Balance da 32ª xornada

A noite sen durmir deparou unha análise da xornada bastante atinada e unhas decisións nefastas nos cambios do meu mellor equipo que me deixan sen opcións de Top 50 e complícanme moito incluso o Top 100. Nos equipos nos que me cinguín ás opcións preferentes da listaxe subín. Cheguei aos cambios xa sen discernimento polo cansazo, non me fixen caso con Neal, inda que o acepto como unha aposta de risco que saíu todo o mal que podía —menos sentido ten que o elixido fora Janning coas opcións que había por diante na listaxe—, pero o de poñer a Suárez no canto de Saiz xa entra no misterio insondable da falta de sono. Cos 167,8 puntos caio 54 postos dunha vez e sitúome no 150º da xeral. Estou a estragar a boa tempada ao final.

Bases

Doncic (9.6)
Llull (1.2)
Laprovittola (28.8)
Heurtel (16)
Jaime (24)
Huertas (19.2)
Albicy (14.4)
Fisher (-2)

ÁS

Ponitka (15.6)
M. Thomas (21.6)
Landesberg (8)
Neal (46.8)
Blazic (26.4)
Nedovic (7)
Janning (10.8)
Conger (21.6)
Eyenga (22)

Pivotes

Tomic (15)
Tavares (28.8)
Dubljevic (26.4)
Shermadini (1)
Saiz (14)
C. Suárez (2)
Pustovyi (25.2)
Balvin (15.6)
Voigtmann (7.2)
Simons (8.4)

Á listaxe non lle foi mal esta semana, permitía varias combinacións boas cos xogadores preferentes. Outra cousa é que algún parvo non lle fixera ningún caso.

Selección da 33ª xornada

Para estardes ao tanto dos novos artigos ou calquera modificación, podedes seguirme no Twitter. Tamén alí publicarei os xogadores cos que sairei no meu mellor equipo.

Bases

Laprovittola
Heurtel
Hannah
San Miguel
Huertas
Jaime

ÁS

Ponitka
Neal
Conger
Blazic
Abalde
Green
Eyenga
Popovic
Janning
Smits
Brizuela

Pivotes

Tomic
Dubljevic
Shengelia
Poirier
Aguilar
Balvin
Saiz
Abromaitis
Jordan
Clark

A loita polo descenso decidiuse a semana pasada, así que hai xa moitos equipos que non se xogan nada nestes dous últimos partidos. Iso non é boa nova para o SM. A tensión competitiva ofrece maiores certezas, así que debemos dar preferencia aos xogadores con cousas en xogo.

A semana que vén, polo regreso do Madrid e o Betis ao xogo, teremos 4 cambios. Iso permítenos levar algún xogador máis que só nos pareza interesante para esta xornada.

Bases

As ausencias de Doncic, Llull e Booker reducen de maneira notábel as opcións na posición.

primeiro banzo

Nova exhibición de Nico Laprovittola e a Penya certificou a salvación deportiva! Que mal o pasei; trala derrota contra o Obra, vía imposíbel eludir o descenso. Co último, Lapro acumula 5 partidos por riba de 25 dos últimos oito —incluíndo o adiantado contra o Murcia, que non contou para o SM—. O GBC na casa este ano foi das mellores defensas dos uns, pero, xa salvados de forma brillante, a tensión debería ser diferente e Laprovittola quererá seguir amosando esa boa cara para lograr o mellor destino posíbel a tempada que vén. Non me estrañaría outro partido na vintena. Tampouco debemos temer o partido que pecha a liga contra o Unicaja en Badalona, que estará envolto na euforia propia de quen logrou o imposíbel.

Thomas Heurtel leva catro partidos sen acadar a vintena, pero en todos cumpriu arredor dos 15, algo que nos debería abondar nunha xornada de tantas ausencias. Vai a Valencia, que está a ser unha defensa bastante discreta dos uns esta tempada (16.8 na ida). Será un partido moi importante, cos dous equipos empatados a vitorias e apurando as opcións de rematar segundos na regular, así que debería ter moitos minutos. Remata a liga na casa contra o Zaragoza, sería moi bo para o opción Huertel que cheguen á última xornada con algo en xogo.

