Como se dun golem se tratase, Sylven Landesberg cumpriu implacábel a súa misión: contribuíu a que o seu equipo derrotara por primeira vez ao Barça na ACB dende a chegada de Pesic e igualou o récord de valoración do SuperManager que establecera Luis Scola en 2004.

Agora temos por diante un maratón de tres xornadas encadeadas (escribir estes artigos vai ser un inferno) con graves problemas para atopar bandeiras. Se queredes ir directamente á selección de xogadores interesantes para esta semana, picade aquí.

Balance da 25ª xornada

A xornada deuse cunha estrutura máis pechada que noutras ocasións. Había unha base usual de 9 xogadores: Doncic, Heurtel; Landesberg, Ponitka, Neal; Tomic, Shengelia e Norel (ou Thompson, case co mesmo resultado). As diferenzas ían estar só nos outros tres xogadores, un por posición, dos que dous habían de ser bandeira. A probábel baixa de San Emeterio aclaraba que as cotas terían que ir no base e no pivote. Así as opcións maioritarias eran: Granger (-1) ou Jaime (14.4); Nedovic (24), Bendzius (20), Blazic (2.4), Schilb (6), Popovic (21) ou Beaubois (8.4); Suárez (9), Tavares (13.2) ou Oriola (17). Na elección do base había 15.4 de diferenza entre a mellor e a peor opción, na á foi de 22 e no pivote podíanse gañar ou perder 8 puntos.

Eu, unha vez máis, fallei onde máis había que perder: elixín a Blazic procurando un pico. Foi a única á prioritaria da miña listaxe que non cumpriu. Que puntería! Non perdo moito porque polo menos acertei con Jaime, pero a tendencia segue a ser nefasta: do 58 caio ao 61º da xeral (245.4 puntos na xornada). A maior parte dos meus equipos seguen ese padrón apuntado no parágrafo anterior, co que oscilan entre a baixada moderada ata unha subida considerábel, en función da elección da á (porque no base tentei fuxir de Granger de forma xeneralizada).

Aproveito e fago un repaso de como me vai no xogo, que hai tempo que non comento alén do meu mellor e o equipo do blog. Como dixen ao principio, fixen 16 equipos de valoración e 3 equipos de broker creados na segunda xornada. O meu segundo leva unha tendencia similar ao do mellor, des que bordeu o Top 100 non fai máis que baixar: xa está o 304º. O seguinte entrou esta xornada no Top 1000, porque nel atinei cunha combinación boa —Jaime, Popovic e Oriola— e subiu case 300 postos para situarse o 855º. Estes tres equipos, a pesar de todo, van mellor do que quedei nunca a final de tempada (lembro que son un xogador mediocre, como xa apuntara no primeiro artigo, cun 890º como teito dende hai un lote de anos). Non abandonei ningún dos equipos, o peor vai ocase o 11000 —após varias xornadas de baixadas— e teño 11 dos 16 no Top 5000. Todo mediocre. Como cómpre. O 15º dos 16 é un equipo particular que creei como experimento. Como novidade, este ano fornécese no mercado a porcentaxe de equipos que levan a cada xogador. Con ese dato, xornada a xornada, confecciono un equipo co nome de Popular que recolle eses xogadores máis levados, con certos axustes manuais para cumprir cotas e axustarme ao orzamento. Esta semana fixo 260.4 puntos, máis que o meu mellor, e situáse o 8639º. Está máis arriba do que me figuraba.

Os tres equipos de broker van no Top 100. É moito máis doado chegar ao Top 100 nunha específica, porque hai moitos menos managers que as disputen. Como dicía naquel primeiro artigo, nesta década aínda non quedei ningunha vez no Top 1000 da xeral de valoración, porén, nas dúas últimas tempadas fixen Top 100 en broker con equipos creados na segunda xornada. Van o 96º, 73º e 38º. Se nos da xeral a tendencia é negativa, os de broker non deixaron de escalar posicións en toda a tempada. Agora cheguei ao teito (teño demasiados xogadores con subas complicadas, así que tocarame baixar posicións). Arrisquei moito nas últimas semanas e saíume ben, con xogadores que precisaban moita valoración para subir de prezo, como Landesberg, que me deu máis de 230 mil euros nestas catro xornadas. A estratexia que sigo expliqueina no artigo da segunda xornada.

