Balance da segunda xornada
Nesta segunda xornada as cousas marcharon ben, moi ben. Atinei cos cambios naquel equipo ao que lle saíra boa primeira xornada e cos 233.2 desta ascende ata o 14º posto na xeral. É unha anécdota, nunca estivera tan arriba. En realidade non hai moito que defender, esta xornada xa lle toca baixar. Como non me vou ver noutra, que quede constancia:

Case todos os meus equipos subiron postos, pasei de ter catro entre os 10 mil primeiros a ter dez —dos 16 de valoración—. Un deses dez é Andrómenas, que trato máis abaixo. Os tres equipos de broker marcharon segundo o previsto: subiron o 15%.
Así lle foi á selección do último artigo (puntos/porcentaxe de subida).
Heurtel (9.6/+15%)
Huertas (4.8/+15%)
Campazzo (18/+15%)
Oliver (14.4/+15%)
Rupnik (16.8/+15%)
Granger (15.6/+10%)
Green (30/+15%)
Sastre (19.2/+15%)
Causeur (13.2/+15%)
Thomas (6/+15%)
Oleson (16/+15%)
Eriksson (18/+15%)
Swing (12/+15%)
Ribas (8.4/+15%)
Norel (43.2/+15%)
Tobey (26.4/+15%)
Anosike (12/+15%)
Ayón (14.4/+10.3%)
Brooks (25.2/+15%)
Diop (22.8/+15%)
Vezenkov (4.8/+15%)
M. Diagne (10/-8.3)
Vázquez (1.2/+15%)
Salvó (13.2/+15%)
Agás Diagne, que só entrou nun dos meus equipos, o resto están en verde. E case todos subiron o máximo, claro. Xa dicía no texto anterior que, pola importancia do broker, nestas primeiras xornadas fixen a miña selección entre xogadores que tiñan unha suba moi favorábel. Así que non ten mérito que subisen. Dentro diso, a selección non foi mala, fixeron bastantes puntos cumprindo a premisa do broker.
A selección da terceira xornada
O padrón é o mesmo que a semana anterior: dos xogadores con subas case seguras, elixín os que creo que sumarán máis. As competicións europeas arrancan xa: o mércores a Eurocup e o xoves a Euroliga. Comeza o pesadelo para o SuperManager. En diante, medrará a incerteza a causa das rotacións. Esta semana para os equipos de broker xa vou usar xogadores fóra desta lista, como Van Rossom ou Rupnik, que teñen partidos moi complicados esta xornada. Hai opcións mellores que creo que van dar broker e valorarán máis, pero estes teñen garantidas varias xornadas de suba.
Campazzo
Heurtel
Doncic
Oliver
Díaz
Marcelinho
Franch
Green
Oleson
Causeur
Thomas
Ribas
Eriksson
Eyenga
Soko
Todorovic
Norel
Pustovyi
Anosike
Brooks
Diop
Moerman
Vezenkov
Tobey
Salvó
Randolph
O equipo do blog
Nesta xornada de reconstrución as cousas foron incluso mellor do previsto. O meu principal obxectivo era arranxar un pouco o mal inicio brokerián: gañei 962 mil (polos 270 mil da xornada anterior), o que me fixo pasar do 50 mil ao 23 mil na clasificación do broker. Por aí foi un éxito. Non prevía que as cousas fosen ben en valoración; trabuqueime: 202 puntos e 7152 da xornada. Serviume para escalar ata o 7816 da xeral (ía o 18100). O mellor de todo é que agora o broker está encarrilado.
Ayón xa non subiu o 15%, precisa superar o 25 para facelo esta xornada e baixa se non supera os 17. O Madrid ten partido doado no se cadra dean minutos a Felipe Reyes, vén a Euroliga… Non paga a pena arriscar con el. Grazas por todos os cartiños que me deu. Ata a próxima. O seu compañeiro Randolph vén de marcarse un partidazo, subirá todo… mais non me fío un pelo del, é moi raro que faga dous grandes partidos seguidos —por iso vai tan abaixo na miña listaxe—. O recambio ideal era Pustovyi, o malo é que me faltan unhas decenas de miles de euros para cadrar o resto con el no equipo. Eses cartos de Ayón vounos empregar en dar entrada a Doncic. É o momento. Aínda que non ten unha suba moi doada para un base, precisa superar os 16, o rival é propicio, comeza a despegar e pódese manter a semana que vén porque contra o Valencia non vai rotar. Ademais, Luka non é un base ordinario, é capaz de sumar estatísticas en moitas facetas. Para o recambio de Gustavo, a única opción do primeiro chanzo é Brooks, subirá todo e non hai motivos para dubidar del polo de agora.
Oliver podería manterse a pesar do complicado choque que ten por diante —Baskonia—, pero creo que ademais de Doncic, Heurtel esta semana xogando na casa e contra o Burgos pode dar un pico. Tanto el como Huertas (partido complicado en Gran Canaria) saen para que entren o francés e o esloveno. Mágoa de non ter uns cartiños máis ou outro cambio (gustaríame ter metido a Matt Thomas) para deixar un equipo que me convencese por completo. Tampouco me gusta deixar 200 mil en caixa. Porén, agás que Doncic falle, non debería saír moi malparado da xornada.
O mellor de todo é que con esta remata xa a esgotadora xeira de xornadas encadeadas, que non se vai repetir ata abril. Á fin se pode tomar o SuperManager con máis calma.