A estrutura non varía moito, mais hai algún dos fixos dos últimos tempos que esta xornada podería saír dos equipos sen asumir un risco tan grande como noutras ocasións. Tamén hai que ter en conta que os equipos vivos en Euroliga, Madrid e Baskonia, aprazarán os seus partidos da vindeira semana, polo que a aposta polos seus xogadores cando menos non nos vai comprometer a máis dunha xornada, as súas substitucións non contarán para o límite de tres cambios a semana que vén.
Os bases ofrecen máis variábeis nunha semana na que só Doncic aparece como innegociábel.
Non hai ningún motivo para dubidar de Luka Doncic esta semana. A que vén daranos cambio extra. Á volta, a final de mes contra o Estu, é probábel que xa non sexa tan fixo coma antes, porque non só o Facu está a piques de reaparecer, senón que Llull ultima o seu regreso e podería estar xa para o derbi.
O Betis esixiu moi pouco ao Barcelona —que incluso o dobrou con folgura no marcador— e Thomas Heurtel puido descansar bastante tempo. Aínda así, os menos de 17 minutos abondáronlle para superar a vintena. Agora ten por diante o partido máis difícil dos que lle quedan. Viaxa a Málaga, o Unicaja está entre as cinco mellores defensas dos bases esta tempada, e na ida quedou nun 1. Hai escasas semanas, na visita en Euroliga, fixo un 17. O escenario máis probábel é que se mova arredor dos 15; mais non se pode descartar un partido por debaixo da decena nin un pico, porque Heurtel é deses xogadores que son capaces de facelo ben en calquera circunstancia. As particularidades da semana, cos cambios extra que ofrecen Madrid e Baskonia, fan desta unha xornada propicia para procurar a diferenciación coa súa venda —non nos custará recuperalo a próxima—. Tras este partido, pinta a fixo no que resta de ano.
O regreso a Andorra fai que Jaime Fernández escale posicións na listaxe. Como local a súa media medra de forma considerábel ata case os 18 e o Estu —canteira da que saíu o base madrileño— é a defensa dos uns que máis valoración concede a domicilio. A súa bandeira esta semana ten un interese especial que o converte en case fixo. Máis valor vai ter incluso a semana que vén a súa condición de cota ao non estar Doncic. Entón visitará Bilbao, unha das defensas máis hospitalarias.
Dicía a comezos de semana que o máis prudente era pensar noutras alternativas no canto de levar a Nico Laprovittola contra o Real Madrid, que o seu momento chegaría esta xornada contra o Bilbao Basket. A Penya vólvese xogar a vida, o arxentino está a ser o líder do equipo, o rival é das defensas máis benevolentes e como local aumenta as súas prestacións —17.4 de media—. Ten partido para pico se as cousas van ben para Penya. A saída a Burgos, outra final, tamén lle resulta favorábel. É a mellor alternativa a Heurtel, ofrécenos menos fiabilidade que o francés pero, esta semana, tamén unha maior probabilidade de pico.
A unha semana, pinta moi ben Kenny Chery. Estivo magnífico na sorprendente vitoria en La Laguna e agora regresa a Donostia para enfrontarse a un rival favorábel: Obradoiro. Xa era un xogador con moita presenza ofensiva, case 14 puntos por partido, e agora coa baixa de Norel terá que asumir aínda máis responsabilidade anotadora. A semana que vén vai a Barcelona, así que entón deberiámolo vender.
Clevin Hannah vén en moi boa dinámica e xa estaba na selección a semana pasada. Esta xa non resulta tan atractivo, porque o Granca de local está a conter os bases rivais, nin sequera Heurtel puido acadar a vintena. Será un partido moi duro, ambos equipos loitan polas prazas que dan acceso aos playoffs, e seguro que asumirá responsabilidades. O pico é complicado, pero pode cumprir entre os 10-15. Se non o temos, pensemos mellor en opcións con xornada máis favorábel, mais se está no noso equipo, non é o cambio máis urxente e ademais a xornada que vén ten un partido favorábel na visita do Zaragoza.
O partido de Askia Booker é máis complicado do que poida parecer. Noutro momento da tempada tería sido unha xornada de pico, mais o Burgos subiu moito o nivel defensivo nos últimos tempos, nos que se sitúa como unha das mellores defensas dos bases. Pódenos dar esperanzas con el que os anotadores, e el é un base anotador, conseguiron bos resultados contra o Burgos nos últimos tempos, incluíndo o pico de Heurtel, o único base que o logrou nos últimos tempos, mais non se enfrontaron a bases anotadores —Hannah foi baixa no partido contra o Burgos—. Hai máis incertezas con el que con outros bases, por iso está aquí abaixo, así que é unha opción de certo risco. Pode marcar diferenzas para ben ou para mal. A semana que vén repite na casa contra o Granca, que lonxe da illa é un equipo moi accesíbel para os uns.
