
Só quedan 10 partidos para que finalice a tempada, andas lonxe do teu obxectivo e a idea de arriscar gaña forza. Porén, non é o momento, inda podes remontar moito se xogas con cabeza. Dez xornadas no SM son un mundo e as apostas por xogadores menos habituais nunca van saír ben a longo prazo. Sóbranos tempo para activar o modo kamikaze.
Nova xornada con sabor amargo no meu mellor. E non só amargo por non ter ido con Tomic, senón por cambiar o que tiña escrito ao respecto antes de publicar o artigo. Cando inda non se sabía se Tomic viaxaba a Santiago, escribira que «se viaxa é porque está para xogar, nese caso Tomic é fixo». Pero cando consultei que se sabía antes de publicar, lin que viaxaba pero que inda tiña que adestrar á noite do sábado para ver se participaba. Fieime máis do lido que do que tiña claro, e alá foron un lote de puntos: dos 234.2 do equipo que tiña posto aos 207.8 finais —como non metín a Tomic, ese cambio useino en introducir a Heurtel por Campazzo—. Outra vez que tiven o Top 25 na man e outra vez deixeino escapar. Baixo 9 postos ata saír do Top 50: 58º da xeral.
Bases
Heurtel (22.8) |
Campazzo (19.2) |
Doncic (14.4) |
Jaime (12) |
Granger (14.4) |
ÁS
Ponitka (20.4) |
Landesberg (37.2) |
Neal (22.8) |
Nedovic (19) |
Mumbrú (3) |
Blazic (12) |
San Emeterio (6) |
Bendzius (25) |
Thomas (10) |
Pivotes
Norel (1) |
Shengelia (25.2) |
Tobey (12) |
C. Suárez (21) |
Voigtmann (18) |
Balvin (16.8) |
Saiz (8) |
Thompson (15) |
Tomic (42) |
O feito de non poñer a Tomic no primeiro banzo por non seguir o que cría cambia en gran medida o balance da listaxe, que no resto fora moi ben, agás Tobey. Esta semana que o xogador do Canarias non chegara ás expectativas non se debeu ás faltas, de feito, case todo o fixo ben, mais apenas participou no xogo ofensivo do seu equipo. Fotis usouno para emparellalo con Jordan: cando o xamaicano sentaba, el sentaba; cando entraba, Mike entraba. Non tivo ningunha xogada para el. Contaba con outra cousa. Moi ben o primeiro banzo das ás e gran elección a de Suárez como segunda bandeira nos pivotes. Que mágoa o de Tomic, tería sido das mellores seleccións da tempada. Toca aprender para a próxima e ser consecuente co que penso, inda que poida saír mal.
Primeiro a selección e despois a análise. Na miña conta de Twitter podedes estar ao tanto dos novos artigos e de calquera actualización.
Bases
Heurtel |
Doncic |
Jaime |
Chery |
Granger |
Bellas |
ÁS
Ponitka |
Landesberg |
Neal |
Blazic |
Nedovic |
Bendzius |
San Emeterio (dúbida) |
Popovic |
Beaubois |
Ribas |
Pivotes
Tomic |
Shengelia |
Norel |
Thompson |
Suárez |
Balvin |
Kelly |
Voigtmann |
Pustovyi |
Anosike |
Bases
Con dous xogadores fixos, o máis aconsellábel semella ir cunha segunda bandeira nos bases.
primeiro banzo
Xa encabezaba a listaxe a semana pasada e volve facelo. Thomas Heurtel leva tres partidos consecutivos con máis de 20 e agora xoga na casa, onde os seus números inda medran, e enfróntase a unha das defensas que máis conceden dos bases: Estudiantes. Sería unha temeridade saír sen el.
