Se xa leras o artigo, podes ir directamente á actualización picando aquí.

Balance da 30ª xornada

Volvemos ter outra xornada de puntuacións altísimas, na que un par de erros nos afundían na miseria. A análise do blog da semana pasada resultou atinada, algunha vez tiña que tocar, e a suba de posicións foi a constante dos meus equipos. Nesa boa marcha foi importante tamén o apuntado a semana pasada: non debíamos deixarnos levar pola mala xornada anterior e estragar a planificación. Ese Suárez que dera un 1 devolveunos un 24 nesta, Heurtel, que pintaba a opción máis fiábel a dúas xornadas, cumpriu e superou a Lapro e Booker e aguantar a Ponitka tamén tivo recompensa.

Por suposto, unha boa semana non abonda para devolverme ao Top 50 após unha xornada desastrosa. Os 281.8, que non son tope da tempada para este equipo, permítenme superar a barreira dos 6000 no acumulado e ascender 35 posicións ata o 85º da xeral. Moi ben. Non podía esperar recuperar nunha soa semana os 72 postos perdidos a xornada pasada. Os 94 puntos gañados nos cambios supoñen un novo máximo da tempada.

Bases
Doncic (24)
Laprovittola (10.8)
Heurtel (14.4)
Booker (4)
Jaime (24)
Hannah (20)
Albicy (7)
ÁS
Neal (36)
Nedovic (18)
Landesberg (13)
Ponitka (20.4)
Popovic (7)
R. Martínez (6)
Eriksson (7)
Jenkins (13.2)
Schilb (12)
Pivotes
Tomic (37.2)
Shengelia (49.2)
Dubljevic (20)
Tavares (34.8)
C. Suárez (24)
Rey (12)
Thompson (12)
Kelly (2)
Esta semana o acerto foi bastante grande. Booker, que fallou, era a cuarta opción nos bases, onde as dúas bandeiras propostas fixeron un 24. As catro primeiras ás van en verde, aínda que é a posición menos atinada: alén desas primeiras opcións hai tres por baixo da decena, incluíndo as bandeiras propostas —que polo menos estaban no derradeiro banzo, animando a optar por distribuír as cotas noutras posicións—. Nos apuntados fóra da listaxe houbo máis sorte: Smits foi a bandeira acertada nas ás e Thomas o xogador da xornada na posición. Nos pivotes todo saíu perfecto. A actualización tralo parte, con Tavares como opción prioritaria, marcou diferenzas. Tamén foi chave deixar a Thompson fóra da selección.

Selección da 31ª xornada

Tralo parte, venres á noitiña ou sábado pola mañá, actualizarei o artigo coas novas de última hora e modificarei o preciso. Para estardes ao tanto deses posíbeis cambios e a publicación dos novos artigos, podedes seguirme no Twitter. Tamén alí publicarei os xogadores cos que sairei no meu mellor equipo.
Bases
Doncic
Heurtel
Van Rossom
Llull
Huertas
Jaime
ÁS
Neal
Ponitka
M. Thomas
Nedovic
Landesberg
Blazic
Mumbrú
Carroll
Green
Jenkins
Pivotes
Shengelia
Tomic
Dubljevic
Oriola
Tavares
Bjelica
C. Suárez
Saiz
Poirier
Thompson
Pustovyi
Rey
A disputa este xoves do encontro aprazado Madrid-Baskonia asegurou o primeiro posto da regular para os brancos, que xa non se xogarán nada nas catro xornadas que restan. Isto a bo seguro que condiciona a xornada, aínda que non hai forma de saber en que medida. Ademais, a efectos do SuperManager, só teremos tres oportunidades máis de levar a xogadores do Madrid, porque o partido da 33ª xornada contra o Betis adiántase ao mércores da semana que vén, pola Final Four da Euroliga, e non contará para o xogo. A Laso non lle interesa que os seus xogadores perdan ritmo de competición, así que as pezas máis importantes do equipo non van estar sen xogar ata a F4, pero seguro que algúns descansarán nuns partidos e outros, noutros. De feito, Doncic xa descansou no encontro deste xoves. Esperemos que as altas e baixas do Madrid boten algo de luz. Se non é así, vai ser un risco saír con algún xogador branco.