Bases
Heurtel (19)
Doncic (22.8)
Jaime (14.4)
Chery (-1)
Granger (-1)
Bellas (-2)
ÁS
Ponitka (32.4)
Landesberg (62.4)
Neal (26)
Blazic (2.4)
Nedovic (24)
Bendzius (20)
San Emeterio (-)
Popovic (21)
Beaubois (8.4)
Ribas (4)
Pivotes
Tomic (14)
Shengelia (18)
Norel (25)
Thompson (22.8)
Suárez (9)
Balvin (12)
Kelly (22.8)
Voigtmann (13.2)
Pustovyi (11)
Anosike (24)
O maior acerto da selección foi os bases, os tres principais eran a mellor opción, e nas ás, entre as prioritarias, todas as combinacións que non incluían a Blazic garantían suba. Tamén foi importante dar como fixo a Landesberg nunha xornada na que xogou o papel de elemento eliminatorio e na que algúns dos managers de cabeza dubidaban del e incluso o venderon (precisamente iso, seguir o que cren, está a lles permitir ir onde van). Non estivo mal a selección.

Selección da 26ª xornada

Para estardes ao tanto das novidades e novos artigos podedes seguirme en Twitter.
Bases
Heurtel
Doncic
Jaime
Laprovittola
Bellas
Cook
Hannah
Booker
ÁS
Landesberg
Nedovic
Neal
Ponitka
Popovic
Bendzius
Oleson
Urtasun
Pivotes
Tomic
Shengelia
Norel
Thompson
Reyes
Suárez
Jordan
Anosike
Repítese o esquema da pasada xornada: moitos xogadores fixos e poucas prazas ceibes para marcar diferenzas. Nesta tesitura igual é complicado gañar posicións sen asumir grandes doses de risco; porén, se decidimos prescindir dalgún dos que veñen en gran momento, xa vimos con Landsberg o que pode supoñer. Tentarei avaliar na análise cales deses fixos teñen menor opción de pico para minimizar os riscos se decidimos prescindir dalgún na procura de distinguirnos. Ora ben, eu son partidario de tomala como unha xornada de transición fronte ao que vén.
Bases
A bandeira de Doncic non é cuestionábel e outra vez aparece como opción razoábel introducir unha segunda na posición.

primeiro banzo

Thomas Heurtel é, con moita diferenza, o base máis valorado das últimas xornadas. Xoga contra o Granca na illa, onde os amarelos están a conceder pouca valoración dos bases —fixo 25 na casa na derrota da ida—. Alí, só Granger superou os 20 de valoración co seu 32 na terceira xornada. Iso non lle resta a condición de fixo nin apostaría na súa contra por un pico, o seu momento de forma é espectacular. Se temos que cinguirnos aos números, pode ser un dos fixos con menos risco de pico esta semana no caso de querermos diferenciarnos. A xornada que vén, na visita do Betis, a súa presenza é innegociábel.
Após catro xornadas sen facelo, Luka Doncic volveu valorar alén da vintena. O mal momento no lanzamento exterior —1 de 17 en triplas nos últimos 5 partidos— non abonda para dubidar del. A súa bandeira, un rival propicio —Obra—, un calendario amábel e a sensación de que dun momento a outro regresará á trintena fan del unha peza irrenunciábel.

segundo banzo

Jaime Fernández foi a elección oportuna como segunda bandeira nos bases. O seu 14.4 compraceu, mais completa o mes sen acadar a quincena. O Andorra está a ser un equipo moi sólido e coral e, inda que Jaime adoita ser incisivo nos minutos que está en cancha, non valora como antes. Para esta semana xa xera dúbidas. Mídense dous dos equipos máis en forma (Baskonia chega cunha xeira de 9-1 e os do Principado cun 8-2), iso é posíbel que faga que medren os minutos de Jaime, mais, pola contra, as probabilidades de bono descenden. Ao seu favor ten o 23 da ida. Eu creo que seguirá na liña dos últimos partidos: máis de dez e menos de quince. Despois volve xogar fóra contra o Burgos.
Nico Laprovittola foi o xogador máis importante da Penya no reencontro coa vitoria. Esta vez si que foi determinante, sacou moita vantaxe nos pick and roll e tomou boas decisións. Esta xornada ten un partido no que o bono non é imposíbel na visita a Zaragoza, que ademais é un equipo que concede moita valoración aos bases. Non descarto que vaia facer unha valoración similar á da semana pasada, sobre os 25, mais tampouco que quede arredor da decena.