Se sen ritmo xa nos deu un 14.4, Doncic e a súa bandeira son unha aposta segura. Na ida contra o Unicaja superou a trintena co bono, vén de saírse na Euroliga —roldaba a trintena ao descanso—, onde esta vez si foi decisivo no desenlace —tripla para gañar—, e a participación do Facu é moi dubidosa. A semana que vén recibe a visita do Obra.
segundo banzo
Jaime Fernández deixou atrás o seu estado de graza. O 12 da última xornada non estivo nada mal para como ía o partido, sumou toda a súa valoración nunha maquillaxe nos minutos finais. Esta semana tivo problemas físicos, incluso aparece marcado como dúbida no xogo, mais aquí din que xa adestrou con normalidade. Agás nova de última hora, vai xogar. Enfróntase na casa contra o Zaragoza. No Principado a súa media medra máis de 5 puntos e só baixou da decena unha vez na tempada —no primeiro partido como local—. O seu rival non é das defensas máis duras na posición de base, así que o partido é propicio para o un madrileño. Aporta unha bandeira e gran fiabilidade. A semana que vén viaxa a Vitoria, polo que non sería venda obrigada, a defensa baskonista non é das máis esixentes.
Kenny Chery regresa á listaxe pasada a saída a Murcia —que salvou cun digno 11—. Esta fin de semana ten un derbi contra o Baskonia en Donostia. Os vitorianos son unha defensa bastante amábel cos bases e o norteamericano xa fixera un 18 na ida contra eles e superou a vintena nos tres últimos partidos como local. A semana vindeira repite na casa contra o Valencia Basket, que tampouco destaca na súa defensa dos bases.
terceiro banzo
Jay Granger volve entrar no derradeiro chanzo pola súa bandeira. A semana pasada cumpriu outra vez preto da quincena —co bono—. Paga a pena seguir tentando a sorte? Saída moi complicada a Donostia, mellor defensa dos bases como local, e xa no partido da Euroliga non acadou a decena. Con el nunca se sabe, igual cumpre, igual se lle dá por saírse, igual fai negativo. O lóxico é procurar opcións máis fiábeis, por máis que na ida valorara ben.
Vai gañando enteiros como bandeira na posición Tomás Bellas. O base zaragocista vén de roldar a vintena nas dúas últimas xornadas e agora viaxa a Andorra, un rival bastante hospitalario cos uns. Hai que apuntar que esas dúas boas valoracións consecutivas foron como local, nas catro últimas saídas quedou por baixo da decena. Debemos ter cautela con el, é unha opción de risco.
fóra da listaxe
Facu Campazzo non entrou na listaxe porque é dúbida. Se non xogou na Euroliga, onde o Madrid se xogaba máis —na ACB ten unha vantaxe cómoda na clasificación—, non parece probábel que vaia ir a Málaga —o Madrid aínda se xoga cousas na Euroliga—. Se viaxa, será para xogar. Nese caso ten precedentes para todos os gustos contra o Unicaja, que é unha boa defensa dos bases. Na ida fixo un 15.6, nos dous partidos da Euroliga non chegou á decena e na Copa saíuse cun 33 —sen contar o bono por vitoria—. En caso de xogar, o seu momento é moi bo e pode facelo ben, mais é unha xornada propicia para darlle un descanso. Hannah volveu a semana pasada con pouco máis de dez minutos de xogo após dous partidos fóra por lesión e no partido de Champions en Turquía xa regresou á quincena de valoración. Porén, coa eliminatoria europea inda aberta, é mellor darlle certa marxe para ver se vai regresando ao seu mellor nivel. Para cazaxornadas pode ser interesante, o Valencia non é un rival duro para os uns e el está a ofrecer a súa mellor versión lonxe de Murcia. Laprovittola está a facer moitos números, inda non baixou da decena en puntos e leva case 6 asistencias de media, mais iso non se está a traducir en grandes valoracións. Esta semana ten mellor partido, como local contra unha defensa bastante amábel, inda que non deu motivos para pensar nel alén de equipos cazaxornadas.
Ás
A posición ofrece varios xogadores en gran momento e preséntanos a dúbida de ir cunha bandeira ou non levar cota ningunha.
primeiro banzo
Son xa catro xornadas consecutivas de Mateusz Ponitka por riba da vintena, está en todos os equipos e aí debe de seguir esta semana na visita a Bilbao. A que vén, contra o Unicaja, xa será momento de deternos a valorar.
