Doncic, Shengelia, Landesberg, Norel, Bendzius, Tavares… non son máis ca sombras difusas nunha xornada envolta en tebras.

Balance da 27ª xornada

Volveu ser unha xornada de moitos puntos. Como sabemos, iso significa perigo. Se non atinas cos xogadores que dan pico, o descenso pode ser acusado. No meu mellor, faltábame un cambio para deixar o equipo que quería, así que preferín meter a Bendzius por Neal que a Laprovittola por Heurtel. Non saíu como esperaba, mais non podería consideralo un erro. De feito, Bendzius chegou a estar como MVP da xornada (32) e con bono —e Neal salvou o seu partido na segunda parte, foi ao descanso en -4—. O Obra xogou mal a última posesión, o partido foise á prórroga e alí baixou a valoración e quedou sen o bono. Da mesma maneira, o Barça tivo a última xogada para gañar o partido ou levalo á prórroga. A pesar diso, a diferenza entre parellas foi mínima: Neal e Lapro fixeron un 53.2 conxunto e Bendzius e Heurtel fixeron un 51. Así, os 217 puntos servíronme para manterme: ascendo 3 postos ata o 48º da xeral. Por fin a unha boa xornada non lle segue unha mala; se atendemos á diferenza de puntos entre os que entraron e os que estaban, +35.8, podo considerala incluso positiva.

Bases

Doncic (31.2)
Heurtel (24)
Jaime (9.6)
Laprovittola (37.2)
Chery (10.8)
Hannah (10)
Booker (27)

ÁS

Landesberg (8)
Nedovic (18)
Schilb (11)
Bendzius (27)
Neal (16)
Soko (0)
Koponen (14)
Redivo (2)

Pivotes

Tomic (21)
Thompson (21.6)
Shengelia (22.8)
Clark (22.8)
C. Suárez (28.8)
Lima (7)
Tavares (19.2)
Kelly (10)
Anosike (25)

Nada espectacular, pero o bo tino cos pivotes e a inclusión de Bendzius como opción prioritaria danlle o aprobado.

Selección da 28ª xornada

Na miña conta de Twitter podedes estar ao tanto dos novos artigos e actualizacións deste se xurde algunha nova de última hora que mude as cousas. Alí, tamén publicarei os xogadores cos que sairei no meu mellor.

Bases

Heurtel
Laprovittola
Booker
San Miguel
Jaime
Fisher

ÁS

Ponitka
Schilb
Neal
Nedovic
Bendzius (dúbida)
Koponen
Martínez
Blazic

Pivotes

Tomic
Thompson
Dubljevic
Oriola
Suárez
Saiz
Anosike

Preséntasenos unha xornada moi complicada, con varias ausencias entre os máis levados da tempada. Volverá ser moi importante a planificación, temos que deixar marxe para recuperar a Doncic, Shengelia e outros xogadores que nos interese recuperar, así que non debemos armar o equipo pensando só nesta xornada —algo que nunca é recomendábel—. Ademais, como dicía a semana pasada e como por desgraza comprobamos nesta, hai un gran risco de lesión polo avanzado da tempada. A semana que vén contaremos con catro cambios, que poderían non abondar. A distribución das bandeiras será moi importante: renunciamos a Heurtel ou Laprovittola? Metemos unha bandeira nas ás?

Bases

A ausencia da bandeira de Doncic condiciona a posición. As mellores opcións atopámolas en xogadores que non son cota. Parece ineludíbel a presenza dunha bandeira, mais unha das chaves da xornada será acertar na inclusión ou non dunha segunda.

primeiro banzo

Thomas Heurtel vén de salvar na vintena un partido moi duro en Málaga. Agora enfróntase como local ao GBC, que é unha das defensas que máis valoración conceden dos bases. Como local, Heurtel ten case 21 de valoración media no Palau, así que pinta a pico. O único que nos pode preocupar é que descanse como contra o Betis —no que inda que xogou poucos minutos, cumpriu—. O certo é que ese partido tivo unhas circunstancias moi particulares: rompeuse dende os primeiros compases e o Barcelona tiña que volver xogar un choque moi importante en Málaga só uns días despois —no que Heurtel xogou máis de 30 minutos—. Aquí a historia é diferente, teñen unha semana de descanso antes do próximo partido contra un dos rivais en peor xeira da liga e o GBC non vai dar as facilidades do Betis, é un equipo que non adoita baixar os brazos por mal que vaian as cousas. Tanto para esta semana como para a próxima na visita a Fuenla, outra das peores defensas dos bases, Heurtel pinta a opción prioritaria.

