Se xa leras o artigo, podes ir directamente á actualización premendo aquí.

Levamos unha tempada de contención, esquivando a tentación, dándolle as costas ao diaño…

Balance da 29ª xornada

Era unha xornada moi complicada, con todos os ingredientes para marcar diferenzas, e así se deu. Púidose gañar moito e perder ata a roupa interior. Non fai falla dicir que rematei co cu ao ar. Marquei un novo récord de baixada, do 48º ao 120º —peor clasificación da tempada, incluíndo a primeira xornada—. Como Bendzius estaba a quecer antes do feche de cambios, obcequeime —e mira que dicía no artigo da semana pasada que non nos tiñamos que obsesionar con el porque ademais para esta xornada ía ser cambio obrigado— e decidín mantelo. Para iso, desfixen os cambios e mudei a configuración. Resultado? Dos 150 puntos que fixo o equipo que tiña a 15 minutos do feche —sen Lapro, con dúas bandeiras nos bases e con Schilb e Neal— aos 123.2 do equipo con Lapro, Bendzius e Rafa Martínez. Se non tocase nada, tería baixado apenas, estaría a 6 puntos dese 48º posto que tiña a semana pasada. Este tipo de arroutadas non adoitan saír ben e non foi a excepción. Se Bendzius estivese como a xornada pasada, si que tiña un partido para andar na trintena, como se puido ver polas avultadas valoracións que se deron.

Pero, en realidade, non foi unha xornada que me deixara mal sabor de boca, senón todo o contrario. A Penya volve estar fóra do descenso máis de tres meses despois e o Coliseum deixou un dos grandes momentos da tempada:

Bases

Heurtel (15.6)
Laprovittola (10.8)
Booker (30)
San Miguel (3.6)
Jaime (16.8)
Fisher (14)

ÁS

Ponitka (2.4)
Schilb (14)
Neal (32)
Nedovic (18)
Bendzius (-)
Koponen (13.2)
R. Martínez (12)
Blazic (12)

Pivotes

Tomic (15.6)
Thompson (7)
Dubljevic (19.2)
Oriola (24)
C. Suárez (1)
Saiz (17)
Anosike (6)

Á listaxe foille mal, mais non tanto coma min. Bendzius estaba fóra das catro opcións principais, pero Booker non estaba no primeiro nivel e Suárez aparece por enriba de Saiz. En función das bandeiras elixidas, algo aínda se podía facer coa listaxe.

Selección da 30ª xornada

Como facer isto a última hora non ten sentido, porque o traballo é o mesmo, non o pode ler ninguén, despois teño que facer os cambios a correr… estes cinco artigos que restan tentarei publicalos a máis tardar os xoves. Se haber novas que cambien as cousas, xa actualizarei ao longo da semana. Para estardes ao tanto deses posíbeis cambios e a publicación dos novos artigos, podedes seguirme no Twitter.

Bases

Doncic
Laprovittola
Heurtel
Booker
Jaime
Hannah
Albicy

ÁS

Neal
Nedovic
Landesberg
Ponitka
Popovic
R. Martínez
Eriksson
Jenkins
Schilb

Pivotes

Tomic
Shengelia
Dubljevic
Norel
Tavares
C. Suárez
Rey
Thompson
Kelly

A xornada ten varios condicionantes. Do rumbo das eliminatorias da Euroliga de Baskonia e Madrid depende a consideración dos seus xogadores. Tanto o Baskonia como o Madrid xogarán cando menos catro partidos nos seus respectivos playoffs, así que chegarán cargados á xornada, pero o que pode condicionala en maior medida é que as eliminatorias vaian ao 5º partido.

Outra cousa que debemos ter en conta é que o Murcia e a Penya adiantaron o encontro da xornada 31, con erótico resultado, a causa da Final Four da Champions que disputará o conxunto de Ibon Navarro. Esta circunstancia fai que poidamos substituír os seus xogadores a vindeira xornada sen que conten para o límite de tres cambios.

