O Madrid e o Betis xa disputaron o seu encontro da xornada 33, así que a semana que vén poderanse mudar os seus xogadores sen consumir cambios.
As bandeiras do Madrid parecen innegociábeis, o terceiro en discordia será o que marque diferenzas. Tres bandeiras?
No Madrid só viaxarán Doncic e Llull para xogar de bases, o que os converte en fixos. Por máis que xoguen contra o Murcia, mellor defensa dos bases como local. Iso non impediu a exhibición alí de Laprovittola hai escasas datas. Ademais, non hai defensa que teña moito que facer contra un xogador que é capaz de facer 42 de valoración en 22 minutos, como logrou Doncic esta semana na adiantada da 33ª (e na ida fixo un 26.4 contra os de Ibon Navarro). Llull ten unha media de valoración superior á de minutos xogados, despois de saír dunha lesión moi grave. Abraiante. Por se non abondase, a semana que vén darán cambio gratis.
O que parecía imposíbel hai mes e medio, pódese materializar nesta xornada. A Penya ten un partido como local contra o Fuenla para certificar a permanencia. Os do Che García son o equipo con peor xeira da liga —8 derrotas consecutivas— e teñen unha defensa permisiva cos uns. Todo semella estar de cara para que Nico Laprovittola faga un pico esta semana. A próxima terá que viaxar a Donostia, que é unha das mellores defensas dos bases como local, así que igual só é unha fichaxe axeitada para unha xornada.
Thomas Heurtel cumpriu o seu terceiro partido consecutivo sen acadar a vintena. As circunstancias están a permitirlle descansar bastante e xa non é imprescindíbel. Ten dous partidos seguidos fóra da casa, onde baixa os seus números, contra o Canarias e o Valencia. Ningún dos dous destacan pola súa defensa, así que podemos esperar que volva roldar a quincena.
Se queremos ir con tres bandeiras ou temos pensado arriscar —moito— prescindindo de Doncic ou Llull, Jaime Fernández, a pesar da mala última xornada, é o que pinta mellor. Xoga como local —a súa media medra en case 6 en Andorra— contra unha das peores defensas a domicilio: GBC. Na ida xa conseguiu facerlles un 15.6 aos vascos. A semana que vén xoga en Málaga, así que entón debería saír.
Marcelinho Huertas regresa a Bilbao no momento máis comprometido para o seu ex. A defensa dos homes de negro é bastante accesíbel, ten un antecedente na vintena na ida, leva seis partidos seguidos —dos computábeis— superando a decena e Granger continúa de baixa. A semana que vén recibe o Burgos, que é unha bo defensa dos uns, aínda que pode facer bo partido, porque o Baskonia estará a se xogar a segunda praza e o Burgos xa ten os deberes feitos.
A aposta de risco é Andrew Albicy. O base francés vén de dous partidos por baixo da decena, mais os dous anteriores superara os vinte e cinco. Os seus números tamén medran de local e o rival resúltalle propicio. Non ten bo antecedente da ida nin podemos pensar nel alén desta xornada.
Máis fiábel —5 xornadas seguidas en 13.2 ou máis— se presenta Corey Fisher, inda que con menor probabilidade de pico. O Burgos xoga de local contra o Granca, que fóra da illa é unha das peores defensas dos uns. O viaxe da semana que vén a Vitoria réstalle interese a dúas xornadas, aínda que os de Pedro Martínez non son das mellores defensas exteriores.
Iso é todo. Van Rossom é baixa segura e Booker é seria dúbida. Se o norteamericano se recuperar, será unha boa opción de risco contra o Obra e dá cambio gratis.
Será complicado dar entrada a algunha bandeira na posición. Varios dos habituais teñen xornadas incertas, así que pode ser o momento axeitado para arriscar.
Mateusz Ponitka, que se enfronta a un Barça que concede moitos picos na posición, é fixo esta semana. Despois xoga de local contra Obra e pecha de visitante en Sevilla. Non se vai mover nestas tres xornadas.
Matt Thomas entrou de maneira masiva nos equipos e quedou nun 12 que non cumpriu coas expectativas —mesma puntuación de Blazic ou Green—. Iso débenos facer cambiar de idea? Non o creo. Enfróntase a un Betis que é a peor defensa das ás por bastante e vén afundido na clasificación (fixo 19 na ida). A semana vindeira, coa visita a La Laguna, xa haberá que mirar por outras opcións.
Sylven Landesberg tiña un partido moi complicado, semellaba que a defensa do Canarias podería contelo. E así foi durante boa parte do partido, mais o xogador con pasaporte israelí colleu unha das súas xeiras e afundiu aos que dubidaron del. Agora mídese ao Valencia na Fonteta, mellor defensa das ás. A tesitura é a mesma, semella unha boa xornada para arriscar a ir sen el, pero volvémonos a expoñer a que se saia e nos penalice. Como saber se vai saíra ou cruz? Moi doado: se o levas, conseguirán paralo; se non, dará pico. A semana que vén, de local e contra o Granca, debería ser obrigatorio.