terceiro banzo

Tomás Bellas confirmou na última xornada que fóra da casa non podemos pensar nel. Agora, como local e contra a Penya nun partido dramático, é unha bandeira interesante. Os seus dous últimos partidos como local andaron sobre a vintena, na ida contra o Joventut fixo un 24 e é un dos xogadores que mellor conectan cunha grada que debería apertar como nunca polo que hai en xogo. Pinta ben. Póñoo no terceiro banzo porque está a ser un xogador irregular e o Zaragoza deu moi malas sensacións en Andorra. Respecto a Jaime, ten máis probabilidade de pico, inda que tamén de facer unha mala valoración. Jaime sería a aposta conservadora e Bellas a de risco. Despois viaxa, así que só é opción para un partido.

Cook e Hannah van recuperando a súa mellor versión e esta semana teñen partidos moi favorábeis contra Bilbao na casa e Sevilla fóra respectivamente, que son as peores defensas dos bases nesas canchas. Deberían cumprir arredor da quincena e cun bo día poden irse á vintena. Ademais, teñen bo calendario, na xornada intersemanal reciben a outras das peores defensas dos uns: Zaragoza e Fuenlabrada.

Askia Booker foi a estrela do Betis na importante vitoria en Fuenlabrada. Tras dous malos partidos, nos que quedou por baixo da decena, o base norteamericano logrou o seu tope da tempada cun 36 que deixa o récord dos sevillanos con el por riba do 50% de vitorias. Non vexo nel unha alternativa a Heurtel, porque por diante quédalle un calendario moi complicado. Esta semana recibe a visita do Murcia, gran defensa dos bases á que dende Doncic, na 11ª xornada, ninguén lle logra facer máis de 20 de valoración. A semana que vén vai ao Palau Blaugrana. Ao seu favor podemos dicir que se está a amosar como un gran anotador, case 18 puntos de media, e dende a súa chegada está a ser un dos líderes dun Betis que comeza a levantar cabeza.

fóra da listaxe

Inda que Jay Granger estaba a ser o xogador máis vendido, esta semana recomendábao como mellor opción para a segunda bandeira (ao contrario que a xornada pasada). Agora sabemos que está lesionado e que seguramente non xogue —o lóxico é que non o faga co que vén por diante—. Campazzo no estivo na Euroliga, así que non vale a pena reparar nel. Tampouco entra Kenny Chery. Após catro semanas na vintena, chegaron para el outras catro por debaixo, en dúas delas nin chegou aos 10 e esta última fixo un negativo. Xa non ofrece fiabilidade para incluílo na selección nin para ir con el en equipos da xeral, pero para cazaxornadas pode resultar interesante: o Valencia fóra da case recibe moito dos bases.
Ás
A posición ofrece catro magníficos, unha alternativa fiábel e despois xa é terreo de persoas afoutas.

primeiro banzo

Alguén se quere arriscar a perder outro 60? Ademais o rival de Sylven Landesberg é unha das defensas máis amábeis coas ás. Ten que estar.

O momento de Nemanja Nedovic era espectacular. Podíamos ter as dúbidas de se as mellores defensas o poderían cortar, dúbidas que foron despexadas esta semana: valorou alén da vintena contra o Madrid e saíuse contra o campión de Europa en Istambul cun partido por riba de trintena. Tanto teñen os rivais; mentres siga así, valorará ben.

Todas as opcións do Zaragoza pasan por Gary Neal. Xoga contra a Penya como local, que é especialmente vulnerábel nas ás fóra da casa. Non parece probábel que repita a obcecación da ida, así que debería estar cando menos por riba da vintena. Ten todos os balóns e minutos do mundo; é dos xogadores que queremos no SM. Despois visita o Estudiantes, que tampouco lle debería poñer as cousas difíciles.
Mateusz Ponitka foise por riba da trintena —co bono— con só 11 puntos anotados e ningunha canastra de dous, así de fácil valora. Leva 9 dos últimos 11 partidos por riba da vintena e só un deses por debaixo da decena. Agora viaxa a Málaga, que non é mala defensa das ás pero tampouco das mellores. Na ida só fixo un 2.4, pero xogou lesionado, así que non vale como referencia. Hai dúas semanas e tamén a domicilio contra a mellor defensa das ás, o Valencia, foixe aos 24. Así que non hai moitos motivos para dubidar del. Se alguén quere arriscar e deixalo fóra —eu penso que ten máis opcións de irse el á trintena que Popovic—, todos os seus malos partidos —agás ese lesionado contro o Unicaja— foron de visitante, entre eles o -1 contra o Madrid de hai seis xornadas. Aínda así, ten case 21 de media fóra.
Popovic cumpriu a pesar da inesperada derrota cun 21. Repite na casa contra outro rival amábel —Bilbao— que debería deixar o bono en Fuenlabrada. O normal é que ande na vintena de novo. Despois desta xornada xa si que nos teremos que esquecer del: xunta Murcia, unha das mellores defensas das ás, e Madrid.

