ausencia de Pleiss —que lle debería supor máis minutos, e foi todo o contrario, nin sequera chegou á quincena—, a valoración decente en Euroliga e un calendario favorábel. Mais si é un erro, e non polo resultado —porque coa calidade que ten pode valorar ben incluso con problemas físicos—, senón porque non debería incluír un xogador con esas incertezas nun primeiro chanzo. Por exemplo, levar a Tavares ao fondo da listaxe —e cambialo no meu equipo— non o considero un erro, porque non era razoábel prognosticar ese MVP da xornada —32.4—. Estaba a perder minutos e importancia no equipo e había dous interiores que precisaban tempo de xogo para coller ritmo: Randolph e sobre todo Ayón que regresa dunha lesión de longa duración. Pero o Madrid deu de baixa a Thompkins, Ayón xogou moi pouco e Tavares estivo nun rexistro de minutos incluso superior aos tempos no que o Madrid apenas tiña interiores sans —27 minutos—. Ademais, lanzou 8 veces a canastra, o partido que máis tras o único no que superou a trintena de minutos en cancha. Excluíndo o erro de Dubi, o resto da listaxe é razoábel e daba para montar bos equipos, que Doncic ou San Emeterio pincharan non é relevante, porque eran eleccións lóxicas que estaban presentes en moitos equipos. Baixar a Heurtel ao segundo banzo ou incluír a Kelly no primeiro foron bos acertos.

Selección da 22ª xornada

Selección dos xogadores interesantes listados por orde de preferencia e despois a explicación. Se algunha circunstancia mudar as cousas antes do peche de cambios, avisarei no meu Twitter e actualizarei o artigo.
Bases
Campazzo
Jaime
Huertas
Chery
Laprovittola
Booker
Radicevic
Heurtel
ÁS
Neal
Ponitka
San Emeterio
Landesberg
Beaubois
Causeur
Seeley
Pau Ribas
Schilb
Mumbrú
Pivotes
Shengelia
Norel
Tomic
Pustovyi
C. Suárez
Tobey
Balvin
Kelly
Jordan
Tavares
As bandeiras volven ser un problema de grandes dimensións. Apenas hai xogadores desta condición entre os máis valorados das últimas xornadas en cada posición.
Bases
Séguense a reducir as opcións, esta semana caen Doncic e Hannah —baixa probábel— por lesión, dous dos bases máis levados da tempada. A do esloveno é especialmente sensíbel pola súa condición de cota.

primeiro banzo

O Facu Campazzo nestes momentos parece a mellor opción nos bases, está en gran momento e xoga moitísimos minutos —30 de media nas últimas tres xornadas, antes da lesión de Doncic—. Os precedentes co Barça son moi bos… Se non entrou a semana pasada, debería facelo esta.
Jaime Fernández segue coa súa enorme tempada. O partido contra o Canarias era moi duro e non só cumpriu, senón que foi chave cando seu equipo rompeu o partido e incluso descansou no último tramo do encontro coa vitoria xa asegurada. Infalíbel, bandeira, saída favorábel a Sevilla e regreso a Andorra a semana que vén, contra o Murcia, onde ten unha media superior aos 18.