Sylven Landesberg segue imparábel e na última xornada volveu agasallarnos cun pico. Esta semana haberá quen dubide del pola súa visita ao Palau Blaugrana, non é o meu caso. O Barça con Pesic mellorou un chisco a súa defensa dos treses, pero segue a ser unha defensa permisiva que concede moitos picos na posición. Sen ir máis lonxe, Bendzius na última xornada. Ademais, na ida, o hebreo de Brooklyn superou, co bono, a trintena. Non vexo ningún motivo para que non continúe como fixo. Como dicía en artigos anteriores, o calendario está do seu lado para seguir no primeiro banzo durante semanas.
segundo banzo
Gary Neal ten unha saída complicada a Andorra. Os de Peñarroya veñen en gran momento a pesar da derrota na última xornada —gañaran os sete partidos anteriores— e son unha defensa bastante dura na posición. Na ida Neal superou a vintena grazas ao bono, un bono que será moi complicado que volva levar o Zaragoza. Semella máis probábel un partido na quincena ca na vintena, así que haberá quen pense en diferenciarse saíndo sen el. Porén, sabemos que Neal é dos xogadores que poden dar un pico en calquera xornada a pouco que lle entren as triplas, porque é capaz de sumar en diferentes facetas. A seguinte semana terá un rival moi favorábel: Joventut na casa. Son máis partidario de non arriscar en sacalo —un pico de Neal pode ser moi gordo— e aforrar o cambio na próxima, onde terá que estar de forma obrigada.
Jaka Blazic ten un partido moi favorábel esta semana contra o Zaragoza na casa. Os maños concederon moitos picos esta tempada na posición e na ida Blazic fixo 23 na derrota do seu equipo. O xogador esloveno está a se amosar moi fiábel: só baixou da decena nunha das últimas 8 xornadas. A saída a Vitoria da semana que vén xa será máis incerta: no partido da ida contra os seus ex quedou en 4 de valoración, a pesar de anotar 10 puntos e capturar 6 rebotes —estivo mal no lanzamento e meteuse en problemas de faltas—.
Nemanja Nedovic é a á máis valorada das últimas xornadas. Na ACB está a acadar unha regularidade que xa exhibiu durante todo o ano na Euroliga. Contra o Betis volveu roldar a vintena, inda que apenas valorou no tramo final do encontro. Tivo moitos problemas coa defensa verdibranca cando se pechou e lle negou as penetracións. Agora enfróntase, como local, ao peor rival posíbel. O Madrid é a mellor defensa das ás a domicilio e xa logrou parar a varios dos xogadores principais da posición. Só Bendzius, na 12ª xornada, conseguiu acadar os 20 de valoración xogando de local contra os brancos. O pico parece improbábel esta vez —9 na ida—, mais creo que ten bastantes opcións de cumprir arredor da quincena: fixo 16 no partido da Euroliga como local contra os de Laso, na casa os seus números dóbranse e o Unicaja, ao contrario que o Madrid, xa está centrado ao cen por cen na ACB. Se non precisamos bandeira nas ás, pode seguir —ademais a semana que vén repite como local—. Porén, se precisamos incluír unha cota, a saída —ou a non entrada— de Nedovic é a que supón menor risco de perdérmonos un pico.
Eimantas Bendzius prolongou contra o Barça o seu mellor momento: son xa tres partidos consecutivos na vintena. Esta semana ten as cousas de cara para manter a xeira: o Burgos é das peores defensas das ás. Iso si, non debemos pensar nel alén desta semana, pois a semana que vén viaxa a Madrid para enfrontarse a unha das mellores defensas das ás.
Fernando San Emeterio non ten o mellor dos rivais posíbeis esta semana: o Murcia é unha defensa exterior dura. Aínda así, o pucelán cántabro semellaba a bandeira máis fiábel nas ás. Este ano inda non baixou da decena como local e ten unha media formidábel na Fonteta: 25.7. A semana que vén ten a mellor saída posíbel: Donostia. O problema é que anda con molestias nun xemelgo que o converten en dúbida. A ver se sabemos algo del antes do peche.
terceiro banzo
Popovic volve asomar. O exterior croata encadea dous partidos como local contra as dúas peores defensas das ás: Betis e Burgos. Leva tres xornadas consecutivas con 13 ou máis de valoración. Hai outras ás en mellor momento, pero, se procuramos unha diferenciación, é dos xogadores que ofrecen mellores perspectivas a dúas xornadas.