Clevin Hannah quedou en negativo contra o Madrid, mais viña en moi boa dinámica. Agora ten un desprazamento moi favorábel a Bilbao —os seus números medran como visitante case 5 de valoración—. Na ida quedou nun discreto 9.6. Pecha a liga contra o Estu, peor defensa dos uns.

segundo banzo

Volverá San Miguel a nos enganar? Despois da última vez, na que fixo varios bos partidos para despistar e cando foi comprado por moitos managers marcouse un negativo, as reticencias con el son grandes. Na última xornada fixo o mellor partido do ano, rematou en 30 contra o Barça, unha das defensas que menos conceden dos bases. Vén no mellor momento da tempada: oito dos últimos dez partidos por enriba da decena. Sendo racionais, pinta moi ben esta semana: xoga de local —máis de 13 de media— e contra unha defensa accesíbel —Obra—. Remata a tempada en Sevilla, peor defensa dos uns como local. Todo parece a favor para Rodrigo, abonda iso para superar a nosa desconfianza?

A baixa de Granger está a nos deixar unha versión moi fiábel de Marcelinho Huertas. Leva sumando na decena os séte últimos partidos computábeis. Recibe esta semana unha defensa dos bases bastante competente, Burgos, pero a diferenza de tensión competitiva —o Baskonia xógase a segunda praza e o Burgos xa ten a tempada feita— debería xogar a favor do brasileiro (14.4 na ida). A saída da derradeira xornada a Compostela non é das máis complicadas e na ida fixo o seu tope da tempada contra os composteláns: 28.8

terceiro banzo

Dicía a semana pasada que Jaime Fernández era unha fichaxe para unha única xornada porque esta viaxa a Málaga, pero, claro, non imos sobrados de bandeiras, non o podemos descartar de forma tan alegre. Vén dun enorme partido contra o GBC, onde non quedou lonxe do triplo dobre —12 puntos, 7 asistencias e 7 rebotes— e o Andorra, despois da decepción de quedar fóra da Copa de Gran Canaria, certificou a súa clasificación para a postemada. O Unicaja xa non ten opcións de ser cabeza de serie, pero precisa gañar para evitar os rivais máis duros na primeira rolda —misión que comparte co Andorra, co que anda empatado a vitorias—. O normal é que rolde os 10 de valoración que fixo Ennis en Málaga esta última xornada. Na derradeira, recibe o Valencia, na casa os seus números medran e na ida xa estivo na quincena. Non adestrou en toda a semana por unha gripe e no parte sae como dúbida, inda que viaxa. O normal é que xogue, pero aí xa é decisión de cada un asumir ou non o risco.

fóra da listaxe

A semana pasada Fisher fixo un negativo que cortou a súa boa xeira. Contra os de Pedro Martínez tamén fixera un negativo na ida, así que non entra na listaxe. Porén, o Baskonia non destaca na súa defensa dos bases e Corey fixo 13.2 ou máis en cinco dos últimos seis partidos. A irregularidade do belga Tabu e a dureza do rival, Murcia, non invitan a penar nel. Na derrota que confirmou o descenso do Bilbao a LEB (cando menos na cancha), acadou a vintena nun dos seus mellores partidos. Agora repite de local, onde a súa media mellora bastante, así que pode ser unha opción de moito risco ou para cazaxornadas. Tamén pode ser interesante a opción Ennis contra o Fuenla. Os maños teñen os deberes feitos e os do Che García son das peores defensas dos uns. No último partido Dylan aportou en máis facetas, acadando as 5 asistencias por vez primeira desde que chegou semanas atrás.

Ás

A posíbel baixa de Landesberg abre a posición. Esta semana non parece unha loucura dar entrada a unha bandeira.

primeiro banzo

A Mateusz Ponitka dábao como fixo para as últimas tres xornadas e mantén a condición. O mellor con el é que o Canarias aínda non ten asegurada a presenza no PO.

Tamén daba como fixo a Gary Neal para as dúas últimas —non así, por desgraza, para a pasada—. A salvación do Zaragoza réstalle algo de atractivo, mais con dous partidos favorábeis por diante e a loita con Landesberg polo título de máximo anotador, non creo que teñamos nada que temer.

Unha das chaves do rexurdimento da Penya foi Demitrius Conger. Despois dun inicio para esquecer —tres malos partidos e un cuarto no que nin saltou á cancha—, o norteamericano destapouse como unha á moi física capaz de aportar defensa, anotación e rebote. Tras ese partido no que Duran non lle deu ningún minuto, só fallou contra o Madrid, nos outros sete partidos non baixou da quincena. Esta semana vai a Donostia, peor defensa da posición como local. Para a semana xa será máis complicado mantelo, porque o Unicaja chegará ao Olímpic con necesidade de sumar unha vitoria.

segundo banzo

Jaka Blazic vén de pico e acumula cinco xornadas consecutivas en 12 ou máis. O Unicaja como local acaba de recibir a mellor valoración da tempada de Neal e o esloveno aumenta os seus números lonxe do Principado. O partido da ida, 2.4, e a súa irregularidade —que non está a ser tal nas últimas semanas— engaden riscos á aposta por el. Finaliza a liga en Valencia.