Con só cinco xornadas por diante, quen estea lonxe do seu obxectivo, ten que pensar en arriscar. Mais, incluso neses casos, hai que facelo de forma controlada. Non se pode arriscar nos catro cambios da xornada, porque o que poidamos gañar nesta, incluso no caso de que atinemos cos catro —que é pouco probábel—, podemos perdelo na seguinte porque nos quede un equipo con mala xornada por diante ou con demasiados xogadores irregulares. Precisamos seguir cunha base fiábel e procurar a diferenciación en poucos elementos que nos poidan dar ese plus e que ao mesmo tempo nos permitan manter a estratexia a semana que vén: base de confianza máis un par de apostas.

Incluso se nos saíu mal a xornada pasada, como no meu caso, se planificáramos pensando tamén nesta, non cómpre cambiar moito o guion, porque se o facemos a desfeita si que pode ser total. Non é estraño encadear unha xornada moi boa cunha moi mala e viceversa, como se pode ver semana a semana nestes artigos. Nese sentido, aínda que teñamos pensado arriscar con algún xogador, hai que ter un pouco de cabeza fría.

Actualización: Norel non regresará esta semana. Iso podería darlle certo atractivo a Clark como opción de bandeira interior, mais o británico tamén é dúbida, así que paga a pena pensar noutras opcións. Tampouco será a xornada da volta de Bendzius, ao que lle dan un tempo de baixa de entre 3 e 6 semanas, así que é posíbel que xa non volva ser opción esta tempada. A baixa do lituano, como dicía máis abaixo, pode facer que consideremos a Matt Thomas como opción para cazaxornadas. Non estará Tay Williams no Valencia, inda que non cambia moito o panorama, incluso con el no equipo Dubljevic ía xogar moitos minutos. O congolés Eyenga causa baixa de última hora. O beneficiado podería ser Rolands Smits, que ademais xoga contra un Barça que o ten cedido no Fuenla. Queda como bandeira de alto risco. Xa está confirmado que Landesberg xogará. As series da Euroliga do Madrid e o Baskonia non chegaron ao quinto partido, así que alixeiran a carga da semana que vén, porén, enfrontaranse ambos este xoves no partido aprazado da xornada 29ª —que non conta para o SM—. No Madrid Randolph será baixa por unha lesión producida no partido do venres e a ficha de Ayón foi desactivada para que entre Randle. Esta circunstancia dá luz e escuridade. O positivo é que esas baixas no xogo interior garanten os minutos de Tavares, que xa apuntaba como interesante para esta xornada e que agora gaña unhas posicións na listaxe e se sitúa como opción predilecta de bandeira tras Shengelia. Reyes, ao que se viu espectacular na serie, tamén podería ser unha opción de bandeira interior, inda que ten máis risco, polo pouco que vén xogando en ACB e por iso non entra na listaxe. Agora o negativo: a alta de Randle e o bo partido de Llull no desenlace da serie xeran dúbidas arredor de Doncic. Descansará o esloveno porque é o que ten máis carga? Será Llull para non acumular tantos partidos seguidos nada máis volver dunha grave lesión? Randle terá minutos asegurados —aínda que non é opción alén de cazaxornadas— e eu creo que xogarán os tres, incluso que compartirán algún tempo en pista en grupos de dous. Pero, xa sabemos que Laso e as predicións non son bo cóctel, así que cada un ten que ponderar que posibilidade lle convence máis. En calquera caso, Llull polo de agora só parece opción para cazaxornadas. Haberá quen prefira non arriscar con Doncic e quedar con Jaime como bandeira nos bases —e haberá quen leve a ambos e haberá quen saia con Heurtel, Booker e Lapro, unha bandeira nas ás e tres nos pivotes—.

