Partido igualado e só unha posesión por diante. Isto xa non o podemos perder, como moi malo iremos á prórroga. O noso base marca xogada, para facerse o chulo, pois non hai guión cando é o tempo dos heroes. O base rival, enfrontado, observa con resignación a morte segura. O reloxo consúmese devagar mentres o noso amasa a pelota como se tivese unha malla glutinosa por desenvolver. Isto que sinto é un infarto ou trátase de gases? Seguro que non ataca a canastra ata que queden cinco seg… De socato, aos catorce, inicia unha carreira kamikaze. Supera en velocidade ao opoñente e o pivote, a mole habitual, chántase no seu camiño cos brazos en alto. Salta, bate con ese ser colosal que semella dunha especie diferente á súa, perde a referencia do aro, rectifica como pode no aire e solta a esfera laranxa de calquera maneira contra a canastra. Que ridículo! Que carallo acaba de facer ese inconsciente! Regalou o partido! É un inútil, un túzaro, un… xenio! Sempre confiei nel. A pelota bateu nun bordo do aro, logo na parte central, despois no outro lado e ao final caeu dentro.

Menos de dez segundos e sen tempos mortos. Isto está acabado. Celebro a incríbel vitoria e que só fosen gases. O base rival, desesperado, como se estivese en chamas, corre sen criterio contra a nosa canastra. Non teñen opción. O noso heroe ségueo de preto, observando o espectáculo lamentábel de quen non quere aceptar a derrota. Co caletre xélido, o noso heroe ten claro que non vai meter a man, non lles vai regalar uns tiros libres que lles outorguen as opcións das que carecen. O base érguese de maneira estéril en carreira antes de chegar á liña de tres. Non hai forma de que iso remate nun tiro decente. A RAM do universo satúrase e todo comeza a ir a cámara lenta. O seu corpo desafía a natureza, logra cadrar os ombros no aire mentres se despraza lateralmente. Ao tempo que os seus brazos gañan en tensión para rematar nun golpe de pulso, os meus, que tiña levantados para festexar a vitoria, comezan a perder vigor. A pelota voa e… volvo tensar os brazos para celebrar! Entrou o lanzamento. O seu base suma outros tres puntos máis o bonus por vitoria. Siiiiiiiiiiiiiiii!


 

O SuperManager, que comeza este mesmo venres, é un xogo perverso. Fai que celebres canastras do equipo rival se o anotador está no teu SM, que só prestes atención aos xogadores que levas nel cando ves un partido, que sigas con atención partidos cotrosos, que maldigas os antepasados dos apuntadores por adxudicárenlle o rebote ao xogador que non era e que desexes a prórroga nun partido insoportábel porque o teu xogador non chegou aínda á valoración necesaria para subir o quince por cento.

De que vai?

Inda que non poidades intuílo polo nome, o SuperManager é un xogo de manager da Liga ACB de baloncesto. Como moitos destes xogos tipo fantasy, consiste en facer un equipo —3 bases, 4 ás e 4 pivotes— cun orzamento limitado —6.5 millóns neste caso— e a puntuación baséase nas actuacións individuais dos xogadores na propia ACB.

Hai diferentes maneiras de xogar. A clasificación principal constrúese en función da valoración. A valoración é una forma matemática sinxela, na que se suman os acertos do xogador —puntos anotados, asistencias, rebotes…— e se restan os erros —faltas persoais, tiros errados, perdas…—. Por tanto, a puntuación que consigas cada xornada será a suma da valoración que conseguisen os xogadores elixidos nos seus partidos —amais dun bonus do 20% no caso de que o seu equipo lograse a vitoria—. De forma análoga, tamén haberá clasificacións conforme a puntos anotadosasistencias, rebotes, triplas e o broker gañado.