O que dicía a semana pasada para Nico Laprovittola segue a estar vixente. Terá moitos minutos, moitos tiros e moita bóla. Se ademais as cousas lle van ben á Penya, tanto mellor para a súa valoración: a melloría do Joventut é evidente e nesas tres vitorias nos últimos catro partidos, Nico tivo unha media de máis de 30 de valoración. O partido contra o Burgos é unha nova final para a Penya, para os burgaleses unha vitoria significaría certificar a permanencia e na casa son moi fortes. O seu rival ten especiais problemas para defender os bases anotadores e Lapro está en máis de 16 puntos de media. En contra ten que os seus números fóra da casa descenden máis de 7 créditos de valoración, aínda que no momento actual son pouco significativos. Para esta xornada é unha das opcións máis interesantes e o partido como local da semana que vén contra o Valencia Basket, que tampouco destaca pola súa defensa dos bases, fai que podamos pensar nel a dúas semanas.

segundo banzo

Askia Booker repite como local, vén dun pico e enfróntase a un dos mellores rivais posíbeis: o Granca como visitante está a ser dos equipos que máis valoración reciben dos bases. Des que chegou está a asumir moitos lanzamentos e, en consecuencia, está a anotar moito. Volve apuntar a partido por riba da vintena. O único que nos pode facer dubidar é o cambio de adestrador: debutará Javi Carrasco, que debe cambiar cousas nun equipo que está moi lonxe do que debería dar un cadro con ese potencial. A semana que vén ten un partido crucial en Zaragoza, que é unha defensa bastante accesíbel como local.

Rodrigo San Miguel este ano non estaba a ser un xogador interesante para o SuperManager. Apenas tiña boas valoracións entre unha maioría de partidos por baixo da decena e non encadeara nin unha soa vez dúas xornadas na decena. Todo mudou semanas atrás. Agora leva unha xeira de 6 xornadas con 10 ou máis de valoración e nas dúas últimas estivo na vintena. Como local os seus números son bastante mellores e recibe a un Fuenla en moi mala dinámica —ademais, é unha defensa bastante amábel cos bases—. Despois ten dous partidos fóra: derbi e visita ao Estu. É a bandeira máis interesante para esta semana e que debamos vendelo na próxima non é problema se temos pensado recuperar a Doncic.

terceiro banzo

Se precisamos unha segunda bandeira, a pesar de todo, Jaime Fernández semella a opción menos mala. Son xa sete partidos sen acadar a vintena, nos que se vén movendo nun intervalo de 7-12 de valoración. Ese chan en 7 é o que lle outorga vantaxe. O bo é que visita Bilbao, unha defensa amábel que xa lle concedeu 26.4 na ida, e despois recibe o Obra, que tamén ten unha defensa permisiva. Se nos conformamos co que vén ofrecendo, ou temos a esperanza de que regrese aos seus números anteriores, podemos contar con el a dúas xornadas.

Se procuramos diferenciármonos, un dos menos habituais con gran xornada por diante é Corey Fisher. Recibe como local ao seu ex, un Joventut moi mellorado que viña sendo unha defensa moi atractiva para os bases rivais. O Burgos atópase na mellor xeira da tempada e el está a ser un dos xogadores máis importantes. Nos seus dous últimos partidos na casa superou a vintena. A visita a Donostia da próxima semana xa non resulta interesante, así que é unha aposta só para esta.

fóra da listaxe

A dureza do rival —Barça— desaconsella ir con Chery esta semana, porén, o 20 da ida faino interesante para cazaxornadas. Deixo fóra tamén a Hannah. O Zaragoza recibe menos dos bases que noutras posicións, Clevin baixa os seus números como local e a incorporación de Ennis nos maños engade un pouco máis de incerteza. Non paga a pena pensar nel para equipos da xeral, inda que si é opción para cazaxornadas —21.6 na ida—.

