«Felipe, encántame o moito que aproveitas os minutos.»
«Por iso doe tanto ter que excluírte.»

Que sería deste xogo sen esas decisións incompresíbeis dos adestradores. Tavares anda tocado e queremos telo nas mellores condicións para as eliminatorias de Euroliga? O mellor é forzalo e darlle moitos minutos nun partido intranscendente. Felipe leva toda a tempada descansando e está a producir moito des que saltou á cancha? Mellor que xa non volva saír. Norel está en 75% en tiros de campo e con el o parcial do equipo é favorábel? Mellor que non xogue máis (agora sábese que se lesionara, co que Fisac sae da lista negra). Que Nedo está que se sae? Pois imos reservalo para a Euroliga, para que estea fresco para vela pola tele.

Balance da 26ª xornada

Pégaste unha malleira mirando cada aspecto e despois as cousas desenvólvense en contra de toda lóxica. Así dá gusto. Que marabilloso é este xogo! Maior baixada do ano —49 postos— cos 198 puntos, xa estou o 110º, pero aínda teño marxe para seguir empeorando e saír incluso con todos os equipos do Top 1000.
Bases
Heurtel (14.4)
Doncic (27.6)
Jaime (7)
Laprovittola (33.6)
Bellas (15)
Cook (7.2)
Hannah (26.4)
Booker (12)
ÁS
Landesberg (30)
Nedovic (13.2)
Neal (34)
Ponitka (5)
Popovic (11)
Bendzius (2)
Oleson (2.4)
Urtasun (-3)
Pivotes
Tomic (32.4)
Shengelia (22.8)
Norel (6)
Thompson (28.8)
Reyes (6)
Suárez (19.2)
Jordan (8.4)
Anosike (10)
Hai que verlle o lado bo: gañou a Penya fóra após máis dun ano.

Selección da 27ª xornada

Para estardes ao tanto dos novos artigos e recibirdes os lamentos en tempo real, podedes seguirme en Twitter. Se o parte cambia algo, actualizarei o artigo.
Bases
Doncic
Heurtel
Hannah
San Miguel
Laprovittola
Jaime
ÁS
Landesberg
Neal
Nedovic
Soko
Beirán
Koponen
Vasileiadis
Pivotes
Tomic
Shengelia
Thompson
Suárez
Saiz
Oriola
Lima
Bromas á parte, non fai falla dicir que os adestradores, pola conta que lles ten, xestionan os seus xogadores para tentar gañar, non para compracer os xogadores do SM. Esas decisións imprevisíbeis dentro dos parámetros do SuperManager teñen unha razón deportiva.

A primeira das dúas xornadas desta semana preséntase con bastante variábeis, iso sempre lle outorga maior interese ao xogo.

Bases
Os bases non ofrecen as mellores perspectivas esta semana. Acertar no terceiro e na decisión de ir con dúas bandeiras ou non antóllanse como unha das chaves da xornada.

primeiro banzo

Dúas xornadas consecutivas superando os 20 de valoración, visita da Penya, ausencia de Campazzo, unha bandeira que ofrece certezas… Luka Doncic segue dentro.
A fin de semana vimos en Gran Canaria a versión máis terreal de Thomas Heurtel, que non chegou á quincena a pesar de superar outra vez as dez asistencias. Agora regresa ao Palau, onde está na vintena de media, contra un Betis que é das peores defensas dos bases, mais sube o nivel fóra da casa, onde se sitúa entre as que menos conceden. Non debería ser atranco para o francés, que na ida fixo un 20.4. Na segunda xornada da semana, terá que visitar Málaga e entón a súa presenza xa non será obrigatoria.

segundo banzo

Esta fin de semana volvemos ver a mellor versión de Clevin Hannah en Sevilla. O Murcia está a se achegar a posicións de playoff e enfróntase a un rival directo en caída libre. O Fuenla suma xa 3 derrotas consecutivas e non é un gran defensor dos bases —29 na ida, sen bono—. Hai un par de semanas, outro base anotador, Booker, deu un pico contra os fuenlabreños. A dúas xornadas é menos interesante, o Granca non está a conceder picos na casa, nin sequera o logrou Heurtel a última xornada.