Esta semana tamén se disputou a final da Lliga Catalana entre o Barça e o Andorra, con vitoria culé. Partido que se repetirá esta fin de semana na ACB. Polo reparto de minutos e o protagonismo de determinados xogadores non semella que as estatísticas do mesmo sexan significativas para o que pode pasar na liga.

Actualización

O parte abre a porta a un inesperado regreso de Norel esta semana contra o Madrid, xa conta coa alta médica. Non está confirmado que vaia xogar nin iso muda as cousas: polo rival e a súa inactividade non debemos pensar nel para os nosos equipos e tampouco debería condicionar os plans que tiveramos para os interiores do Madrid. O que si os pode cambiar é a baixa de Thompkins, o Madrid desactivou a súa ficha para dar entrada a Randle. Se o descartado fose Ayón, a opción Tavares gañaría moitos enteiros. Co mexicano no equipo os números do caboverdiano baixan e tamén o fan cando non está Thompkins para abrirlle o campo. O que aínda deixa á torre madridista como unha boa opción é que os brancos xa non se xogan nada e Laso parece preferir o mexicano para os partidos importantes, así que nun encontro coma este é de esperar que o africano teña máis minutos. Porén, cae unha posición na listaxe e é adiantado por Oriola. Máis problemática resulta a entrada de Randle, polas dúbidas que poida botar sobre Doncic e Llull. Na rolda de prensa de Laso, soubemos que a baixa de Doncic non se debeu só ás rotacións, senón que a participación do esloveno estaba prevista, por iso o descartado fora Randle, pero non se recuperou a tempo dunhas molestias e xa non era posíbel reactivar o base norteamericano. O parte di que esas molestias xa non deberían supor un problema para o concurso de Doncic no partido do domingo. Está recuperado. Aquí xa entra a precaución de cada un, as rotacións de Laso van ter unha compoñente extra de incerteza ata o final da tempada, co que sempre haberá certo risco se apostamos polos seus xogadores. Se queremos curarnos en saúde podemos evitalos. No particular, creo que ambos van xogar, tanto Llull como Doncic, o que non sei é cantos minutos —aínda así, deberían ser capaces de valorar mellor que outras opcións—. Vexo máis probábel que descanse Rudy Fernández, que fixo un gran partido contra o Baskonia e que andaba algo dorido, polo que non tería moito sentido forzalo nun partido intranscendente. Así que tanto Doncic como Llull manteñen o seu posto na listaxe, creo que terán rodaxe para manter o ton competitivo pero non desgaste —non espero minutadas—. Tamén se confirmou o regreso de Shermadini. Se podíamos pensar que a volta do xeorxiano ía ter certo efecto negativo para Suárez, non porque compartan posición —Suárez xoga de catro e Sherma de cinco—, senón porque diminuiría o protagonismo do madrileño, para dar entrada ao pivote desactivaron a ficha de Brooks, que si é un catro. Os números de Suárez baixan un pouco sen Brooks, mais é unha estatística tramposa, porque os dous partidos nos que faltara Brooks foran encontros moi difíciles contra o Baskonia e o Murcia. Así que en realidade a baixa do AP estadounidense debería favorecer a Suárez, que agora terá máis minutos de xogo para poder valorar mellor. Por isto, ascende ao segundo chanzo e adianta a Saiz nas preferencias. Confírmase a alta de Buva no sitio de Tay Williams. Isto restaralle minutos e un pouco de interese a Dubi, que non descende na listaxe porque xa tivera en conta esta circunstancia na miña análise. Tamén se confirma a baixa de Rafa Martínez, que lle dá atractivo á opción de Green, xa contemplada no análise. Quédanos unha xornada complicada, esperemos que Laso non nos xogue unha mala pasada.