Bases

O regreso de Doncic marca a posición. Entra seguro? Acompañámolo doutra bandeira? Heurtel, Lapro ou Booker? Dous deles? Os tres?

primeiro banzo

Xa é oficial, Doncic preséntase ao Draft da NBA. Aproveitemos estas cinco oportunidades que restan para poder ir con el no SuperManager. Esta fin de semana xogará o seu derradeiro derbi contra o Estu (39.4 na ida). Leva catro xornadas consecutivas na vintena e a súa media da tempada —tanto a de local como a de visitante— tamén está por riba dos 20. Se non fose bandeira, poderíamos ter algunhas dúbidas polo gran momento doutros bases; séndoo, case ningunha. Se o Madrid ten que regresar a Atenas, e coa vantaxe tan cómoda que leva na liga, chegaría a incerteza. Despois recibe o GBC, que é unha defensa favorábel.

Nico Laprovittola non estivo tan inspirado a última semana, o 10.8 non cumpriu as expectativas. Si volveu estar estelar no partido adiantado da 31ª xornada deste mércores en Murcia, que non conta para o SM, onde a valoración máis alta dun base foi o 17 de Albicy. Pois ben, Lapro fixo un 34 na vitoria do seu equipo, que sería no SM un 40.8. A Penya está pletórica e o arxentino é o seu líder. Nestas circunstancias, calquera aposta na súa contra. O Valencia non é unha das defensas que menos conceden dos bases, mais non hai moitos que deran un pico. Na segunda volta só McCalebb —16ª xornada— logrou superar os 20, nin sequera Doncic ou Campazzo o conseguiron. Pero lembren o dato que acabo de dar sobre o Murcia como local e o que vén de facer Nico que ninguén antes lograra. Contra os outros Euroliga non superou a vintena —15, 19 e 2 contra Barça, Baskonia e Madrid—. Eran outros tempos. Ademais, poderémolo substituír sen consumir cambio.

Thomas Heurtel ten unha saída propicia. Viaxa a Fuenlabrada, que é unha das defensas que máis conceden dos bases. Na ida superou a vintena contra eles, contando o bono. O que nos pode facer dubidar del é o momento actual do seu rival, o equipo coa maior xeira de derrotas aberta: seis. Cando o Barça ten un partido cómodo, Pesic resérvao máis, co que a probabilidade de pico decrece. Agora ben, incluso o día do Betis, cando o Barça dobrou con folgura no marcador ao seu rival, xogou case 17 minutos, así que aí debemos poñer o chan —menos diso non vai xogar—. No peor escenario podemos esperar un 15-20 e se xoga como de costume, o que hai que esperar é un pico. Despois xoga na casa contra o Andorra, que é unha defensa de certa esixencia, aínda que nese partido seguro que vai xogar máis minutos, así que tamén deberiamos esperar unha boa valoración. Semella un seguro, mais, se queremos unha diferenciación, pode ser a peza axeitada da que prescindir.

Xa quedou claro que coa chegada de Carrasco ao banco do Betis o rol de Askia Booker non vai mudar. Lanzou 26 veces a canastra nos dous últimos partidos e converteu 56 puntos. O encontro contra o Zaragoza parece que vai ser un duelo de anotadores. A defensa maña é bastante permisiva, e non semella que iso vaia cambiar coa incorporación de Ennis —Hannah fixo 19.2 e Kloof 12 no debut do canadense—. Ten partido para pico. A semana que vén deberiamos desfacernos del, xoga contra o Baskonia e fallou contra os dous Euroliga cos que xogou: Unicaja —3.6— e Barcelona —6—.

segundo banzo

Se nos decantamos por dúas bandeiras na posición, só semella haber a opción de Jaime Fernández. A súa valoración da última semana foi satisfactoria e agora ten un partido moi de cara en Andorra (a súa media medra alí 4.5 puntos) contra o Obra, que é unha defensa accesíbel á que xa lle fixo 21.6 en Compostela. A semana que vén viaxa a Barcelona e xa non semella boa opción, inda que na ida fixo un 22.8. Véselle con moita ambición:

terceiro banzo

Clevin Hannah está a atravesar outra vez un bo momento, leva 6 xornadas por riba da decena, contando o adiantado contra a Penya deste mércores no que rematou cun 25 en case 34 minutos de xogo. O Baskonia é unha defensa ordinaria e a media de Hannah medra fóra da casa. Na ida fixo un 10.8. A semana que vén será cambio gratis.