Especula ou perde

O SM non che dá máis opción que te converter nun especulador sen sentimentos. Co orzamento inicial non poderás acceder a todas as estrelas que queres, co que necesitas conseguir antes máis cartos para poder fichalas no futuro. Para iso terás que apostar por xogadores baratos, que estes rindan por riba do que dita o seu prezo e, cando xa acaden o valor desexado, agradecerlles os servizos prestados cunha patada no cu. Tras vendelos, co beneficio, traes xogadores bos de verdade que che permitirán facer mellores puntuacións e loitar así por ser o mellor xogador de SM da túa empresa, do teu barrio ou mesmo da túa provincia.

Con independencia da clasificación que queiras disputar, as primeiras xornadas estarán na ERA DO BROKER. Precisas cartiños, axiña. É o momento de concentrar riquezas. Establécese unha correspondencia de 70 mil euros por cada punto de valoración. Por tanto, se un xogador custa 140 mil euros, a previsión é que faga 2 de valoración. Se fai máis, subirá de prezo, se fai menos, baixará.

«Se fai 20 de valoración, pódoo vender na segunda xornada por 1.4 millóns e quedar cos 1.26 millóns de beneficio?». Non, gañarías cartos, mais non tantos. A variación de prezo máxima entre xornadas é dun 15%, mais non se ten en conta a valoración da xornada, senón a valoración media. Co que ese xogador «acumularía broker»: incluso cunha valoración negativa na seguinte xornada, por exemplo de -3, volvería subir o máximo, porque a súa valoración media —8.5— seguiría a estar por riba do que reclama o seu prezo.

Cambiaríao todo por un chisco máis

Para competires nesa outra clasificación específica da que falaba, a do broker, non tes que gañar cartos fichando xogadores baratos e vendéndoos caros para conseguir fichar os cracks. Debes cambiar os xogadores que che deron cartos por outros que che vaian dar máis. Tes que investir o teu capital para conseguir máis capital. Tes que te converter, en definitiva, nun Montgomery Burns. O que máis cartos gañe, será o campión.

O método dun mediocre veterán

Coido que levo a facer equipo des que arrancou o SM ou ao ano seguinte —aló polo 2002 ou 2003—, aínda que aprendín a xogar algo máis tarde —era deses que non especulaban e que por tanto quedaban pola cola—. Porén, inda que levo a facer equipo un lote de anos, nunca deixei de ser un xogador mediocre: non gañei sequera unha triste xornada en todo este tempo e apenas conseguín rematar unha vez o 890 da xeral e outro par entre os mil mellores. Mais iso foi a década pasada, nesta aínda nin conseguín rematar unha soa vez no Top 1000 a final de tempada.

No broker, clasificación pola que pelexan moitos menos equipos, foime un chisco mellor e non hai que remontarse tanto no tempo para rememorar os récords persoais. Hai tres anos rematei o cento vinte e algo, hai dous fun o 96 e o pasado o 65 —moito me temo que será o meu tope—. Quedei incluso primeiro dunha das provincias menos competitivas: Pontevedra. Mais da elaboración dun equipo de broker non falarei agora, porque non farei equipo específico ata a segunda xornada (a xornada perdida pódese recuperar porque, ao confeccionar o equipo trala primeira, podes planificar con opcións bastantes seguras de subas do 15% a máis dunha xornada vista). Se non saíse ben, sempre se pode reciclar un dos da xeral por aquilo da ERA DO BROKER).

Vaiamos co método dun xogador mediocre. Este xogo é un 80% estadística e un 20% de coñecementos baloncestísticos. Como sabe o 43% da xente, moitas das porcentaxes que se dan son inventadas. Ver partidos pode axudar —así sabes que tipo de xogadores poden facer máis dano a un rival—, mais a chave é mirar números e máis números. O problema dos inicios é que non hai moitos números que ver, están dispersos —tes que procurar aquí e acolá fotos das actas feitas por móbiles antediluvianos, porque a liga só dá os puntos anotados e as estatísticas completas do circuíto Movistar— e son pouco representativos —na pretempada os equipos non adoitan estar ao completo e o reparto de minutos é diferente ao da competición—. Co que cobra algo máis de importancia a intuición e o coñecemento do deporte. Tes que te guiar polo que aconteceu na competición de seleccións do verán para saber que esperar dalgúns xogadores, como viñan evolucionando o ano pasado, as estatísticas de pretempada, as estatísticas de tempadas anteriores, a configuración dos cadros, condicionantes conxunturais, calendario —isto é esencial—, ver que equipos cres que van gañar —polo bonus do 20%—… e ler aos que saben e escriben ao respecto: Aketza e Mister K.