Bases
Esta semana a listaxe nos uns é bastante curta. Co primeiro posto asegurado polo Madrid, hai moita incerteza sobre o que fará Laso cos seus bases, así que hai que ser cautos e estar pendentes das informacións que cheguen ao respecto da participación dos seus xogadores.

primeiro banzo

Descontamos outro partido. Restan tres oportunidades de ir con Doncic que non imos desperdiciar —se xoga—. O feito de descansar contra o Baskonia parece que lle dá máis opcións de estar esta fin de semana contra o GBC. Veremos.
A pesar de xogar menos de 16 minutos, Thomas Heurtel tivo tempo de facer un 14.4, que foi mellor valoración que as outras opcións prioritarias que non eran bandeira. É un seguro. Agora xoga de local, máis de 20 de media, e contra un rival máis esixente, o Andorra, así que os seus minutos deberán medrar. A semana que vén ten unha saída complicada a La Laguna, na ida non xogou contra o Canarias. Entón pode ser un bo momento para darlle un descanso e apostar por Laprovittola, que esta semana non ten partido, porque o duelo contra o Murcia xa se disputou a pasada.

segundo banzo

Unha boa opción para esta semana semella Sam Van Rossom. O base do Valencia Basket xa recuperou o seu mellor xogo trala lesión e Sergi García non está a conseguir gañar a confianza de Vidorreta, polo que o belga está a xogar máis de 30 minutos nos últimos partidos. O rival desta xornada, Fuenlabrada, ten unha das defensas máis permisivas cos bases. O único pero que lle podemos pór é que fóra da casa os seus números baixan en 4 de valoración media —inda que vén dun 19 en Badalona—. Pinta ben para esta e tamén para a próxima, cando recibirá a visita do Estu, peor defensa dos bases. Se pensamos ir cunha única bandeira nos bases ou queremos arriscar cunha alternativa a Heurtel, Sam é o que ofrece mellores perspectivas a dúas semanas.
Pouco tardou Sergio Llull en entrar na listaxe. A semana pasada quedou patente que Laso non ten confianza en Randle —ata o punto que desactivou a súa ficha esta semana—, incluso nun partido plácido para o Madrid coma ese a súa presenza foi testemuñal e contra o Baskonia o que tivo minutos foi o sueco Pantzar. O GBC é unha defensa dos bases que permite moita valoración e o menorquino vén de facer un 20.4 en 19 minutos na cancha do Estu e un 21.6 en menos de 13 minutos contra o Baskonia no aprazado. A semana que vén ten unha saída complicada a Murcia, entón seguro que algúns xogadores non han de viaxar ata alí e saberemos con certeza algunha das baixas. A combinación con Doncic semellaba moi boa idea se o Madrid non certificaba a primeira posición, o que non sumaría o un faríao o outro. Agora, apostar por eles non vai estar exento de risco.

terceiro banzo

Non pinta mal para esta semana Marcelinho Huertas. Estes partidos sen Granger servíronlle para gañar confianza e leva xa 5 xornadas superando a decena. Ten unha saída moi favorábel a Sevilla, peor defensa como local dos bases, e o regreso a Bilbao —xogou alí hai anos— da semana próxima tamén supón un partido propicio.
O base madrileño Jaime Fernández superou por segunda semana consecutiva os 15 de valoración. Aproveitou o partido favorábel como local para dar un gorentoso pico. Agora ten unha saída complicada a Barcelona, contra o que logrou superar a vintena na ida, e non é mala idea darlle unha semana de descanso. A próxima, na casa e contra o GBC, volve pintar a pico. Porén, se esta semana queremos unha bandeira diferente aos do Madrid, Jaime segue a parecer a opción máis fiábel.