Como quen non quere a cousa, Andrew Albicy leva dúas xornadas superando os 25. É o base do Andorra que dispón de máis minutos, xoga como local —onde valora mellor— e o Obra é unha defensa pouco esixente. En contra ten a súa irregularidade, ata en 13 partidos non superou a decena este ano. Queda como opción de risco, pero a posibilidade de pico está aí. Sería só para esta xornada, porque vai a Barcelona a vindeira.

fóra da listaxe

Esta semana, na Euroliga, regresou á fin Sergio Llull. Agás que o partido do venres contra o PAO diga o contrario, por agora non debemos pensar nel. A ver se temos tempo de contar cunha segunda bandeira de calidade nos bases antes de que remate a tempada. Como opción para cazaxornadas pode ser interesante Ennis, xa no seu debut asumiu 10 lanzamentos —5 triplas—. Entón non lle entraron e quedou en negativo, se mellora o punto de mira… San Miguel non queda fóra só pola última xornada, senón que o Granca de local está a recibir valoracións baixas dos seus rivais. Outra opción pouco popular para cazaxornadas ou kamikazes pode ser Kenny Chery. O Burgos recibiu hai nada a domicilio un pico do base anotador Booker, así que o un do GBC pode ter un dos seus grandes días contra eles.

ÁS

A posíbel volta de Landesberg complicaría a opción de meter unha bandeira. Neal e Nedo semellan fixos.

primeiro banzo

Dicía a semana pasada que as novas incorporacións do Zaragoza seguramente lle viñesen ben a Gary Neal, porque a defensa non se centraría tanto nel, mais non esperaba que conseguira o que ningún exterior antes ca el: saír de Murcia cun partido na trintena. Se foi capaz de irse por riba dos 30 en Murcia, cancha difícil e defensa máis complicada aínda, esta semana contra a peor defensa das ás está ben claro. É o xogador máis fixo da xornada. A semana que vén manterá a condición, porque visita Burgos, que ten unha defensa das ás moi acolledora.

Nemanja Nedovic segue ao seu, outro 18 na Fonteta e agora ten un partido para pico. O Bilbao é das peores defensas das ás, ata seis treses superaron a trintena contra eles, e atópase en caída libre, xa ás portas do descenso. Leva 8 xornadas en 13.2 ou máis. Todo de cara para unha gran valoración. A saída a Gran Canaria da semana que vén non lle debería vir mal.

En principio, esta xornada regresará Sylven Landesberg. Calquera outra á xeraría dúbidas contra o Madrid, a mellor defensa dos treses, pero o estadounidense xa superou a vintena na ida e este tipo de partidos motívano moito. A bestialidade contra o Barça aínda a temos moi presente. Os que se queiran diferenciar poden ter aquí unha carta arriscada que xogar, sacando a Landesberg, claro. A xornada que vén repite na casa, contra o Canarias de Ponitka, que en principio non é das defensas máis duras, inda que na ida o deixou en só 1 de valoración. Non é fixo polo regreso da lesión e o calendario, pero si unha das opcións preferentes e un dos poucos xogadores dos que podemos esperar un pico en calquera partido. Se o Madrid vai ao quinto na Euroliga, será aínda máis interesante.

segundo banzo

A gran sorpresa negativa da xornada foi Mateusz Ponitka. Tiña un partido para pico e quedou en 2.4 no que supuxo un dos poucos partidos nos que fallou este ano. É un simple punto atípico? Marca tendencia? Esta semana dirimirao, pero creo que a súa enorme tempada lle outorga crédito abondo. Ten un derbi case definitivo na loita polo playoff, xa non teñen marxe de erro se queren acceder a postemporada. O Canarias precisa do mellor Ponitka e a defensa do Granca non é das máis complicadas. Non temos referencia da ida, porque foi baixa por lesión. Fóra da casa ten case 19.5 de media e por diante quédalle un calendario favorábel: Estu en Madrid (36 na ida) e Barça na illa (45.6 na ida) serán os seus próximos rivais.