segundo banzo

Marcelinho Huertas regresa a Badalona en pleno rexurdimento. O base brasileiro, que comezara a súa carreira en Europa na Penya, ten unha media de 17 de valoración nas súas visitas ao Olímpic. Vén en dinámica ascendente: 27.6 na última xornada da ACB e un 28 na Euroliga. Semella o seu momento. A semana que vén recibe a visita do Granca, quinta peor defensa da liga a domicilio.
Kenny Chery sumou a cuarta xornada consecutiva por riba dos 20 —co bono—. Agora ten un rival complicado, Unicaja (contra o que Cook vén de facer un 17), mais non sería estraño que se continuase a mover preto da vintena. A semana seguinte recibe un rival favorábel: o Estu concede moita valoración aos bases.
Laprovittola anotou algo menos e pasou algo máis na fatídica derrota da Penya en Sevilla —que deixa os verdinegros sen apenas esperanzas de manter a categoría—. Haberá que ver como responde o Palau Olímpic, cal é a situación anímica do equipo… mais semella que contra o Baskonia debería seguir nos rexistros das últimas xornadas: por riba da decena e máis preto dos 15 ca dos 20.
Askia Booker tivo un debut estelar. Véuselle implicado dende os primeiros compases, disposto a asumir protagonismo e moi participativo. Rematou cun 24, a pesar de que non anotou ningún dos 5 lanzamentos de tres que intentou. Pinta moi ben, a anotador moi relevante, mais hai que ter cautela: non sería o primeiro xogador exterior cun debut non representativo do seu rendemento (si, Antoine Wright —25 no debut e 3 de media na tempada, incluído o récord negativo de -19 de valoración nun dos partidos— e Manny Quezada —31 no debut e 5 de media na tempada—, estou a pensar en vós). En contra ten a mellor defensa a domicilio dos bases, o Andorra, tamén hai que telo en conta. Eu evitaríao, polo de agora —a ver se confirma as impresións do debut—, en equipos da xeral. Está barato e vai subir o seu prezo o máximo a menos que faga un partido desastroso.
O regreso á ACB de Nicola Radicevic está a ser moi positivo. Dende a súa chegada está a medrar a súa contribución ao equipo semana a semana. Vén de sumar 18 —co bono— na vitoria do seu equipo contra o Valencia Basket. Agora repite na casa contra un Obra que é bastante permisivo cos uns fóra. Podemos esperar que estenda a tres a súa xeira de partidos por riba dos 15 de valoración.

terceiro banzo

Xa dicía a semana pasada que era mellor darlle descanso a Heurtel estes dous partidos. Lembro os precedentes co Madrid: 6 na ida da liga, 4 na final de Copa e 14 e 16 na Euroliga —hai dúas semanas—. Ollo, se revisamos todo o seu historial contra o Real Madrid en ACB, as perspectivas son inda peores: só superou unha vez a decena contra eles (na súa tempada de debut en ACB, en 2010, cando aínda estaba no Lucentum!). Promedia menos de 4 contra o Madrid na súa carreira na liga. Porén, coa baixa de Doncic, igual ten máis facilidades e a alguén lle interesa adiantar a súa entrada para aforrar un cambio para a semana que vén, cando se enfronta ao Burgos.

fóra da listaxe

Granger, que vén dun -1 na última xornada e un 1 na Euroliga, ten na Penya un rival accesíbel. Con el xa sabemos que é todo ou nada, polo que queda para cazaxornadas e managers kamikazes. Nin sequera a súa bandeira, nunha xornada con tanta necesidade delas, semella un estímulo abondo para telo en conta en equipos da xeral. (Finalmente será baixa)

Ás
Unha vez máis as ás ofrecen grandes opcións, inda que tampouco veñen xenerosas en bandeiras.

primeiro banzo

A falta de acerto no lanzamento de tres fixo que Gary Neal só cumprise contra o Baskonia cun 15. Iso fala del máis ben que mal e deixa claro por que é un fixo. Incluso nun mal día no lanzamento podemos esperar que cando menos cumpra. Agora mídese en La Laguna a unha das mellores defensas como locais, mais iso non aplica para el —38.4 na ida—. Debe estar e nin sequera nos ten que preocupar o partido da vindeira semana contra o Madrid —10 na ida—.
Ponitka volveu ser Ponitka a última semana e agora mídese ao Zaragoza, unha das defensas máis favorábeis para as ás. Non perdamos tempo: fixo.
Por primeira vez na tempada, Fernando San Emeterio non superou a decena. Non hai motivos para dubidar del, xoga na casa —a súa media medra dez puntos ata superar os 24—, contra un dos mellores rivais posíbeis —Bilbao— e a súa bandeira é irresistíbel nunha xornada coma esta.
O que non parecían poder facelo os rivais, si o logrou a gripe, e Sylven Landesberg quedou nun 10. Se temos en conta que fixo un 3 de 14 en tiros de campo, ese 10 non soa tan mal, grazas a que está a rebotear moi ben. Superados eses problemas de saúde, a visita a Fuenlabrada, por máis que sexa unha boa defensa como local e fixese só un 4 na ida, coido que debería devolvernos a súa mellor versión. A semana que vén tamén se terá que enfrontar en Donostia a unha boa defensa.
Rodrigue Beaubois prolongou o seu gran momento cun 20.4 en Zaragoza. Volverá enfrontarse lonxe de Vitoria contra unha defensa accesíbel, a da Penya, polo que volve ser unha grande opción. A semana que vén recibe o Granca, que é unha defensa complicada.