terceiro banzo

Por dar algunha bandeira, Rodrigo San Miguel leva catro partidos sen baixar da decena e como local a súa media medra máis de 6 puntos. O rival é favorábel, GBC, aínda que non ten un bo precedente: -5 na ida. Para a fin de semana pinta peor, visita Vitoria.
Nico Laprovittola volveu ter o fado da Penya nas súas mans e volveu guiar os verdinegros á vitoria na mellor xeira da tempada: 2 triunfos consecutivos (co que foi este club…). Tamén marcou o máximo da tempada: 33.6. Contra o Madrid volverá ter a pelota e a responsabilidade, pero os brancos son a mellor defensa, así que, agás que queiramos arriscar, cómpre apostar por opcións máis fiábeis. A fin de semana, contra o Bilbao, si que pinta a opción prioritaria e a posíbel recambio de Heurtel.
A fiabilidade de Jaime Fernández xa non semella ser tal, leva 5 xornadas sen acadar a quincena e repite fóra da casa —media de menos de 12.5—. Inda que no global o Burgos é das peores defensas dos bases, a cousa mudou bastante nas últimas xornadas, onde está entre as mellores. A opción lóxica é darlle un descanso —inda que non descarto unha boa valoración pola súa parte—. A fin de semana, contra o Estu na casa, xa presenta outro atractivo.

fóra da listaxe

Bellas viaxa, polo que, segundo lle están a ir as últimas saídas, tampouco é opción de bandeira. Cook tiña unha xornada propicia como local contra o Bilbao Basket e non acadou a decena. Non paga a pena pensar nel para equipos da xeral, inda que volva ter un rival propicio no Zaragoza que o pode facer interesante para cazaxornadas. Como opción de risco podemos pensar en Radicevic. Estivo fantástico contra o Barcelona e o rival, Bilbao Basket, é dos máis amábeis. O problema é que fóra da casa non acaba de render, só en Fuenlabrada, e co bono, superou a quincena. No festival triplista de récord en Donostia, Sergi García conseguiu a súa primeira gran valoración cos taronja. Podemos pensar nel como opción de alto risco. Enfróntase a un Baskonia que non destaca pola súa defensa dos uns e cabe esperar que coa ausencia de Vives volva dispoñer de minutos. Mellor pinta para a fin de semana no seu regreso a Zaragoza, equipo amábel cos bases —pico de Lapro na última xornada— e sumido en fonda depresión. Tampouco é de descartar que nun partido tan importante como o do Baskonia, Vidorreta aposte por outros xogadores que non son bases para exercer como tales e el dispoña de moi poucos minutos.
Ás
Coa lesión de Ponitka, queda unha praza libre que pode marcar a xornada. Esta semana non parece mala idea pensar nunha bandeira.

primeiro banzo

Sylven Landesberg segue ao seu. A visita do Zaragoza pinta a novo pico.
Tampouco hai motivos para dubidar de Gary Neal, no seu duelo coa á estrela do Estudiantes os gañadores deberíamos ser nós polas respectivas grandes valoracións de ambos. A fin de semana recibe o Valencia.
Nemanja Nedovic non valorou como se esperaba porque non xogou o que se esperaba, só 13 minutos. O Unicaja está a se xogar moito, Fontes do Sar é unha cancha complicada, así que non hai motivo para que non volva ter minutos e, nese caso, debería valorar moi ben polo seu gran momento e porque o Obra non destaca na súa defensa das ás. Despois xogará na casa contra o Barça, aí quererá mostrar a súa mellor cara e o Barça xa sabemos que é o rival soñado para as ás. Debe seguir.