Se non queremos ir co polaco, a mellor alternativa semella ser Marko Popovic. Regresou xogando máis de 30 minutos e ten un rival moi interesante, un Barcelona que concedeu moitos picos aos treses e ao que lle fixo un 19 na ida —e na casa mellora a súa valoración en case 3 puntos—. Se está atinado dende a distancia, non sería raro velo por riba da vintena. A semana que vén, inda que repite como local, non é interesante porque se enfronta ao Valencia, unha das mellores defensas exteriores.

terceiro banzo

Rafa Martínez cumpriu o que se esperaba del cun 12 contra o Unicaja. Contra a Penya en Badalona, cabía esperar que se atopase outra vez no 10-15 e con certa probabilidade de pico atendendo ao seu 28.8 da ida. Pero a defensa da Penya está a apertar moito. Porén, agora mesmo é a bandeira que ofrece maior fiabilidade, aínda que sen entusiasmar. A semana que vén viaxa a Fuenlabrada, onde tamén ten un 28.8 da ida.

Non esperaba que Eriksson regresase tan rápido á listaxe, pero xa volveu con moitos minutos, o Granca precisa del para loitar polo playoff e como local medra moito —case 16 de media—. Lanzou 6 triplas en Sevilla, así que semella que volverá asumir bastantes tiros contra un Canarias que é unha defensa media (15 na ida); se está atinado dende os 6.75, pode darnos unha valoración moi interesante para unha bandeira. Opción de alto risco para buscar unha diferenciación. Despois volve xogar como local, pero contra o Unicaja, así que debería ser unha aposta de só unha xornada.

Para eses equipos dispostos a arriscar moito, vou a aportar un par de nomes dentro da listaxe. John Jenkins é un xogador físico que lle pode dar problemas á feble defensa do GBC e que vén dun 20 na derrota contra a Penya. Ademais, mellora o seu rendemento fóra da casa nun par de puntos. Despois ten un partido favorábel como local contra o Zaragoza (15.6 na ida). Outro que ten bo partido, aínda que non está a ter o protagonismo doutras fases da tempada, é Blake Schilb na transcendental visita a Zaragoza. Vén dun 14 e ten un precedente na vintena na ida. Como dicía a semana pasada, a súa media nas vitorias do Betis —esta semana teñen opcións— é moi alta. Despois terá un partido complicado contra o Baskonia.

fóra da listaxe

Aínda que poida estar recuperado para a xornada, aínda temos que esperar polo parte, Bendzius non é das ás máis interesantes esta xornada porque ten un saída complicada a Andorra, que defende moi ben aos treses. O seu momento chegará a semana seguinte contra o Bilbao. Tamén queda fóra o seu compañeiro Matt Thomas, que sen o lituano regresou ao seu mellor nivel cun 26. Se ao final Bendzius non volve esta semana, pode quedar como opción para cazaxornadas, pero non serve para equipos da xeral pola dureza do rival. Se o Baskonia non logra devolver a serie a Istambul, os cazaxornadas poden pensar nun Rodrigue Beaubois que está a facer moi boa serie contra os de Obradovic, cun 24 no terceiro partido. E digo cazaxornadas porque o rival, Murcia, é das defensas máis complicadas —aínda que Neal lles acabe de facer un pico e no adiantado Conger chegara a 18, se lle sumamos o bono—.

Pivotes

Esta semana os pivotes poden ser os xuíces da xornada, será esencial acertar cos xogadores que acompañen a Shengelia e Tomic, un deles terá que ser con bastante probabilidade unha bandeira. O outro será Dubi, Thompson, Norel ou outra cota?

primeiro banzo

Ante Tomic ten un partido para dar pico en Fuenlabrada. A defensa dos do Che García é das que máis conceden e Tomic fóra da casa cobra un interese especial: eleva a súa media en máis de 5 puntos e medio e leva 5 saídas consecutivas superando a vintena. A semana que vén recibe o Andorra, que non é das defensas máis duras dos pivotes.