segundo banzo

Eimantas Bendzius xoga contra o Real Madrid, mais iso non o saca da listaxe. O Madrid non é unha gran defensa das ás, ou mellor dito, non adoita precisar secar os treses rivais para gañar os partidos —porque Rudy si que é un defensa de elite na posición—. Así, na ida Bendzius xa fixo un 20 en Compostela. Chega con catro partidos consecutivos con 20 ou máis de valoración e este ano xa superaron varias ás a vintena en Madrid, así que, aínda que non ofreza a mesma confianza que os do primeiro chanzo, non é mala opción.

terceiro banzo

Co nivel que están a amosar as ás do primeiro banzo, case que non paga a pena pensar en bandeiras. Por dicir algunha, creo que a mellor debería saír do Murcia, que se enfronta á peor defensa das ás: o Betis. Brad Oleson leva catro partidos na decena e algún día lle terá que tocar superar a vintena outra vez (só o fixo na casa contra o Bilbao, tamén mala defensa, e iso que este ano apuntaba a xogador importante do SM). Se non é el, pode ser Álex Urtasun. Leva dúas valoracións sorprendentes consecutivas por enriba da vintena, a última un 22.8 en Valencia —mellor defensa— en menos de 18 minutos. A súa media do ano non chega a 6 de valoración e fóra da casa ten pouco máis dun 4.

fóra da listaxe

Na pasada xornada quedou claro que Blazic presenta demasiado risco de non valorar ben nun equipo tan coral como o Andorra para pensar nel coas grandes opcións que hai nas ás. Para cazaxornadas non o vexo mal case nunca, nin sequera esta vez fóra da casa contra o Baskonia. O Andorra defende ben as ás, así que tampouco paga a pena pensar en Beaubois esta semana. Algunha bandeira máis para cazaxornadas? Smits ten bo partido por diante —tamén o tiña a semana pasada e non chegou á decena—. A Schilb xa o deixei, con acerto, fóra a semana pasada e esta contra o Murcia seguirá aquí. Para cazaxornadas si se pode pensar nel.
Pivotes
As cousas aquí tampouco mudan, todo apunta a que a mellor opción vai ser acompañar a Shengelia doutra bandeira, e esa bandeira será a gran decisión da xornada.

primeiro banzo

Ante Tomic tivo unha valoración máis discreta a semana pasada que repetiu en Euroliga. Ambas como local. Fóra da casa o seu nivel está a medrar, así, des que chegou Pesic, ten de media máis de 32 puntos como visitante. Ten que estar na visita a Gran Canaria, que ademais é unha defensa moi permisiva na illa. Despois, recibe o Betis, unha das peores defensas a domicilio, e viaxa a Málaga —31 na Euroliga hai escasas semanas—. Cando menos ata que chegue o relevo de Seraphin, debe quedar no equipo.
Non Toko a Shengelia. Segue como fixo.
Henk Norel ten «molestias», como as vén a arrastrar durante case todo o ano no que está a ser o segundo pivote máis valorado da liga. No persoal, agás que se revele algo diferente antes do feche, non teño dúbidas con el. Xoga como local, case 25 de media no ano e inda está por riba deses números nos últimos 3 partidos. Ademais, o seu rival, o Valencia Basket, está a recibir máis valoración interior ca ningún outro equipo da liga fóra da casa nos últimos tempos: se tomamos dende a xornada 15, é o peor destacado, se tomamos dende a 20, sácalle recibe case 10 puntos máis de valoración que o que lle segue. Así que non hai mellor rival nestes momentos para Norel. Na intersemanal, coa viaxe a La Laguna, cun Canarias que defende bastante mellor, menos días de descanso… entón si parece razoábel ter dúbidas. Para esta, o risco de perder un trinta se o sacamos, non me parece pequeno. Se despois apenas xoga porque as «molestias» eran molestias, xa o sinto. Eu vou con el.