fóra da listaxe

Dicía a semana pasada que nesta deberíamos vender a Askia Booker. O seu mal partido nun encontro propicio para dar un pico non fai máis que confirmalo. Xoga como local, onde non anda lonxe da vintena de media, mais contra o Baskonia. Se ben os vitorianos non teñen unha gran defensa dos bases, Askia, xogador novo na súa primeira andaina europea, non estivo á altura —nin se achegou á decena— nos partidos anteriores contra equipos da Euroliga. Para entrar na selección non o vexo, non ofrece fiabilidade abondo. Para cazaxornadas, ou xente que queira arriscar moito, xa é outra historia: ten moita bóla e moitos lanzamentos cada partido e podería chegar a valorar ben. Como opcións de risco, sobre todo para cazaxornadas, podemos mirar no Burgos-Zaragoza, dous equipos que non destacan pola súa defensa dos uns. Tanto Fisher como Ennis —xa máis atinado no seu segundo partido— teñen por diante unha xornada propicia, e algo menos interesante é Bellas. Outro que non entra na listaxe, non me colle noutra, pero que ten un partido favorábel por diante, é San Miguel. O base do Canarias enfróntase á peor defensa dos uns, Estudiantes, en Madrid. No partido aprazado contra o Madrid, Luca Vildoza destapouse co seu mellor partido como profesional: 29 de valoración con 24 puntos anotados. Non apostaría por dúas exhibicións seguidas, mais é unha opción interesante para cazaxornadas.
ÁS
A posición dá moito xogo esta semana. Algúns dos máis habituais teñen unha xornada na que o risco de desprendernos deles semella menor e outros menos recorrentes están ante unha xornada propicia.

primeiro banzo

Gary Neal cumpriu o que se esperaba del en Sevilla e superou a trintena por segunda xornada consecutiva. As novas incorporacións están a favorecer a súa valoración. Esta semana ten unha saída moi favorábel a Burgos, nun partido vital —sobre todo para o Zaragoza—. A que vén, na visita a Málaga, xa lle teremos que dar máis voltas.
Mateusz Ponitka volveu demostrar no derbi o fácil que valora: só precisou 5 lanzamentos de campo para acadar a vintena. Dicía a semana pasada que tiña por diante un final de tempada moi favorábel. Esta semana vai a Madrid, para enfrontarse a un Estu ao que lle fixo un 36 na ida, despois recibe a FCB —tope da tempada na ida con máis de 40— e Obra —defensa permisiva á que lle fixo 18— e fecha en Sevilla, peor defensa das ás e 34.8 na ida. Semella fixo para o que resta.
Matt Thomas confirmou o paso adiante dado trala lesión de Bendzius e superou a vintena por segunda semana consecutiva, esta vez co tope do ano: 40.8. Agora ten por diante dous partidos inmellorábeis para manter a xeira: esta semana recibe a visita do Bilbao Basket, segunda peor defensa da posición a domicilio, e a próxima a do Sevilla, peor defensa das ás a domicilio. Por se isto non abondase, os números de Thomas medran como local e na ida superou a quincena contra ambos.

segundo banzo

Nemanja Nedovic, aínda que non está a dar picos, está a ser un reloxo: 3 xornadas consecutivas sumando 18. A saída a Gran Canaria non é complicada, así que podemos esperar que se manteña neses números —15.6 na ida—. Parece unha opción moi fiábel. Se eses 18 non nos abondan, ou se queremos diferenciarnos con outro xogador, o risco de prescindir del non semella elevado esta semana.
Sylven Landesberg leva tres xornadas —máis outra na que foi baixa— lonxe do nivel de excelencia que acadara. Eses tres partidos sen acadar a vintena e a visita do Canarias, que conseguiu frealo na ida —1 de valoración—, non fan esperar un pico del esta semana. Así que podemos considerar alternativas na procura de remontar posicións. Agora ben, se no escenario probábel Landesberg é un pouco menos interesante ca Nedovic, prescindir del implica maior risco, porque o pico de Landesberg si que pode chegar en calquera partido e pode ser demoledor. A semana que vén ten unha saída complicada a Valencia.
Se queremos diferenciarnos, o esloveno Jaka Blazic representa unha gran oportunidade. Xoga contra o Barcelona, un dos equipos que máis picos conceden na posición e ao que xa lle fixo un 21.6 na ida. Agora será máis complicado que o Andorra quede co bono, mais os números de Blazic medran alén do Principado e acumula tres xornadas con 12 ou máis de valoración. A súa irregularidade non invita a manter a aposta no tempo, pero a semana que vén recibe como local unha das defensas máis amábeis coas ás: o GBC (19.2 na ida).