Regresa á listaxe Rodrigue Beaubois. O GBC de local é a mellor defensa dos bases e os pivotes, emporiso, é a peor na defensa das ás: Neal, Todorovic, Carroll, Mumbrú, Landesberg, Seeley e Popovic superaron a vintena como visitantes contra eles. O francés xa na ida estivo por riba dos 20 contra os donostiarras. Sería unha aposta para unha xornada, a semana que vén contra o Andorra non pinta tan ben.
Tras dous negativos consecutivos, poucos managers terán en mente a Pau Ribas. O risco está aí, e por iso pecha a listaxe. Porén, o partido é moi favorábel para el: o Estu é das peores defensas dos bases —xoga a maior parte dos seus minutos aí— e tamén se amosa permisivo coas ás —onde se desempeña o resto do tempo—. Como local Pau é bastante máis fiábel: ten unha media por riba da decena que medrou a máis de 18 nos últimos tres partidos no Palau. Esta semana na Euroliga rematou en 17 de valoración en 18 minutos na vitoria do Barça en Istambul. A próxima semana xa non é tan interesante: viaxa a Gran Canaria.
fóra da listaxe
Nin a súa bandeira abonda para meter a Mumbrú esta semana. Defraudou na última xornada e nesta anda con problemas físicos. A dúbida de Àlex e a baixa de Todorovic outórganlle certo interese como bandeira de risco a Pere Tomàs. A á da canteira da Penya leva dous partidos superando a decena e na ida xa conseguira anotar 16 puntos contra o Canarias. Inda que vén dun 31.2, Blake Schilb non entra na miña listaxe da xornada. O xogador con pasaporte checo baixa moito os seus números lonxe de Sevilla e o Fuenla non será un rival doado; ademais, a semana que vén, ten que se enfrontar ao Murcia, defensa bastante complicada. Pode facelo ben en ambos, pero hai opcións bastante máis fiábeis tanto a unha xornada como a dúas. Matt Thomas non acaba de regresar aos seus números, por iso non entra, pero pode ser unha gran opción para cazaxornadas na súa visita a Burgos, contra o que na ida roldou a trintena. Se procuramos unha bandeira de risco para diferenciármonos, Rolands Smits ten dous partidos consecutivos como local contra rivais favorábeis e leva tres xornadas por riba da decena. Os cazaxornadas poden pensar en Kostas Vasileiadis. O xogador grego vén de pico e enfróntase a un dos seus ex, que ademais non destaca na defensa das ás; iso si, este ano os seus números fóra da casa baixan de forma considerábel.
Pivotes
Hai dous fixos, outro que era fixo que pode estar en cuestión e destaca a opción de incorporar unha segunda bandeira.
primeiro banzo
Sen ameaza de cagarría, Ante Tomic non ofrece ningunha dúbida: ten que estar. Vén da mellor valoración da súa carreira na regular, son xa 5 partidos superando a quincena e o Estu non parece contar con recursos interiores para poder paralo.
Toko Shengelia está a ser o home do ano. Nas últimas 7 xornadas o seu mínimo é un 19.2 e nin sequera a visita á cancha máis complicada para os pivotes nos debería facer dubidar —39.6 na ida—.