ÁS

O que semellaba que ía ser unha xornada tranquila nas ás, transformouse nun pesadelo coa baixa xa confirmada de Landesberg e a seria dúbida de Bendzius, dous xogadores que terían ido no primeiro nivel da miña selección.

primeiro banzo

Mateusz Ponitka xa está de volta da lesión. No seu regreso volveu aos minutos habituais e fixo un 18 nunha saída moi complicada. Cunha semana máis de rodaxe, debería estar para este partido ao seu mellor nivel. En fronte ten a un Fuenla que segue a perder un partido tras outro, van 5 consecutivos xa. Recupera a súa condición de fixo e por diante venlle un calendario moi favorábel que o manterá no primeiro nivel durante semanas. Preséntase como a única á ineludíbel para esta xornada.

segundo banzo

Unha das grandes decepcións da xornada foi Blake Schilb. O que pintaba a pico quedou nun insuficiente 11, tras unha segunda parte na que só restou. A chegada de Booker quitoulle protagonismo; agora, co novo adestrador, haberá que ver se o recupera. Hai que apuntar que das 7 vitorias do Betis este ano, en 6 Schilb superou a vintena; é o termómetro do equipo, se queren gañar, precisan dun Schilb atinado e con protagonismo. O rival, Granca, é favorábel e repite como local, onde leva cinco partidos sen baixar da decena e a súa media medra en 7 de valoración. A min, e máis tendo en conta as baixas e dúbidas, paréceme moi interesante para esta xornada e ten un moi bo precedente na ida: 25.2 —cando se atopaba no seu mellor momento—. Para a xornada que vén xa me xera máis dúbidas, porque fóra de casa está a baixar moito.

Como dicía a semana pasada, Gary Neal non me gustaba nin para a pasada (16) nin para esta. Porén, as novas desta semana danlle un novo interese. Primeiro conto por que non era unha boa opción: viaxa a Murcia, unha das mellores defensas dos treses —sen contar o bono, só Ponitka chegou a 20, xustos, no Palacio de Deportes—, contra o que na ida só puido valorar 13. Sen Landesberg e coa dúbida de Bendzius as opcións redúcense moito e as importantes incorporacións do Zaragoza, Ennis e Bjelica, poden beneficiar o seu xogo: sen McCalebb os seus números baixaron porque as defensas pecháronse máis sobre el. É máis probábel un partido preto da quincena que na vintena, mais nesta xornada igual nos conformamos con iso. A semana vindeira, coa visita do Betis, xa debería recuperar a súa condición de fixo.

Nemanja Nedovic afronta un partido moi complicado en Valencia contra a mellor defensa das ás —4.8 na ida—. Na Fonteta, só Blazic e Eyenga acadaron a vintena este ano. Ao seu favor ten a súa gran xeira, 7 partidos por riba da decena, e un bo precedente na Euroliga —20—, aínda que como local. Se non o temos, non semellaba a mellor xornada para darlle entrada, mais coas baixas de última hora… Se xa o temos, será complicado que atopemos un cambio libre para substituílo e, ademais, amosou nos últimos tempos que cando está inspirado é imparábel. O mellor é mantelo. A semana que vén, na visita do Bilbao a Málaga, será case obrigatorio telo no equipo.

A miña gran aposta da semana pasada foi Eimantas Bendzius, que fixo un partido excepcional. Non só explotou o seu pulso privilexiado, senón que sacou moita vantaxe ao poste. O lituano era a miña opción predilecta para esta xornada, mais non adestrou en toda a semana por un golpe e é seria dúbida. Ten partido como local, contra un Estu que non é das mellores defensas das ás e conta coa baixa de Landesberg. Eu esperarei ata última hora a ver se hai novas sobre a súa participación. Se estar, por máis que non adestrara, véxoo como unha opción interesante. Se non temos nova información antes do feche, debemos esquecernos del. Despois ten unha saída complicada a Andorra, o que tamén desaconsella obsesionarnos con el.

terceiro banzo

Petteri Koponen atópase nun momento tan doce que incluso puido chegar a 14 en Málaga. Con este último partido xa suma 4 por riba da decena de forma consecutiva. Pesic está a lle dar moitos minutos e o GBC é un rival propicio, adoita conceder moita valoración das ás e conta coa baixa de Fede Van Lacke. A semana que vén viaxa a Fuenlabrada, que é un equipo bastante esixente coas ás, pero atópase nun moi mal momento. Inda que non garanta pico, os seus últimos partidos indican que cando menos debería asegurarnos unha valoración preto da quincena.