terceiro banzo

Àlex Mumbrú cumpriu cun 18 no Carpena, unha das canchas máis difíciles da ACB, e xunta após moitas xornadas dous partidos consecutivos por riba da decena. Esa irregularidade fai que só sexa apto para os equipos que queiran arriscar moito. Esta semana volve xogar fóra (os seus números lonxe de Bilbao melloran un chisco), en Compostela. A defensa do Obradoiro, tanto dos treses coma dos catros, é bastante permisiva, concedeu múltiples picos ao longo da tempada. Encontro favorábel, Mumbrú é o líder dun Bilbao Basket en urxencias extremas, debuta Lakovic como adestrador dos homes de negro e ademais o catalán está a disputar os derradeiros encontros da súa carreira. Todo iso fai del a única cota que entra nas ás, nunha xornada na que as outras opcións teñen partidos moi complicados por diante. A próxima semana ten un rival máis esixente, recibe como local a un Baskonia tamén necesitado de triunfos na loita polo segundo posto. Na ida foise aos 18 no derbi vasco.
Outro nome para arriscar esta semana é o de Jaycee Carroll. O escolta do Madrid enfróntase como local a unha das defensas máis amábeis na posición, que xa lle concedeu, como a moitos outros, un pico na ida: 31.2. Que o partido sexa en Madrid resulta bastante relevante, porque a súa media medra en máis de 4.5 puntos como local, ata situarse por riba dos 14. A contrapartida é evidente, Carroll é dos xogadores menos fiábeis, porque para valorar depende por completo dun día acertado no tiro e porque a rotación exterior do Madrid é moi longa, rara vez supera os 20 minutos de xogo. A semana que vén ten unha saída moi complicada a Murcia (13.2 na ida, pero xogando case 30 minutos, algo que será difícil que se repita), así que debería ser unha aposta só para unha xornada.
Se queremos apostar por algunha opción menos habitual —nos últimos tempos— e temos praza de extra dispoñíbel, Erick Green leva catro partidos por riba da decena e na ida fíxolle un 25.2 ao Fuenla, que é unha defensa bastante competente das ás. A posíbel baixa de Rafa Martínez engadiríalle interese á opción. A semana que vén enfróntase como local ao Estu de Landesberg, que non é unha das defensas máis complicadas.
Volve pechar a listaxe John Jenkins. Na última xornada deixounos un 13.2 que soubo a pouco. Agora enfróntase como local de forma consecutiva a dúas defensas pouco esixentes contras as que tivo un bo desempeño na ida: Zaragoza (15.6) e Gran Canaria (28).

fóra da listaxe

As bandeiras máis destacadas da última xornada, Claver e Smits, teñen por diante rivais moi complicados que os descartan: o Andorra e o Valencia Basket son das mellores defensas dos treses da ACB. Moi bo partido por diante ten un Rodrigue Beaubois que estivo por debaixo do esperado a semana pasada —e no aprazado contra o Madrid tivo poucos minutos e escaso protagonismo—. Enfróntase á segunda peor defensa como local, Betis, á que lle fixo un 22.8 na ida. Non entra na listaxe porque leva dende a xornada 21 sen superar a vintena —e foi grazas ao bono—. Por último, os cazaxornadas poden probar con Redivo. O Obra concede moitos picos na posición e non vaia ser que o arxentino volva ter un partido como o de hai algunhas xornadas contra o Granca.
Pivotes
Será complicado repetir o acerto da semana pasada na posición. Hai dous fixos e moitas opcións diferentes para completar os equipos.

primeiro banzo

Tornike Shengelia regresou coa súa mellor valoración da tempada, superou por segunda vez no curso os 40 no SM. A vez anterior fora contra o seu rival desta semana, o Betis. Para que dicir máis.
Novo pico de Ante Tomic que ben se podería replicar esta xornada na casa contra un Andorra que nas posicións interiores é onde ten máis problemas. Se alguén quere arriscar a ir sen el —non o recomendo—, esta pode ser a oportunidade: como local ten máis valoracións terreais e tras esta xornada véñenlle dous partidos a domicilio, onde ten unha media superior aos 30 dende a chegada de Pesic.