San Miguel está no mellor momento da tempada, tras cinco xornadas sen baixar da decena e acadar a vintena na última semana, na que estaba na miña selección. Agora, coa visita a Vitoria, o mellor é evitalo. A semana que vén, coa visita do Fuenla á illa, será unha das bandeiras a ter en conta para suplir a ausencia de Doncic. Sergi García, no regreso a Zaragoza, pode ser unha bandeira de risco interesante para cazaxornadas. Se queremos irnos a xogadores menos habituais, Corey Fisher enfróntase á peor defensa dos bases como local, Betis, e vén dunha actuación magnífica contra o Andorra.
As ás, como é a tónica da tempada, ofrece bastantes opcións interesantes. Porén, esta semana atopar unha bandeira con boas perspectivas semella tarefa imposíbel.
O Andorra é unha defensa bastante competente, pero Sylven Landesberg non nos deu ningunha razón para dubidar del. O Estu subiuse ao tren da loita pola postemporada e precisan do norteamericano máis ca nunca. A próxima saída a Compostela debería ser menos complicada.
Vou ser fiel ao que digo sempre: o Barcelona é un gran rival para as ás e por iso para min Nemanja Nedovic volve ser fixo esta semana; incluso confío en que poida dar un pico. Está moi ben de forma, xoga como local —a súa media medra 7 puntos en Málaga— e hai escasas semanas na Euroliga xa fixo un 19 contra o Barça. A viaxe a Valencia da próxima semana xa nos obrigará a darlle máis voltas.
Após o ridículo en Barcelona, o Betis ten unha final na casa contra o Burgos. O equipo de Diego Epifanio é bastante amábel coas ás e Blake Schilb mellora moito como local —anda por riba da vintena de media nos últimos partidos en Sevilla—; ten que dar un paso á fronte. Pinta a pico e a semana que vén repite na casa contra o Granca, que tampouco destaca pola súa defensa dos treses.
Só o Real Madrid —único partido dos últimos sete no que non acadou a quincena— logrou conter o gran momento de Bendzius. O lituano volveu amosarse letal contra o Unicaja e agora ten un partido moi favorábel na visita a Donostia. A defensa dos de Porfi Fisac concede máis valoración ca ninguén nas ás, así que a xornada pinta moi ben para Eimantas. Ademais, o partido como local da semana que vén contra o Estu tamén lle é propicio. Preséntase como unha das opcións máis atractivas da xornada.
Había moito tempo que Gary Neal non caía tanto na miña listaxe. Non estivo á altura no partido contra o Estu, nas últimas semanas estamos a velo bastante fatigado —está a levar todo o peso da ofensiva do Zaragoza trala marcha de McCalebb— e sobre todo véñenlle dous partidos contra dúas das mellores defensas da liga: Valencia e Murcia. Ao seu favor está a súa media como local, superior á vintena, e a súa categoría como xogador, pero vendelo xa non é unha loucura.
Despois do feche de cambios, soubemos que Ovie Soko tiña problemas nun nocello. Non semella que esas molestias foran determinantes para a súa mala xornada cando mellor pintaba. Tivo outro deses partidos terríbeis no lanzamento —non é o xogador con mellor tacto da competición— e desta volta non o compensou con faltas recibidas como no partido contra a Penya. Porén, non me parece que teña mal partido por diante, todo o contrario. O Granca non destaca pola súa defensa do catro e o británico pode volver sacar partido das súas características como fixo na ida: 24 —co bono—. Á hora de fichar igual hai outras opcións que se presenten máis atractivas, pero se xa iamos con el a semana pasada, podemos acometer cambios máis urxentes.
Koponen respondeu moi ben a semana pasada, na súa primeira inclusión na listaxe. Agora ten unha saída moi complicada, aínda que está en gran dinámica e hai escasas semanas fixo xa alí un 17 na Euroliga. A visita do GBC da semana que vén resúltalle moi favorábel, así que é unha opción a ter en conta se procuramos diferenciármonos.