Se procuramos unha bandeira, Alberto Abalde preséntase como a opción máis atractiva. Leva dous partidos consecutivos na vintena e o Barça é unha defensa moi favorábel para as ás. Ademais, o galego case duplica os seus números na casa. Se non absorbe o pico de rigor Abalde, igual o fai Green. O estadounidense fixo un 27 na ida e leva sete xornadas en 9.6 ou máis. Ningún dos dous semella boa opción para a semana en Andorra.

terceiro banzo

O Zaragoza adoita recibir grandes valoracións das ás. Eyenga e Popovic teñen unha xornada propicia na visita ao Príncipe Felipe. Eyenga teno mellor, chega en bo momento e os maños poden ter problemas para defender a un tres tan físico (na ida só fixo un 6 a pesar de anotar 17 puntos). Pero tampouco pinta mal para Marko, que vén de superar a quincena moitas xornadas despois e na ida foise a 25.2. O Fuenla remata de local contra o GBC, que é unha defensa amábel cos treses.

Matt Janning non tivo no derbi o seu mellor partido, porén, actuou de xuíz: a súa tripla mantivo con vantaxe ao Baskonia na loita pola segunda praza e enviou ao Bilbao á LEB. Os de Pedro Martínez non se poden distraer e o rival é unha defensa bastante amábel coas ás que xa non se xoga nada. A súa dinámica era boa e se lle entran os tiros pode facer boa xornada contra o Burgos. Na última visita Compostela, que tamén é hospitalaria coas ás.

Outro par de bandeiras interesantes son Smits e Brizuela. O Zaragoza non destaca pola súa defensa nin dos tres nin dos catros —inda que veñen de secar a Carlos Suárez— e Smits está a funcionar mellor fóra, onde supera os 11 de valoración media. A mamba vasca está a acabar moi ben a tempada, aproveitando ao máximo os seus minutos: leva dez dos últimos once acadando a decena. O Granca é unha defensa bastante accesíbel e se Landesberg non chega deberá aumentar o seu protagonismo. Non podemos pensar nel a máis dunha semana, porque rematará en Murcia a liga.

fóra da listaxe

Agás que haxa novidades ao respecto antes do peche, Landesberg queda fóra polos seus problemas físicos. A pesar de ser a á mellor valorada das últimas xornadas tras Neal, esta semana tamén queda fóra Matt Thomas. Ten unha saída moi complicada a La Laguna —o Canarias é unha defensa moi boa das ás e ademais xógase a vida— e regresa Bendzius, o que lle pode restar protagonismo. Na ida non chegou á decena. Regresa Fernando San Emeterio, mais despois de tanto tempo parado só é opción para cazaxornadas. Mumbrú despídese de Bilbao, nin os seus números nin o rival invitan a pensar nel, mais para cazaxornadas…

Pivotes

Hai tres opcións claras e debería ser o cuarto pivote o que marque as diferenzas.

primeiro banzo

Ante Tomic vén do seu peor partido como visitante con Pesic: 14. Na tempada supera a vintena de media lonxe do Palau, media que dende a chegada de Pesic é incluso maior. O partido contra o Valencia non será doado, pero se alguén parece un seguro é el. Jalen Reynolds, alta para esta xornada, inda que chegue a debutar non lle debería restar minutos nun partido tan importante.

O seu rival na pintura, Bojan Dubljevic, tamén semella fixo, aínda que segue con molestias. Está no mellor momento da tempada, oito partidos consecutivos en 15 ou máis, e de local a súa media sitúase por riba dos 20. A boa defensa interior dos culés non debería abondar para detelo. Remata a liga en Andorra, que é unha defensa interior moi permisiva.

Toko Shengelia ao final xogou a xornada pasada, mais non amosou a súa mellor versión. Esta semana xa debería estar recuperado e a súa bandeira, o rival —un Burgos bastante amábel cos pivotes— e o que hai en xogo —a segunda praza— convérteno en fixo. Remata en Compostela.

segundo banzo

Tralo tropezo en Sevilla, Vincent Poirier volveu á vintena en Bilbao. Como local e contra o Burgos —12 na ida—, semella que pode manter o seu gran momento de forma: 6 dos últimos 10 partidos superando a vintena. A semana próxima vai a Santiago —15.6 na ida—.