O de Gary Neal foi o tropezo máis inesperado da xornada. Agora ten por diante unha saída moi complicada a Málaga. Na ida, só conseguiu facerlles un 15 aos de Plaza. Se queremos arriscar, parece a xornada para prescindir del. O problema con Neal é o mesmo que con Landesberg, se entra nunha xeira de acerto, pode dar o pico en calquera partido, como logrou hai pouco en Murcia, unha das canchas máis complicadas. A semana que vén na casa contra o Fuenla e na derradeira no Palau semella de presenza obrigada.
O 12 de Jaka Blazic non proporcionou alegrías a semana pasada. A parte boa é que non gastou o pico, así que igual esta semana toca. Ten un dos mellores rivais posíbeis: un GBC que concede picos por un tubo na posición —19.2 na ida—. A semana que vén debería ser venda: visita Málaga.
Nemanja Nedovic mantense na listaxe porque como local ten unha media superior aos 19 de valoración. Porén, o regreso de Shermadini non parece que favoreza o seu xogo: a súa media baixa máis de 9 puntos cando o xeorxiano non é baixa. O Zaragoza debería serlle unha defensa favorábel —16.8 na ida—. A semana que vén, coa visita do Andorra, unha das mellores defensas das ás, xa si que será mellor pensar noutras opcións se decidimos mantelo nesta.
Matt Janning vén dun 37.2 en Sevilla e, nas últimas sete xornadas, superou a quincena en cinco. Ten por diante dous partidos contra defensas amábeis: Bilbao en Miribilla e Burgos no Buesa. O risco con el é que depende dun bo día no lanzamento: tanto lle pode saír unha xornada por baixo da decena como outra vez por riba da trintena.
Conger está a un nivel moi alto. Nas vitorias da Penya ten unha media superior aos 20 de valoración. Polas dinámicas de ambos equipos, a Penya é favorita para derrotar ao Fuenla, que é unha defensa media das ás. O problema que lle veo é o seu par, Eyenga, que tamén é unha á moi física e pode que ambos se anulen. Están ambos dentro, pero para min son opcións de risco. Conger ten ao seu favor a dinámica, tanto individual como colectiva, e Eyenga que regresa a Badalona, xa vimos na ida que xoga cunha motivación especial contra a Penya: 27.6. Iso si, entón aínda non estaba Conger na Penya.
Mumbrú non entra na listaxe. Xoga como local o seu derradeiro derbi contra o Baskonia. Os de Pedro Martínez son unha boa defensa das ás. Para cazaxornadas ou para os que queiran arriscar moito, igual vale: 18 na ida. Para darlle entrada a San Emeterio, que igual volve, semella pronto de máis. Xogadores como Jenkins ou Green poden facelo ben, mais non semella que teñan moitas probabilidades de pico, así que non entran. Contra Oleson e compañía, non semella o mellor partido para pensar en Carroll. Se procuramos unha bandeira para cazaxornadas, Corbacho pode ser o nome.
A posíbel baixa de Shengelia revoluciona a posición.
Ante Tomic. Está en todos e así seguirá.
Edy Tavares foi dos xogadores que marcaron diferenzas. Vai a Murcia, que é unha defensa dura, mais na ACB vai sobrado. Ayón vai xogar, mais el debería ter bos minutos, porque semella que Laso confía máis noutros para EL que no caboverdiano, e como só terá dispoñíbel unha rotación de 11 xogadores, é posíbel incluso que teña máis minutos que noutras ocasións. A súa bandeira pesa moito, sobre todo se Shengelia non chega. É cambio gratis ao remate da xornada.
Bojan Dubljevic cumpriu sen máis, pero se o comparamos con Suárez ou Oriola, os que apostaron por el levaron boa recompensa. Semella que Pleiss non vai chegar e Buva apenas participou a semana pasada, así que ten todo de cara para facer unha gran xornada contra un Estu que non parece ter capacidade para detelo. Como local é moi fiábel, só baixou da decena na cuarta xornada contra o Madrid. Esta semana debe seguir/entrar, a vindeira, coa visita do Barça, haberá que pensar na venda.
Shermadini regresou con bo pé: 17 de valoración en menos de 17 minutos. Como local e contra o un dos seus ex, parece unha das grandes opcións da xornada —25.2 na ida—. A semana que vén enfróntase ao outro ex, Andorra, tamén de local e con boas perspectivas. Certo risco si que existe, porque non deixa de acabar de regresar tras un gran período de inactividade.
Sebas Saiz corroborou que de local é un roloxo contra o Zaragoza. Agora ten un partido complicado contra o Granca, 9 na ida, mais gañou a confianza dos managers coa súa gran tempada. A que vén, viaxa a Vitoria; deberá saír entón dos equipos.