segundo banzo

En especial se Antelo segue de baixa, Ovie Soko semella unha aposta segura —23 na ida—, sen el volvería ter moitos minutos e xogaría de 4 a tempo completo. Debería ser boa opción incluso se volve. Leva tres grandes valoracións seguidas e o Fuenlabrada está a ter dificultades para defender a posición; así, todos os AP nas últimas xornadas fixérono ben contra eles: Thompson, Kelly, Shengelia, Suárez, Suton… Despois visita Gran Canaria, que tamén é un rival favorábel para el.
Coa lesión de Ponitka, Javi Beirán emerxe como a bandeira máis interesante da xornada. Xa contra o Unicaja superou a vintena de minutos de xogo e a quincena en valoración. Agora, enfróntase como local a un GBC que ten problemas para defender as ás. Cando Ponitka é baixa, a súa valoración media achégase á vintena. Na viaxe a Vitoria xa pode haber máis dúbidas con el, mais para esta xornada semella un valor seguro.

terceiro banzo

Un dos que reviviron coa chegada de Pesic foi o suomi Koponen, que está a xogar máis de 25 minutos de media. A última xornada foi o MVP do SuperManager —Neal valorou máis, pero non levou o bono— e agora enfróntase á peor defensa exterior da liga. Inda así, é unha aposta de risco, porque a súa valoración depende do acertado que estea no tiro. Na visita a Málaga as perspectivas xa non son boas.
Outro que depende do seu lanzamento para valorar ben é Kostas Vasileiadis, e por iso é unha opción de certo risco. O microondas grego está anotar moito na casa, case 19 puntos de media nos últimos tres partidos, e coa baixa de Ponitka ten que dar un paso á fronte. O GBC é unha defensa favorábel. Tamén sería unha aposta a só unha xornada.

fóra da listaxe

Ponitka volveu ter problemas físicos contra o Unicaja unha volta despois. Só puido xogar o primeiro cuarto. Agás que o parte diga o contrario, temos que vendelo. Popovic estivo por debaixo das expectativas nun partido propicio. Coa viaxe a Murcia, cancha complicada e gran defensa das ás, toca esquecerse del. O Barça adoita conceder picos aos treses e podíamos pensar que Schilb é o principal candidato no Betis para absorbelo, porén, o xogador con pasaporte checo fóra da casa non está a render e leva desde a xornada 16 —Burgos— sen superar a vintena a domicilio. Semella mellor opción para cazaxornadas. Mumbrú estivo moi ben esta última xornada, mais anda con demasiada irregularidade como para consideralo para equipos da xeral; mellor para cazaxornadas. Como opción de risco para diferenciarnos podemos pensar en Carroll. Vén de gran valoración, nun partido no que case fai un dobre-dobre —9 rebotes— e a Penya é un rival propicio. Porén, xa sabemos que non é o xogador que valora con máis regularidade nun equipo con tantas opcións como ten o Madrid.
Pivotes

Tres opcións parecen claras trala baixa de Norel, o cuarto xogador marcará diferenzas. Bandeira si ou non?

primeiro banzo

Sen novidades con Ante Tomic. Novo pico por riba da trintena e agora xoga como local contra unha das defensas que máis conceden: Betis. A fin de semana visita Málaga. Alí fixo un 31 hai escasas semanas na Euroliga.
Tampouco Toko a Shengelia esta semana. Ten que seguir.
Deon Thompson gañou a pulso converterse na terceira mellor opción nos pivotes. Leva 9 partidos sen baixar da decena e os dous últimos superou a vintena. Enfróntase como local ao Andorra —16.8 na ida—, que é das defensas interiores que máis valoración conceden. O único pero que podemos poñerlle é que será moi complicado que o Burgos amplíe a tres a súa xeira de vitorias, o Andorra está nun momento fantástico, así que ten moi complicado o bono. Se esta pinta ben, inda mellor a próxima: visita a Sevilla, que é un dos equipos que peor defenden os catros —37.2 na ida—.