segundo banzo

A baixa de Doncic abre novas posibilidades de valoración no xogo exterior madridista. No primeiro partido sen o esloveno, emerxeu a figura de Causeur, que chegou aos 29 de valoración no partido da Euroliga en 26 minutos (10 minutos máis ca na última xornada da ACB, onde quedou nun 0 de valoración). A iso hai que sumar que o Barça sempre concede un pico a algunha das ás rivais. Pode ser o seu día. Se non é o do francés, debería ser o de Carroll, que fixo 18 —contando o bono— ou máis en 4 dos últimos 5 partidos.
Prolóngase o bo momento de Seeley, que co 16.8 da fin de semana acumula 4 xornadas por riba da quincena. Repite na casa contra unha defensa pouco esixente —Obra—. Está a ser moi fiábel, así que cando menos poderíamos esperar que ande preto dos 15. A semana que vén terá un encontro moito máis complicado na visita a Vitoria. O Baskonia está a ser a mellor defensa das ás nas últimas xornadas.
Outra opción de bandeira pode ser Pau Ribas. Xa rendera moi ben contra o Madrid na final da Copa —24— e vén dunha grande actuación en Euroliga na vitoria contra o Estrela Vermella —25—. A semana que vén tócalle ir a Burgos —5ª peor defensa dos bases como local—.

terceiro banzo

Após catro partidos sen superar a quincena, Blake Schilb logrou o seu tope da tempada: 31.2. Agora repite na casa, onde a súa media medra case 4 puntos ata superar os 14, contra un Andorra que é unha boa defensa. A chegada de Booker debería favorecerlle, ao haber outro foco ofensivo máis no equipo, non terá que forzar tanto as situacións de ataque e as súas porcentaxes —e por tanto a súa valoración— deberían de medrar.
Alex Mumbrú non ten unha saída doada, pois enfróntase á mellor defensa das ás. Porén, por dentro son moito máis accesíbeis. O 15 da ida pode dar esperanzas para optar por el, inda que os dous anos anteriores as súas visitas a Valencia saldáronse cun 0 e un 9.

fóra da listaxe

No Valencia seguro que algunha outra das ás o vai facer ben contra o Bilbao Basket, mais non sabería dicir cal delas, se Sastre, Green, Rafa… Polo que só San Emeterio me dá confianza para metelo na listaxe.
Pivotes
Seguramente a chave nos pivotes estea en dar coa cuarta bandeira axeitada.

primeiro banzo

Toko Shengelia está en todos os equipos e aí vai seguir. (Pois non, non vai seguir. É baixa de última hora)

O descanso sentoulle a Henk Norel tan ben como esperaba e ademais o Unicaja ten a sensíbel baixa de Sherma. Fixo, como case sempre.
Ante Tomic está de volta, dous 24 nas dúas últimas xornadas, e diante ten a un Madrid que non se lle dá nada mal no Palau Blaugrana: 24 de valoración media na súa carreira —39.6 na última visita branca a tempada pasada—. Despois viaxa a Burgos, así que as perspectivas son moi boas con el.
Artem Pustovoyi atópase nun momento moi regular, leva 7 partidos consecutivos por riba da decena —nada que ver coa irregularidade doutros momentos da tempada—. A viaxe a Gran Canaria debería serlle favorábel: o Granca é unha defensa permisiva cos pivotes e xa na ida logrou un 24 contra eles. A semana que vén volverá ter unha saída favorábel a Badalona.