Si haberá quen dubide de Henk Norel após o un en Murcia e coa visita da mellor defensa interior a domicilio. Para min segue a ser unha das opcións prioritarias: na casa ten unha media de case 25 de valoración no xogo e na ida xa chegou aos 24 contra o Baskonia. Ningunha alternativa ofrece unha fiabilidade comparábel e a vindeira xornada volve xogar na casa, contra un Valencia Basket que non destaca pola súa defensa dos pivotes —13 na ida—.
segundo banzo
Deon Thompson ten por diante unha xornada moi favorábel. Xoga na casa, onde a súa valoración medra 4.5 puntos, e o Obra é unha defensa amábel que xa lle concedera un 23 no Fontes do Sar. Chega a este partido tras sete xornadas sen baixar da decena. A saída da semana que vén a Fuenlabrada tamén pinta ben, os madrileños son tras o propio Burgos a defensa que máis valoración concede dos interiores.
Carlos Suárez segue a ser a segunda mellor opción de bandeira interior. O madrileño só baixou da decena na casa nun partido dende a 10ª xornada e pode facelo ben contra o Madrid: os brancos están a recibir bastante valoración interior —é das peores defensas a domicilio— e na ida en só 16 minutos de xogo acadou os 15 de valoración. A semana que vén repite como local contra o Canarias.
Ondrej Balvin leva oito partidos consecutivos superando os 14 de valoración e visita á Penya, un dos rivais con peor defensa interior. A semana que vén ten un partido complicado contra o Barça en Gran Canaria, aínda que na ida foille ben contra eles: 24 —co bono—.
terceiro banzo
Ryan Kelly cumpriu na vitoria contra o Unicaja e agora ten unha saída bastante amábel a Fuenlabrada, contra os que sumou 21 na ida.
Johannes Voigtmann descende ao terceiro chanzo polo rival. Os de Porfi Fisac conceden moi pouca valoración interior na casa, así que será complicado que outro pivote ademais de Shengelia logre valorar ben. Inda así, o alemán ten argumentos para estar na listaxe: só un dos últimos sete partidos por debaixo da decena e na ida sumou un 15.6 en só 15 minutos. A semana que vén recibe o Andorra, que non é das defensas interiores que ofrezan maior resistencia.
Non será doado vencer as reticencias para saír co ucraíno. Está a ser inconsistente e a ameaza de entrar en problemas de persoais sempre está presente, mais Pustovyi ten por diante unha xornada moi favorábel. A do Burgos é a peor defensa interior da categoría e Artem xa lograra un 24 —co bono— na ida. Despois viaxará a Madrid para enfrontarse a Edy Tavares.
Oderah Anosike adoita baixar bastante fóra da casa. Porén, vén de dous picos arredor da trintena e o Fuenla non é unha gran defensa dos pivotes, non terán doado facerlle fronte ao músculo do neoiorquino.
fóra da listaxe
Jordan como local adoita ser moi boa opción: 18 de media esta tempada no Olímpic. Porén, vino moi indolente a semana pasada, non parece estar centrado e o Granca é unha defensa bastante capaz. Para cazaxornadas si pode ser un nome interesante. Inda que o Bilbao Basket non é mal rival para Tobey, os 14 e 12 das últimas xornadas non estiveron á altura do esperado e a semana que vén viaxa a Málaga. Para a xeral cómpre apostar por opcións máis fiábeis. A xornada pasada Sebas Saiz co seu 8 quedou lonxe do esperado, agora volve xogar na casa, onde os seus números medran, e o Obra é unha defensa bastante xentil cos pivotes. No seu anterior partido como local deu un pico contra o Barça. Pode ser unha bandeira interesante para cazaxornadas ou para os managers máis afoutos. Como opción pouco habitual para cazaxornadas, gústame Pasecniks contra a Penya. No xogo interior do Madrid pode pasar calquera cousa. Ao non saber como vai repartir os minutos interiores Laso, calquera elección branca representa demasiado risco. Oriola non é tan interesante como para incluílo na listaxe, mais non semella mala opción esta semana: de local ten unha media superior aos 14 e o Estu é unha defensa dos pivotes moi accesíbel.
A xornada para Andrómenas estivo ben. Gañei con todos os cambios, aquí si ía con Tomic e os 215 puntos valeron para achegarme un pouco máis ao Top 1000: vou o 1246º da xeral tras gañar 60 postos.
No meu equipo sairán Granger, Mumbrú e Tobey, para dar entrada a Jaime, Blazic e Suárez.