Por fin temos de volta a Tornike Shengelia. O xeorxiano semella fixo, incluso aínda que o Baskonia force o quinto na súa serie da Euroliga, porque están a se xogar moito na ACB, nada menos que ese segundo posto que ostentan agora. E por suposto que entra para quedar até o final.

segundo banzo

Bojan Dubljevic volveu cumprir contra o Unicaja e agora viaxa a Badalona, que é a segunda defensa que máis concede como local no global do ano. Porén, nas últimas semanas o Joventut cambiou moito e non será un rival cómodo, todo o contrario. Inda así, con Dubi xogando vinte e moitos minutos por partido —pola baixa de Pleiss e o mal nivel de Tay Williams— e con todos os recursos ofensivos que ten, parece complicado que non se vaia mover cando menos nun 15. Na ida fixo un 18. O pico non é descartábel, o ano pasado fixo un 27.6 en Badalona. Acumula 5 xornadas por riba da quincena e a semana próxima volve ter unha saída moi favorábel a Fuenlabrada.

Todo parece indicar que esta semana vai regresar Henk Norel. Farao nun partido moi favorábel, contra o Burgos, e como local. Na ida fixo un 26.4 e en Donostia ten unha media de máis de 23. O contra é evidente: perdeuse tres xornadas por lesión e non sabemos a que ritmo regresará. Trátase dunha opción de risco que se xoga con normalidade terá bastantes opcións de pico. A semana que vén vai a Madrid para enfrontarse ao Real, que é unha defensa media á que lle fixo 22 na ida. Dubi é a opción conservadora e Norel a arriscada na procura dunha diferenciación.

Despois dos tres primeiros partidos da serie da Euroliga, a rotación interior de Laso nas últimas xornadas da ACB cobra un sentido que non parecía ter. Walter Tavares apenas xogou en Atenas e volveuse repetir no terceiro en Madrid. Nestas circunstancias, parece un candidato ideal para a ACB, chegaría á xornada bastante máis descansado que os seus compañeiros. Está a asegurar un mínimo de 17 minutos en liga, que poderían subir esta finde, e na ida fixo un 14.4 en só 15 minutos. É unha opción de risco porque Laso igual nos sorprende, non sería a primeira vez, e o Estu está a recibir pouca valoración como local. Pero se queremos buscar alternativas de pico, igual sae ben. A semana que vén ten unha saída complicada a Donostia, aínda que na ida bordeou a vintena contra Norel.

O Carlos Suárez da última semana non tivo nada que ver coa súa versión da anterior. Sobre todo tivo moitos problemas en defensa, superado unha e outra vez polos seus pares do Valencia e moi desatinado en ataque. Tivo a última bóla para redimirse, mais non anotou. Enfróntase como local a un Bilbao Basket que pinta moi mal, pero que ten a segunda defensa interior que menos recibe a domicilio. Porén, Suton, que é un catro con tendencia a abrirse para lanzar, como Chimpa, fixo un pico contra o Bilbao hai escasas xornadas. A media de Suárez é de case 17 de valoración como local, na ida fixo un 10 na derrota en Bilbao e o Unicaja ten que gañar —tamén o Bilbao—. Volveremos ver súa mellor versión? A semana que vén viaxa a Gran Canaria para disputar un encontro vital na loita polo playoff, os de Luis Casimiro son unha defensa bastante permisiva (18 na ida).