segundo banzo

Carlos Suárez oposita á ansiada cuarta bandeira. Xa viña xogando moitos minutos nas últimas xornadas, 27 de media, e nesta o Unicaja seguirá cun home menos na rotación pola baixa de Shermadini. Nos últimos 12 partidos só baixou nun da decena, o 9 contra o Baskonia. Ten un bo precedente na ida contra o GBC: 23.
Mike Tobey pode facerse forte na pintura esta semana ante un xogo interior maño afectado pola baixa de Varnado. O xogador estadounidense non acaba de dar o que se esperaba del. Levaba 7 xornadas sen acadar a vintena ata que esta fin de semana volveu facer 20 na derrota contra o Andorra. No partido de Champions do mércores, valorou un 18 na vitoria do seu equipo en Murcia. O encontro da semana que vén tampouco lle vén mal, visita Valencia nun dos peores momentos dos taronja, que están a defender moi mal o xogo interior.
Ondrej Balvin ten por diante unha xornada prometedora. Leva 5 encontros consecutivos superando a quincena, xoga de local —onde leva de media máis de 15 de valoración e case sempre logra o bono: 9 vitorias e 1 derrota— e o Obra non destaca pola súa defensa interior. A saída a Vitoria da próxima semana xa non é tan interesante.

terceiro banzo

Ryan Kelly cumpriu a semana pasada no seu regreso ao primeiro nivel da miña listaxe: 27.6. Esta xornada enfróntase a un Andorra que xa non é tan feble no poste baixo como hai algunhas semanas. Terá moi difícil lograr o bono, os do Principado están nun momento formidábel. Na ida fixo un 14. O máis probábel é que se volva mover neses rexistros. O pico esta semana semella máis complicado.
No artigo anterior expoñía as miñas dúbidas con Jordan e, por desgraza —polo ben da miña Penya—, non tivo un dos seus mellores partidos. Esta, creo que superará ese 8, aínda que se enfronta á segunda mellor defensa interior a domicilio: Baskonia. Na casa a súa media sobe 5 de valoración e é máis difícil que se meta en problemas de faltas. Na ida fixo un 8. O partido da semana que vén, contra o Obra, si que pinta ben. Non vexo moi probábel un partido por riba da vintena —tampouco creo que vaia baixar da decena—, así que á hora de fichar pensaría antes noutros xogadores. Nos equipos nos que xa estea podería quedar en función das urxencias noutros postos.
Edy Tavares vén de ser MVP, mais ten catro precedentes este ano contra o Barça e en ningún deles chegou sequera á decena: 3 na ida da liga no seu debut como Madridista en ACB, 4 e 9 na Euroliga e 7 na final de Copa. Menos de 20 minutos de xogo en todos. Tiña pensado deixalo incluso fóra da listaxe. Porén, a lesión de Doncic fai que as bandeiras cobren maior valor esta semana e na Euroliga volveu xogar ben —23—. Igual esta vez Laso si aposta por el contra o Barcelona e sáelle ben. A min xérame bastantes dúbidas e gústame máis Suárez como cuarta bandeira.

fóra da listaxe

Os pivotes ofrecen máis xogadores interesantes, como Voigtmann, Thompson ou Abromaitis, mais creo que os da listaxe son os máis relevantes e xa cobren abondo a posición. Para cazaxornadas poden ser interesantes Pasecniks e Poirier.

O equipo do blog

Outra vez saín cos mesmos no meu mellor e en Andrómenas —e seguramente vólvao facer esta semana—. Tiven un descenso moderado de pouco máis de 100 postos, do 1453º ao 1561º da xeral.

A dor de cabeza desta semana era a cuarta bandeira e optei por Carlos Suárez como opción conservadora, creo que no peor dos casos cumprirá. Entrou por Dubi. No sitio de Doncic vai Marcelinho e como tiña outro cambio dispoñíbel, aínda que penso que Pustovyi é moi boa opción e cando menos cumprirá, poño a Tomic que xoga como local. (Acualización: a pesar da baixa de última hora de Shengelia, decidín deixar o equipo como estaba, porque me convence máis esta configuración con 10 que as alternativas con 11 e así aforro o cambio de Shengelia para a semana que vén).