segundo banzo

A eliminación da Euroliga e as baixas no xogo interior che deixáronos unha opción moi fiábel na pel de Bojan Dubljevic. Leva 5 xornadas valorando arredor da vintena e estaba a xogar moitos minutos. O rival da semana volve ser moi favorábel, segunda peor defensa como local, así que ía ser unha das opcións prioritarias da xornada se todo continuase igual. Se descende ao segundo banzo é pola fichaxe do croata Ivan Buva polo Valencia Basket. A chegada do ex do Bilbao Basket, que estaba a facer unha gran tempada en Turquía, permitirá que o crack do Valencia descanse máis. Ese descenso de minutos é bastante probábel que afecte aos seus números. Teremos que agardar a ver se xa debutará esta semana.
Edy Tavares foi un dos elementos chave da pasada xornada. Dábao como mellor opción de bandeira tras Shengelia e cumpriu con creces as expectativas —34.8—, e iso que non disputou o último cuarto co partido xa definido. Para o encontro aprazado do xoves, contra o Baskonia, o Madrid volveu a activar a ficha de Ayón, que volveu xogar máis minutos que Tavares noutro partido importante. O feito de que o encontro contra o GBC xa non teña transcendencia pode favorecer os noso interese polo caboverdiano. Se Laso confía máis no mexicano e incluso en Felipe para os partidos grandes, podemos esperar que Edy teñan minutos nos dous próximos partidos do Madrid no SM. Na ACB está a garantir un mínimo de 17 minutos —que tamén tivo contra o Baskonia—, e a semana pasada amosou unha superioridade total. O seu rival, o GBC, é un dos equipos mellor traballados, cunha das defensas máis sólidas na pintura. Porén, o seu xogo interior cada vez é máis curto: Norel continúa de baixa, Clark ten problemas nas costas e Agbelese no xemelgo, ambos non están a adestrar ao ritmo dos seus compañeiros e o seu concurso contra o Madrid non está garantido. Os problemas son tales que o GBC está a pensar en reforzar o xogo interior para as últimas xornadas. Tavares ten un bo precedente na ida, 19.2, e como local a súa media supera os 17. Debería quedar nos equipos esta semana. Na próxima, coa visita a Murcia, as altas e baixas deberían dar información valiosa.
O regreso ao Palau volve deixar a Pierre Oriola como unha gran opción. Vén dunha boa valoración fóra, algo que non estaba a ser a norma, e como local está intratábel: 24 ou máis en tres dos últimos catro partidos. Recibe a visita do Andorra, unha das defensas que máis reciben dos pivotes a domicilio, ao que xa na ida lle fixera un 21 na derrota culé no Principado. Como dicía antes, a mala valoración desta semana na final da Lliga contra os andorranos —eliminado por faltas— non nos debe condicionar. Ten un partido moi de cara e como local está a ser un seguro. Pasada a xornada, o mellor será darlle descanso, porque lle veñen dous partidos duros lonxe do Palau: Canarias e Valencia.
Con Milko Bjelica o Zaragoza gañou unha referencia interior. O montenegrino está a xogar máis de 30 minutos e superou a decena nos seus dous partidos co equipo maño, incluso a vintena a última xornada. Enfrontase á defensa que máis valoración interior concede como local. Terá opcións de pico sobre todo se mellora a súa puntería alén dos 6.75 —leva 1 de 9—, o precedente de Kulvietis no Coliseum —24— está fresco. A semana seguinte vai a Málaga, así que é uha aposta só para esta.
Como local, Sebas Saiz é un dos xogadores máis fiábeis da liga e ten por diante dous partidos no Coliseum. Leva 7 partidos sen baixar da decena en Burgos e contra o seu próximo rival, Zaragoza (cun xogo interior moi cambiado), fixo un 21.6 na ida. Cando menos para esta xornada parece unha gran opción. A próxima, contra o Granca, ofrece algunha dúbida máis: os canarios son unha das defensas máis sólidas a domicilio e Saiz quedou nun 9 contra eles na ida —aínda que só xogou 15 minutos—.