segundo banzo

Deon Thompson está a xogar moi ben e leva 8 xornadas sen baixar da decena. Ten unha saída bastante amábel a Fuenlabrada, que non destaca pola súa defensa interior —inda que non é das peores—. Ofrece bastante fiabilidade para moverse unha vez máis sobre os 15. O pico non parece moi probábel, a súa media é de 14 lonxe de Burgos, ningunha vez no ano superou a trintena fóra e só nunha das últimas seis saídas acadou a vintena.
Para esta xornada Reyes dáme boa espiña como segunda bandeira dos pivotes. Xoga na casa contra o Obra, que permite moita valoración dos interiores. Na ida fixo un 28.8 e na casa a súa media sube tres puntos ata situarse case nos 16 e medio. Como digo máis abaixo, non creo que Tavares vaia xogar, así que terá cando menos os seus 15 minutiños como na Euroliga —nos que tivo tempo a valorar outros tantos—. Se a cousa non vai ben, creo que andará polos 15 e moi raro me parecería que non chegue como mínimo á decena, se xoga un pouco máis e está entoado, creo que un partido na vintena non sería de estrañar. Para min é un si. Incluso non o vexo con malos ollos a dúas xornadas, porque entre semana repite en Madrid contra a Penya.
Carlos Suárez xoga na casa contra unha defensa media —Canarias—, o xogo interior do Unicaja non é que estea nas mellores condicións. El é un xogador moi fiábel como local —só baixou da decena a semana pasada contra o Madrid, onde fixo un 9, e na sexta xornada contra o Estu—. O lóxico é que nos dea un partido arredor dos 15, pouco podería baixar de aí, e nun bo día podería roldar a vintena. Boa opción para esta e a dúas tampouco pinta mal, despois vai a Compostela, contra un Obra que non é esixente na posición.

terceiro banzo

Se buscamos unha opción de risco, Jordan pode ser o xogador que marque diferenzas, para ben ou para mal. Noutras circunstancias, o pivote do Joventut estaría no alto da listaxe nun partido coma este: o Zaragoza, que xa non era unha gran defensa interior, trala marcha de Varnado debería supoñer un camiño despexado para un pico do xamaicano. Porén, como dicía a semana pasada, estou a velo indolente nos partidos —inda así fixo un 12 en menos de 15 minutos a semana pasada—. Non me estrañaría un partido por debaixo de 10 nin un alén da trintena.
Oderah Anosike está en gran dinámica e xoga na casa contra o Murcia, así que inda pode seguir esta semana máis nos equipos nos que xa estaba. A semana que vén contra o Barça fóra —a pesar do gran partido na ida— xa non o vexo tan claro.

fóra da listaxe

Edy Tavares a semana pasada tivo unha escordadura de nocello. Non foi grave. Se o Olympiacos non tivese perdido —o Madrid seguiría con opcións de meterse como cabeza de serie—, é bastante probábel que acabase xogando na Euroliga. O lóxico agora é que descanse para recuperarse para o que vén e que non xogue, se callar, ata a eliminatoria contra o PAO. Mais isto só é a miña opinión, non teño ningunha información ao respecto. Creo que hai opcións abondo para ter que pensar en Kelly que vén de vintena e pode facelo ben, pero despois viaxa a Barcelona. Voigtmann non entra pero podía entrar, o seu é que se manteña igual de fiábel e que nos ofreza outro partido na quincena. Como bandeira, Saiz fóra da casa está a baixar bastante, así que é mellor pensar noutras opcións. O mesmo lle pasa a Oriola. Dragovic non se está a amosar fiábel para metelo na listaxe, pero cos problemas que presenta a Penya cos catros, é unha opción interesante para cazaxornadas. A bandeira para kamikazes, tendo en conta como está o xogo interior do Valencia, pode ser Clark que, como Norel, tamén ten molestias.

O equipo do blog

Repetín equipo no meu mellor e en Andrómenas, así que tamén neste equipo tiven unha baixada moderada de 20 postos: agora vou o 1246º da xeral.

Como dicía, son partidario de conservar esta semana, así que só farei dous cambios: Nedovic entra por Blazic e Reyes por Suárez.