Se precisamos unha bandeira nas ás, Rafa Martínez parece a opción máis fiábel. Inda que se enfronte a un rival moi duro, Unicaja, os precedentes desta tempada contra os malagueños son bastante interesantes: 10 na ida —como visitante— e 11 e 20 na Euroliga. O seu pico é moi improbábel, mais un partido na decena semella o lóxico. A semana que vén vai a Badalona, un rival ao que xa lle fixo un 28.8 esta tempada.

Se queremos arriscar, Jaka Blazic ten por diante un partido moi favorábel. Está a render mellor fóra da casa e o Bilbao ten unha defensa accesíbel. Agora ben, está a ser un xogador de valoración moi irregular, tanto se move na vintena como por baixo da decena. Precisamente por iso, non podemos pensar nel a máis dunha xornada, inda que reciba a visita do Obra na vindeira.

fóra da listaxe

Como opción para cazaxornadas podemos pensar en Swing. Xa sabemos que o Barça adoita ser amábel coas ás. Coas ausencias de Norel e Van Lacke, o estadounidense terá que asumir máis responsabilidade ofensiva. Vén de superar a vintena contra o Obra. Como opción de bandeira para cazaxornadas podemos fixarnos nas ás do Estu, coa baixa de Landesberg tanto Vicedo —que suma máis de 20 de media sen o estadounidense— como Brizuela deberían asumir máis lanzamentos contra un Obra que é amábel coas ás. Se confiamos na vitoria da Penya, Demetrius Conger é unha opción interesante porque supera o 20 de media nas vitorias do Joventut e atópase nun bo momento. Marcus Eriksson podería regresar xa esta xornada, iso supón unha gran nova ante a ausencia de bandeiras fiábeis nas ás, mais a medio prazo; non é o momento de apostar por el trala inactividade.

Pivotes

Unha bandeira ou dúas?

primeiro banzo

Ante Tomic segue como fixo. Nin sequera unha posíbel redución de minutos se o partido vai ben para os de Pesic nos debería facer dubidar: na vitoria clara contra o Betis como local xogou menos de doce minutos pero tivo tempo a darnos un 18. Ningún outro pivote nos ofrece esa fiabilidade.

Non perdamos o tempo con Deon Thompson. Tamén é fixo. Leva xa catro partidos na vintena e enfróntase á Penya como local —21.6  na ida—. A semana que vén ten un partido complicado en Donostia, mais xa veremos entón que opcións se presentan. Para esta debe seguir.

Por antinómico que soe, Bojan Dubljevic atópase nun mal momento físico mais nun gran momento de forma: tres partidos consecutivos na vintena e 6 dos últimos 7 por riba da decena. A pesar de rematar coxeando o partido intersemanal, volveu dar un recital a fin de semana contra o Zaragoza, cun repertorio ofensivo sen fin. Seguro que agradeceu esta semana de descanso. Agora ten un rival moi complicado en fronte, o Unicaja, que é a mellor defensa interior a domicilio e este ano contivo bastante ben o montenegrino: 15 na ida e 13 e 9 na Euroliga. Agora vén xogando bastante mellor, así que, inda que o pico será complicado, podemos esperar un partido cando menos na quincena —como local só baixou dela contra o Madrid e contra o Bilbao, no que quedou nun 14.4—. A próxima xornada ten unha saída favorábel a Badalona, na ida sumou 18 contra a Penya.

segundo banzo

Co regreso ao Palau, Pierre Oriola tamén volve postularse como unha das bandeiras a ter en conta esta xornada. Está nunha media superior aos 20 como local nos últimos seis partidos e enfróntase a un GBC que chega a Barcelona sen Norel e cun Clark tocado. Ofrece máis fiabilidade ca ningunha outra bandeira para este partido, a quincena semella garantida. Canto mellor lle vaia ao Barça no partido, disputará máis minutos e maior probabilidade de pico terá. Despois viaxa e fóra baixa moito, así que se presenta como o xogador ideal para entrar por Shengelia nesta e devolverlle o sitio a semana que vén.