terceiro banzo

Aguantar a Carlos Suárez contra o Bilbao tivo un 24 de premio. Agora viaxa a Gran Canaria, para enfrontarse a unha defensa pouco esixente á que lle fixo un 18 na ida. Carlos fóra da casa non é tan fiábel, baixa a súa media case 4 puntos, e algo lle podería afectar a posíbel volta de Shermadini —non moito, a súa media co xeorxiano no equipo descende 1 crédito este ano—. Igual non é mala idea darlle un descanso esta semana. Despois terá dous partidos como local contra rivais favorábeis, Zaragoza e Andorra, que lle devolverán todo o atractivo como bandeira interior.
Esa forza da natureza coñecida como Vincent Poirier leva 7 xornadas en 13.2 ou máis, cinco delas incluso na vintena. Na visita a Sevilla cabe esperar que poida manter o nivel. Os béticos melloran como local a súa defensa interior, aínda que só ata converterse nunha defensa media. Non é dos que teñen maior posibilidade de pico, mais parece unha opción bastante fiábel para moverse nos 15-20. Despois ten unha saída favorábel a Bilbao.
Deon Thompson leva dous partidos lonxe da vintena na que se instalou durante catro xornadas. O Burgos ten dous encontros seguidos de local (case 19 de media do norteamericano no Coliseum) para certificar a permanencia. Comezan co Zaragoza, defensa media fóra da casa que se reforzou para o tramo final, e logo chega o Gran Canaria, unha das mellores defensas a domicilio. Na ida non estivo ben contra ningún dos dous: 8.4 e 2 respectivamente. Presenta máis dúbidas que outras opcións. Entra na listaxe polos seus bos números como local, mais semella máis unha opción de risco que unha pola que vaian optar os equipos ben clasificados.
Se queremos diferenciarnos —e arriscar—, Artem Pustovyi é unha opción a ter en conta. A semana pasada, tras 10 xornadas, volveu acadar a vintena en Andorra. Agora recibe no Fontes do Sar ao Bilbao. Se ben os homes de negro fóra da casa están entre as 5 mellores defensas da liga, o pivote ucraíno logrou o tope da tempada na ida contra eles: 36 —co bono—. Ademais, a semana que vén repite na casa (a súa media medra en case 6 en Compostela) contra a peor defensa a domicilio: Betis.
Xavi Rey ten os minutos garantidos en Zaragoza e o Burgos é o equipo que como local máis concede aos interiores —aínda que mellorou a súa defensa dos cincos—. A súa posibilidade de pico non é grande, aínda non acadou a vintena nestes catro partidos como zaragocista, mais si que garante un partido na decena: 3 xornadas consecutivas en 12 ou máis.

fóra da listaxe

Poucos managers confiaron en Báez, a pesar de que é o 3º pivote máis valorado das últimas xornadas. Non parece que o momento para facelo sexa a visita a Málaga. Coa visita do Baskonia, non semella a mellor xornada para ir con ningún dos pivotes béticos. Para equipos da xeral non o debemos ter en conta, pero para cazaxornadas, podemos pensar en Shermadini se regresa finalmente. O Granca na illa é moi accesíbel para o xogo interior e na ida o xeorxiano xa se foi por riba da trintena contra eles.

O equipo do blog

Para Andrómenas tamén foi unha xornada de suba, aínda que moito máis moderada do que preciso para remontar os máis de mil postos que me separan do obxectivo. Os 267.4 puntos desta xornada non abondan nin para escalar 100 postos —96—. Os 95.2 gañados nos cambios tamén son o máximo da tempada para Andrómenas. Quedo o 2060º da xeral. Están complicadas as cousas.

Esta semana vou arriscar (así que non tomedes este equipo como referencia), non me queda outra. O cambio gratis de Laprovittola sérveme para meter a Llull. Nas ás entran Matt Thomas e asumo o risco de dar entrada ao irregular Blazic, saen Landesberg e Nedovic. Por dentro só introduzo un cambio: Tavares por Suárez. Si, vou con 5 bandeiras, quen o ía dicir algunhas xornadas atrás.

Se neste par de días que restan para a disputa da xornada fago algún cambio, é posíbel pola incerteza cos xogadores do Madrid, xa avisarei da modificación.