Despois de mirar esas cousas, sen moita profundidade, e de quedar co caletre inda máis aturulado do habitual, elaborei unhas listaxes por orde de predilección, con diferentes chanzos —cada espazo en branco significa que o xogador posterior está bastante lonxe do anterior nas miñas preferencias—. Despois, en función dos cartos e procurando combinacións diferentes coa inclusión dalgunhas apostas arriscadas —os xogadores que están máis abaixo nas listaxes—, formo uns cantos equipos —quedan dous días, así que inda elaborei uns cantos máis con esta relación de xogadores—. A seguir tedes esas listaxes por posición. A lenda é sinxela: en vermello van os extracomunitarios —pode haber un máximo de 2 por equipo—, están resaltados os xogadores que son cota —cada equipo debe de ter cando menos 4— e os outros son xogadores comunitarios e/ou cotonou, que se poden engadir no número que se queira mentres se cumpra o anterior.

Bases

Campazzo

Sergi García
Huertas
Heurtel
Rupnik
Doncic

McCallum

Fischer

Mekel

ÁS

Redivo
Oleson
Eriksson
Green
Tomàs
D. Navarro
Eyenga

Paulí
Nedovic
Sastre
Todorovic
Mumbrú

Timma
Thomas

Neal

Pivotes

Norel
Dubljevic
Ayón
Brooks
Llovet
Vezenkov

O’Leary

Tobey

Olaseni

Poirier

Huskic

Este é un xogo no que se premia os conservadores (si, a chave é ser conservador e especulador; xa dicía que é perverso). Hai que ser moi cautos. O máis efectivo a longo prazo é minimizar riscos. Para esta primeira xornada, o ideal sería non comprometer os cambios da semana que vén, cando haberá opcións claras de broker. Co que, se non gastamos as dúas prazas de extra e eliximos máis de catro xogadores que sexan cota, teremos maior capacidade de manobra a semana seguinte e incluso poderemos recuperarnos mellor dunha mala xornada.