Carlos Suárez chega a Valencia despois de darlle a vitoria ao seu equipo contra o Barça nun partido no que bordeou o triplo dobre. Dende a súa entrada cambiou o fado do encontro e dominouno en todas as facetas. Superou a quincena en cinco dos seus últimos partidos. Contra o seu rival fixo un 21.6 na ida e só un 7 e un 11 na Euroliga. No seu momento actual é difícil renunciar a el. A semana que vén xoga contra o Bilbao en Málaga, que fóra da casa está a ser das defensas que menos valoración interior conceden.

terceiro banzo

Outro que como local está a render moi ben é Sebas Saiz. O pivote madrileño está a se amosar moi fiábel no Coliseum e esta semana mídese ao Joventut, que é unha defensa media. Na ida ten un 16.8 que debería roldar outra vez esta fin de semana. Como Oriola, sería unha fichaxe só para esta xornada, a próxima viaxa a Donostia para enfrontarse a un duro GBC —9 na ida— que é probábel que xa conte con Norel.

O Granca concede pouca valoración dos pivotes, así que de pensar nun xogador do Betis, o mellor candidato é Anosike polo seu momento de forma: sete partidos consecutivos en 10 ou máis e en catro deles superou tamén a vintena. Só fixo 4.8 na ida. A semana que vén vai a Zaragoza, que é un rival propicio para el —14.4 na ida—.

fóra da listaxe

Inda que Norel non regresará aínda esta semana, Clark non entra esta vez na selección. O británico cumpriu na vintena a última xornada, mais visita Barcelona e no último partido torceu un nocello. Iso, en quente, non lle impediu rematar o encontro, mais se cadra impide que estea a tope neste. Tampouco entra outra bandeira de certo interese como é Lima. O partido como local parecía moi propicio contra un Zaragoza debilitado por dentro trala marcha de Varnado, pero a chegada de Milko Bjelica e certos problemas víricos engaden unha incerteza que non nos interesa coas outras opcións que hai. Queda mellor para cazaxornadas. Tamén para cazaxornadas pode ser interesante Pustovyi. O ucraíno está en mala dinámica e leva bastantes datas sen valorar ben, mais o partido como local e contra Estu é un momento propicio para o rexurdimento.

O equipo do blog

Con Andrómenas non atinei na segunda bandeira. A decisión arriscada de manter a Felipe saíu mal, porque esta vez nin sequera xogou por febre. O parte non dicía nada, claro, porque no Madrid querían esconder que unha peza estratéxica, que viña xogando case nada, ía xogar nada de nada. Gañaron grazas a esa xogada mestra. Serán… O peor de todo é que no segundo partido da eliminatoria da Euroliga, Laso deulle minutos e fixo un pico. Un pico! Despois de afundirme na miseria nestes tres partidos que fun con el, sorpresa: deulle minutos e respondeu. Maldito Laso! Baixei outro carro de postos, claro. 194.2 puntos e xa estou o 1724º da xeral.

Vou aproveitar os seis cambios que podo facer esta xornada. Ademais de Doncic, vou desfacerme tamén de Jaime, para dar entrada a Laprovittola e San Miguel. Non ma vou xogar con Bendzius e tamén sae o lesionado Landesberg, como só deixei unha bandeira nos bases, espero que a diferenza entre Neal e Rafa Martínez sexa menor que a de Laprovittola e Jaime. Ponitka dentro, claro. Suárez e Oriola collen o sitio dos cambios gratis de Shengelia e Felipe. Para esta xornada o equipo satisfaime moito. É bastante probábel que teña que ir de novo a semana que vén cunha bandeira nas ás —por iso no meu mellor elixirei outra configuración—. Doncic entrará por San Miguel, Shengelia por Oriola, e tamén debería saír Schilb. Despois quedaría un cambio máis libre, para ver se opto por desfacerme de Rafa Martínez —a Penya non é mal rival— ou se o teño que gastar nalgún lesionado sorpresa.