Sinopse: A vida dos habitantes dunha pequena cidade vese perturbada ao desatarse unha epidemia.

«Non había soporte nin artista que puidesen inmortalizar aquel momento. O continuo devir dos elementos contrastaba coa inerte silueta feminina, allea ao seu contorno. Alí de corpo pero moi lonxe a súa alma. Podería comezar a fin do mundo naquel preciso intre que nin repararía nos Catro Xinetes do Apocalipse.»

«En noites coma esta, a miña profesión torna nociva. Por forza, convértome nun traballador neglixente. A servizal candea engole o tintinar astral. Preséntase un conflito profundo entre o deber estético e o laboral.»

«A infección agardaba silente en cada recanto. Ollos a abesourar tralas miras. Polas rúas, ninguén que non fose dentro ou embaixo dun cadaleito. Desconfianza, desesperación, desconsolo…»

Antes de proseguir, quen xa teña claro que o quere ler que o descargue e o faga agora.

Escribín isto en 2008 e gocei moito facéndoo, como comentaba aquí. Quen recoñecese a imaxe da capa xa se pode figurar a fonte de inspiración: Nosferatu. É un conto que, como a obra da que parte, ten varios niveis de lectura. Non é unha continuación, unha precuela ou nada parecido. É a historia de varios personaxes inventados, algúns deles maxinados a través de papeis residuais. Úsase o contexto do acontecido en Wisborg, mais se miramos a trasluz creremos intuír algo de Wismar. O relato e o metarrelato son inextricábeis, cóntanse asemade cousas de dentro e fóra da historia. Non serei eu o que desvele os simbolismos de cada situación ou personaxe, iso compete a quen le. Si comentarei un exemplo de pouca importancia: os personaxes non teñen nome —hai algo de trampa—, porque o cinema silente pretendía ser unha arte autosuficiente, que non necesitase de textos. Sen ir máis lonxe, Der letzte Mann —O derradeiro dos homes—, do propio Murnau, tampouco dá nome aos personaxes. Póidase acceder ou non aos outros niveis, a historia da superficie está ao alcance de calquera. O resto de capas danlle profundidade pero non interfiren con ela. Non é preciso coñecer Nosferatu nin ningunha outra obra para achegarse a Alén da fraga. Ten unha estrutura similar a Denantes: componse de narracións en primeira persoa contadas por diferentes personaxes.

Transcorreron máis de seis anos des que o rematei, e a idea comezou a bulir no meu caletre bastante antes. Inda que por suposto o corrixín varias veces estes últimos días antes de publicalo, o relato non mudou de maneira significativa. Mantén as virtudes e defectos da escritura daquela noite. Nin podía ser doutra maneira nin quero que o sexa. Seguro que a literatura podería estar mellor de ser escrito hoxe en día, mais segue a satisfacerme porque expresa o que quería contar entón.