segundo banzo

Carlos Suárez volveu amosarse como a opción axeitada para segunda bandeira a pesar de disputar, como Nedovic, poucos minutos. A visita a Compostela debería serlle favorábel, o Obra non é das defensas máis esixentes e xa na ida estivo na vintena. Máis dúbidas presenta a próxima xornada na visita do Barcelona, ten un gran precedente en liga —28.8— e un 11 en Euroliga hai poucas semanas. Todo indica que o debería facer ben, e por iso está aquí, pero non podo evitar ter a sensación de que a súa mala xornada está a piques de chegar.

terceiro banzo

Preséntase moi interesante esta semana a bandeira de Sebas Saiz. O pivote madrileño na casa mellora os seus números —leva unha media de 19 nos últimos cinco partidos de local— e o Andorra é un rival propicio: é das defensas que máis conceden dos pivotes e na ida xa fixo un 15.6. Como dicía con Thompson, será complicado que quede co bono. A máis dunha xornada perde interese, porque fóra da casa a súa media está por debaixo da decena, inda que na ida —co bono— acadou a vintena contra o Sevilla.

Outra bandeira que como local mellora moito as súas prestacións é Pierre Oriola. Ten 18 de media nos últimos 5 partidos de local e o Betis é das defensas que máis valoración interior conceden. A semana que vén viaxa a Málaga, así que é unha aposta, bastante segura, para un partido.
Tamén condicionado pola posíbel volta dos seus compañeiros, Augusto Lima ofrece unha bandeira ben interesante, menos fiábel que as de Saiz ou Oriola pero con máis opcións de pico. O brasileiro, que regresou a Murcia en inverno, xa parece que vai collendo ritmo e esta semana estivo na vintena na vitoria en Sevilla. O Fuenla é un rival amábel cos interiores, así que as perspectivas son boas —o lóxico é que vaia gañando peso nos murcianos, é un xogador moi valioso a estes niveis—. Nos dous partidos nos que chegou á vintena de minutos, valorou ben: 18 —sen bono— e 20.4 esta última semana. A visita ao Gran Canaria da fin de semana tamén lle resulta propicia, os canarios como locais son unha das defensas que máis conceden aos pivotes —pico de Tomic a última xornada—.

fóra da listaxe

Laso non me colle noutra. Algún entre Tavares, Randolph ou Felipe vai dar, con bastante probabilidade, un pico esta xornada. Porén, tampouco sería estraño que calquera deles apenas xogue. Así que a incerteza é máxima. Quen queira xogar á ruleta, que o faga, igual lle toca; pero non ofrecen fiabilidade para entrar na listaxe. O Barça é o equipo que menos valoración concede aos interiores, así que é mellor non contemplar as opcións de Kelly e Anosike. Este último, que estivo inmenso na ida en Sevilla, pode ser unha opción audaz para cazaxornadas. Algún dos interiores do Granca seguro que o fará ben en Bilbao, pero non podo apostar por un. Se buscamos a diferenciación, Suton vén de pico como local e repite na casa contra outro rival propicio: Zaragoza.

O equipo do blog

Estupenda xornada en Andrómenas, perdo 200 postos e xa vou o 1445º da xeral. O obxectivo do Top 1000 vai acadando tinturas quiméricas.

Para deixar o equipo como me gustaría, precisaría catro cambios. Despois dunha xornada tan desastrosa e tendo que quedarme cun xogador que cambiaría se puidese, neste equipo apetéceme xogarma (non así no meu mellor, no que creo que manterei a Jaime). Vou quedar con Felipe. Na casa adoitaba ter minutos con regularidade, volve xogar como local e non creo que Laso o faga descansar dous partidos seguidos. Se ten minutos, contra a Penya debería valorar ben. A ver que pasa. Así que os cambios serán: Hannah por Jaime, Ponitka deixa o sitio ao seu compañeiro Beirán e vou ser precavido con Norel (coas novas o cambio é obrigado) e vai entrar Thompson no seu sitio. Para a xornada que vén, tería a Beirán, Felipe e Hannah case como cambios obrigados, co que por aí tamén supón un risco alto por se hai algunha lesión.