Xavi Rey está a ter unha importancia crecente no xogo do Zaragoza. Na última xornada en Murcia acadou xa os 30 minutos de xogo e capturou 14 rebotes que lle valeron para facer 19 de valoración. O Betis é a segunda defensa que máis valoración interior concede de visitante e xa leva un bo número de picos dos pivotes rivais. Preséntase como unha das bandeiras interiores máis interesantes, non só para esta, senón que despois vai a Burgos, que é a defensa dos pivotes que máis valoración concede como local. En contra temos que este será só o seu cuarto partido des que fichou polo Zaragoza, así que as estatísticas non son tan significativas como noutros casos.

terceiro banzo

Deon Thompson constatou a melloría defensiva da Penya e o seu 7 sementou dúbidas. Agora ten unha saída moi complicada: o GBC é a segunda defensa que menos concede como local (7 en la ida). Entra ao fondo da listaxe pola súa traxectoria e porque estaba nun momento doce, mais cómpre procurar outras opcións esta semana e recuperalo a próxima na visita a Zaragoza.

Ryan Kelly xogou moito no debut do seu novo adestrador, porén, tivo menos lanzamentos que en toda a tempada. A pesar diso, fixo un 16 grazas ás boas porcentaxes de tiro e aos pases de canastra. O Zaragoza é unha defensa bastante accesíbel, así que pode ser unha opción de risco. A semana que vén ten un partido duro como local contra o Baskonia.

fóra da listaxe

Se algo mudou coa chegada do novo adestrador, foron os balóns interiores a Anosike, o pivote bético apenas tivo participación ofensiva. O rival era moi propicio, Zaragoza, pero agora esta incerteza sobre o uso que fará Carrasco del invalídao para entrar na listaxe. A opción é para cazaxornadas. Oriola non entra fóra da casa na listaxe nin sequera contra unha defensa tan feble como a do Fuenla. Os seus números lonxe do Palau son demasiado baixos, apenas 8 de media, e hai máis de 10 xornadas do seu último partido na vintena fóra. A semana que vén, como local, volverá ser unha das bandeiras prioritarias. Para cazaxornadas é unha opción interesante. O mesmo podemos dicir de Saiz, aínda que este nin sequera xoga contra unha defensa accesíbel. Coa volta de Norel, a opción Clark perde atractivo —baixa os seus números cando está o neerlandés—, e ademais non estivo ben na ida contra o Burgos: 0 de valoración. Se ao final Norel non regresase, entón si que podería ser unha opción de interese. Para cazaxornadas podemos pensar no sorprendente sueco Simon Birgander, que xa adiantou a un Jordan sen pilas na rotación. No partido adiantado contra o Murcia impúxose aos interiores rivais —+34 con el en pista—, capturou 8 rebotes e anotou 12 puntos con grandes porcentaxes. A súa puntuación no SM sería de 19.2. O Valencia sen Pleiss, cun Williams cada vez máis preto de deixar o club por baixo rendemento e un Dubi xogando moitos minutos e téndose que reservar para dominar en ataque, Birgander pode facer a súa mellor valoración da tempada.

O equipo do blog

Con Andrómenas logrei que me fora case tan mal como no meu mellor equipo sen necesidade de manter a Bendzius. Piquei con San Miguel, que só o fixo ben as semanas anteriores para que o acabara fichando o día do nada. Saio incluso do Top 2000, por vez primeira dende a 5ª xornada. O obxectivo do ano, rematar entre os 1000 primeiros con este equipo, está case imposíbel xa. Fixen 124 puntos e vou o 2156º.

Quedoume un equipo ao que é complicado meterlle man. Tres entradas son obrigadas: Doncic, Shengelia e Neal. Entran por San Miguel, o cambio previsto, Schilb, tamén segundo o pensado a semana pasada, e outro que sae é Thompson, porque non confío moito na súa xornada. Vou manter a Lapro para ter o cambio gratis a semana que vén e polo que fixo en Murcia, e entre facer un cambio nos pivotes ou nas ás, decidín facelo nas ás. Entra Landesberg por Rafa Martínez. Así que sairei cun xogo interior ben raro con tres bandeiras: Suárez creo que pode cumprir e a Oriola tería preferido non levalo, pero así cando menos aforro un cambio a semana que vén e igual hai sorte e por fin lle vemos un bo partido fóra da casa.

Como esta vez aínda queda bastante para a xornada, é máis probábel que acabe mudando o equipo antes de feche. Se iso pasar, editarei.