O meu equipo

Vou explicalo un pouco. Inda que Sergi García non valorou moito a tempada pasada, é un dos bases con maior potencial da liga —creo que este vai ser o ano no que comece a despuntar—, o seu peso no equipo é agora meirande coa marcha de Juskevicius e en pretempada xa ten boas actuacións. Ademais, enfróntase a Sàbat, que non é bo defensor e ten moito peor físico ca el. Campazzo, coa baixa de Llull, vai xogar moitos minutos, está barato para o que é e Doncic anda con molestias. Huertas non ten boa primeira xornada, vai ao Palau, mais está a bo prezo, ten o extra de motivación por xogar contra un ex e a segunda xornada medirase cun rival propicio —Estu— en Vitoria. O risco de que saia mal é baixo. Eriksson está en bo momento, este ano debe medrar, o rival é a priori dos máis frouxos e conta como cota. Green xa ía para xogador importante no campión, mais, coa baixa de San Emeterio nestas tres primeiras xornadas, terá inda máis presencia e os rivais son favorábeis. Espero non ter que movelo do equipo en varias semanas. Oleson debe de ser a referencia do Murcia e está moi barato —sobe todo con 8—. Fixo. Redivo vén dunha pretempada espectacular, non está caro e o rival non é dos máis duros. Veremos se non é el o clásico xogador que a rompe en pretempada e cando chega a liga… Norel, cando está san, xa é un xogador que adoita valorar ben. Porén, en Donosti non hai outro xogador dese nivel, así que estará sobre a pista o que lle dea o físico e vai ter balóns en ataque. O rival é dos máis complicados: Granca nas illas; se salva a xornada —precisa 12 sen opción de bonus—, o partido co Betis élle moi favorábel e tamén o seguinte —Estudiantes—. Dubljevic é un luxo para a competición, vén dun bo Eurobasket e a viaxe a Sevilla é unha das saídas máis propicias. A pouco que xogue, debería subir todo. Despois, xa verei se ten outra suba ou se utilizo o seu broker para reforzar outras posicións. Llovet é o que menos me convence do equipo, mais é das poucas bandeiras interesantes nos pivotes para esta primeira xornada (en breve, debería ser o tempo de Burjanadze), está en bo momento e non ten mal partido —mais despois viaxa a Valencia, co que terá que saír do equipo se non acumula moito broker nesta xornada—. Non sei se levarei moitas máis veces no ano a Ayón, porque o Madrid ten un cadro longo e vai rotar moito, mais a Euroliga non comeza ata dentro dunhas semanas e os brancos precisan poñelo todo neste comezo. O Madrid acabou mal a tempada pasada e empezou igual de mal esta coa derrota nas semifinais da Supercopa. Laso non vai especular, teñen que gañar xa e convencer neste arranque. Así que, polo de agora, Gustavo é a referencia interior máis consistente e terá que contar con minutos. Cando menos para estes tres primeiros partidos, Ayón pode dar bos cartiños e puntos. Como podedes apreciar, non cumprín o de meter máis cotas das necesarias e deixar cando menos unha praza de extra libre. Ten a súa razón. Para a xornada dúas haberá un cambio extra polo Estu-Penya que non entra no xogo nesta primeira xornada, co que o risco é menor, e as alternativas a Green con bandeira, Tomàs e David Navarro, deberían de sumar bastante menos e farían que deixase máis en caixa —co que podería gañar menos—. Gústame a configuración do equipo, así que paga a pena ese pequeno risco. De todas maneiras, creei tamén outro equipo igual coa entrada de Tomàs por Green, non vaia ser o demo.

O reto do top 1000

O meu obxectivo da tempada é regresar ao Top 1000 unha morea de anos despois (a tempada pasada, contra o terzo de competición, cheguei a ter tres equipos no top 700, un deles o trescentos e pico; nin así puiden: rematei o 1136). Tentarei logralo con este equipo chamado Andrómenas, cando menos con el, e escribirei de cando en vez sobre a evolución para así forzarme a prestarlle un chisco máis de atención.

Non farei equipos de específicas —agás de broker para a xornada dúas—, porque requiren atención e —tempo— extra, mais si participarei nalgunha liga privada coa que poida xogar aproveitando as listaxes de xogadores que fago cada xornada para os cambios da xeral. As ligas privadas son competicións restrinxidas a determinado grupo —precisas coñecer un contrasinal para apuntarte—. A maior parte delas —meterei equipos en varias— só teñen a particularidade de agrupar os participantes baixo algún criterio: ligas entre amigos, os simpatizantes dun equipo, membros dunha web… Mais hai outras nas que se establecen regras peculiares para darlle outro atractivo á participación. Deste último grupo, algún ano participei na Bancarrota (consiste en lograr rematar co menor broker posíbel), mais na actualidade só participo en Atrapado en el tiempo. Vai na liña do filme do que toma nome, Groundhog Day. Todos partimos co mesmo equipo e eses xogadores iniciais hai que recuperalos para as xornadas control —igual que na película ao amencer sempre era o mesmo día—. Gaña quen máis puntos teña a final de ano. Nas xornadas intermedias tes que ir substituíndo os xogadores do equipo inicial por outros que penses que che van dar máis puntos e broker —sempre broker ao principio, ERA DO BROKER—. Despois terás que decidir en que orde recuperalos para chegar á xornada de control co inicial, co que terás que pasar polo transo de vender a Dubljevic para meter a Daniel Clark.

Que vaia ben a primeira xornada. Se Borchardt quixer.