Sen facer ruído, Pablo Aguilar está a ser a bandeira máis valorada das últimas xornadas tras Shengelia. Superou dúas veces a vintena nas últimas tres xornadas. O Estu, que é unha defensa media, veu como Thompkins, un catro aberto coma Pablo, fixo o seu máximo da tempada contra eles hai un par de xornadas. A semana que vén mídese como local ao Real Madrid.

Ondrej Balvin regresa a Madrid para xogar contra o seu ex. Na ida fixera un 24 e leva dúas xornadas superando a quincena. O Estu está a conceder bastantes picos na posición, aínda que non é das peores defensas interiores. Remata na casa contra o Madrid.

terceiro banzo

Sebas Saiz medrou moito esta tempada, leva oito xornadas en 13.2 ou máis. Agora ten unha saída moi complicada a Vitoria, onde non podemos esperar que se achegue á vintena —fóra a súa media descende case 5 puntos—. Porén, hai poucas opción de bandeira e a semana que vén remata como local contra o xa descendido Bilbao Basket.

Tim Abromaitis estivo a gran nivel contra o Barça (24) e acumula seis xornadas consecutivas por riba da decena —e en tres delas superou a vintena—. O seu rival, o Obra, é das defensas máis permisivas no xogo interior e este ano os catro tiradores déronlle bastantes problemas. Acaba a liga contra o Betis, que mellora a súa defensa interior de local.

Non semellaba que Jerome Jordan volvese entrar este ano. Veuse superado na rotación por Birgander, que é dúbida para xornada, pero resucitou no partido que confirmaba a permanencia do Joventut cun 21.6 en 18 minutos. O GBC, que fixo unha tempada enorme, xa se pode relaxar, Norel non estará, e o seu aumento de minutos poden dar como resultado unha boa valoración do xamaicano. Porén, trátase dunha opción de alto risco, porque o GBC no ano concedeu poucas grandes valoración aos pivotes como local e a dinámica de Jordan non estaba a ser boa.

Daniel Clark pecha a selección. Noutro momento da tempada, con Norel de baixa e a visita da Penya, sería unha opción prioritaria. Pero o Joventut mellorou moito a súa defensa interior e Clark baixou de forma considerábel o seu nivel no último mes, se cadra por problemas físicos ou o cansazo acumulado. Nestas últimas catro xornadas só superou a decena unha vez —13—. Eu miraría antes por outras opcións, pero, se ten o día no tiro de tres, pode dar a sorpresa —leva pouco máis dun 20% de acerto nestas últimas xornadas—.

fóra da listaxe

Os poucos minutos dos que dispuxo na última xornada e a insondábel rotación de Plaza deixan a Shermadini como opción de alto risco ou para cazaxornadas. O rival, Andorra, élle favorábel. Tampouco ofrece seguridade para entrar Carlos Suárez. Fallou a última xornada como local e leva tres dos últimos catro partidos sen pasar de dous. É bandeira e adoitaba facelo ben como local, pero tras o bo partido de Brooks a semana pasada, presenta demasiadas incógnitas. Milko Bjelica ten un partido moi favorábel, inda que non está a dar picos, polo que non entra na listaxe. Tampouco entra Pustovyi pola saída tan complicada que ten a La Laguna. Para cazaxornadas e como opción nacional, pode ter certo interese Lima contra o Bilbao, nun Murcia con varias baixas no xogo interior. Inda que non sexa un xogador para o SM, pecho a análise da posición con Asier de la Iglesia. Aos 35 anos, tras pasar a maior parte da súa carreira en EBA, esta fin de semana debutará na ACB coa camisola do GBC. En 2012 foi diagnosticado con esclerose múltiple. Non deixou de xogar ao baloncesto, esta tempada estivo en Ordizia —EBA—, e agora, co GBC xa salvado, preséntaselle a oportunidade de cumprir o soño de debutar na ACB e darlle maior visibilidade á súa doenza. Así o explica na rolda de prensa da súa presentación:

O equipo do blog

Con Andrómenas arrisquei moito e, a pesar de non levar a Neal e seu 46.8, sumei 204.6 puntos que me permitiron subir case 300. Podía ter sido das mellores xornadas do ano. Quedo o 1924º e teño o deber moral de seguir arriscando para buscar o imposíbel Top 1000.

Os cambios gratis dos bases do Madrid van para San Miguel (pórtate ben esta vez, 00) e Laprovittola. Neal colle o sitio de Thomas e arrisco con Smits como bandeira no sitio de Janning e manteño a Blazic en Málaga. O cambio gratis de Tavares é para Shengelia e a aposta de risco nos pivotes é Jordan, que entra por Pustovyi.