O arxentino Lucio Redivo foi a sensación da pretempada e estaba presente en moitos equipos do SuperManager para a primeira xornada. Esa fora a única vez que entrara na listaxe. Ata hoxe. Vén de ser o MVP —45.6— nunha vitoria capital para as aspiracións de permanencia do Bilbao. Aínda que tarde, semella que lle está a coller o pulso á competición: leva tres partidos consecutivos con 14 de valoración ou máis e a Penya non é das mellores defensas exteriores, de feito, o seu 20.4 da ida era a súa mellor valoración da tempada ata o pico desta semana. Porén, a súa media lonxe de Bilbao nin chega aos 4 de valoración. É a á da listaxe que ofrece menos fiabilidade, implica un risco alto que igual ten recompensa —ou se cadra non—.
Nin Beirán nin Kostas, que entraron a semana pasada con sorte dispar, semellan as mellores opcións na visita a Vitoria. Tampouco entra Mumbrú na súa derradeira visita á cancha na que se fixo baloncestista e na que lle profesan o máis fondo dos odios. Esa relación de amor-odio-amor e definitivo odio coa bancada do Olímpic terá esta fin de semana o seu capítulo definitivo —cando menos como xogador—. A motivación extra e unha defensa verdinegra pouco esixente non abondan para consideralo, o risco de se ofusque é alto e non se pode descartar outro negativo como a da tempada pasada. Para cazaxornadas si que cobra interese, porque se as cousas lle saen ben pódese xuntar todo nunha tormenta perfecta para a vinganza definitiva. Unha vitoria do Bilbao deixaría á Penya con pé e medio fóra da ACB. No mesmo partido, podemos considerar a Conger como opción para cazaxornadas. O exterior norteamericano foi chave nas dúas vitorias da Penya e o seu físico pode darlle unha boa vantaxe fronte a unha das peores defensas exteriores da categoría. A pesar das dúas xornadas consecutivas na vintena, o baixón que sofren os seus números fóra da casa deixan a Carroll como opción para cazaxornadas ou managers afoutos contra unha defensa bastante capaz de local como é a do Fuenla. Non vexo bandeiras fiábeis, así que é mellor procuralas noutras posicións. Se non nos queda máis remedio que apostar por unha, Pere Tomàs tamén ten o factor do ex, saíu da canteira da Penya, vén de pico e na súa última visita a Badalona —co Manresa— tamén estivo na vintena. Ponitka volverá esta semana na dura saída a Vitoria ou xa en plenitude para a próxima. Pode agardar á xornada que vén para regresar aos equipos.
Tres opcións claras e unha máis que probábel necesidade de completar o xogo interior cunha bandeira.
Ante Tomic segue no máis alto. Como Heurtel, Pesic aproveitou o partido contra o Betis para que descansara máis do habitual. Inda así, con menos de doce minutos de xogo tivo tempo a facer un 18. Na visita a Málaga terá moitos minutos e conta cun 31 como precedente recente na Euroliga.
Cando peor pintaban as cousas para o Burgos, chegou unha xeira de tres vitorias liderada por Deon Thompson, que superou a vintena nos tres partidos. Se a manteñen en Sevilla, deixarán moi preto a permanencia. Os béticos soben moito a súa mala defensa interior como locais, pero no catro seguen a dar facilidades. O norteamericano debería facer bo partido e as perspectivas son inda mellores a semana que vén na visita da Penya.
A bandeira de Shengelia e o cambio extra que nos dará ao remate da xornada abondan para manter a súa condición de fixo. Como local a súa media sitúase por riba dos 24 de valoración e xa na ida lles fixo un 28 aos canarios.
Daniel Clark atópase nun bo momento, leva 5 dos últimos 7 partidos con 14 ou máis de valoración. Coa baixa de Norel, o GBC precisa que mellore as súas prestacións. No primeiro partido sen o neerlandés, foise por riba da vintena. Xoga como local —os seus números apenas varían— contra o Obra. Os composteláns son dos que máis valoración interior conceden e son especialmente vulnerábeis no catro, onde este ano atopamos múltiples exemplos de AP que conseguiron superar a vintena contra eles. Na súa contra está o precedente da ida —7.2—, aínda que agora a bo seguro que terá máis lanzamentos e por tanto máis opcións de valorar, e que non é dos xogadores máis regulares. Suárez é menos posíbel que pinche e Clark ofrece máis probabilidade de pico. Iso si, sería unha fichaxe só para esta xornada, porque despois viaxa a Barcelona.
O Barcelona non é o mellor dos rivais posíbeis, pero Carlos Suárez está a amosar bastante fiabilidade e na ida, como visitante, logrou un 28.8 no Palau —inda que aquel Barça e este parécense máis ben pouco—. A semana vindeira vai a Valencia, que debe subir o seu nivel defensivo interior para pelexar polo segundo posto.